5 de fev. de 2010

Desmontando a galegofobia


O libro 55 mentiras sobre a lingua galega ten hoxe unha presentación de Guinnes, con 69 lugares do mundo dando a coñecer este libro de forma simultánea. Aquí e aquí podedes consultar cal é o acto que vos queda máis próximo. Eu irei escoitar e aplaudir ás 20.30 h na libraría Couceiro de Santiago aos compañeiros Xosé Luís Regueira, Antón Dobao e Mª do Carme Ríos Panisse.

Quen non vos poidades achegar a ningunha das numerosas presentacións, sabede que tamén podedes ver en directo, desde aquí, a presentación en Vigo, con Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado e Xosé Henrique Costas. Este último, sempre dinámico, activo e pedagóxico na defensa do noso idioma, foi o coordinador deste volume para ler e agasallar.

A profesora Pilar Ponte preparou esta presentación coas respostas a 20 das falsidades que se verten contra o noso idioma:

4 de fev. de 2010

Nine: un filme malogrado

Encántanme os filmes musicais. Desde The Sound of Music até Dancer in the Dark, pasando por Cabaret, Chicago, Moulin Rouge, Hedwig and the Angry Inch, Mamma Mia! e tantísimos outros. Atráenme ademais as películas con protagonismo coral feminino, como 8 femmes e Volver.

Pensaba que en Nine había algo disto, mais todo o que encontrei foi unha trama superflua e previsíbel, cunhas cancións orixinais malísimas e ridículas, nas que o hortera mesmo se presenta como algo tan sublime e profundo que só produce vergoña allea.

Aínda que algunhas actuacións poñan todo o seu esforzo en salvar as planísimas personaxes do filme e a fotografía estea moi coidada, desaconséllovos pagar entrada por ver iso.

3 de fev. de 2010

Saudoso

Aínda que non me gustan moito os vídeos que consisten nunha sucesión de fotografías, aquí vos deixo o que encontrei en youtube coa canción "¿A dónde van?", do Silvio Rodríguez, por ser o que tiña o mellor audio nestes momentos. Por certo, agardemos que o Silvio non demore moito en sacar o seu novo disco, Segunda cita, que xa nos anunciara para 2009 e que agora parece que chegará para mediados deste ano.

2 de fev. de 2010

As dúas principais institucións culturais do país critican a fondo o decretazo

Falaron as dúas principais institucións culturais do país sobre o decretazo e fixérono con absoluta claridade. Agora é responsabilidade do Goberno escoitalas a elas e a todas as entidades sociais que, nun clamor unánime, reivindican unha política de promoción do noso idioma no sistema educativo, de acordo co Estatuto, a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias; isto é, os consensos que nos representan a todas e a todos.

Cómpre lembrar, ademais, e isto é moi importante, que a análise da Academia Galega se aprobou por unanimidade e o ditame do Consello da Cultura Galega sen ningún voto en contra, a pesar de que no plenario desta última institución está representado o propio Goberno galego.

Velaquí os documentos oficiais, para ler e divulgar:

Vídeo do discurso final da manifestación do 21 de xaneiro

Deixo aquí o vídeo, gravado da man de Xoán Carlos Garrido Couceiro, da miña intervención no feche da manifestación do pasado 21 de xaneiro.

Podedes ler a transcrición do discurso nestas dúas entradas anteriores. Ademais, lembrade que hai un precioso vídeo-crónica do que foi esa xornada nesta ligazón; aí, poderedes escoitar tamén aos compañeiros e compañeiras que leron o manifesto da convocatoria, que sinalan as liñas básicas que non cruzaremos, por moito que queiran confundirnos.

Intervención de Carlos Callón desde o perfil de Queremos Galego en Vimeo.

1 de fev. de 2010

Todos os galegos e todas as galegas somos responsábeis da nosa lingua

Continúo e finalizo esta semana en Galicia Hoxe coa transcrición (de novo, con escasas mudanzas) do meu discurso na praza do Obradoiro no final da mobilización do pasado 21 de xaneiro, para nos defendermos do decretazo contra o galego. É significativo que, a pesar da unanimidade das comunidades educativas, a Xunta aínda manteña a súa postura intransixente a respecto do decretazo e insultante cara á maioría do profesorado, estudantado e familias, que participaron na folga e nos actos convocados. Imos seguir adiante até o final con forza, intelixencia e entusiasmo!



Somos responsábeis do galego

E aínda máis. Señor conselleiro de Presidencia, señor conselleiro de Cultura, señor conselleiro de Educación, señor presidente da Xunta: Hai algún lugar do Estado español, de Europa, do mundo onde se aplique unha proposta de decreto como a que vostedes defenden? Dígannolo!

Que nos pasa? Por que nós non podemos ter ese mesmo dereito que teñen outros lugares do mundo no cal o seu sistema educativo reforza –evidentemente!–, e garante a competencia na súa lingua propia? Que acontece? Por que iso non pode ser así?

Tamén entrando na política lingüística en xeral podemos dicir o mesmo. Como todo o que estamos vendo coa Lei de función pública, na televisión pública, na radio pública... Os Teletubbies, por exemplo, que pode parecer unha anécdota, pero non o é. Era da pouquiña programación infantil que tiñamos en galego e deciden emitila en inglés. Din: “No, es que así los niños ya se van habituando a escuchar inglés. Pero lo emitimos subtitulado, ¡eh!”

Os Teletubbies, como sabedes, son para nenos e nenas menores de tres anos. Se algún neno ou nena de menos de tres anos ve os Teletubbies e le os subtítulos, entrevísteno na TVG!

Pero é máis. Como sabedes, na maioría dos lugares do mundo non dobran, subtitulan, excepto a programación infantil, porque as crianzas máis pequenas non saben ler. Somos o único lugar do mundo onde emiten os Teletubbies subtitulados! En ningún outro! En ningún outro lugar do mundo!

Porque o que lles molesta é a nosa lingua, o que lles molesta é que a defendamos, o que lles molesta é que defendamos o dereito básico (que a ninguén prexudica, excepto a quen teña prexuízos ideolóxicos) que é o dereito a vivirmos no noso idioma.

Pero vemos como o galego une. Vémolo hoxe, vémolo aquí e nas mobilizacións que se están a realizar simultaneamente en moitas comarcas do país, en Bruxelas, en Bos Aires e en moitos outros lugares. Dicía Uxío Novoneyra, compañeiro sempre presente nestas mobilizacións, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras: “Todos os galegos e galegas somos responsábeis da nosa lingua”. Todos os galegos e galegas, mesmo aqueles que no día a día non o falan e que, desde logo, están convidados, estades convidados tamén os que estades presentes se aínda non destes ese salto, a facelo. Porque, sempre, a mellor defensa que se pode facer dun idioma é utilizalo.

Pero une. O galego une; Feijóo, separa. O galego une; esta Xunta que non nos merecemos, lamentebelmente, divide, enfronta, separa.

Dicían onte ou antonte desde o Partido Popular: “¡Si van a ir los mismos que van siempre!”, “esos cuatro gatos”... Podédelo ver nas súas notas de imprensa, na súa páxina web. Mais deberían escoitar a sociedade. Debería aprender, señor presidente da Xunta, a conxugación do verbo escoitar, do verbo dialogar, e atender de verdade o que di a sociedade.

Vemos tamén que queren criminalizar. Din que vimos coaccionados, que coaccionamos e non se sabe cantas máis barbaridades facemos! Vemos que queren enmerdar as nosas lexítimas reivindicacións e solicitudes. Vemos que queren cansarnos nunha carreira longa, de fondo, para que acabemos baixando a bandeira da lexítima defensa do noso idioma.

Ante iso, xa que agora temos que aprender tanto inglés, acordeime dun soneto de Shakespeare. E, por certo, nin que estivésemos en contra da aprendizaxe de linguas! En todo caso, son eles os que na realidade non reforzan a aprendizaxe do inglés no sistema educativo! Aquí non hai un dilema “ou inglés ou galego”. Ou é que os galegos temos algo que nolo impida? Hai que repetilo: Somos máis parvos e non podemos aprender galego, castelán, inglés etc? Hai algo que nos impida de verdade aprender idiomas?

Recórdanme, digo, o soneto 66 de Shakespeare, especialmente lindo, onde fala como ante as inxustizas, quen ostenta o poder logra presentarnos o mundo xusto ao revés de como acontece. Finaliza Shakespeare o seu poema: “Canso de todo isto, deixaría o mundo,/ salvo porque, ao morrer, deixaría só a quen amo.” Temos que ter presente o noso amor pola lingua galega, do que tanto falamos nestas mobilizacións, con ese verso do compañeiro Uxío Novoneyra, de que “a forza do noso amor non pode ser inútil”.

Esta vai ser unha loita seguramente longa, porque estamos ante un goberno que se nega a escoitar a voz unánime da sociedade galega; unha loita na cal non podemos desfalecer. Mirade ao voso redor! Hai moitísimas razóns, máis razóns que nunca, para defendermos o noso idioma. Teñamos ben claro que a nosa é unha loita lexítima, en contra de ninguén, e en defensa de algo que nos beneficia a todas e a todos, ao conxunto da sociedade.

Mirade ao voso redor! Collede forzas, porque temos unha longa batalla por diante! Agora ben, queremos que o goberno escoite, que retire este decreto. De nós depende!

Este decreto ímolo tombar!

Viva Galiza! Viva a lingua galega!

31 de jan. de 2010

Entre as 100 páxinas galegas máis populares, segundo Alexa e Código Cero


Segundo o ránking de Alexa e o portal Código Cero, este blog está entre as cen páxinas galegas máis populares, mesmo por diante dalgúns medios de comunicación e dos webs dalgunhas institucións relevantes.

O encargado de elaborar esta listaxe en Código Cero, Marcus Fernández, matizou nunha entrada do seu blog hai un par de anos as dimensións e relevo da mesma. Aínda que Alexa é un medidor que se toma decote como referencia, ten limitacións moi importantes, que reducen a súa fiabilidade e o colocan máis ben como un indicador interesante para observar algunhas tendencias, mais para nada en termos absolutos.

En calquera caso, transmítovos o meu agradecemento polas visitas, os comentarios e as ligazóns que fan que esta páxina apareza aí. Baixe ou suba nesa escada, a miña intención é seguir fiel a estas citas co blog, ilo mellorando paulatinamente e mantelo como unha bitácula persoal na que aparezan temas diversos.