31 de jan. de 2011

Memoria das derrotas, alimento do futuro

Pola viaxe que comentei onte, non puiden asistir aos primeiros actos de celebración do 125 aniversario do nacemento de Castelao. Parabéns á federación Galiza Cultura pola súa espectacular estrea. A faixa que vin pendurada esta mañá no pazo de Bendaña, na céntrica praza do Toural compostelá, está xenial.


O artigo desta semana en Galicia Hoxe trata sobre un outro galego que tamén soñou desde o exilio cunha Galiza máis libre e un mundo máis xusto: Lorenzo Varela. Na mesma sesión parlamentar en que Alberto Núñez Feijóo decidiu traducir para o español o discurso "Alba de Groria" de Daniel Castelao, tamén puxo como un dos seus referentes este poeta comunista a quen se lle dedicou o Día das Letras en 2005. Vivir para ver.

Os soños do exilio
Memoria das derrotas, alimento do futuro


Lorenzo Varela é autor dunha obra reducida en lingua galega. Para alén dalgún texto solto en prosa, levan a súa sinatura menos de trinta poemas, esparexidos en dous volumes en galego: Catro poemas pra catro gravados (1944) e Lonxe (1954), así como a compilación póstuma bilingüe Homaxes (1979). Trátase dunha obra literaria escasa no noso idioma, mais singular polas escollas temáticas feitas e pola terra e o tempo en que Varela opta por se presentar como poeta en galego, nun momento de desercións e confusionismo por parte doutros autores.

Luís Seoane elabora catro gravados sobre catro figuras da historia de Galiza e entrégallos ao amigo poeta para que escriba versos para cada un dos deseños. Así nacen os Catro poemas pra catro gravados, un traballo cooperativo que pretende realizar unha intervención política nun momento de esperanza na derrota do fascismo. Porque a poética, sostiñan eles, para os galegos é política.

Nesta obra hai innovacións na literaturización da historia da Galiza. Quérese subliñar unha historia valente de revolucións sociais, mais tamén unha historia atrevida de revolucións sexuais. As catro figuras homenaxeadas neste volume son María Pita, Roi Xordo, María Balteira e o bispo Adaúlfo. Fagamos un pequeno recordatorio de cada unha destas persoas: María Pita foi a heroína que defendeu A Coruña do ataque inglés no século XVI; María Balteira é a máis lembrada das nosas satirizadas soldadeiras medievais; Roi Xordo foi o líder da fracasada primeira revolta irmandiña, e Adaúlfo foi un bispo de Compostela condenado a morte por unha acusación de sodomía, mais salvado por un milagre.

Os Catro poemas pra catro gravados teñen unha estrutura simétrica que axuda a subliñar a importancia das mulleres na historia. No texto de homenaxe a María Pita saliéntase o seu carácter de líder militar con quen o eu lírico di partillar unha mesma loita pola comunidade. Ademais, no poema sobre María Balteira sublíñase o papel marxinal que lles toca vivir ás mulleres nunha sociedade misóxina. Os versos de Varela falan dunhas normas sociais que impiden falar ben dunha muller que rompe as normas, como é o caso da Balteira.

Luís Seoane manifestaba nun artigo de 1954 na revista Galicia emigrante que pretendía escribir unha serie de textos sobre as mulleres. Afirmaba facelo coas seguintes pretensións, que traduzo: “Non só para que as feministas teñan en Galiza un exemplo do seu xeito de pensar, senón tamén para que os descendentes de galegos e os que non o son, encontren na nosa terra un novo valor.” Referíase neste último caso a que en Bos Aires se facía da “muller galega un tema de sainete”. Sobra indicar que o movemento feminista nos anos 40 e 50 estaba varrido da Galiza. Era o seu un obxectivo de alimentar o futuro, para dignificar o país nun presente precario e de surtir a despensa discursiva dun movemento progresista como o do feminismo, con referentes históricos galegos pouco coñecidos. Estas mesmas premisas pódense constatar nos Catro poemas pra catro gravados.

Ademais, nesta obra sublíñase que os protagonistas da historia son os heroes e heroínas das clases populares (María Pita e Roi Xordo), ou aquelas persoas marxinais socialmente pola súa conduta, sexan próximas ao lumpen nalgúns trazos (María Pita) ou pertencentes de vez ás clases dominantes (o bispo Adaúlfo ou o propio Roi Xordo). Porén, estas figuras pertencentes á nobreza laica ou eclesiástica son reconvertidas e, por tanto, “reconciliadas” coas clases populares, pois o nobre Roi Xordo lidera un movemento antiseñorial e o bispo é vítima dun xuízo cruel, do cal sae ileso por vía sobrenatural.

Sobre as marxinalidades de María Balteira e o bispo Adaúlfo, Lorenzo Varela posiciónase coas actitudes comprensivas co diferente. O xograr do segundo poema burla as normas sociais que impedían louvar a soldadeira e o touro que debería matar o bispo por homosexual opta por non lle facer dano, en contraste coa realidade en que non acontecen tales milagres.

A proximidade da Guerra Civil, o contexto bélico en Europa contra o fascismo e o coñecemento da existencia de guerrilleiros nas montañas galegas fixeron que, para alén do que os textos puidesen expresar, a mensaxe que deles se recibiu viñese mediatizada por esta situación. Mais no exilio o libro tamén interacciona nun contexto inzado de prexuízos cara á Galiza polo republicanismo español, pois nalgúns sectores era identificada como unha terra mansa ou como unha “rexión” filofascista, debido á súa rápida caída no bando dos insurrectos.

Poetizar un presente afastado

En 1954, Varela publica un outro libro de versos en galego: Lonxe. Desta volta son os seus textos os acompañados polos gravados de Seoane e non á inversa, como na anterior ocasión. Lonxe componse de dez poemas, con tres liñas temáticas claramente interconectadas: a resistencia contra o fascismo, a emigración (tamén vinculábel ao exilio) e a saudade da patria (a través de imaxes da Galiza máis tradicional).

As composicións máis difundidas no interior, aínda que limitadamente, son as do último grupo, que eran tamén as máis inocuas no contexto político. Porén, os textos salientados pola crítica futura serán os referidos ás vítimas da represión franquista: “Manuel Ponte”, “Manuela Sánchez” e “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados”. Estes son poemas novidosos, innovadores, dentro do que se publicaba tanto no enclave porteño do sistema literario galego como, evidentemente, na Galiza. Dous destes textos refírense á loita da guerrilla nas montañas galegas: Manuel Ponte foi un coñecido líder do movemento e Manuela Sánchez foi unha muller asasinada por defender unha partida de guerrilleiros. Reparemos en que, novamente, hai a intención de non escurecer o papel das mulleres na historia. Homenaxéanse e recórdanse dúas figuras próximas no tempo, que non podían ser coñecidas nas comunidades a que pertenceran. A literatura tenta cumprir así o papel de difundir os nomes que a censura non permitía que saísen nos medios de comunicación, a non ser dun xeito desfigurado.

Manter a memoria

A obra poética en galego de Lorenzo Varela contribúe para o mantemento da memoria, fronte a amnesia e a narcotización promovidas polo fascismo. Nos seus versos achamos a memoria dun pasado de revolucións sociais e atrevementos sexuais, mais tamén a da resistencia heroica nun presente difícil e o recordo das vítimas do franquismo. É unha historia que nos pertence.

30 de jan. de 2011

Quen non viu Lisboa...

A miña avoa, que nunca estivo na capital portuguesa, escoiteille moitas veces o coñecido dito sobre a beleza lisboeta. Esta fin de semana estou percorrendo de novo as súas rúas, ollando de novo desde os seus miradores e caendo no vicio das súas librarías.

Entre outras actividades, onte gocei do musical Um violino no telhado. Ademais da boa posta en escena, non puiden deixar de matinar no bo que sería para a normalización da nosa lingua e cultura que espectáculos como este tamén tivesen distribución e divulgación no norte do río Miño.




26 de jan. de 2011

A importancia de nos movermos



Faltan poucas horas para que comece a folga xeral convocada pola CIG e secundada polo conxunto do movemento nacionalista galego.

É unha aposta moi arriscada, que conta coa oposición dos dous grandes sindicatos de obediencia estatal e co silenciamento por parte dos principais medios de comunicación. Isto acontece a pesar de que a entidade convocante é a primeira organización sindical en afiliación de toda Galiza e a segunda en número de delegadas e delegadas.

O paro da actividade seguramente non chegue a ser maioritario en todo o país (oxalá me equivoque!) e os titulares si abrollarán aí para falaren dun fracaso. Agora ben, con independencia dos resultados concretos, penso que esta folga vai ser un éxito incontestábel a medio e longo prazo, pois non habería nada peor que non facer nada ou non contestar debidamente o desmantelamento do chamado estado de benestar.

De nós depende o que puider acontecer. Só erguendo a nosa voz poderemos ter opción de mudar, se non de forma inmediata si nun horizonte próximo, este novo modelo tan inxusto para as maiorías sociais, para as clases traballadoras, que son as que sosteñen o país e garanten o seu verdadeiro crecemento.

Eu, sen dúbidas, secundarei a folga xeral e anímovos a todas e todos os que pasades por aquí a que tamén o fagades. Parafraseando as palabras de Suso Seixo no vídeo de arriba, talvez agora non poidamos conseguir que non nos rouben o noso diñeiro, mais si poderemos evitar que nos rouben a nosa dignidade.

Manifestacións e concentracións da folga xeral:

Vigo. Ás 12.00 horas desde o Cruce da Doblada.

A Coruña. Ás 12.00 horas desde a Praza de Vigo.

Cee. Ás 12.00 horas na Praza do Concello (concentración).

Pontevedra. Ás 12.00 horas desde a Praza da Ferrería.

Vilagarcía. Ás 12.00 horas desde a Casa do Mar.

Ferrol. Ás 12.30 horas desde a avenida de Esteiro (local da CIG).

Santiago de Compostela. Ás 12.30 horas desde a Praza Roxa.

Lugo. Ás 12.00 horas desde a Ronda da Muralla, 58 (local da CIG).

Burela. Ás 12.00 horas desde a rúa Arcadio Pardiñas, 137 (local da CIG).

Ourense. Ás 12.00 horas desde o Pavillón dos Remedios.

Verín. Ás 11.30 horas desde a Praza do Concello.

Xinzo. Ás 11.30 horas desde a Praza do Concello.

O Barco. Ás 12.00 horas na Praza do Concello (concentración).

Ribeira. Ás 12:00 horas desde a Praza do Peixe.

Movámonos tamén polo noso teatro

Chegoume hoxe unha mensaxe a través do facebook sobre unha convocatoria de concentración para esta sexta feira (venres) día 28 ás 12 h diante da sede do AGADIC en Compostela (en San Lázaro). A min vaime ser imposíbel asistir, e síntoo ben, porque os motivos da súa mobilización son que a axencia da Xunta lle debe ás compañías de teatro do país un millón de euros por traballos xa realizados.

Ademais do conseguinte problema de liquidez, supón unha perda económica irreparábel desde o momento en que estas empresas culturais teñen que adiantar importantes cantidades en impostos, coa posibilidade da correspondente sanción tributaria se non poden facer fronte.

A convocatoria de concentración está realizada pola Asemblea Xeral de Escena Galega, que preside o coñecido actor Ernesto Chao.

25 de jan. de 2011

Unha calamidade


Veño de Lugo, de impartir unha conferencia nun instituto sobre a situación do noso idioma e as posibilidades de rectificarmos o camiño actual, que leva cara á súa residualización e cara á indefensión das persoas que queren (que queremos) usar o galego. Porén, a pesar da negrura da situación, nunca debemos esquecer que a posibilidade de corrixirmos o rumbo permanece aí.

Un tema que estivo presente neste acto da mañá foi a recente polémica creada polo PP sobre a posibilidade de usar o galego no Senado. Este partido actúa histrionicamente contra algo que debería ser normal: que nunha cámara de representación democrática se poidan utilizar as linguas existentes e recoñecidas como oficiais. O seguinte paso debería ser que tamén se puidese facer o mesmo no Congreso e, algo moi importante e que trascende o simbólico, que os diferentes ministerios garantisen información e atención en galego. Non é de recibo que a estas alturas aínda a maioría das súas páxinas web non teñan unha versión digna de tal nome no idioma propio de Galiza e que moitos formularios de uso habitual non se poidan descargar máis que en castelán.

Desde A Mesa criticamos hoxe ao presidente da Xunta polas súas reiteradas (diarias!) e demagóxicas declaracións contra o uso do galego no Senado. Unha auténtica calamidade. Como calamidade é que o presidente de Galiza non estea a actuar como é debido ante a gravísima ameaza de bancarización da caixa galega, que suporía a apropiación da maioría dos aforros dos galegos para o lucro dos mesmos de sempre. Sobre iso si que se mantén moi discreto. Unha auténtica calamidade.

24 de jan. de 2011

O xefe de todo isto


O artigo desta semana versa sobre a folga xeral convocada pola CIG para esta quinta feira (xoves):

27 de xaneiro
Unha folga xeral moi necesaria


No filme O xefe de todo isto, dirixido por Lars Von Trier, o dono dunha fábrica de tecnoloxía, para ser amigo dos traballadores e que non o vexan como un distante e cruel xefe, finxe ser un simple delegado das ordes que lle chegan dun imaxinario presidente. Así, transmite apesarado e cómplice cos afectados as decisión máis incómodas: el non manda, non ten alternativa.

Cando decide vender a empresa, coas consecuencias negativas que terá para o persoal, non lle queda outra que contratar un actor para que interprete o papel do xefe que estivera ausente todo este tempo. O comediante chega a pórse tanto no papel que actúa coa lóxica da súa personaxe mesmo cando o seu finximento se descubre.

Non parece unha parábola perfecta do que está a acontecer nestes momentos no Estado español? O goberno democraticamente elixido no Congreso dos Deputados, a través das deputadas e dos deputados saídos das últimas votacións, presenta que todas as medidas que está a adoptar, que non levaba no seu programa electoral, son para satisfaceren as demandas dun etéreo, voraz e implacábel amo denominado Mercado. Láianse de que non sor eles: é o xefe de todo isto o que ordena a conxelación das pensións para 2011, a supresión da axuda ás paradas e aos parados que non cobran outra prestación, a redución dos salarios do persoal das Administracións Públicas, a reforma laboral que abarata e facilita o despedimento, a privatización das rendíbeis empresas públicas AENA e Lotarías do Estado, etc.

Slavoj Žižek, entre outros lugares no seu libro O espectro segue a roldar (editado entre nós por Laiovento), sostén que unha das diferenzas fundamentais entre o socialismo e o capitalismo está en que no primeiro sistema hai a quen botarlle as culpas. O pensador esloveno escribiuno moito antes de que estourase a actual crise, mais é inmersos nela como podemos comprender mellor o alcance das súas palabras. Os gobernos democraticamente elixidos irresponsabilízanse publicamente das súas funcións e amósanse como simples títeres do omnipotente Deus Mercado, que quere manter o seu lucro, aínda que sexa a custo de aumentar as fendas sociais e desprotexer as maiorías. Non son necesarias máis filtracións de wikileaks nin máis thrillers sobre conspiracións: quen manda está ao descuberto.

Ante esta situación, convértese en urxentemente necesario reactivarmos a musculatura social e tornarmos á rúa. Penso que por iso é un acerto a convocatoria de folga xeral realizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o primeiro sindicato de toda Galiza en número de afiliadas e afiliados e o segundo en número de delegadas e delegados. É un pulso moi forte para levalo adiante sen a compaña das outras dúas grandes organizacións sindicais, de obediencia estatal, polo que é máis oportuno agradecer as tarefas e responsabilidades que puxeron sobre as súas costas.

Campaña

Ademais do propio labor de mobilización para parar Galiza este día 27, é fundamental o labor de formación e información que se está a desenvolver: realización dunha páxina web específica con argumentos para o debate (folgaxeral.galizacig.com), un vídeo explicativo sobre o que na realidade se está a facer coas pensións, etc. Son datos que se vaporizan na inmensa maioría dos medios de comunicación, máis atentos a multiplicaren falsidades como que o sistema público de pensións está en perigo.

Comprobando as fontes limpas, obsérvase que tal afirmación é unha falacia, que funciona como argumento do xefe de todo isto para nos presentar como irremediábeis as súas decisións. A verdade é que non ten a ver coa crise económica que o Goberno central dificulte o acceso ás pensións e reduza a súa contía. Ollo a estes datos para confrontar coa machacante propaganda oficial:
  • En ningún estado da Unión Europea se supera nestes momentos a idade legal dos 65 anos para a xubilación. De feito, no que respecta á media da idade real, o Estado español está nunha das cotas máis altas da Unión, con 62,6 anos segundo os últimos datos.
  • Os estudos pagos pola banca, que sinalaban que o sistema público de pensións entraría axiña en quebra, apuntaban en 1995 que na actualidade o Estado tería só 39 millóns de persoas, cando a realidade é que ten 8 millóns de habitantes máis. Investigacións máis recentes, de 2005, consideraban que en 2010 habería 7,6 millóns de pensionistas, cando a realidade son 200.000 menos; os cotizantes á seguridade social serían para estes oráculos 13,9 millóns, cando a verdade é que son 17,8 millóns...
  • A seguridade social, aínda en plena crise e cun 20% de desemprego, segue a ter superávit.
Non quero finalizar este artigo, sen animarvos a todas e a todos a participardes na convocatoria de mobilizacións que se van realizar en diferentes puntos do país este día 27, así como proporvos que asinedes e difundades o manifesto de apoio dispoñíbel na rede. Na nosa man está construírmos un mundo máis xusto e máis democrático. Paramos para avanzar.

23 de jan. de 2011

O galego é a chave

No acto de onte en Carral sentiuse con intensidade o que Manuel María chamaba a tribo. O noso poeta nacional foi, sen se organizar así previamente, o máis citado e evocado. El sabía que nos fornecía de alimento para o futuro.
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo é morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

22 de jan. de 2011

Que facer nesta tarde?


Pois se non sabedes, unha posibilidade interesante é a que nos ofrecen as compañeiras e os compañeiros de Queremos Galego de Carral, que ás 17.30 comezan cun amplo programa de actuacións e intervencións na defensa do noso idioma: as Pandeireteiras Xoldreira, o Grupo de Baile Terra Sena de Cee, o Grupo de Baile Nosa Señora do Carme de Fisterra, o Grupo Catalmibre, Tino Vaz, Miro Casabella, A Quenlla...

A loita pola nosa lingua continúa no día a día.

21 de jan. de 2011

Información telegráfica sobre a lingua e a folga xeral


Algunhas cousiñas de interese e actualidade, a primeira sobre a folga xeral e as seguintes sobre o noso idioma:
  • Páxina web da CIG para manifestares a túa adhesión individual á folga xeral do vindeiro día 27.
  • A denuncia da Mesa de que se reduzan os cursos CELGA e só haxa unha posibilidade anual para examinarse.

  • O artigo de hoxe de Manuel Rivas na edición galega de El País: "As senadoras, o galego e o Espírito Santo".

  • Mañá, sábado 22, ás 18 h no Campo da Feira de Carral, acto de Queremos Galego.

  • Tamén mañá, ás 11 h, no local da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña haberá unha xuntanza aberta para organizar as Mocidades da Mesa nesa comarca.

  • O Correlingua 2011 xa comeza a percorrer o seu camiño!