4 de mai. de 2009

Contra o proceso de desmantelamento da oficialidade do galego

No artigo desta semana en Galicia Hoxe recollo e amplío algunhas ideas que xa fun soltando neste blog nos últimos días.

O galego, a nosa columna vertebral
Contra o proceso de desmantelamento da oficialidade do galego


Hai poucas semanas, Manuel Rivas razoaba nun dos seus artigos que Galiza non anda sobrada de elementos que unan e cohesionen. Unha desas masas que cementan e cimentan a galegas e galegos é a lingua. Tal idea é a que protagoniza a convocatoria de manifestación realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística para o vindeiro 17 de maio, que partirá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral”.

Se xa a manifestación do Día das Letras de 2008 foi histórica en asistencia, a deste ano agárdase que bata máis marcas na mobilización social en defensa deste milenario idioma. Porque o ano pasado se reaccionou aos ataques e ameazas de involución, mais agora eses anuncios xa se comezan a concretar e a tomar forma. Así, a semana pasada foi especialmente importante, con declaracións diarias do novo presidente da Xunta, anunciando na práctica un proceso de desmantelamento da oficialidade do galego.

Mais que non pensen que por ter a maioría absoluta xa poden actuar como se puidesen facer o que quixeren. Existen marcos legais e de convivencia que deben respectar, que temos que saber facer respectar. Como lembraba Arturo Casas no seu blog referíndose á toma de posesión do novo titular de Cultura, “nós estamos aquí e este estarmos nós aquí non será un problema menor para esa xente nin para a súa planificación do futuro da cultura de noso.”

Preparándonos

Estamos aquí, con certeza que estamos. Cando escribo estas liñas, xa se adheriron ao manifesto que se lerá ao final da marcha do Día das Letras 16.524 persoas e 396 entidades do máis diverso tipo. Na rede social Tuenti, centrada nun público xuvenil, 3.868 mozas e mozos xa aseguraron a súa asistencia, mentres 2.105 a maiores din que quizais vaian. Cando faltan quince días para enchermos as rúas de Santiago de Compostela, xa se constata a importante preocupación por esta involución anunciada polo PP, especialmente presente nas comunidades educativas.

Cómpre que todas as persoas e grupos sensíbeis na defensa da nosa lingua esteamos máis xuntos que nunca, deixando á marxe as lexítimas, lóxicas e naturais diferenzas ou discrepancias noutros ámbitos. Porque o que temos que parar agora é a pretensión de exterminar o noso idioma, para o cal queren desamparalo xuridicamente e deslexitimalo como lingua propia de Galiza.

Será unha mobilización de defensa do xa conseguido, mais tamén de impulso para avanzarmos, pois a inxustiza e a desigualdade que padece a nosa lingua propia deben corrixirse. Nese camiño van os dous primeiros puntos do “Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego”:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.


Folla de ruta

Lonxe deses principios básicos para a convivencia en igualdade, Alberto Núñez Feijóo fixo todas as xenuflexións posíbeis a semana pasada en Madrid e prometeu redimir Galiza do pecado orixinal de ter lingua propia. Por certo, todas estas declaracións, dun profundísimo calado político, foron realizadas en micrófonos da ultradereita mediática, non no Parlamento galego ou ao menos ao finalizar un Consello da Xunta.

A medida máis grave que anunciou foi a derrogación de facto non do decreto 124/07, senón da protección xurídica do galego no ensino. Non é alarmismo nin catastrofismo: é o paso máis grave contra o galego en toda a etapa autonómica, que nos leva nunha viaxe no tempo a 30 anos atrás. Tan atrevidas declaracións, eufemisticamente camufladas de “liberdade lingüística”, tivo que matizalas sobre o prazo para pólas en andamento, pois os técnicos da Consellaría de Educación advertiron de que o que propuña non era posíbel materializalo nos centros de ensino sen antes mudar o decreto, o cal non se fai así como se nada. Ai, inxustizas da vida! Un gaña por maioría absoluta e pensa que a lei xa non existe, mais segue aí, para amolar ao reestreado gobernante.

Entrando de novo no xardín da demagoxia, Feijóo mantén que o profesor ou profesora poderá impartir en galego se quere facelo e tamén que a/o estudante poderá usar o galego se quere. Estrañamente, iso quere casalo con que as familias escollerán nalgún grao a lingua da escolarización, como se iso non fose tamén entrar na suposta “liberdade” de profesorado e alumnado. Non aclarou se a “liberdade” tamén chegará ás faltas de ortografía.

Con esta proposta dos novos dirixentes do PP é imposíbel garantir o obxectivo básico da escolarización de que o estudantado saia das diferentes etapas educativas coas competencias comunicativas correspondentes en castelán e en galego. É máis: o galego será menos que unha lingua estranxeira no propio país, xa que o inglés ou o francés están beneficiados pola opción dunhas chamadas “seccións bilingües” a través das cales hai materias non lingüísticas que se ministran neses idiomas. Nesas seccións, non só o profesorado, senón sobre todo o alumnado, para aprender, ten obriga de utilizar o idioma estabelecido.

Fóra da Administración

Ademais, o propio presidente da Xunta deu máis razóns para nos mobilizarmos en defensa da nosa lingua. A súa pretensión (que de momento tamén choca co muro da lei) é que para acceder a un posto de traballo na Administración nin tan sequera haxa que realizar un dos exames en galego. A nivel simbólico, significaría negar a cooficialidade real, xa que o único idioma que sería un requisito nese caso sería o castelán, reducindo aínda máis o rango do galego. No aspecto práctico, significaría que poderían ser funcionarias, mesmo na Xunta, persoas sen capacidade para se expresaren en galego e, portanto, traballadoras e traballadores da Administración que non poderían garantir o dereito legal de atenderen en galego. Curioso bilingüismo que só garante dereitos para o castelán!

A terceira fronte do ataque contra o galego serán as propias institucións autonómicas. Xa na toma de posesión, catro deputados xuraron o seu cargo en castelán: Diego Calvo, José Fervenza, Rosa Quintana e López Chaves. En 2005, só o fixera un deputado: Castelao Bragaña. Conta Anxo Lugilde que cando ese deputado, galaico-arxentino, tivo que intervir por vez primeira no Parlamento, recibiu unha chamada de Manuel Fraga para lle recomendar que intervise en galego. Dos que non quixeron xurar desta volta en galego, dous están xa na Xunta. Ademais, catro conselleiros parece que nin tan sequera saben nin queren saber falar en galego, dando unha imaxe lamentábel de desprezo pola cultura do país que gobernan.

Crispación

A maioría da xente leva pensando desde o 1 de marzo que temos goberno do PP na Xunta para ao menos 8 anos, cando non outros 16 como os ininterrompidos de Fraga. Porén, se o resto da lexislatura continúan por estes carreiros que levan á crispación ou mesmo aparecendo escándalos de tal calado como os protagonizados polo conselleiro Agustín Hernández, eu xa nin sei se chegarán aos catro.

Concordo totalmente co que hai poucos días afirmaba o xornalista Perfecto Conde na súa bitácula: “Non rematou nin sequera de nomear todos os compoñentes do seu goberno e xa parece Alberto Núñez Feijóo un presidente gravemente tocado.”

Um comentário:

  1. Parabéns polo artigo. Concordo convosco en que ANF está tocando polo asunto da lingua (tamén dos impostos). Dan a impresión, aparentemente, de estar a improvisar de continuo.
    Un saúdo,
    e vémonos o 17 (ou antes) ;-)

    ResponderExcluir