7 de jul. de 2011

Cúmprese en Galiza a Carta Europea das Linguas?

Nesta fotografía aparecemos as persoas que compuxemos a delegación galega non gobernamental que onte se reuniu co Comité de Expertos do Consello de Europa. No tempo dispoñíbel para o encontro debullamos con moitos exemplos concretos unha situación que se resume en dúas ideas:
a) Todo o que había de positivo no relatorio que o Consello de Europa realizou hai tres anos xa desapareceu, xa non existe.

b) Os incumprimentos da Carta aumentaron exponencialmente desde que comezou o goberno de Alberto Núñez Feijóo.

A Carta Europea é un tratado internacional que obriga a algunhas cousas como as seguintes:
  • Que o modelo educativo sexa en xeral en galego no ensino non universitario e, como pouco, que exista un 50% de presenza desta lingua.

  • Que haxa, como mínimo, un xornal, unha radio privada e unha televisión privada que emitan só en galego.

  • Que se reciban en Galiza as radios e televisións portuguesas.

  • Que se garanta o uso normal do galego nas relacións económicas.

  • Que se garanta o uso normal do galego nas relacións coas administracións.

  • Que se garanta o uso normal do galego na Administración de Xustiza.

  • E un longo etcétera.
Se vos pregunto se se cumpre a Carta, que diríades?

Pois a Xunta, sen rubor, decidiu enviar onte un comunicado aos medios co seguinte titular: "A Xunta de Galicia cumpre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias".

Quen teña estómago para ler tal nivel de manipulación poderá ver que continúan tamén con outras mentiras.

Nenhum comentário:

Postar um comentário