21 de mar. de 2009

Ánimo!

Onte, dando unha volta por Santiago, achegáronseme dous homes de trinta e pico que non coñecía de nada e soltáronme: "¡Tú eres Carlos Callón! ¡Hombre, ahora te vas a joder, que hemos ganado nosotros! ¡Ahora con el PP te vas a joder! ¡Se acabó la imposición del gallego! ¡Viva el castellano!" Como comprenderedes, non me puxen cun diálogo con semellantes energúmenos e seguín ao meu. Un bo amigo que estaba comigo neses momentos, castelán falante, quixo replicarlles algo, sorprendido.

Este desagradábel incidente recordoume a outros de hai non tanto tempo, cando o PP gobernaba con maioría absoluta non só na Xunta, senón tamén no Goberno central e nos concellos, e había militantes e simpatizantes seus que saían á rúa nas noites electorais co conciliador e repetido lema de "Si no eres del PP, jodeté, jodeté". Non lle coñezo retrouso semellante nin ao PSOE nin ao BNG.

Eu son de Ribeira. Aló, desde hai ben de anos, o PP goberna con maioría absoluta. Lembro como, non hai moito, un militante desa formación tamén realizaba cánticos e danzas o día das municipais, non tanto para festexar a súa vitoria (o cal sería comprensíbel), senón para menosprezar e ridiculizar os rivais. Esa noite cruzouse con Mariano Vidal, histórico e recordado dirixente nacionalista da comarca da Barbanza, que lle soltou unha frase, con tal dose de seriedade e dignidade que fixo que o outro parase nas súas chanzas: "Nunca choveu que non escampase".

A pesar deste tipo de actitudes e do envío cada certo tempo dalgúns anónimos insultantes a través do correo electrónico, debedes saber que o máis habitual desde o 1 de marzo é que haxa xente que nos deteña aos compañeiros da directiva da Mesa pola rúa para nos desexaren ánimo (esa é a exclamación máis reiterada, con diferenza: "Ánimo!") e ofreceren o seu ombreiro para arrimalo a colaborar, así como persoas que dan o paso para se afiliaren.

Se pensan que nos van parar, van bos! Xa pasamos tempos moi duros e, con entusiasmo, tesón e intelixencia, pasaremos tamén estes!

7 comentários:

  1. Haiche cada personaxe solto pola rúa...Menos mal que nos queda a ferramenta da ilusión e o sorriso, que eles nin teñen nin saben o que é.

    ResponderExcluir
  2. animo churriño nen caso deses energumenos e que non esquenzan que non hai mal que cen anos dure ruth

    ResponderExcluir
  3. Mauro Fernández e Henrique Monteagudo veñen de deixar comentarios no blog El voto con botas

    http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=2323#comments

    onde falan do teu catastrofismo e da túa falta de rigor. Teño curiosidade por ver que opinas.

    ResponderExcluir
  4. Para o anónimo que asina como "curioso": Grazas pola información, non o vira. Saciarei a túa curiosidade na próxima entrada, non o dubides, mais hoxe é domingo e vai sol. De calquera xeito, algo falo sobre o tema no artigo que publico mañá en Galicia Hoxe.

    Por segunda vez neste blog, borrei unha mensaxe. Xusto estaba antes que esta e era, covardemente, anónima. Tratábase dunha difamación repugnante contra unha persoa falecida. Elimineina, e farei o mesmo en casos futuros, porque este blog non se vai converter nun taboleiro de mentiras e insultos.

    ResponderExcluir
  5. Tentei enviar a última moda para este verán, pero non podo subir imaxes:

    "Sobrevivín á era fraga; 4 anos non son nada"

    MÁIS QUE NUNCA.... Somos moit@s e somos bós/boas.

    ResponderExcluir
  6. http://www.youtube.com/watch?v=j8n1D-eT3tI

    :)

    P.

    ResponderExcluir