3 de dez. de 2010

Festa pola lingua na Estrada


Hoxe, 3 de decembro, ás 20.30 h, no Teatro Principal da Estrada haberá un concerto a prol do noso idioma organizado por Queremos Galego.
Actuarán:
  • Mini e Mero
  • Miro Casabella
  • Tino Baz
  • García Mc

Segundo informan os compañeiro e as compañeiras de Queremos Galego da Estrada, no evento tamén se proxectarán vídeos e haberá intervencións dalgunhas das persoas protagonistas na loita contra a prohibición do uso do galego no ensino no curso 79-80, a raíz da aprobación do chamado "Decreto do Bilingüismo".

Será unha homenaxe necesaria ao profesorado que daquela deu a cara en favor do galego e unha lembranza para a histórica manifestación que en apoio a eles percorreu A Estrada hai agora 30 anos

Esta demanda -o dereito ao ensino en galego- mantén hoxe plena vixencia, unha vez aprobado o actual Decreto 79/2010, que prohibe impartir na nosa lingua propia as materias de Matemáticas, Física e Química e Teconoloxía

2 de dez. de 2010

O mosteiro de Celanova, a lingua e as privatizacións


Saio agora mesmo, con cautela polo xeo e a neve, camiño de Ribadavia e de Ourense. Mais, antes, quero deixar tres opinións telegráficas nesta bitácula:

1) Propóñovos que cliquedes e divulguedes a páxina web que está aquí acima, en apoio á Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova.

2) Quero expresar a miña discordancia coa artigo de hoxe en Xornal de Galicia do ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana. Sinteticamente, por dous motivos principais: por aplicarlle a quen criticamos o informe do IGEA ideas que non defendemos e por negar o español como lingua imposta. De verdade no ensino, na administración e nos medios de comunicación o galego de aquí e de agora non é un idioma imposto?! O galego abandonouse e abandónase pola súa falta de eufonía?

3) Desexo unir tamén a miña voz a todas as que rexeitan de forma enérxica a febre de privatizacións que se están a producir tanto en Galiza como no Estado disque en nome da austeridade e de levar a calma á voracidade dos mercados. Que non nolo mistifiquen: isto só é riqueza para uns poucos e menos capacidade de actuación para beneficio das maiorías sociais.

1 de dez. de 2010

Non outra cousa é a normalización

É especialmente recomendábel o artigo que hoxe publica a sociolingüista Pilar García Negro no diario Xornal de Galicia. A autora, como é sabido, é profesora da Universidade da Coruña, defensora da primeira tese de iuslingüística do ámbito galego, foi delegada da Axencia Europea de Linguas Menos Estendidas, é a única galega no comité internacional de seguimento da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e un longo etcétera.

Aínda no tema da lingua, debo determe a indicar que hoxe A Mesa enviou un comunicado felicitando a nova caixa galega por ser a primeira entidade financeira en se escriturar en galego, mais tamén agardando que iso signifique un paso no sentido de que se corrixan as discriminacións cara ao noso idioma que se mantiñan en Caixa Galicia e Caixanova. Teremos que estar ben atentos e atentas.

Deixo aquí o artigo de Pilar García Negro, que paga a pena que teña unha abondosa divulgación:

O lugar da lingua galega

É ben certo o aserto de que cantos menos índices de normalidade ou de soberanía existen nun país verbo da súa lingua ou da súa economía, máis proliferan as sofisticacións do problema. Téñoo por axiomático: a mesma falta de normalidade e –no caso galego– unha persistente tendencia ao pactismo (“Deus é bon e o demo non é mau”) típica da nosa historia político-cultural fabrican a cada paso reviravoltas artificiosas que, no canto de esclarecer, confunden, iso si, con aparencia de recoñeceren que o problema en si existe e cómpre resolvelo. O problema, claro está, é a absoluta anemia institucional do galego, de novo agredido, nesta lexislatura, con armas ilegais e propagandísticas que visan sen máis a súa destrución.


Esta leria preliminar vén a conto do informe do IGEA, de que se fixo eco Xornal de Galicia, verbo da situación do idioma da Galiza e das alternativas defendíbeis. Chámame a atención, en primeiro lugar, a desmemoria dos redactores. Desde aquel lonxincuo 1979, en que se dita, por parte do MEC, o chamado “Decreto de Bilingüismo”, este termo, na contemporaneidade galega sempre foi usado pola contra do galego con fins nada benéficos: non para lle dar entrada ao galego nun ámbito público, senón para todo o contrario, coartar o seu mínimo desenvolvemento no ensino ou noutro dominio social. Os ferreños monolingüístas españois de antonte viraron, por conveniencia, bilingüistas onte e hoxe (Lei Villar Palasí; “Informe sobre enseñanza de las lenguas españolas y bilingüismo”, elaborado por comisión designada polo MEC e presidida por Lázaro Carreter; AGLI; Galicia Bilingüe…). Por iso se dicía –e diciamos–, parafraseando a célebre sentenza marxiana, que o bilingüismo era o opio da normalización das linguas europeas que a precisaban.

De por parte, nen os máis antigos textos doutrinais e/ou parlamentares do nacionalismo galego enredaron considerando “estranxeira” a lingua española na Galiza. A cousa é cómica, por non dicer dramática, xa que era, e é, o galego, a todos os efeitos, a estranxeira na súa patria, por expresármolo con lapidario título rosaliano. Por exemplo, a Proposición de Lei do BN-PG / PSG (9 de Marzo de 1982) parte de definir o problema lingüístico da Galiza como colectivo e por situar a alternativa ou solución como aplicábel a todo o territorio e a toda a sociedade galega. A normalización do galego visa, pois, instaurar unha pauta pública en galego, independentemente do recoñecemento dos dereitos individuais exercíbeis en español. Isto é, o contrario mesmamente do que ocorre hoxe. Tal pauta normalizadora foi a que se instaurou en Cataluña, onde non se dubidou naturalmente de que a normalización do catalán había facerse en catalán, como, entre nós, a normalización do galego faise en galego e non en “bilingüe”.

¿Coñecen os autores a realidade de moitos textos “bilingües” que existen aquí e agora? Por exemplo: programas de man onde o galego, en tinta suave e cursiva, ocupa a páxina par, co cal os ollos de quen le van inevitabelmente á páxina impar, letra negra e ben lexíbel. O mesmo diriamos de moitos rótulos ou letreiros en exposicións e lugares de tránsito público. Mais é que, a maiores, se algún resultado masivo, popular, mesmo dentro de proporcións minoritarias, conseguiu a loita lingüística pro-galego do nacionalismo foi a de desvendar como o suposto uso bilingüe, pretensamente igualitario, non era máis que a tampa dun uso diglósico (por tanto, disimétrico e sempre subordinado para o galego) con que se xustificaba o baile ou cambio do galego para o español.

O bilingüismo, señores, é o statu quo, sen máis. Como a esta altura do filme, dubido moito de que se nos podan apor a nengún de nós posicións desatentas ou inxenuas, só se me ocorre, para xustificar tal alternativa (a adopción positiva do bilingüismo), un afán pactista, supostamente equidistante dos extremos, que serían os radicalismos dun e doutro lado. Vaia por Deus! Isto é tan vello como a extinta UCD e o seu corpo de asesores, lingüistas incluídos. Por iso, hai trampa neste debate, que ignora (e penso que non por un ataque súpeto de amnesia) como e en que condicións se foi normalizando, ben que dificultosamente, o galego na nosa época, a que custos e, moi a rentes do chao, con que prácticas: en galego, naturalmente, con persuasión, indución, simpatía e achegamento cordial e unitivo de todos os galegos. Mais tamén coa clareza necesaria e non con panos quentes concesivos.

Por certo, ignorar o labor do nacionalismo nesta tarefa ou, aínda, zafrañarlle a culpa (¡!) do atraso evidente na normalización do galego xa non coido que sexa fillo da distracción ou do presentismo, senón directamente tributo a quen manda. Se houbese bilingüistas benéficos, terían que estar reclamando enerxicamente máis espazos para o galego, en nome dun pretenso e ideal fifty-fifty. Que isto sexa ciencia ficción é a proba do nove de cómo e a favor de que e de quen se utiliza o tal bilingüismo.

Como este termo carga con todo o que lle boten, en alarde de ignorancia sociolingüística, histórica e científica, podemos adxectivalo con todo tipo de cualificativos. Xa levamos uns cantos: bilingüismo harmónico, equilibrado, froitoso [sic], substitutivo, restitutivo… Engado máis un: prostitutivo. Total, postos a xogar, que máis ten?

Convido aos autores e adherentes deste informe a que sumen todas as súas positivas enerxías mentais e laborais ao esforzo de conseguiren o que din pretender: que haxa máis falantes-practicantes do galego e, de paso, que recorden que non hai un só lugar na LNL vixente (co cativa que é) onde se proclame como obxectivo a evidencia: que na Galiza existen, en presenza, dúas linguas, a propria e a imposta, con abismal diferenza de usos sociais e públicos. Se esta lei se promulgou, foi pola obvia inferioridade do galego. Que os que o posúen como lingua inicial o manteñan e que os que parten do español o adquiran e fixen conscientemente: non outra cousa é a normalización.

30 de nov. de 2010

'Monolingüismo', por Xoán Costa

Reproduzo, tomado da páxina de bitáculas da AS-PG, un artigo do presidente desta entidade de renovación pedagóxica, Xoán Costa:

Monolingüismo

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo - é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang, sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar co significado da cultura agrícola, mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

29 de nov. de 2010

De que nos salvará o bilingüismo?

No artigo desta semana teño ben presentes xa as reflexións que realizaba o pasado sábado sobre o documento do IGEA. Porque Galiza non é "bilingüe", nin de nada nos serviría dicilo. Porque en galego Galiza ten futuro.

De que nos salvará o bilingüismo?
Reflexións críticas sobre o documento do IGEA


O pasado mes de maio presentei en Barcelona o meu libro En castellano no hay problema. No acto acompañáronme Sabela Labraña, profesora de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona, sempre animosa e dinámica, e Joaquim Arenas, un dos nomes chave no proceso de catalanización do sistema educativo, desde a súa responsabilidade como Xefe do Servizo de Ensino da Generalitat entre 1983 e 2003.

Arenas é, pois, un dos que levou a cabo o maior éxito da lingua catalá desde a restauración da democracia: a implantación dun modelo de escola catalá en idioma e contidos, a chamada inmersión lingüística. Este modelo é referencial para a recuperación dun idioma minorizado. O seu exemplo, coas súas potencialidades e as súas dificultades, estúdase internacionalmente.

Na presentación do libro, Joaquim Arenas fíxonos rir, desde a súa ironía, e pensar, desde os diferentes exemplos que nos puña sobre como revitalizar unha lingua e sobre algúns problemas polos que pasou e pasa o idioma de Cataluña. Nun momento retranqueiro, exclamou: “El bilingüisme és pecat!” Fronte ás defensas dun irreal e narcotizador bilingüismo, manifestou que o futuro do catalán e do galego só podería pasar por un “monolingüismo axial”: isto é, que a lingua propia das respectivas nacións teña un papel central, sen que iso sexa óbice para que os seus cidadáns coñezan cantos máis idiomas mellor. Coa exitosa experiencia que ten ás súas costas, Joaquim Arenas sabe ben do que fala.

Un paso atrás no debate

Lembrei as súas atinadas palabras cando a semana pasada o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presentou ante os medios de comunicación un relatorio sobre a situación da lingua galega e algunhas liñas xerais para o seu futuro. O que máis trascendeu deste documento foi a realización dunha relectura positivizadora do termo “bilingüismo”, que considera central para a posibilidade de que o galego teña algún futuro.

O informe está asinado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa. Non hai dúbida de que se trata de dúas persoas cunha coñecida sensibilidade pola lingua do país, mais penso que a mensaxe de fondo que lanzan é unha equivocación, aínda máis no momento actual en que nos encontramos, onde son máis necesarias que nunca as mensaxes unitivas.

Á parte de graves erros de diagnose, este documento supón un paso atrás, pois retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. No entanto, o principal dano que observo nese texto é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo).

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas “fórmulas axeitadas” e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma “común” (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un “previo recoñecemento mutuo” de ambos?

Son moitas as preguntas que un se formula despois de ler este informe, que vai na liña doutros documentos anteriores de Henrique Monteagudo, especialmente o titulado “A ofensiva da dereita contra o galego”, que divulgou a Fundación 10 de Marzo. Á parte de se manteren moitas das ideas centrais que agora difunde o IGEA, nesoutro texto había unha maior proliferación de termos denigratorios cara ao papel do movemento nacionalista na defensa do galego, p. ex.: “o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista”. Esta crítica, que é tamén punto de partida, ten moito máis de prexuízo ideolóxico que de análise.

Non nos autoenganemos

No libro En castellano no hay problema, do que falaba ao comezo deste artigo, están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos (por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242). Nun momento, falo da “normalización sen normalización”, partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este pensador comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Finalizo con algunhas das liñas alí incluídas, porque parece que as escribise esta mesma semana:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

28 de nov. de 2010

Concentración mañá por Palestina en Compostela

Reproduzo aquí unha información que tiro do blog Galiza por Palestina:

Imos montar un checkpoint sionista na praza do Toural !!!!!

Segunda-feira 29 de novembro ás 20:00h

O día 29 de novembro é o Día Internacional de Solidariedade co Povo Palestino.
Neste día queremos producir na cidade vella da capital de Galicia a realidade dunha das decenas de checkpoints da entidade sionista nos Territorios Ocupados de Palestina.

O acto pretende ser unha performance de denuncia da situación, de opresión, humillación, trato vexatorio e violación das liberdades mais básicas que millares de palestinas e palestinos sofren cada día.
Precisamos da vosa implicación: necesitamos que veñades representar mulleres e homes palestinos (de 6 a 10 persoas) traede as vosas kufiyyas palestinas, ou se tendes roupa militar e un mal día vinde interpretar soldados sionistas.

Precisamos mínimo 6 persoas para palestinos e 2 ou 3 para soldados. É importante tamén que haxa xente que filme todo para facelo circular por internet.

Esperamos a vosa axuda!!

VIVA A LIUTA DO POVO PALESTINO!!

Evento en Facebook: http://www.facebook.com/?ref=home#!/event.php?eid=173239512703456

27 de nov. de 2010

O que hai que facer é facer

Na presentación de hoxe ás 19.30 h no Culturgal tamén abordarei o desafortunado informe que presentou o IGEA sobre lingua. Á parte de graves erros de diagnose , este documento retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. Mais o principal dano que observo nese texto, e que é o motivo polo que quero falar del, é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo). Sei que quen o promove é xente con sensibilidade pola lingua galega, mais creo que se equivocan de vez ao lanzaren esta mensaxe.

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas "fórmulas axeitadas" e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma "común" (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego?

No libro En castellano no hay problema están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos de homenaxe ao galego, por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242. Nun momento, falo da "normalización sen normalización", partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Cito algunhas das liñas do libro:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

26 de nov. de 2010

De Ribadavia a Pontevedra

Mañá sábado ás 19.30 h realizaremos a presentación en Pontevedra de En castellano no hay problema, que as Mocidades da Mesa na localidade decidiron organizar no marco do Culturgal.

Xa que falo da xira de actos por volta deste libriño, aproveito para incluír algunhas imaxes do que foi a súa presentación en Ribadavia, con xente tan encantadora e traballadora como Eladino Cabanelas e tantos outros compañeiros e compañeiras que fan posíbel no día a día que poidamos continuar a aspirar a vivir en galego.