27 de abr de 2009

Limitadiños

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre as declaracións do novo responsábel da Consellaría de Cultura, que xa abordei aí atrás neste blog. Como resposta ás mesmas, hai tamén un outro artigo moito mellor, que teño que recomendar desde aquí, de Xosé Manuel Pereiro, que finaliza deste xeito:

O responsable da cultura afirma estar empeñado na promoción exterior da cultura galega, e fai ben. Sobre todo porque os que chegaron ó cargo desde o mesmo partido que el entendían por proxección darlle 300 millóns de pesetas a Julio Iglesias polo cargo sen cargas de “embaixador” de Galicia. Como Roberto Varela tiña un bo cartel antes de que falara, direille que, por moito que lle conten, foi a súa antecesora, a pouco cosmopolita Ánxela Bugallo, a que mudou a tradicional política de organización de verbenas nas prazas maiores pola tal proxección internacional. Crucificárona precisamente por cousas como ser Galicia o país invitado na Feira do Libro da Habana, non se sabe se porque se celebra en Cuba (por certo, lugar relevante de peregrinación institucional do ante-anterior presidente da Xunta, Manuel Fraga) ou polo gasto (arredor de dúas veces o que meteu Esperanza Aguirre só no bufet de presentación do Teatro del Canal de Madrid). Pode que o nacionalismo se quite viaxando, pero os prexuízos deben ser máis resistentes.

O que eu escribín sobre as súas primeiras declaracións públicas vai a continuación:

Limitadiños
Que se pode agardar dun conselleiro de Cultura que di que a cultura do seu país é unha limitación?


“La cultura gallega está muy bien, pero limita”. A frase non é do último informe da FAES, aínda que o pareza, senón do novo conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza, Roberto Varela, que dilapida coas súas primeiras declaracións públicas a impoluta imaxe que se quería vender del como xestor solvente e imparcial. O seu posicionamento ideolóxico, nas primeiras entrevistas que concedeu, é moi claro, a pesar de que Alberto Núñez Feijóo queira facer un revival fóra de tempo do ocaso das ideoloxías, como se todo puidese ser aséptica tecnocracia.
Mais o novo titular de Cultura, por moito currículo que ostente para outras cuestións, amosa tamén problemas graves de formación para a xestión que ten encomendada. Os prexuízos que exhibe evidencian unha profunda carencia de reflexión e estudo sobre a cultura galega: o que significa, cal é a súa situación e que é o que precisa.

Só feito en Galiza?

Esta declaración do conselleiro ten aínda unha importante continuación e matiz: “La cultura gallega está bien, pero limita, prefiero la cultura hecha en Galicia”. Ou sexa que hai que diferenciar entre unha “cultura galega” e unha, supostamente máis abranxente e menos limitada, “cultura feita en Galiza”. Desexamos de corazón que Roberto Varela aclare esta diferenciación e que desvele se de verdade doravante a Xunta só vai promover, preservar, vitalizar e divulgar a que se fixo ou fai no espazo xeográfico galego. Deixará, portanto, de entrar na consideración da Consellaría de Cultura toda aquilo feito, por exemplo, en enclaves de emigración ou, no seu día, do exilio? Os vellos non deben de namorarse (estreada na Arxentina en 1941), A esmorga (editada tamén neste país en 1959), as principais creacións plásticas de Luís Seoane e algunhas das máis impresionantes de Castelao tras 1936 fican xa fóra do ámbito xurisdicional autonómico por non estaren “feitas en Galiza”? Serán responsabilidade dalgún outro goberno, por exemplo o arxentino, ou ficarán nun limbo? Quen se encargará deste patrimonio que ninguén –salvo Roberto Varela– pode dubidar en adxectivar como galego?

Aínda máis. Substituiranse os Premios Nacionais da Cultura Galega que instaurou o anterior goberno polos “Premios Autonómicos da Cultura Feita en Galicia”? Decátase o novo titular de que ao realizar estas declaracións sen meditalas nin reflexionar previamente en serio sobre elas deixaría fóra a moitos creadores e moitas creadoras tamén de hoxe que fan parte indubidábel da cultura galega? Por exemplo, Francisco Leiro recibiu o ano pasado o Premio Nacional da Cultura Galega na sección de Artes Visuais. Seguindo o criterio de Roberto Varela, non podería levar a distinción porque o de Cambados, a quen el coñece, ten o seu obradoiro en Nova York. Non está “feito en Galiza”.

Cultura galega

Hoxe mesmo, en Santiago de Compostela hai unha reunión dos Consellos da Cultura de Galiza, Catalunya, València e Euskadi. No caso de Galiza, o Estatuto de Autonomía estabelece claramente, no seu artigo 32, que este organismo que por lei ten que “fomentar a lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego” se denomina Consello da Cultura Galega. Como nos limitan o Estatuto e a Lei de creación do Consello!

Talvez o PP teña xa a iniciativa de lle mudar o nome na proposta estatutaria que prometeu presentar, para adecualo a esta nova diferenciación, para que se limite a “fomentar as linguas e as culturas que se fan en Galicia en canto creacións orixinais dos pobos que viven en Galicia”? Porque, realmente o pobo galego existe e é portanto suxeito de dereitos?

Repárese ben en que puxen “Galicia” e non “Galiza”. Deu os seus froitos a campaña contra a forma maioritaria durante séculos para denominar o noso país, claramente a xenuína, e presente en obras fundamentais da nosa cultura (si, refírome á cultura galega). O disque “goberno para todos” declara que non vai utilizar unha forma que a Real Academia Galega considera no texto das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego como “lexítima”, cunhas indesexábeis connotacións ideolóxicas. “Non, non, non, non. De Galiza, nada de nada. Galicia”, negou Varela sen acompañar tanto adverbio de ningún razoamento ou argumento.

E o galego?

Se estivésemos a falar dun técnico que coñece a problemática da cultura galega e que vai adoptar medidas tamén técnicas de corrección aos grandes problemas que se presentan, hai declaracións que serían inimaxinábeis escoitarlle. “No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa”, dixo tamén, subliñando a importancia do factor idiomático, aínda que, igual que Núñez Feijóo, camuflándoo de “liberdade lingüística”. Se se informase sobre a situación real da música, do teatro ou do mercado editorial en lingua galega non faría aseveracións tan alegres e pouco matinadas, que son un verdadeiro e ben cru programa de acción política.

No ano 2005, o xornal electrónico Vieiros realizou un estudo que concluía que por cada euro que un galego inviste en promocionar a súa lingua, mete 240 en espallar o español polo mundo adiante. Teñamos presente que o Ministerio de Cultura privilexia de forma abrumadora a cultura en castelán en todas as súas ordes, o Instituto Cervantes dálle un tratamento marxinal ao que non sexa en español, RNE e TVE actúan como se as cultura galega, catalá e vasca directamente non existisen... Iso por falarmos só dalgúns ámbitos públicos, porque a descompensación coas institucións privadas xa é abismal.

Neste contexto, cunha lingua minorizada, estranxeirizada no propio país, máis necesitada de axuda, promoción, dignificación e divulgación, a Consellaría de Cultura vai actuar seguindo os principios darwinistas da lei do máis forte? Se a Consellaría de Cultura non axuda á cultura feita en galego, que institución pública será a responsábel de tal apoio?

De momento, estamos perante declaracións de intencións, mais cómpre térmolas presente para facermos seguimento e mobilizármonos como sociedade para evitarmos pasos atrás cualitativos. Porque, cómpre lembralo e repetilo máis unha vez, a “nacionalidade histórica” galega ten, como tal, unha serie de dereitos lingüísticos e culturais, igual que as persoas que a nivel individual queren vivir en galego tamén teñen o dereito a accederen sen dificultades ás manifestacións da súa propia cultura.

Lingua, cultura e autogoberno

Se a lingua e a cultura galegas non existisen, non habería autogoberno galego en ningún grao. Nin Alberto Núñez Feijóo sería presidente da Xunta nin Roberto Varela sería Conselleiro de Cultura.

En ningún país do mundo é presentábel que os seus gobernantes anuncien como primeiras medidas ataques contra a súa lingua propia, como é o caso da derrogación do decreto do galego. Do mesmo xeito, declaracións como as realizadas por Roberto Varela considerando unha limitación a cultura propia do seu país inhabilitaríano automaticamente para exercer o seu cargo. Alguén se imaxina a calquera ministro/a de cultura de calquera país do mundo afirmando nas súas primeiras entrevistas que a cultura do país que vai gobernar é unha “limitación”? Pensemos por exemplo que acontecería se González-Sinde se presentase cunha afirmación como esta nada máis tomar posesión: “La cultura española está muy bien, pero limita”.

Por iso é importante cuestionarmos en voz alta a idoneidade do nomeamento como conselleiro de Cultura de alguén a quen os seus prexuízos o levan á conclusión de que amparar e proxectar a cultura galega supón unha limitación ou unha barreira. A limitación está en quen tales cousas afirma.

6 comentários:

  1. Ponderada e exactísima análise, Carlos. E moi precisa a totalidade da argumentación. Quen pode refutar un só punto dos que aquí se presentan? Como é posíbel que teñamos que dedicar forzas e anos a esta clase de tarefas?

    É imprescindíbel ampliar un labor e unha reflexión como a aquí concretada. Son moi importantes estes primeiros momentos da lexislatura. Estes tanteos. Hai que facer porque todo o mundo o entenda. E hai que usar a voz e os argumentos. Sen tregua.

    ResponderExcluir
  2. Parece que a algúns superpuros e superguais lles vai saír caro o seu voto de castigo e o "BNG PP a mesma merda é".

    Espero que durman ben polas noites...

    ResponderExcluir
  3. Aí Callón !
    Permíteme incluir aquí un novo? termo: Darwinlingüismo, como contrapunto ao falaz bilingüismo.
    Só pido o 75% dos royalties que xenere este "darwinlingüismo". He he he.
    Saúde.

    ResponderExcluir
  4. Proposta: crear un espazo na rede no que se vaian recollendo e datando puntualmente todas as declaración, decretos, leis, directrices, medidas e actuacións contra o galego do novo presidente da Xunta, co fin de que fique claro e para sempre cal foi o seu papel no intento de liquidación do idioma e se foi ou non un traidor ao país.

    ResponderExcluir
  5. Pois se ouvistes a entrevista na COPE, o panorama aínda pinta máis negra.
    Galicia Bilingüe ten o poder.

    ResponderExcluir
  6. Moitas grazas, Lándoas. Nesa batalla continuaremos. Como dicías hai pouco no blog: "Pero nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso."

    Sobre o primeiro comentario anónimo, eu coñezo ao menos tres persoas que fixeron ese voto de castigo (abstención ou branco) e que agora se arrepinten bastante. Aquelas persoas que dicían que o PP era o mesmo que o bipartito xa ven cada día se era iso así.

    O "darwinlingüismo" paréceme un pouco complexo de pronunciar, non? E se o deixamos no "darwinismo lingüístico" de toda a vida? ;)

    Penso que a proposta do espazo na rede está ben, mais que é especialmente importante vermos acción para achegarmos información ao conxunto da sociedade. Por exemplo, A Mesa porá postos informativos na rúa en varios puntos de Galiza para distribuír material, recoller sinaturas para o manifesto e, tamén, falar coa xente sobre as nosas propostas. Fan falta mans para termos máis capacidade de incidencia. Igual que fan falta mans para distribuír material para o 17 de maio. Quen se anime, só ten que escribir a amesa@amesanl.org. (As persoas que escribistes días atrás, recibiredes resposta ben axiña.)

    Sobre a entrevista na COPE, eu conclúo que a COPE ten o poder. Galicia Bilingüe é un títere dos grupos fácticos que simbolizan a COPE e El Mundo.

    Moito ánimo a todas e todos!

    ResponderExcluir