20 de jul de 2011

A indiferente marcha camiño do infinito

ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA

Na xa vella varanda
entapizada d'hedras e de lirios
foise sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.

Interminable precesión de mortos,
uns en corpo nomais, outros no esprito,
veu pouco a pouco a aparecer na altura
do direito camiño,
que monótono e branco relumbraba,
tal com'un lenzo nun herbal tendido.

Contemprou cal pasaban e pasaban
collendo hacia o infinito,
sin que ó fixaren nela
os ollos apagados e afundidos
deran siñal nin moestra
d'habela nalgún tempo conocido.

I uns eran seus amantes noutros días,
deudos eran os máis i outros amigos,
compañeiros da infancia,
sirventes e veciños;
mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na varanda contempraba
cal brilaban os lumes fuxitivos.

(Rosalía de Castro)

Nenhum comentário:

Postar um comentário