9 de mar. de 2009

Dimensións dos resultados, posíbeis causas e vías de futuro

As eleccións protagonizan o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, no cal matizo ou mudo algunhas das conclusións que sinalaba nunha entrada anterior deste blog.

Velaquí o texto, sobre o cal podedes deixar, se quixerdes, a vosa opinión como comentario:

Algunhas notas sobre as autonómicas
Dimensións dos resultados, posíbeis causas e vías de futuro

É significativo que a maioría das análises sobre o resultado destas eleccións se centren máis nos motivos da derrota do bipartito, que baixou ostensibelmente en votos, que na vitoria do PP. Alberto Núñez Feijóo será o novo presidente da Xunta de Galiza, mais a sensación xeneralizada é que estas autonómicas non as gañou o seu partido, senón que as perdeu a coalición gobernante nos últimos tres anos e medio, que venceu por moi pouco en 2005 e agora ficou no camiño tamén por moi pouco.

Se compararmos os resultados en Galiza nos anos 2005 e 2009 sen contarmos o polémico, por atacado pola fraude, voto do censo de “residentes ausentes”, veremos que o PP conseguiu mobilizar a 55.000 persoas máis (de 704.000 a 759.000), mentres o PSOE perdeu 28.000 (de 510.000 a 482.000) e o BNG 40.000 (de 307.000 a 267.000). A lixeira suba na participación (por un erro estatístico, case todos os medios exaxeraron tal aumento, que foi na realidade, sen contarmos o CERA, de 2,25 puntos) correspondeuse cunha parte da base electoral do PP, o cal quebrou cun errado tópico repetido na campaña por líderes políticos, articulistas e tertulianos, segundo o cal unha maior afluencia ás urnas significaría unha vitoria de BNG/PSOE, cando ao final o que se moveu foi o sachado voto da dereita.

O PP subiu nas provincias da Coruña e Pontevedra, nas cales o PSOE e o BNG perderon cadanseu escano, aínda que hoxe mesmo é probábel que o PSOE compense ese descenso cun novo asento no Hórreo a través do voto emigrante na circunscrición ourensá.

Dos efectos ás causas

Na análise, cómpre evitar a trampa habitual, e un tanto oportunista, de achacar uns resultados negativos nunhas eleccións a aquilo que non nos gusta dunha determinada forza política. Ese é un outro debate, que ten todo o senso na tomada de posicións tanto intra como interpartidarias, mais non para coñecer as dinámicas substanciais que de verdade levaron ao veredicto das urnas.

No caso do BNG, pódese detectar unha correspondencia entre a desmobilización do seu electorado e as áreas de maior difusión e capacidade de incidencia do medio de comunicación que mantivo a campaña máis hostil contra esta opción política. Obsérvese que tres de cada catro votos que perdeu o nacionalismo foron na provincia coruñesa e que na propia cidade herculina se deixaron polo camiño un de cada catro sufraxios do total do país. Aínda que haxa múltiplos motivos, penso que é este feito o que decanta o resultado e a perda do goberno, fronte a uns estudos demoscópicos que nos últimos meses ou días prognosticaban na súa maioría un certo crecemento no apoio ao BNG. A base social nacionalista é máis permeábel á intoxicación informativa, que se orientou arteiramente para agudizar o espírito crítico e crear a desmotivadora idea de que “todos son iguais”.

Ademais, tanto PSOE como BNG partiron dun erro de diagnose. Até os últimos días, nunca valoraron a posibilidade de perder, como se o feito de estar no goberno garantise de seu unha suba ou, no peor dos casos, a continuidade. A tendencia descendente do PP e a maior fraxilidade institucional desta forza parecían apuntar a iso, porén este partido compensouno sobradamente coa súa capacidade organizativa, alicerzada na historia, e os decisivos poderes fácticos que a fornecen. Hai que lembrar que ao longo desta lexislatura mesmo houbo inquéritos cociñados na Presidencia da Xunta que chegaron a presentar ao PSOE como virtual primeira forza de Galiza por diante do PP, un espellismo que a maquinaria electoral da dereita se encargou de desmontar en cada convocatoria.

No caso do PSOE, aínda que algúns estudos alleos á súa cociña manifestaban as opcións de crecemento, tamén é certo que moitos outros subliñaban un desgaste tanto a nivel de Estado como en Galiza, en boa parte atribuíbel á xestión da crise económica, que se podía concretar tanto nun estancamento como nun descenso, como finalmente aconteceu. A consideración de que a reedición do bipartito estaba cantada e que se trataba máis de se posicionar contra o socio minoritario para que non gañase posicións foron goles en propia meta. Elementos da campaña suxa e demagóxica iniciada polo PP tiveron portada e sustento nos grupos mediáticos máis próximos ao PSOE, debilitando o compañeiro de viaxe sen o cal este partido non ten posibilidades de (co)gobernar Galiza. Ademais, o PSOE disparouse aos pés cando, con todo o oportunismo, se dedicou a negativizar o pacto bipartito, por exemplo no referido ás concesións eólicas ou ás tímidas iniciativas de promoción do galego.

O goberno na balanza

Hai persoas con tribunas públicas que até hai oito días enxalzaban os logros destes últimos tres anos e medio que hoxe renegan do dito e fan tabula rasa para lle daren un suspenso en todo sen paliativos. Se realmente neste tempo non se tivese realizado ningunha mudanza, o PP non viría coa intención de destruír ou reformular de vez o avanzado.

Certo que este goberno non soubo facer pedagoxía para transmitir os seus logros nin os seus erros nin as súas limitacións. Certo que houbo departamentos como Medio Ambiente, Sanidade ou, en diferentes graos, nos medios públicos, nos cales non houbo cambios substanciais para mellor, mais tamén é verdade que se incardinaron proxectos moi positivos para o país no medio rural, nas políticas de xuventude, de sexualidade, de vivenda, na xestión enerxética, na creación dun sistema de benestar ou na acción cultural, por citar algúns, e aos que hai que acrecentar o desenvolvemento lexislativo en varios ámbitos. Na política lingüística, tanto se promoveron adiantos cualitativos nalgúns departamentos como se aplicou noutros un pusilánime continuísmo a respecto dos mandatos Fraga, que o novo PP quere desmontar, retrocedendo todo o avanzado na etapa autonómica, mesmo en anteriores gobernos seus.

Por pouco

A suma dos votos do PSOE e BNG é levemente inferior á do PP. Se un escano do PP mudar hoxe para o PSOE cos resultados do CERA, a diferenza será dun único deputado. Hai catro anos o bipartito gañou por pouco e agora perdeu por pouco, sendo por unha presada de sufraxios distribuídos dun ou doutro xeito como se acabou decidindo o goberno. Hai que lembrar isto fronte aos articulistas e tertulianos que repiten agora que unha alternativa ao PP será imposíbel en Galiza durante lustros. Se hai sete días non eran capaces de prever esta maioría absoluta do PP, por que van estar máis acertados nese inexplicado vaticinio a medio ou longo prazo?

Para o PSOE galego e, de forma máis especial para o BNG, comeza unha travesía do deserto e o retorno á oposición no Parlamento. É momento de reflexionaren e introduciren mudanzas, mais a nación precisa que se fagan con lealdade e construtivamente. Cómpre, como dicía Marx nunha das súas célebres citas, que non tiremos o neno xunto coa auga suxa da bañeira.

Hai resortes institucionais (Deputacións da Coruña e Lugo, gobernos das cidades e principais vilas; mesmo o goberno en minoría do PSOE no Estado) e tamén estruturas populares para continuar a resistir e que non lles sexa tan fácil o laminamento das conquistas realizadas.

De momento, aínda que o presidente in pectore presente un “goberno para todos”, o verniz da demagoxia que centrou a súa campaña comezou xa a caer en cuestións como o traído e levado coche oficial ou as súas propostas de desmantelar “con todo o amor” a cooficialidade da lingua galega, comezando polo ensino, algo que Manuel Rivas definiu con toda precisión como un “plan de extinción do galego”. Gañar as eleccións non converte as mentiras en verdades nin ampara atentados contra normas básicas de convivencia como o Estatuto de Autonomía e o recoñecemento do galego como lingua propia do país.

11 comentários:

  1. Acertada análise. Só discrepo: non hai travesía no deserto. Se BNG e PSOE o faceren ben na oposición, poderán recuperar o poder. O que se perdeu foi a credibilidade de manterse no poder e, moi particularmente no BNG, a desmobilización que se produciu nos movementos sociais afíns durante estes 3 anos.
    A base sociolóxica do PP mudou nestes últimos 15 anos, non é o retorno do fraguismo. Como dis, perdeuse máis por un descontento xeralizado do electorado do BNG que pola recuperación do PP.
    Se non houber fotos famosas no iate, de seguro non viría o PP de volta. Iso fai perder moitos votos e máis nun electorado crítico.

    ResponderExcluir
  2. Por outra parte (e 2...) ficou claro que si hai espazo para gañar votos ao PP no rural: o PSOE baixou nas catro provincias, o BNG subiu no rural (en termos porcentuais).

    ResponderExcluir
  3. Grazas por pasares por aquí e deixares a túa opinión. Entro no debate:

    Sobre o comentario 1: Penso que a travesía no deserto existe na medida en que hai paso pola oposición e necesidade de correccións e mudanzas en ambas as forzas que formaron o bipartito. Acho tamén que se as cousas se fixeren ben a travesía non ten por que ser grande.

    A min o do iate que non é iate (porque isto seica era un veleiro, que é diferente) é preocupante na medida en que, se o que se castiga é iso, non me parece que sexa ningún dos erros realmente importantes e de fondo que puido cometer o BNG. Calquera cuestión anecdótica pode converterse, a través da demagoxia e do tremendismo, co apoio mediático suficiente, en categoría. Ao final, quen pensamos que somos críticos podemos terminar asumindo o argumentario do inimigo, caendo nas trampas que con astucia nos coloca.

    En cantos verdadeiros iates non se terán entrevistado líderes que ninguén dubida da esquerda tan diversos como Hugo Chávez ou Lula da Silva?

    Sobre o iate que non é iate hai un interesante artigo de José Martínez Couselo: http://acentogallego.typepad.com/acentogallego_la_bitcora_/2009/03/anxo-quintana-en-el-velero-de-jacinto-rey.html

    Penso, de calquera xeito, que si hai outros erros de relevo, algúns dos cales tamén foron oportunamente aproveitados, e que non se soubo responder aos ataques, aínda que tamén hei de recoñecer que non é fácil acharse nunha situación como esa coas fraxilidades reais que ten o nacionalismo galego en moitos sensos.

    2)O PSOE subiu, antes do CERA, 2.300 votos na provincia de Ourense, de 61.800 a 64.100. No resto, como ben sinalas, baixou. O BNG descendeu algo en todas as circunscricións, especialmente nas áreas urbanas, aínda que o realmente determinante foi a sangría coruñesa.

    Pode haber espazo para gañar votos ao PP, mais na miña opinión o primeiro que debe facer o BNG é reconquistar a todo o seu electorado potencial e desencantado. O outro día escoitei unha cita que me pareceu moi acertada, de François Mitterand, que asereraba que "o xeito de conquistar o poder é ter primeiro contentos aos teus".

    ResponderExcluir
  4. Carlos, acho un problema na túa e nas demáis análises que levo vistas. É certo que tanto PSOE coma BNG baixan, pero o BNG baixa un 13% os seus votos e o PSOE un 5%. O BNG baixa ademáis por segunda vez consecutiva. Realmente temos un problema que non podemos negar e non creo que sexa positivo analizalo só en sintonía coa baixada do PSOE.

    Por riba, e nisto inclúome, penso que a acción de goberno das áreas do BNG foi relativamente satisfactoria e mellor que a do PSOE. Certo é que son dos convencidos. Pero isto provócame o desacougo de ver que ao mellor a nosa militancia non nos permite entender certas cousas.

    ResponderExcluir
  5. Eu vexo un grande problema de fondo, Carlos... din que non hai mais cego que o que non quere ver. E deberías de analizare mellor os resultados electorais.

    Fai catro anos, o BNG encontrouse co caramelo da vicepresidencia pese a enorme baixada de 17 escanos a 13. Demasiado premio para tan pouca chicha. O pasado 1 de marzo, despois de catro anos de goberno non conseguiron darlle a volta a situación, e ainda perderon un escaño mais.

    Que cada un saque as suas conclusions. Non digo mais, e inutil buscar excusas.

    ResponderExcluir
  6. Cibrán: Entendo o que dis, mais non ten as mesmas capacidades o BNG que o PSOE, que nesta ocasión contaba ao seu favor coa Presidencia da Xunta, o Goberno do Estado, as principais alcaldías de toda Galiza e a presidencia de dúas deputacións, ao que habería que sumar medios de comunicación moi fortes que o apoiaron sen dubidar e que hoxe teñen maior implantación que hai catro anos ou que non existían daquela.

    Por outra banda, ninguén pode discutir que é a segunda baixada consecutiva do BNG nunhas autonómicas, mais tamén é verdade que, nestes anos, tanto nas municipais como nas xerais se vía unha leve recuperación da forza electoral nacionalista. Hai cousas que a fronte nacionalista debe mudar e corrixir, diso non pode caber dúbida.

    Darkian: Non entendo o do premio e o da chicha, porque hai catro anos o BNG e o PSOE sumaron xuntos a maioría parlamentaria necesaria para gobernar.

    Tentar analizar e ofrecer explicacións de por que se decanta un resultado ou outro non é procurar escusas. Ti a que cres que se debe?

    ResponderExcluir
  7. A análise é minuciosa e perspicaz. Parabéns, Carlos, por ela. Sinto non contribuír ao debate de forma enriquecedora. Só quería deixar constancia de que, despois dunha semana intentando asimilar a nova situación de Galiza en materia de lingua, igualdade, medio rural, enerxía, vivenda, proxectos culturais, etc., o repaso que fas polas iniciativas do goberno en funcións volvéronme á tristura. Que inxente paso atrás. Quizais sexa tremendista, pero é como "case" se vence na loita irmandiña... pero non se venceu. Oxalá me trabuque.

    ResponderExcluir
  8. Deixo aqui também esta mensagem:


    Na reunião de hoje na galeria Sargadelos ficou bastante claro que qualquer convocatória do bando galeguista deve ser formulada em termos abrangentes e por uma plataforma diferente da MNL ou qualquer outra associação já existente. Várias pessoas e coletivos exprimiram-se nesse sentido. Há que criar uma fronte comum, pode ser a PLATAFORMA GALEGO SEMPRE MAIS, por exemplo, ou qualquer outro nome, mas deve ser uma plataforma em que todos queiramos estar. A convocatória não deve dar protagonismo a ninguém.

    Também faço notar que nessa assembleia aberta convocada pela MNL havia muitas vozes reintegracionistas que falaram e foram escutadas por todos os presentes. Uma das questões que se pôs de manifesto foi o modelo de língua, por ativa e por passiva.

    Com o mesmo modelo de língua que procuram os GaBis para nós, não vamos a nenhures. O pessoal está começando a entender isto.

    Saúde,

    Isabel Rei

    ResponderExcluir
  9. Olga, grazas por pasares e por deixares a túa mensaxe. Así e todo, non desalentes. Foi unha batalla importante a que se perdeu, mais con certeza fica aínda moita partida por diante. Moita.

    Isabel, grazas tamén por pasares, aínda que o comentario non teña nada a ver co tema da entrada ;)

    Na reunión falaron moitas e moi diversas entidades, reintegracionistas e non reintegracionistas, tamén con diferentes posturas nalgunhas cuestións, mais todas unidas por unha idea central, que é a defensa da nosa lingua propia, sempre e máis! Temos un importante camiño por percorrer, para mobilizar a toda a xente sensíbel co noso idioma, a través dun intenso traballo social. É moito o que nos une. Ánimo e forza!

    ResponderExcluir
  10. Antes, en resposta a Cibrán, dixen: "Por outra banda, ninguén pode discutir que é a segunda baixada consecutiva do BNG nunhas autonómicas". Ben, pois si que é discutíbel: esta foi a terceira baixada consecutiva, pois a primeira produciuse en 2001, cunha perda duns 50.000 votos.

    Tamén debo matizar que nestas últimas municipais o BNG non subiu en votos, senón que obtivo unha cifra récord de concelleiras e concelleiros (66 máis que catro anos antes), novas alcaldías e máis poder local.

    ResponderExcluir
  11. Tés razón, é a terceira baixada consecutiva. O curioso aquí é que é a primeira que non coincide cunha subida do PSOE.

    En tout cas, que dirían por aquí, penso que a segunda parte do teu comentario é moi relevante. O BNG pasou de ser unha estructura feble e pequena a ter presenza real en todo o país. E a realidade é que sen demasiados problemas ideolóxicos. Penso que as convulsións maiores foron debidas á existencia de demasiadas familias políticas e a unha certa rixidez á hora de facer integración. A transición de voceiro non foi tampouco doada. O sorprendente é que o propio paso polo goberno demostrou que ás veces somos un pouco estúpidos. A nivel de cadros o BNG é pequeno e as areas que nos corresponderon permitiron a xente de tódalas sensibilidades do BNG participar. Eu incluso diría que limitaron o funcionamento do BNG a nivel político.

    Penso que temos que implantar unha cultura un pouco máis aberta no BNG, romper cos apriorismos de... este é destes ou aquela é daquelas e rebaixar algúns personalismos. De verdade, a acción política demostra que non existen discrepancias relevantes a nivel ideolóxico. Ainda que ás veces penso que isto forma parte do volkgeist galego.

    En resumo, debéramonos sentir orgullosos de a onde chegou o BNG e apreciar ata que punto é o máis grande que o nacionalismo galego organizado fixo nunca sendo conscientes ao mesmo tempo das súa limitacións (inda sendo grande non é enorme) para coidalo e non voltar caer no minifundismo partidario do que vimos (ainda que ás veces semella que hai xente que se sentiría máis cómoda con 3 deputados).

    Perdón polo rollo :)

    ResponderExcluir