26 de jan de 2011

A importancia de nos movermos



Faltan poucas horas para que comece a folga xeral convocada pola CIG e secundada polo conxunto do movemento nacionalista galego.

É unha aposta moi arriscada, que conta coa oposición dos dous grandes sindicatos de obediencia estatal e co silenciamento por parte dos principais medios de comunicación. Isto acontece a pesar de que a entidade convocante é a primeira organización sindical en afiliación de toda Galiza e a segunda en número de delegadas e delegadas.

O paro da actividade seguramente non chegue a ser maioritario en todo o país (oxalá me equivoque!) e os titulares si abrollarán aí para falaren dun fracaso. Agora ben, con independencia dos resultados concretos, penso que esta folga vai ser un éxito incontestábel a medio e longo prazo, pois non habería nada peor que non facer nada ou non contestar debidamente o desmantelamento do chamado estado de benestar.

De nós depende o que puider acontecer. Só erguendo a nosa voz poderemos ter opción de mudar, se non de forma inmediata si nun horizonte próximo, este novo modelo tan inxusto para as maiorías sociais, para as clases traballadoras, que son as que sosteñen o país e garanten o seu verdadeiro crecemento.

Eu, sen dúbidas, secundarei a folga xeral e anímovos a todas e todos os que pasades por aquí a que tamén o fagades. Parafraseando as palabras de Suso Seixo no vídeo de arriba, talvez agora non poidamos conseguir que non nos rouben o noso diñeiro, mais si poderemos evitar que nos rouben a nosa dignidade.

Manifestacións e concentracións da folga xeral:

Vigo. Ás 12.00 horas desde o Cruce da Doblada.

A Coruña. Ás 12.00 horas desde a Praza de Vigo.

Cee. Ás 12.00 horas na Praza do Concello (concentración).

Pontevedra. Ás 12.00 horas desde a Praza da Ferrería.

Vilagarcía. Ás 12.00 horas desde a Casa do Mar.

Ferrol. Ás 12.30 horas desde a avenida de Esteiro (local da CIG).

Santiago de Compostela. Ás 12.30 horas desde a Praza Roxa.

Lugo. Ás 12.00 horas desde a Ronda da Muralla, 58 (local da CIG).

Burela. Ás 12.00 horas desde a rúa Arcadio Pardiñas, 137 (local da CIG).

Ourense. Ás 12.00 horas desde o Pavillón dos Remedios.

Verín. Ás 11.30 horas desde a Praza do Concello.

Xinzo. Ás 11.30 horas desde a Praza do Concello.

O Barco. Ás 12.00 horas na Praza do Concello (concentración).

Ribeira. Ás 12:00 horas desde a Praza do Peixe.

Movámonos tamén polo noso teatro

Chegoume hoxe unha mensaxe a través do facebook sobre unha convocatoria de concentración para esta sexta feira (venres) día 28 ás 12 h diante da sede do AGADIC en Compostela (en San Lázaro). A min vaime ser imposíbel asistir, e síntoo ben, porque os motivos da súa mobilización son que a axencia da Xunta lle debe ás compañías de teatro do país un millón de euros por traballos xa realizados.

Ademais do conseguinte problema de liquidez, supón unha perda económica irreparábel desde o momento en que estas empresas culturais teñen que adiantar importantes cantidades en impostos, coa posibilidade da correspondente sanción tributaria se non poden facer fronte.

A convocatoria de concentración está realizada pola Asemblea Xeral de Escena Galega, que preside o coñecido actor Ernesto Chao.

3 comentários:

  1. Agardemos que a folga teña o maximo seguimento posíbel... en Catalunya os sindicatos libertarios levamos dias nas rúas "quentando" o ambiente. Mañá faremonos notar ( as 17:00h a manifa nos Jardinets de Gràcia) Saúdos e avante !!!

    ResponderExcluir
  2. Folga á parte, que merece todo o apoio, quero comentar que iso de "Praza Roxa" está moi mal dito porque é a-normalizar o galego, posto que se o que se quere dicir é o que en castelán é PLAZA ROJA, hai que dicir PRAZA VERMELLA, nunca "Praza Roxa", que é como dicir en castelán "PLAZA PELIRROJA". Parece mentira que levemos con ese nome xa ¡tres décadas e pico! sen que os "normalizadores" lingüísticos teñan nada que dicir sobre esa placa que en Santiago oficializa a clara dialectalización do galego con respecto ao castelán.

    ResponderExcluir
  3. Antón, xa viches como foi.

    Xoelho: Interesante reflexión, aínda que a día de hoxe xa me parece que este topónimo de tan recente creación xa está consolidado e ten así a súa peculiar historia.

    ResponderExcluir