16 de mar. de 2009

Da demagoxia ao disparate

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda os amorosos proxectos do PP para a nosa lingua no sistema educativo:

Da demagoxia ao disparate
O amor de Alberto Núñez Feijóo ao galego no ensino


Nos louvores ao presidente da sucursal do PP en Galiza e próximo presidente da Xunta enxálzase sempre a súa capacidade para a oratoria, aínda que os críticos lembren tamén aquel consello en forma de reprimenda que no seu día lle dera a súa correlixionaria Loyola de Palacio: “cando falas, pareces un pouco chulo”.

Poden ser plausíbeis os continentes dos seus discursos, mais os contidos non agoiran nada bo para esta lexislatura que aínda non comezou, aínda que o pareza polas constantes recepcións institucionais ao presidente in pectore, que non presidente electo. A demagoxia e o cinismo constitúense como os eixos centrais de Alberto Núñez Feijóo. As súas diarias declaracións sobre o galego no sistema educativo son boas mostras.

Ao mesmo tempo que se manifesta como un amante da lingua e disque o seu primeiro defensor, anuncia que a primeira medida do seu goberno será derrogar o decreto que regula que ao menos a metade das materias do ensino non universitario deben ministrarse na lingua propia de Galiza. Mentres, o cabeza de lista do seu partido pola circunscrición da Coruña amosa a súa intención de derrogar a Lei de normalización lingüística, cuxo artigo 10 (o único taxativo desta norma) sinala que os nomes de lugar galegos terán como forma oficial a galega, e que é un aspecto básico do recoñecemento da lingua propia e natural de Galiza.

Amores que matan

Non debería sorprendernos a posibilidade de que a persoa que asuma as responsabilidades de cultura e educación –ou o que aglutine a tal probábel nova macroconsellaría– no novo goberno sexa alguén de rostro “amábel”, lonxe das fobias dun Carlos Negreira ou do histrionismo dun López Chaves. Alguén que manifeste día si e día tamén perante os micrófonos o seu intenso amor pola cultura galega mentres vai desfacendo os adiantos conseguidos para a nosa lingua, non só nesta última lexislatura do bipartito, senón mesmo ao longo de toda a etapa autonómica.

Temos que ser conscientes da situación histórica en que nos encontramos, neste “plan de extinción do galego”, que con exactitude definiu Manuel Rivas. O PP, con certeza, quere ensaiar en Galiza un proceso de desmantelamento da cooficialidade dunha lingua, que xa tentou en maior ou menor grao con anterioridade en Nafarroa e nas Illes Balears, lugares onde ao final tivo que recuar. De nós, da nosa capacidade de mobilización, por exemplo o 17 de maio, dependerá que tamén en Galiza poidamos detelo. Se non nos activamos e volvemos pensar, como moitas e moitos ao comezo da campaña electoral, que todo está feito ou que todas estas afirmacións non pasan de globos sonda, mal andaremos.

Que pasará co galego no ensino?

A promesa de eliminar as medidas de promoción do galego en todo o ensino non universitario, tanto a través das Galescolas como do decreto 124/07, son repetidas a diario polos dirixentes do PP, especialmente por Núñez Feijóo. Tanto lles ten que a comunidade educativa respalde estas medidas e que a “imposición del gallego” sexa só unha ladaíña inventada por eles e os seus grupos de comunicación. Lembrémolo máis unha vez, porque é importantísimo: este decreto foi respaldado polo Consello Escolar de Galiza, polos sindicatos que representan o 90% do profesorado, por todas as organizacións estudantís actuantes no noso país, por todos os movementos de renovación pedagóxica, pola federación dos 125 centros católicos concertados e pola federación pública de asociacións de nais e pais. Vai ser capaz o PP de presentar un decreto cun maior respaldo que o que conseguiu o que agora está en vigor?

As palabras de Núñez Feijóo ao respecto do galego no ensino son, ademais de demagóxicas, tamén moi confusas. Xa na campaña electoral realizaba promesas que se contradicían entre si para tentar achegarse a diferentes sectores, contentando os grupos máis ultras que están contra o galego, non tanto pola implantación social destes colectivos (moi minoritaria), senón pola forza dos poderes fácticos, mediáticos e económicos, que os sustentan, que si é decisiva e aplastante. Porén, ao mesmo tempo, Núñez Feijóo tentaba tamén distanciarse esteticamente dalgunhas destas posturas ultramontanas, para non perder outras bolsas de votantes.

Un encaixe complexo...

Tras o veredicto das urnas, o líder do PP galego continúa co mesmo discurso confuso, sen se asesorar por ninguén, senón repetindo as mesmas ideas demagóxicas. Afirma que as nais e os pais poderán escoller a lingua en que se educan os seus fillos ou as súas fillas, mais punto e seguido tamén sostén que non separará por aulas tal e como exixía a desmemoriada Galicia Bilingüe.

Ben, entón como vai facer para cumprir a súa promesa? Se unha familia pide que a súa filla estude en castelán e outra familia que o seu fillo estude en galego, aínda que só sexa a materia de matemáticas, como vai garantilo sen separalos en aulas diferentes? Ou é que vai contratar dous profesores para cada aula e un explicará nunha lingua e outro noutra? Talvez está a pensar en separar as salas dos centros con biombos?

Aínda que os pais escollan unha lingua ou outra, el di tamén que o alumnado será “libre” de utilizar a lingua que quixer nos traballos de aula ou nos exames. Entón, se un rapaz ou unha rapaza pode non ter que practicar unha lingua, como vai aprendela? Só se lle apetece? Entón por que o castelán e o galego son cooficiais? Se na familia queren que aprenda unha lingua e a alumna ou o alumno se nega, que escolla prevalecerá? Estenderase tamén a outros coñecementos a posibilidade do estudante de non ter que demostrar que adquiriu as correspondentes competencias?

Para máis inri, Núñez Feijóo afirma tamén que o profesorado poderá dar as aulas na lingua que quixer. “Sen imposicións”, claro. Garantindo a “liberdade lingüística”, como non! Mais se o docente pode usar un idioma ou outro indistintamente dentro da aula, para que se pregunta nada ás familias? Non vai iso contra a “liberdade” do profesor ou da profesora? Que “liberdade” prevalecerá? Como se vai garantir entón o suposto “dereito” que se quere estabelecer para que os pais e as nais escollan a lingua en educación infantil ou de determinadas materias? E o do alumnado tamén de escoller lingua? E como collerá todo isto nunha soa aula, sen triplicar o sistema educativo? Ou é que se triplicarán os biombos?

Aínda máis. Até que punto se garantirá a “liberdade lingüística”? Haberá que realizar unha escolla vinculante a comezos de curso ou poderá mudar? Se unha estudante fala e escribe en castelán en setembro e a partir de marzo quere mudar para o galego, poderá facelo? E a familia? E o profesor ou a profesora?

Todo o que dixen aquí pode parecer absurdo, mais que non se achaque á miña exposición, senón á disparatada lóxica da demagoxia do futuro presidente da Xunta sobre a materia.

Escribindo aos dous anos

Se a comunidade educativa estaba xa abondo preocupada co descoñecemento absoluto que ten o futuro presidente da Xunta sobre a realidade do día a día das aulas, este aínda ousou repetir en varias ocasións que os rapaciños e as rapaciñas das Galescolas non aprenderán a ler e escribir en galego.

Deixando á parte esa afirmación categórica a respecto do idioma, haberá que lembrarlle que nas Galescolas están neniños e neniñas de menos de 3 anos, entre os cales non son habituais moitas destrezas na lectura nin na escrita, que se introducen a idades máis avanzadas. Antes, cóntanselle contos, fanse xogos, cántanse cancións, esas cousas tan tóxicas...

Non lle viría mal ao futuro presidente galego coñecer un pouco mellor o sistema educativo antes de botar a lingua a pacer en temas tan importantes para a formación das futuras xeracións e que, se se tratan sen o necesario diálogo e consenso, poden crear unha gravísima fractura social.

3 comentários:

  1. E absolutamente inoportuno posicionarse dun xeito tan belixerante contra unha iniciativa que nin siquer se coñece, nomeadamente, pra ter migallas de credibilidade, é preciso, criticar aspectos concretos de normas que polo seu espiritu ou normas de aplicación poidesen quebrar ou impedir o uso do idioma.
    A postura actual , desvirtúa o xérmolo da función da Mesa coma ferramenta de defensa do galego, ao situarse ao servizo de prexuizos ideolóxicos ou políticos.
    A defensa non se pode facer por oposición da ameaza que ainda non existe, porque revela a utilización maniquea dos colectivos, trocándo os seus voceiros en inmovilistas e reaccionarios.

    ResponderExcluir
  2. O anterior cre nos paxariños preñados e que hai que calar a boca mentres Feixóo non asine a derrogación do decreto. Os que defendemos o galego non pensamos o mesmo e sabemos que hai que impedir que se derrogue.

    Tamén para o anterior vai un consello. Repasa as normas do galego, que de escribilo tan pouco cometes bastantes erros: "e" (verbo ser), "siquer", "pra", "prexuizos", "trocándo", "inmovilistas", "ainda", "espirtu"...

    Parabéns polo artigo e por todo o traballo teu e da Mesa.

    ResponderExcluir
  3. Non entendo como se pode pretender que non haxa posicionamento claro e contundente contra unha medida que se tomará nada máis desembarcar na xunta o novo goberno: a derrogacion do decreto 124/07, anunciada por activa e por pasiva e asinada mediante "contrato"
    O señor Feijóo terá o honor de pasar á historia como o presidente de Galicia que tomou medidas claramente regresivas con respecto ao idioma. Nuns intres especialmente delicados para a súa supervivencia.
    Haberá que lembrarllo maís de unha vez!

    ResponderExcluir