6 de abr. de 2010

Preguntas ante o decretazo

Artigo publicado en Xornal de Galicia na pasada sexta feira:

Preguntas ante o decretazo

Se nos datos do último censo se asegura que o 20% das rapazas e dos rapaces de entre 15 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego, como se pode corrixir ese problema reducindo máis a presenza do idioma propio?

Se un neno ou unha nena nunha cidade non ten contacto escolar co galego en toda a educación infantil, como pode ter a preparación en primeiro de primaria para recibir o 50% do ensino en galego?

Tantas carestías teñen os macromercados editoriais en inglés e en español como para que a partir de agora vaian recibir axudas públicas da administración galega, segundo sinala o artigo 13.2 do anteproxecto do decretazo?

Xa que hai moitísimo material pedagóxico en español e inglés e hai tantos aspectos aínda non cubertos en galego, por que se reducirán as axudas á edición de material no idioma propio do país?

Cales son os criterios de “tradición” que, segundo asegurou o conselleiro de Educación, fan recomendábel que non se impartan en galego as materias de física e química, matemáticas e tecnoloxía?

Expedientarase o profesorado que imparta estas disciplinas no idioma propio do país, ese que o artigo 5 do Estatuto sinala que os poderes públicos deben promocionar e que a Lei de normalización lingüística estabelece que se debe introducir progresivamente no ensino?

Por que o galego vai ser o único idioma con algún rango de oficialidade en todo o Estado español que será excluído legalmente da docencia dalgunhas materias?

Por que Galiza será a única comunidade do Estado español con lingua propia diferente do castelán que non vai nin permitir legalmente ningún proxecto de inmersión no idioma propio?

Por que tamén Galiza vai ser a única comunidade do Estado español na que se posibilitará que os nenos e as nenas non escoiten o idioma propio até faceren os seis anos, salvo en contextos infraacadémicos e extraescolares?

É verdade que todo este proxecto do decretazo responde a un plan elaborado na sede madrileña do PP e que por iso non lles importa a opinión contraria de sindicatos, asociacións de nais e pais, institucións culturais e organizacións estudantís?

Alguén coñece algún goberno democrático, en calquera lugar do mundo, que leve a cabo unha reforma educativa tendo tal nivel de rexeitamento?

Para que se finxe un diálogo co sector e se piden informes á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura Galega, se ningunha destas opinións foi nin tan sequera valorada con seriedade?

Por que a Xunta e os seus altofalantes repiten que “a partir de agora os pais van poder escoller a lingua da docencia” se iso, ademais de antipedagóxico, non é o que di o decretazo?

Que fará o Goberno galego cando o Consello de Europa sinale que este decretazo vulnera, punto por punto, un tratado internacional de obrigado cumprimento polo Estado español como é a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias?

Que acontecerá o curso vindeiro se o Goberno de Núñez Feijóo continúa con esta imposición unilateral?

Concentración diante do Consello Escolar de Galiza

Mañá, cuarta feira (mércores) 7 de abril ás 16.15 h realizarase unha concentración diante do Consello Escolar de Galiza, para estarmos presentes no momento en que ese órgano someterá a consideración o anteproxecto do decretazo. Consultalo é legalmente preceptivo, aínda que a súa decisión non é vinculante.

O Consello Escolar de Galiza é o máximo órgano consultivo da comunidade educativa galega, onde están representados os seus diferentes axentes, aínda que a Administración educativa conta sempre cun punto de partida máis favorábel por poder designar máis membros a través de diferentes vías.

A sede deste organismo está na rúa San Roque, 2, a carón do Colexio La Salle. Fai todo o posíbel por asistires!

5 de abr. de 2010

Iniciativa popular polo idioma

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a campaña de apoio a unha lei en defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza e por que non se puido tramitar como ILP. Até onde eu sei, por vez primeira na historia autonómica a Mesa do Parlamento aplicou a lei que regula as ILPs da forma máis restritiva para evitar que esta en concreto puidese ir adiante.

Comparando a proposta de Queremos Galego con outras ILPs que si foron tramitadas, a pesar de se encontraren con problemas análogos, decatámonos de que o que pretende o PP é que a única materia que non poida ser obxecto de propostas legais de participación cidadá sexa a defensa da lingua.

Iniciativa popular polo idioma
Queremos Galego impulsa unha lei de dereitos lingüísticos


A plataforma Queremos Galego, conformada por case 700 entidades da máis diversa natureza, desenvolve por todo o país unha campaña de recollida de sinaturas para respaldar unha proposta de lei pola garantía dos dereitos lingüísticos.

A primeira intención da plataforma foi poder presentala como unha iniciativa lexislativa popular (ILP). Para iso, creouse unha comisión promotora, constituída por nomes relevantes de diferentes ámbitos da vida social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois O Carrabouxo, Sonia Lebedynski etc.

Varios xuristas colaboraron intensamente na configuración da proposta legal, que unha delegación da comisión promotora presentou á Mesa do Parlamento galego para así comezar a recoller sinaturas. A Mesa do Parlamento está constituída por cinco membros, que nesta lexislatura se reparten en tres do Partido Popular, un do Partido Socialista e un do Bloque Nacionalista. Desde o momento en que a comisión promotora presentou a proposta, este organismo tiña un mes para darlle o visto e prace á tramitación da iniciativa.

A Mesa do Parlamento, con presidencia e maioría do PP, estivo pospondo este asunto até o limite máximo do prazo. Xa no último día, reuniuse para abordalo e decidiu rexeitar a tramitación desta ILP, argumentando motivos xurídicos. A resolución non foi unánime, xa que o representante do BNG observou que esas supostas razóns legais non se sostiñan. Até onde eu sei, foi a primeira vez que no Parlamento se rexeitou a tramitación dunha ILP sen unanimidade, o cal de seu xa é un elemento importante para a reflexión.

O argumentario xurídico para a negativa que procuraba o PP baseábase no artigo 3 da lei 1/1988, que regula as ILPs en Galiza. Cito literalmente:

Artigo 3
Quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as materias seguintes:
1) As non atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.
2) As de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía e as que, en todo caso, requiran para a súa aprobación o voto favorable dunha maioría cualificada.
3) As de natureza presupostaria e tributaria.


Considerouse que unha ILP de defensa do galego entraba nunha materia de “desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía”, debido ao mandato do artigo 5 desta norma, ese que di que a lingua galega é a propia de Galiza e que é obriga dos poderes públicos a súa promoción. Si, ese que o actual goberno da Xunta incumpre día si e día tamén.

No documento da Mesa do Parlamento lémbrase, así mesmo, que hai unhas semanas este organismo rexeitara –aí si por unanimidade, por certo– a tramitación dunha ILP para derrogar en parte a Lei de normalización lingüística (o artigo 10, que sinala que a única forma oficial da nosa toponimia é a galega).

Aínda que se pretendía equiparar confusamente ambas as propostas, é obvio que hai unha diferenza cualitativa enorme entre ambas: unha contradicía o Estatuto, ao pretender reducir a protección da nosa lingua, mentres que estoutra de Queremos Galego non facía máis que reforzar o dito na norma básica: nin a refutaba nin se extralimitaba.

Mais se alguén ten dúbidas aínda sobre se foi política a decisión de que esta ILP non se puidese tramitar igual que outras, hai algo moi sinxelo a facer: comparar esta proposta con outras que si tramitou sen ningún problema o Parlamento. Houbo iniciativas lexislativas populares para a construción de hospitais. É que iso non inflúe nos orzamentos? Houbo iniciativas lexislativas populares para o regreso á construción naval. Até que punto iso é competencia da Comunidade Autónoma? Nesta última proposta legal mesmo se fala de introducir a presenza da Xunta en empresas estatais, e iso non foi óbice para que o PP apoiase a súa tramitación! Que pasa, que a única materia sobre a que non se poden facer ILPs é a defensa do galego?

Podemos seguir así con case todas as ILPs, facéndolles unha proba do algodón para evitar que puidesen levarse a cabo. No entanto, por vez primeira na historia da autonomía aplicáronse as normas da forma máis restritiva, e sen consenso, para evitar a participación social nunha ILP.

Núñez Feijóo tenlle pavor ao traballo de Queremos Galego e por iso tenta pór paus nas rodas. Non lle é abondo con despois poder utilizar a maioría absoluta coa que conta para rexeitar esta proposta legal. Non: élle necesario tamén evitar que se poida tramitar e que haxa unha campaña social á súa volta.

Mais desde Queremos Galego xa se dixo alto e claro: “Non nos calarán!”. Por iso, comezouse estes días coa campaña antes indicada de recollida de sinaturas para respaldar esta lei.

Xa que non se poderá tramitar como ILP, desde a plataforma pedíronse entrevistas cos tres grupos parlamentares para que sexan eles os que leven esta proposta legal ao debate no Hórreo. De momento, o BNG e o PSdeG-PSOE escoitaron a solicitude de Queremos Galego; aínda se está á agarda de que o grupo do PP dea unha data para un encontro.

Ensino e administración

A proposta de lei pola garantía dos dereitos lingüísticos céntrase naquelas áreas nas que o PP está a desmantelar con maior intensidade a oficialidade da lingua galega; isto é: a súa presenza no ensino e na Administración. É, pois, unha resposta clara a medidas tan lesivas (e unilaterais) como o decretazo e a reforma da lei de función pública.

Así, o título primeiro aborda o uso do galego como lingua oficial das Administracións de Galiza, sinalando o seguinte nas dúas epígrafes que constitúen o seu primeiro artigo:

1. A Xunta de Galiza e os seus organismos autónomos; as administracións locais; as universidades públicas; as corporacións públicas; as institucións, entidades e empresas públicas, calquera que sexa a súa forma xurídica de personificación; así como os concesionarios dos seus servizos deben utilizar o galego nas súas actuacións internas e na relación entre eles. Tamén o utilizarán nas comunicacións e notificacións dirixidas ás persoas físicas ou xurídicas residentes en Galiza e na atención cotiá, oral e escrita aos cidadáns e cidadás, sen prexuízo do dereito destes á atención na lingua oficial da súa escolla, se o solicitaren.

2. O Goberno Galego, as administración locais e as universidades públicas regularán, mediante disposicións regulamentarias, o uso do galego como lingua oficial nas actividades administrativas de todas as dependencias administrativas, órganos e entes da súa competencia.


No que di respecto ao ensino, Queremos Galego refírese ao dito no Plan xeral de normalización da lingua galega que o Parlamento aprobou por unanimidade cando (vaia ironía!) Alberto Núñez Feijóo era vicepresidente da Xunta. Ademais, desenvólvese máis polo miúdo o consensuado para educación infantil, que é o punto central do ataque contra o galego no decretazo:

Na etapa de educación infantil, o profesorado usará nas aulas a lingua inicial predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escrita en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado.

Está en marcha a campaña de apoio a esta proposta de lei, que é tamén unha campaña de rexeitamento ás políticas contra o galego por parte da presidencia de Núñez Feijóo. Respalda esta campaña coa túa sinatura e, se podes, colabora na súa difusión!

4 de abr. de 2010

A felicidade que (non) foi

Unha das miñas lecturas desta Semana Santa foi Una palabra tuya, de Elvira Lindo. Debo a recomendación (e o empréstito) do libro a un bo amigo, que acertou de pleno pensando que me ía cativar esa historia.

Nun momento no que a protagonista, Rosario, recorda algo do seu pasado cara ao que ten sensacións ambivalentes, reflexiona:
Qué raros son los recuerdos que nos hacen disfrutar de una felicidad de la que no nos dimos cuenta y con la que no fuimos felices.
Que ben expresada esa sensación tan trampeira que é a nostalxia!

Non me estraña que un psicanalista lacaniano como Hilario Cid dixese que "a nostalxia para nós non é máis que un gozo un pouco idiota".

3 de abr. de 2010

Antínoo


É probábel que a máis famosa parella de amantes do mundo romano sexa a de Hadriano e Antínoo. Hadriano (...) foi o máis notábel dos "cinco bos emperadores". Fixo un goberno pacífico e produtivo e foi o primeiro emperador que, despois de Tiberio, se retirou en paz en lugar de sucumbir asasinado ou morrer no campo de batalla. Parece que foi exclusivamente gai.

Pouco se sabe de Antínoo, o mozo grego de quen Hadriano se namorou profundamente, salvo que o afecto que o emperador lle exhibiu provocou abraio e admiración mesmo no temperán Imperio, saturado de paixóns. Antínoo afogouse no Nilo mentres o cruzaba con Hadriano no ano 130. O emperador quedou desconsolado e chorou "como unha muller".

Hadriano deificou a Antínoo e estabeleceu un oráculo no seu nome en Mantinea, con misterios anuais e un festival cada catro anos. En Atenas, Eleusis e Argos estabelecéronse xogos no seu nome, que se seguían celebrando mesmo douscentos anos despois da súa morte. O emperador tamén fundou na súa honra unha cidade sobre o Nilo (entre Menfis e Tebas) e construíu grandes camiños que levaban a ela para asegurar a súa prosperidade. Dión Casio conta que Hadriano erixiu estatuas na honra de Antínoo "en todo o mundo" (...) e a súa imaxe sobrevive hoxe en día na escultura, a arquitectura, a pintura, as moedas e a literatura helenísticas: "A construción máis elevada e máis característica do período de Hadriano foi a creación da personaxe de Antínoo" [Eugenia Strong].

John Boswell, Cristianismo, tolerancia social e homosexualidade

2 de abr. de 2010

Chi non lavora..

Levo estes días tentando terminar algún destes proxectos que un sempre ten rondándolle a cabeza e para os que nunca se dá encontrado tempo.

Procrastino algo, claro, e sinto a preguiza de non dedicar estes feriados a un pouco de vida contemplativa, mais entón poño esta canción de Adriano Celentano para espabilar :)

1 de abr. de 2010

Imagino o fim da Terra assim

Deixo aquí uns versos da escritora portuguesa Adília Lopes que o amigo e poeta Gonzalo Hermo puxo hai uns días no facebook.

Lembrade que as baratas son, ao sur do Miño, o que aquí denominados cascudas.
Imagino o fim da Terra assim
todas as casas e todas as ruas
desapareceram
assim como todas as pessoas
graças a um cataclismo
sobreviveram apenas os telefones
as baratas e as listas dos telefones
marcianos nos dias a seguir
tentam interpretar a lista dos telefones
os marcianos não estabelecem uma relação
entre os telefones e a lista dos telefones
mas entre a lista dos telefones e as baratas
e essa relação é plenamente satisfatória.

Deixei que el me tocase

Deixei que el me tocase
porque me gustaba ser tocada.
Como unha frauta para un indio.
Como un instrumento dun país libre.

(Lupe Gómez, Os teus dedos na miña braga con regra)