Mostrando postagens com marcador Fermín Bouza. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Fermín Bouza. Mostrar todas as postagens

28 de mar. de 2010

Un sociolingüista menos

Interesante artigo de Iago Martínez en Xornal de Galicia:

Un sociolingüista menos

Entre ser un nacionalista emboscado nun goberno da dereita e ser un españolista furibundo aliado na destrución do galego (sic, ou case), Anxo Lorenzo prefire ser todo o contrario. Cando se lle pregunta se o decreto do bipartito “impoñía” o galego, contesta cun siloxismo que xa nos resulta familiar: a sociedade galega así o interpretou, e por iso lle deu a presidencia da Xunta a un partido que vai derrogar esa norma diabólica. Calquera cousa menos a súa propia opinión. Se un lle fai ver que ten a metade do Parlamento en contra, comenta a cor das paredes. Cando se lle recorda que unha enquisa ás familias non é unha consulta a toda a sociedade galega, confesa que non toma café. Un amigo con moitas horas de barra clavouno o outro día: desconfía dos que beben os gintonics en silencio.

A conversa con Anxo Lorenzo recordoume outra que tivemos na redacción con Gloria Lago. Equiparar o ex asesor do PSOE e a activista de Galicia Bilingüe sería cientificamente temerario, pero hai que recoñecer que a súa retórica empeza a parecerse demasiado. E en Xornal, dende logo, ambos foron igual de evasivos. Técnicas diferentes, si, pero análogas. Ela procede por redución. Elude as contradicións máis obscenas con anécdotas igual de obscenas: se un intenta falar do Estatuto de Autonomía, ela rescata algún rarísimo caso de intolerancia, como o desa presunta profesora que deixaba que os cativos se mexasen por riba se non pedían permiso para ir ao baño en correcto catalán. Xa sabemos como funciona. A consigna é converter a excepción nun síntoma.

Anxo Lorenzo fai todo o contrario. El opera por elevación. De nada serve a teima do catedrático Fermín Bouza por demostrar, dende a ciencia política, que a cousa da lingua nada tivo que ver cos resultados electorais de hai un ano. Anxo Lorenzo non empregou un só dato ao longo da hora e media que pasou no Café de Redacción de Xornal. Ningún. Non os necesita, ao que parece, para saber o que pensa a militancia socialista, que non é o que os seus líderes expresan. Tampouco para estar na cabeza dos traballadores do ensino, malia ás posicións dos sindicatos. Nin para interpretar a vontade dos pais, diferente da que esgrimen as anpas. Só eles –Anxo Lorenzo non está só– saben o que queren as masas. Son o termómetro do respaldo social e o seu diagnóstico é claro: non o hai arredor do galego, así que non se pode lexislar a favor da lingua propia de Galicia.

Por se había dúbidas, Anxo Lorenzo aclaróunolo: “Xa non son un sociolingüista”. Alguén con moita máis experiencia ca min díxome que nacera un político. Discrepo. A min paréceme que é precisamente todo o contrario: a negación da política. A renuncia a consensuar un modelo de convivencia e articular as ferramentas para construílo. Barra libre nas escolas, que no resto da cousa pública xa hai tempo que funciona a rapina. De feito, creo que habería que rebautizar o seu departamento. A súa, en diante, debería chamarse Secretaría Xeral de Autoservizo Lingüístico. E de Adivinación, claro.

11 de jan. de 2010

Inglish pitinglish

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, sobre como o inglés nos fará altos, ricos, guapos e famosos, mentres imos matando o noso idioma propio, que é un xeito curioso de entender o plurilingüismo:

Inglish pitinglish
O inglés como talismán e como camuflaxe

A pesar de que na materia de inglés en todo o ensino primario e secundario fun un rapaz de sobresaliente, sempre me sentín moi inseguro á hora de poder utilizalo, nas poucas veces que tal cousa me foi precisa na miña vida. Aínda hoxe vexo que as miñas destrezas neste idioma son limitadas e enténdoo mellor do que o falo ou escribo.

Moita xente da miña xeración pode contar unha historia semellante á miña. Algúns disciplinaríanse asistindo a academias e viaxando decote a países de lingua inglesa, mellorando así as súas competencias comunicativas. Outros desenvolverían a súa vida por outros camiños, deixando oxidar as regras gramaticais e o vocabulario do idioma de Shakespeare, sen que iso obstaculizase unha existencia plena, feliz e culta.

Ninguén pode negar que o inglés é hoxe un idioma poderoso económica, política e culturalmente. Aínda que o chinés mandarín conta con tres veces máis falantes iniciais, o inglés é na actualidade a lingua franca en moitos ámbitos de coñecemento e decisión internacional.

Mais iso é unha cousa e outra ben diferente é o tratamento que moitas veces se lle dá como un talismán que traerá riqueza, sabedoría e prosperidade a quen o posúa, o cal dista de ser certo. Nin é verdade nas biografías persoais nin nas historias colectivas dos estados que o adoptaron como idioma oficial, talvez pensando con inxenuidade que así contarían cunha maior incidencia, relevo ou recoñecemento. Que llo digan se non a Ghana, na África Occidental, que a pesar de ter como única lingua oficial o inglés é un dos estados máis empobrecidos de todo o planeta. Digo empobrecidos que non pobres, porque malia as condicións nas que vive a maioría da súa poboación seren misérrimas, son unha potencia en ouro, bauxita, diamantes ou cacao. O feito de que a súa lingua oficial sexa o inglés non mellorou a súa situación socioeconómica nin cultural e mantivo, tamén no nivel simbólico, a súa dependencia dos vellos colonizadores. Isto mesmo podemos facelo extensíbel a Nixeria, Serra Leoa, Camerún, Namibia e un longo etcétera.

Aínda que haxa que desposuír o inglés das cualidades máxicas que se lle apoñen (non nos fai altos e guapos, nin ricos e famosos), parece lóxico que no mundo actual sexa un dos coñecementos a transmitir no ensino obrigatorio. A confidencia que antes facía sobre a miña relación co inglés amosa tamén que hai problemas para solucionar e erros dos cales aprender, porque hai obxectivos de aprendizaxe que na verdade non se están a conseguir para esta materia.

Mais a responsabilidade desta situación non é, con certeza, do profesorado, que por moito que se poida esforzar non naceu con capacidade para obrar milagres. En grupos masificados resulta bastante complicado desenvolver unha metodoloxía comunicativa, imprescindíbel para conseguir adiantos reais e menos perecedoiros.

Xusto esa alternativa práctica para mellorar a aprendizaxe do inglés é a que non adopta a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo, a pesar de que si é demandada polas comunidades educativas. Non se contrata máis profesorado para diminuír a ratio en relación cos estudantes, senón que se sacan inexistentes coellos dunha chistera. Todos os nenos e nenas saberán falar en inglés porque lles impartirán unha de cada tres materias nesta lingua! Alehop! Que non hai profesorado para facelo? Pois que a verdade non nos estropee o titular! Alehop!

Todos os expertos e expertas na cuestión advirten ao goberno do PP da insensatez da súa proposta. O catedrático da USC José Manuel Vez Jeremías, director do observatorio Atrium Linguarum, lembraba esta semana que non había ningún país do mundo onde se aplicase un modelo tal e que, de facelo, se resentirían tanto o inglés como o castelán e o galego. O tamén catedrático Fermín Bouza, da Complutense, pregúntase en voz alta cal será a competencia do profesorado que ministrará esas disciplinas en inglés, para non seren unha fonte de aprendizaxe de erros e de adopción de maos usos: “No caso do inglés, debe ser o español o que ceda tempo alí onde houber algún profesor que coñeza esa lingua a nivel nativo (só a nivel nativo, o demais sería unha chafallada intolerábel). O galego é, lémbreno, a lingua propia de Galiza: a lingua a protexer.”

Tamén estarían por ver todos os problemas que acarrearía en colexios e institutos esta dupla avaliación (da materia e do idioma en que se imparte, a pesar de non ser oficial), se se baixaría o nivel xeral dos contidos para axeitalos ás dificultades lingüísticas (do profesorado ou do estudantado) e se incrementaría o fracaso escolar. Temas, todos eles, da maior importancia e gravidade.

No Estado español temos un caso recente que nos pode servir de comparación. Na Comunidade Valenciana obrigouse a que a materia de Educación para a Cidadanía se ministrase en lingua inglesa. O resultado foron sentenzas históricas anulando esa disposición, así como unhas mobilizacións cidadás masivas: esa decisión gobernamental foi o detonante das maiores manifestacións en València desde as realizadas contra a invasión de Iraq.

Na realidade, a Alberto Núñez Feijóo (a quen, por certo, a súa falta de nocións do inglés non lle impediu chegar á presidencia da Xunta), o que lle importa de todo o tema é procurar unha camuflaxe para esta navallada contra o galego. Porque todas estas súas propostas sobre o inglés sabe que son inviábeis, mais funcionan como excelentes exercicios de distracción para eclipsar aínda máis o maltratado idioma do país.

26 de mar. de 2009

Temos que conseguir transformar isto


No perfil da CTNL no Facebook, no blog de Alema e, moi especialmente e sobre todo, no blog de Fermín Bouza producíronse unha serie de interesantes debates a respecto da saída do último volume do Mapa Sociolingüístico de Galiza, coa intervención de varios especialistas e xente interesada.

Non é esta a mellor semana para poder eu responder con certo vagar, mais aquí van algunhas ideas que coido que son importantes para o debate e que non debo demorar por máis tempo. Moitas persoas poden considerar que esta discusión é algo bizantina e penso que con razón: mentres a nosa cultura está asediada (as porcentaxes pódense discutir; as tendencias, non), preguntámonos sobre o sexo dos anxos.

A este respecto, concordo ao 100% co dito no blog de Fermín Bouza por Gabriel Rei Doval: “Os tempos non están para perderse en estériles campañas para dar caña ós que non están nas antípodas políticas. Espero que non sexa demasiado pedir. A promoción do galego debe ter algo máis de nivel, sobre todo coa que está caendo, e que o post-1 de marzo só vai acentuar. O que pense que a obra vai mal, que traballe. Deixémonos de canibalismos estériles. Hai sitio para todos.”

Velaquí algunhas cousas que quero aclarar:

1. A Mesa presentou un estudo oficial, da Real Academia Galega e do Goberno galego, non o elaborou.

Vexo que hai por parte dalgúns sectores moita insistencia en tentar matar o mensaxeiro (A Mesa) por presentar perante a opinión pública datos dun estudo financiado anualmente polo Goberno galego e elaborado pola Real Academia Galega. Cando hai discrepancias no campo académico é bastante habitual a triangulización das críticas, centrándoas no flanco que se observa máis feble e/ou máis heterodoxo (menos académico), como neste caso é A Mesa.

Henrique Monteagudo di no blog de Fermín Bouza que “a MNL utilizou a comparación de datos entre dous traballos que non son en absoluto comparables” e “nas conclusións da Mesa deslizáronse erros grosísimos como, só por poñer un exemplo, a comparanza dos datos sobre lingua inicial”. Sostén o profesor universitario e secretario do Consello da Cultura Galega que “non fai falta ser sabio para decatarse de que isto é totalmente inaceptable” e demanda “un mínimo de rigor”.

Eu desde aquí querería facerlle extensíbel esta petición de rigor ao propio Monteagudo, con todo o respecto (que el sabe que lle teño), mais tamén con toda a contundencia. Pídolle tamén que aclare se hai unha soa comparación, unha soa, que non se extraia literalmente, cifra a cifra e palabra a palabra, do estudo da Real Academia Galega e do Goberno galego. El di que “cita a nota da Mesa”, mais eu propóñolle que vaia á fonte limpa, aos estudos realizados e publicados. Por exemplo, á páxina 34 do volume I do MSG-2004 ou ás páxinas 40-42 do volume II. E que deixe de disparar ao pianista. Se ten problemas de criterio co secretario da Real Academia Galega e director deste estudo, que os formule directamente e non use á Mesa como sparring.

Tamén me sorprende que formule estas críticas publicamente contra A Mesa como secretario do Consello da Cultura Galega (véxase a súa entrevista en tal calidade no número de Santiago Siete correspondente ao pasado 20 de marzo, páxina 4, consultábel aquí en PDF). Aí di que desde A Mesa “sacan conclusións que rozan o disparate, cun discurso demasiado catastrofista”, mentres liñas arriba sinala con benevolencia que as políticas de Núñez Feijóo sobre a lingua lle dan unha “marxe de confianza”. Hai que lembrar que días antes o futuro presidente da Xunta estivera na sede do Consello (recibido disque como “presidente electo”!) declarando que, desde o Goberno, o PP vai garantir unha situación de “liberdade lingüística nas escolas e nas rúas”, que seica agora mesmo en Galiza non hai, como se estivésemos nunha situación totalitaria. O Consello da Cultura Galega non matizou nada, o secretario tampouco indica nada agora, mais, claro, contra o suposto catastrofismo e pretensos disparates da Mesa si que é necesario posicionarse.

Eu ben sei que Henrique Monteagudo é un acérrimo defensor da nosa lingua e máis dunha vez teño botado man de estudos ou análises súas. No entanto, cáusame mágoa ver estes posicionamentos perante os novos poderes. A mesma mágoa que me produce contemplar con que facilidade se arrea sen meditar aos febles mentres se cala a boca perante as gravísimas ameazas de desmantelar aspectos básicos da oficialidade da nosa lingua, como derrogar o artigo 10 da Lei de normalización lingüística, o modelo das Galescolas e o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego. Se o Consello da Cultura considera que esas promesas reiteradas cada día dan para unha “marxe de confianza” e non ten ningunha opinión ao respecto (igual que non a ten para os problemas “metodolóxicos” de quen fala da imposición do galego), sinceramente, non sei para que existe tal institución.

A min gustaríame que A Mesa non tivese que facer esta presentación do último volume do MSG. Primeiro, porque esta situación é desacougante e alarmante e, segundo, porque ese relatorio debería ser presentado de forma oficial por quen o elaborou e financiou, para a partir de aí tomar medidas. Medidas. Esa é a palabra chave. Do contrario, é como facerlle analíticas a un doente, observar a súas constantes vitais e, ao detectar e circunscribir os síntomas da doenza, cruzarse de brazos. (Ben, na realidade o que anuncia o novo Goberno do PP nin tan sequera son coidados paliativos...)

Xa en anteriores ocasións A Mesa se viu na obriga de facer algo semellante. Non tivo que presentar esta asociación o estudo sobre o topónimo A Coruña que elaborara o Consello da Cultura Galega hai anos e que non difundiran publicamente para non molestar ao daquela alcalde desa cidade que se negaba a utilizar o nome oficial? Canto tempo estiveron pendurados do web do Instituto Galego de Estatística os datos lingüísticos do Censo de poboación e vivendas de 2001 até que A Mesa tivo que facer a presentación pública dos mesmos e confrontalos cos de 1991? Por que tivo que ser esta asociación e non ningunha entidade oficial a que presentase e dese a coñecer os informes emitidos polo Consello de Europa sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias? Alguén lembra o que acontecera co anterior volume do MSG? A que se dedican mentres tanto a constelación de organismos oficiais que tamén teñen a lingua no seu frontispicio e que posúen recursos económicos e persoais moi superiores aos que ten esta asociación?

2. É falso que haxa unha comparación entre grupos de idade diferentes no volume que se acaba de presentar.

O volume II do MSG é tan descoñecido que mesmo especialistas como Henrique Monteagudo, Anxo Lorenzo ou Mauro Fernández afirman que nel se estabelecen comparacións entre grupos de idade diferentes. De profesores coma eles agardaría que lesen os estudos antes de criticalos. Como observaran esa discrepancia metodolóxica no primeiro volume dos datos de 2004 (p. 34), fixérona estensíbel a este último sen antes faceren a comprobación.

Na nota 3 da páxina 40 do segundo volume indícase o seguinte: “Mantívose o mesmo ítem utilizado no MSG-92 para sondar a lingua habitual. Para evitar o nesgo de comparar mostras con distintos grupos de idade, na análise de resultados seleccionouse o mesmo tramo de idade, 16 a 54 anos. Con estas solucións búscase unha comparación fiable dos resultados dunha e doutra mostra e unha avaliación da evolución do uso habitual nos doce anos que separan as dúas mostras.” Non fai falta ser sabio para lelo. De feito, un mínimo de rigor exixe como mínimo ler un estudo antes de criticalo, máxime con tal contundencia hiperbólica.

Tamén me produce estrañeza que o profesor Monteagudo diga que non se poden comparar os volumes I e II do MSG e, despois, el faga esas comparacións cos datos do IGE- 2003, cunha metodoloxía diferente, mostras diferentes e uns cortes de idade tamén diferentes. Agora ben, cómpre observar máis unha vez que tales comparacións son sobre lingua inicial, non sobre usos, que é ao que se refire o volume que agora se acaba de presentar e todas as gráficas e porcentaxes.

Con todo isto non nego que non se poidan discutir aspectos metodolóxicos. É máis: eu son crítico con varias cuestións do estudo (tamén do 92), mais parece sobre todo un debate académico e secundario, o cal non ten nada a ver coa Mesa. Porén, malia as diferenzas de matiz, o Mapa confirma máis unha vez as mesmas tendencias que apuntan todos os traballos existentes deste tipo, e que calquera persoa sensibilizada que saia todos os días á rúa pode corroborar.

3. O positivismo precario pode dar lugar a conclusións erradas.

Coido que era un debuxo do Carrabouxo de hai uns anos que amosaba un home traxeado, formulándolle unha pregunta a outro. “¿Usted habla gallego?” A resposta viña sendo: “¿Yo? ¡Siempre!”

Din que somos catastrofistas por amosar as tendencias de caída do galego, mais a situación é claramente peor do que din os datos do MSG. De verdade un 16% da poboación de Galiza entre 16 e 54 anos usa “só o galego” e un 22,9% “máis galego”? Xa quereriamos que iso fose así e non na súa inmensa maioría con hábitos diglósicos! E que galego se usa? Un con balizas fortes ou outro cada vez máis diluído no castelán, na súa fraseoloxía, na súa sintaxe, no seu léxico...?

Nunha situación cunha consciencia lingüística feble, cun idioma desvalorizado en proceso de substitución e hibridación, paréceme incríbel que se considere como datos inamovíbeis e totalmente fiábeis os que se extraen dos estudos cuantitativos de lingua declarada. Cando se teñen realizado pesquisas cualitativas en Galiza (o máis salientábel que eu coñezo é o referencial estudo de Ana Iglesias), a través de entrevistas en profundidade ou dinámicas de grupo, evidenciouse que a situación é ben peor.

As respostas directas en estudos cuantitativos teñen a fiabilidade que teñen, tanto no estudo de 1992 como no de 2004, fágase un cruzamento histórico ou non. É ou non é certo que, por exemplo, unha persoa que mudou de lingua se pode negar a recoñecer perante a persoa que lle fai o inquérito que deixou atrás ese idioma estigmatizado e formarse unha nova historia de vida? É ou non verdade que unha persoa pode responder cousas diferentes a respecto da(s) súa(s) lingua(s) inicial ou iniciais en diferentes momentos vitais? Por que este problema metodolóxico non é tido en conta? (Sei que é diferente, mais lémbrame a algo que con certeza Fermín Bouza sabe e pode explicar moitísimo mellor ca min: en boa parte dos inquéritos para estas autonómicas o “recordo de voto” era favorábel ao PSOE, cando resulta que a formación máis votada catro anos atrás fora con diferenza o PP. E non é que os cuestionarios estivesen mal!)

4. Edulcorar os datos é unha irresponsabilidade.

Todos os estudos, coas diferentes porcentaxes que se quixeren, amosan as mesmas caídas en picado para o galego tanto como lingua inicial como nos usos. Estas gráficas sinalan que é necesaria unha política de revitalización e que, se os dereitos lingüísticos individuais e colectivos estiveren garantidos de verdade, isto non se produciría.

Non teño vocación de narcótico nin de músico do Titánic. Hai unha fenda considerábel desde o mascarón de proa, cómpre saber que está a entrar auga, polo que haberá que achicar ou procurar outras alternativas. Iso non é catastrofismo nin tremendismo. Como di o profesor Carlos Valcárcel, autor de traballos de investigación que deberían ser máis coñecidos, “sermos positivos nom significa tampouco nom mencionar o essencial dos resultados dos estudos, que som negativos”.

O que si é unha irresponsabilidade é negar o problema, seguir a táctica da avestruz e aplaudir a política de homenaxe ao galego, como as campañas millonarias, de fogos artificiais, que fixo nos últimos anos a Presidencia da Xunta. Fronte a esa propaganda, hai áreas do ensino que deben ministrarse en galego e que hoxe non teñen material pedagóxico nesta lingua, persoas acosadas no seu posto de traballo por falaren neste idioma milenario, ámbitos da Administración nos que se nega a posibilidade de utilizar o galego...

Alén disto, como dicía a usuaria “Elisa Gz” no facebook, “se do que se trata é de transmitir sensación de positividade eu non sei para que se fan estudos”.

Unha coda, de momento

Hai cousas que me fican no tinteiro e, se hai pé para máis debate, comprométome a responder ao que for a partir da semana que vén, despois da Asemblea Xeral da Mesa, que se clausura este sábado 28 de marzo ás 19.30 horas, nun acto ao cal estades convidadas todas e todos!