21 de abr. de 2011

O sol da tristeza

Onte comprei o libro O sol da tristeza, de Fidel Vidal, con introdución de Xosé Luís Axeitos e epílogo de Manuel Fernández Blanco. Este breve e revelador ensaio atrapoume coas súas reflexións sobre a importancia da figura do pai na obra manoelantoniana.

Axeitos di, con toda a razón, que se contén nestas páxinas unha "interpretación novidosa da obra e da vida do poeta rianxeiro", o cal non é pouco tendo en conta as moitas atencións críticas que mereceu. Este "proceso de reconstrución lectora (...) vulnerará os nosos hábitos familiares con Manuel Antonio".

Non me vou resistir a citar algunhas liñas do epílogo, para vos deixar coas ganas de lerdes máis:

Fidel Vidal móstranos dun xeito clarificador como, en toda a obra de Manuel Antonio, se destaca a presenza da morte, de aí a tristeza melancólica que envolve todo o seu poemario. Poemario que, como tan ben nos sinala Fidel, leva por título De catro a catro, cando catro son os anos que tiña o autor cando morreu o seu pai, no ano 1904.

(...) a letra gravada no máis íntimo do seu ser, está representada polo que, do seu pai, lle transmitiu a súa nai. Transmisión gobernada pola función da vergoña e do segredo. A vergoña e o segredo constitúen as claves de transmisión, máis eficaz, da débeda inconsciente. A nai de Manuel Antonio temeu sempre polo contaxio, temeu que, o seu fillo, levara a marca do pai, a súa enfermidade.

Así é como Manuel Antonio recibe da súa nai a metáfora paterna baixo unha significación mortífera. Cuestión, esta, tan ben ilustrada por Fidel Vidal tomando apoio nas teses de Jacques Lacan. En efecto é, no discurso da nai, onde se introduce, para todo neno, a función paterna, o nome do pai, a súa metáfora.

Metáfora terríbel no caso de Manuel Antonio que, no discurso-temor da súa nai, no que esta dicía e, aínda máis, no que calaba, colocábao como un ser prometido á morte prematura. Manuel Antonio debía unha vida e empeñouse en pagala.

A súa historia é a dun home que busca, inconscientemente, a morte. Tentou alistarse para combater, ao lado dos franceses, na I Guerra Mundial, quixo combater na guerrilla de Sandino en Nicaragua e intentou enrolarse nun navío ruso para participar na revolución bolxevique. Todos estes intentos foron fallidos. Máis preto da morte estivo en 1925, cando recibiu unha navallada.

No ano 1926 embarca no pailebote Constantino Candeira e escribe De catro a catro. Adícallo ao seu capitán que, como Fidel Vidal nos sinala, é unha figura do pai especular, un par, un pai amábel. Unha figura do pai pacificador na súa busca do pai. Pero o pai máis real é a morte mesma. Esa morte que latexa nos poemas que escribe. Morte que é a marca, a cicatriz fundamental, do suxeito: "o barco foi percorrendo as cicatrices sentimentaes".

Escribe, así, a obra do seu ser de despedidas. Fidel Vidal destaca como, cando Manuel Antonio escribe o gran poema da despedida, "Adeus", que pecha o seu poemario, o autor era consciente da súa doenza. Sen embargo continúa embarcándose e faino, finalmente, nun pesqueiro onde as duras condicións de traballo agravaron a súa enfermidade, que el mantén en secreto. Cuspe constantemente sangue pero fuma, come mal e non adoita ningún coidado. ¿Poderíase poñer un exemplo máis claro do que é a pulsión de morte?

Nenhum comentário:

Postar um comentário