27 de nov de 2010

O que hai que facer é facer

Na presentación de hoxe ás 19.30 h no Culturgal tamén abordarei o desafortunado informe que presentou o IGEA sobre lingua. Á parte de graves erros de diagnose , este documento retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. Mais o principal dano que observo nese texto, e que é o motivo polo que quero falar del, é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo). Sei que quen o promove é xente con sensibilidade pola lingua galega, mais creo que se equivocan de vez ao lanzaren esta mensaxe.

De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas "fórmulas axeitadas" e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma "común" (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a restauración do galego?

No libro En castellano no hay problema están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos de homenaxe ao galego, por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237-242. Nun momento, falo da "normalización sen normalización", partindo dunha reflexión moi interesante de Žižek, na que este comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Cito algunhas das liñas do libro:

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

3 comentários:

  1. A iniciativa de IGEA non semella que teña unha intención de mera distracción. Confio na xente que participa.
    Mais tamén concordo co eixo do discurso de Carlos.

    Se queremos normalizar, ollemos o que fixeron en Cataluña e o que fan en Euskadi. Ou mesmo a situación de Valencia.
    Aquí imos cara atrás, e o camiño a andar é coñecido.

    ResponderExcluir
  2. Carlos, não concordo com a tua discussão terminológica sobre "diglossia" e "bilinguismo" (penso que "diglossia" não serve para nada na Galiza, e que "dominação linguística é suficientemente descritivo; e que a etiqueta "bilinguismo social" não é anátema ;-) ) , mas concordo com a tua crítica ao texto de opinião do IGEA. Não é um discurso "novo", recolhe cousas ditas e reditas, e quer cortar o galeguismo por uma linha clara.

    Mas, repara: O que diz esse texto está possibilitado tanto polo discurso espanhol-regionalista quanto por certas posições da MNL (a respeito, por exemplo, da LNL, e do papel dos dous idiomas na sociedade).

    Celso Alvarez Cáccamo

    ResponderExcluir
  3. O que mais medo me da, é que cando escoito un discurso "institucional" en prol da lingua galega..semellame estar nun funeral.
    Acordade unha lingua que non se fala...
    se non o é será lingua morta!
    Apóntome polo tanto a unha nova liña, mais desta vez indubidable
    QUERO O GALEGO NA ESCOLA
    E QUEROÓ OBRIGATORIAMENTE

    ResponderExcluir