21 de jun. de 2010

As primeiras letras


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, sobre a nosa lingua na educación infantil e, en xeral, nos nosos pequenos e nas nosas pequenas:

As primeiras letras
O galego na escola, un ben colectivo


“Temen que a nuestros propios hijos les enseñemos a volar”, canta Silvio Rodríguez na canción “Expedición”, dentro do seu disco do mesmo nome. Se quixésemos adaptar este verso aos tempos que nos toca vivir en Galiza, non abondaría con traducilo á nosa lingua. Teriamos que mudar a última palabra por outra moito menos metafórica, porén máis fundamental: “Temen que aos nosos propios fillos lles aprendamos a falar”.

Non me refiro, claro, só ao ámbito educativo, onde Alberto Núñez Feijóo está especialmente empecinado en reducir á mínima expresión a presenza do galego. No entanto, como demostran diferentes casos ao longo e largo do planeta, o ensino é unha condición necesaria mais non suficiente para o proceso de normalización dun idioma.

Para alén da escola, en todo o resto dos ámbitos da vida social dos nosos pequechos e das nosas pequechas, este goberno da Xunta actúa contra a nosa lingua, for por acción (p. ex., o caso dos Teletubbies) ou por omisión (ningunha medida na defensa do idioma galego desde marzo de 2009...). En pleno século XXI e despois de tres décadas de autonomía, unha crianza que ten como lingua familiar a propia de Galiza ten serias dificultades para acceder a xogos, filmes, cancións etc neste idioma, dependendo dun tremendo esforzo voluntarista dos pais que se poida corrixir parcialmente (e nada máis que parcialmente) esta situación.

Se Alberto Núñez Feijóo quixese ver con honestidade algún lugar onde haxa carencias de “liberdade lingüística” e onde debería tomar medidas compensatorias, debería comezar mirando para aquí. Mais, como calquera persoa que teña ollos na cara pode saber, a “liberdade lingüística” non é nada máis que un lema propagandístico cheo de hipocrisía para defender unha ofensiva política para a proscrición do galego. Unha ofensiva meditada, máis estratéxica que táctica, coa que perseguen a desaparición de Galiza como tal sociedade diferente, con cultura e historia de seu.

Sinalaba antes a escola como unha condición necesaria mais non suficiente para a revitalización dun idioma. En Galiza, a tal condición necesaria non era realidade xa antes do decretazo 79/2010, de forma máis grave e especial na etapa da educación infantil. É incríbel a capacidade que determinados medios de comunicación e poderes económicos teñen para facer ver o mundo ao revés e que haxa xente que continúe a falar da “imposición del gallego en la enseñanza”, cando a realidade dos centros é totalmente diferente.

Podería citar aquí datos extraídos de estudos elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais é que xa o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o propio Parlamento galego (por unanimidade, hai que subliñalo) elaboraron e aprobaron informes nos que sinalaban a mesma conclusión: nas etapas máis temperás da escolarización é onde menos presenza ten a nosa lingua. Contribúese así á castelanización dos falantes de galego e a que os nenos que chegan tendo como idioma inicial o castelán vexan o idioma de Galiza como algo foráneo e alleo. Seguro que moitas das persoas que ledes estas liñas podedes contar historias de nenas e nenos das cidades, ou mesmo dalgunhas vilas, que ao veren alguén falar a nosa lingua exclaman: “¡Mira, mamá, un gallego!” Estranxeiros na propia patria, como na denuncia rosaliana.

Co decretazo contra o galego, a situación empeora cualitativa e cuantitativamente, non só polas regresivas medidas que estipula (contra todo criterio pedagóxico ou construtivo), senón tamén pola negativa mensaxe gobernamental de que o idioma de Galiza non ten futuro.

Ante isto, cómpre que as nais e os pais ergan a súa voz na defensa de que os seus fillos e as súas fillas poidan ter unha educación en lingua galega. Por iso, non podo deixar de aproveitar este espazo para difundir unha proposta de texto elaborado por Queremos Galego, que se pode descargar desde o web desta plataforma cidadá. Esta campaña ten importantes dificultades de intendencia debido ao momento do curso no que estamos e ás carencias humanas e económicas de Queremos Galego, polo que é básico que nos impliquemos a nivel individual na súa divulgación. Xa que estas agresións colocan a nosa lingua nunha posición moi delicada de cara ao futuro, temos que estar á altura do momento en que nos encontramos.

Velaquí o formulario, dirixido ao conselleiro de Educación:

Comunícolle a miña solicitude para que me informen das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.

Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.

A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.

Por todo isto, SOLICITO:
1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.
2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.
3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.

Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.

20 de jun. de 2010

A Mesa lanza o certificado Abertos ao Galego


Hai moitos motivos polos que podemos escoller unha empresa, un comercio, un restaurante... Para unha parte da sociedade galega, entre os elementos que temos presentes na selección está se respectan ou non os nosos dereitos lingüísticos. Entendemos que apostar por quen aposta pola nosa cultura é unha forma de consumo responsábel.

Nesa liña, A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou hoxe un certificado destinado a todas aquelas entidades que queiran manifestar o seu apoio á lingua de Galiza no ámbito socioeconómico. Trátase de Abertos ao Galego.

Anímovos a que poñades a páxina web deste proxecto entre as vosas favoritas e que consultedes como vai crecendo desde as 62 empresas actuais até crearmos unha extensa rede que alicerce con máis forza os nosos dereitos lingüísticos presentes. E tamén o noso futuro.

Pola miña banda, a nivel individual, como consumidor e cliente, manifesto desde xa que lle darei prioridade ás entidades que conforman este proxecto. Apoiar a quen usa o galego e o dinamiza é apoiar a quen nos apoia.

19 de jun. de 2010

Movámonos polo galego na educación infantil



Descarga desde esta ligazón o escrito para cubrires se tes unha filla ou un fillo na etapa da educación infantil. Se non tes, move igualmente este formulario todo o que puideres para que chegue a todas as persoas interesadas. Temos pouco tempo e poucos medios para difundilo, así que debemos movernos todo o posíbel para que haxa ben de nais e pais que saiban que esta campaña está en andamento.

O documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Hai que subliñar isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo ou a súa filla, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

Ademais, desde a plataforma Queremos Galego anímase a todas as nais pais que respondan á pregunta formulada pola Consellaría de Educación: "EN GALEGO". A pregunta está formulada de tal xeito que non se quere ter en conta en que lingua se quere escolarizar ás fillas e fillas senón en que lingua falan as nais e pais e sen informar de que é o que se está a solicitar cando se responde a esa cuestión.

18 de jun. de 2010

Acto de apoio ao profesorado e presentación en Lalín

Esta tarde participo en dous actos na defensa do noso idioma. En primeiro lugar, ás 18 h, nun evento con profesoras e profesores de materias para as cales Núñez Feijóo quere prohibir a docencia no noso idioma.

Neste acto teremos moi presentes as palabras do maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, que aseverou nunha entrevista que "unha sanción por desobedecer o decreto do ensino poderíase impugnar por ilegal". As súas palabras son ben claras: "A suxección de todos ao ordenamento xurídico é ao seu conxunto, non unicamente ao decreto, que non convivé só, senón que está subordinado a leis que están por enriba como a de normalización lingüística e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”. Por iso, "“posto a escoller a que norma se somete un, as de rango superior teñen que ser observadas sobre as de rango inferior cando estas contradin as outras, porque son nulas”.

Ás 20.30 h, continuaremos a falar destas cousas, no marco da presentación, con Luís Couto, na casa museo Ramón Aller de Lalín do libro En castellano no hay problema.

Forza e adiante!

17 de jun. de 2010

Actos e máis actos, que boa falta fan

Saio agora mesmo para Ourense para unha conferencia de imprensa con compañeiras e compañeiros da zona sobre o ataque da Xunta contra o galego na educación infantil. Xa ás 20 h, presentarei na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco o libro En castellano no hay problema, xunto coa coordinadora da Mesa aló, a dinámica Susana Méndez.

Non me vai ser posíbel, pois, asistir ás necesarísimas concentracións convocadas para hoxe nas cidades pola Confederación Intersindical Galega, mais non podo deixar de animarvos a estardes alí a todas as persoas que poidades.

16 de jun. de 2010

Presentacións e ecos de En castellano no hay problema


Mañá e pasado Queremos Galego e A Mesa das zonas do Deza e de Valdeorras organizan as presentacións do libro En castellano no hay problema. No Barco será mañá, quinta feira (xoves) ás 20 h na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán, coa compaña de Susana Méndez. En Lalín será esta sexta feira (venres) ás 20.30 na Casa Museo Ramón Aller, con Luís Couto e unha compañía musical moi especial. Desta última presentación fixéronse eco xa dúas radios e un xornal, como podedes comprobar nesta entrevista que publicou a edición do Dez de La Voz de Galicia.

Como ultimamente ando bastante a tope, a verdade é que souben de casualidade este sábado pasado que En castellano no hay problema está no terceiro posto de libros máis vendidos en galego que non sexan de ficción. Estou agradecido pola acollida, aínda que, é boa verdade, me prestaría moitísimo máis que este libro non fixese falta.

En todos os actos de presentación deste mes non só falaremos do libro o uda situación xeral da lingua, senón que se tentará que sexa un espazo para o intercambio de opinións e respostas á pregunta "Que facermos en concreto para responder agora o decretazo contra o galego?"

Aproveito tamén para ir indicando que o volume terá futuras presentacións o 25 de xuño en Soutomaior (con Nacho Carballal e Manuel Bragado, no Multiusos ás 20 h) e o 29 deste mesmo mes na Coruña (con Manuel Rivas, Iria Taibo e Manuel Bragado, na Casa Museo Casares Quiroga ás 20 h).

15 de jun. de 2010

As novelas da memoria

Hoxe á noitiña participo no acto de presentación en Boiro do libro As novelas da memoria, estudo escrito polo investigador estadounidense John Tompson, profesor na Universidade do Estado de Montana. Nesta ligazón, en PDF, podedes consultar a listaxe de obras que se abordan neste traballo.

O acto organízano Galiza Nova da Barbanza e a asociación Barbantia.