30 de nov. de 2009

Non temos poetas novos?

No artigo desta semana en Galicia Hoxe reflexiono en voz alta sobre as dificultades de edición con que se encontran as novas fornadas de autoras e autores de poesía en lingua galega. Concordades coa visión ou hai algún aspecto importante que se me escapa e que contraría os datos aquí expostos? Cales pensades que son as vías de futuro?

Non temos poetas novos?

Dificultades de edición, desamparo institucional e novas saídas


Varias noticias aparecidas nos últimos días sobre as nosas novas e os nosos novos escritores de poesía fixéronme reflexionar un algo sobre a situación actual. Permitídeme que vos traslade estes pensamentos en voz alta.

Esta semana, Radio Nacional de España concedeulle a Yolanda Castaño o seu premio Ojo Crítico, por Profundidade de campo, un libro que contén algúns dos versos máis lindos e impactantes que lin na miña vida. Nunha entrevista pola concesión do galardón, a autora estendía o recoñecemento a todas e todos os poetas que se expresan na lingua de Galiza: “Ademais creo que nunca se deu antes [ese premio] a unha obra en galego, así que tamén o tomo como un tanto que apuntarnos os que escribimos en galego. Espero que sexa o primeiro dunha longa lista. E que vaian pondo os ollos en todo o que se está facendo por aquí.”

Sobre “o que se está facendo por aquí” desenvolvérase esa fin de semana pasada un encontro da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que so o título “Eu ou Nós?” promocionou e fomentou o debate entre os membros das novas fornadas creativas. Non puiden asistir, mais coñezo parte dos debates grazas aos comentarios dalgúns escritores que alí estiveron e tamén a que se dispoñibilizaron os vídeos cos temas de discusión, consultábeis en letrasnovas.blogaliza.org.

Unha importante noticia vinculada é que a Xunta de Galiza decidiu retirar as axudas con que contaba este evento, dentro da liña que desde abril segue o Goberno galego de desnutrir a cultura do país. Por fortuna, o bo facer da AELG logrou sobreporse a esta discriminación.

Situacións como esta desmontan, máis unha vez, a lenda urbana de que a cultura galega está hipersubvencionada. Ao contrario. Quen bote contas, tirará dúas conclusións incontestábeis. En primeiro lugar, que a cultura vehiculizada en lingua galega é a máis desprotexida polos poderes públicos, dentro das que se expresan nun idioma con algún rango de oficialidade no Estado español. A segunda constatación é que os impostos dos galegos e das galegas son máis utilizados para promocionar a cultura en español (que conta a maiores con moitos outros soportes) que a cultura en galego, cunha abrumadora diferenza. O problema que ven algúns é que a cultura galega tamén reciba axudas públicas, aínda que sexan moito menores.

Un outro aspecto para a reflexión veume por unha entrevista no semanario A Nosa Terra a Román Raña Lama, recoñecido co Premio Cidade de Ourense de poesía por O incendio das palabras. O entrevistador, Horacio Vixande, pídelle opinión ao autor de 49 anos sobre o seguinte aserto: “Hoxe en día aparecen menos novas voces poéticas en Galiza que nas décadas do 1980 e 1990.” Román Raña avalía que as letras se moven por ciclos, que “a lírica vive no acougo tras vinte anos de vangarda e diverxencias pero a narrativa ferve”, mais sinala a “moitísima calidade” dos que chegan.

A afirmación do xornalista púxome a cabeza a carburar. Na realidade, hai menos poetas? É unha consideración en termos absolutos ou en termos relativos? Como se chega a esa conclusión?

O caso é que, mentres escribo este artigo, enumero mentalmente un bo feixe de mozas e mozos que versifican na lingua do país. De moitas e moitos gosto, mesmo gosto moito, e teñen o recoñecemento dos seus pares que sofren tamén a ferida das letras. Porén, as súas obras están inéditas en libro e fican, así, invisibilizados, aínda que sexan unha parte fundamental, cualitativa e cuantitativamente, do que “se está facendo por aquí” do que falaba Yolanda Castaño.

Outras e outros conseguiron superar os obstáculos e pasar pola editora, mais acumulan, na súa gabeta ou no seu disco duro, algúns poemarios finalizados e algún outro a piques de finalizar. Non hai présa en redondealos. Total, hoxe calquera poeta novo pode tardar máis en publicar os seus versos que o que demorou Rosalía de Castro en ver saír do prelo as súas Follas novas, que acabaron dándolle o riso por ese impropio título, cal se a unha moura ben moura branca lle ouvise chamar.

Ou pásome de pesimista? É que, tras ollar as mesas de novidades das librarías, e recontar o que fica no limbo dos recitais ou no intercambio de mecanoscritos, atrévome a arriscar unha hipótese. Penso que nunca houbo tantas dificultades para editar un libro de versos en lingua galega como hoxe. Quitando, é obvio, os momentos de proscrición e persecución máis crúa. Mais só eses momentos, debo acrecentar.

Alguén pode replicar, baseándose nos estudos anuais sobre o mercado editorial, que tal conclusión é errada, que hai unha porcentaxe de obras do xénero poético que negan que o vaso estea medio baleiro. Na xenial Scoop, a personaxe que interpreta Woody Allen exclama: “Non vexo o vaso medio baleiro. Véxoo medio cheo. Só que de veneno.” Non falo por boca de Allen para desconsiderar a cualidade do publicado, senón polo perverso que é para a literatura galega e para o sistema literario galego que esta porcentaxe veñan sendo, na súa inmensa maioría, reedicións de obras máis ou menos clásicas. Isto é, as lecturas recomendadas de poesía nos centros de ensino, ás que habería que agregar a publicación de inéditos por algunha efeméride, en especial o Día das Letras.

Sobre esta cuestión, ten un artigo incisivo e lúcido a poeta Marta Dacosta, no xornal electrónico GzNación o 16 de maio de 2007. “Dez anos despois de morto xa pode un ser obxecto de estudo, a conciencia, investigado”, sinala referíndose a como se continúa a concibir a figura homenaxeada no Día das Letras. Mais, ao mesmo tempo, a realidade diaria dos escritores vivos en idioma galego, especialmente de poesía, é máis crúa, mesmo para alguén coma ela que acumula na súa vitrina algúns dos máis prestixiosos galardóns: “Pasan os días e non recibes resposta da editorial, os días son meses e os meses anos. Chega un momento en que xa non sabes se queres publicar ou non. No mellor dos casos cando les o teu libro impreso, anos despois, nin o recoñeces, e oxalá non renegues del, inmersa xa noutra etapa creativa. E entón comezas a te facer as preguntas fundamentais do escritor: Para quen escribo? Por que Todo o que se escribe ten por destino ser publicado? Coñécese o que se edita ou publica en Galiza? Quen o coñece? Porque ás veces dá a sensación de que nos coñecemos dentro dese amplo círculo de 300 escritores e escritoras, que escribimos para nós mesmos.”

Case só se publica o que se premia, mais nin isto é sempre así. E a nova política cultural da Xunta non fará máis que empeorar a situación. Xa sabemos a súa consideración de que a cultura galega “está muy bien, pero limita” e as súas apostas por reducir ou retirar o apoio ás expresións en galego, promovendo o hibridismo cultural e a rede clientelar.

Na mesma entrevista a que me refería ao comezo deste artigo, Yolanda Castaño indica que “é o momento de renovar o canal de expresión da poesía”. Claro que a todo o mundo lle agrada publicar un volume propio (como sinalaba Oriana Méndez hai xusto unha semana neste mesmo diario, “cando publicas un libro pasas a que te tomen máis en serio que cando non tes publicado nada en formato libro, aínda que teñas moitas publicacións espalladas”). Nese carreiro, hai iniciativas interesantísimas como Estaleiro Editora e, ademais, as novas opcións de autoedición poden supor unha mudanza, igual que todo o que supoñen as novas tecnoloxías, como os blogs poéticos. Mais cales serán os futuros canais e como se recibirán? Permitirannos coñecer, tamén dentro da propia Galiza, as dimensións do que se “está facendo por aquí”?

4 comentários:

  1. cantas fíos de reflexión se poden tirar deste texto teu, Carlos.
    moitas grazas por promover o pensmaento

    Spitin

    ResponderExcluir
  2. vaia co pensamento e coa dislexia que levo enriba...

    ResponderExcluir
  3. O futuro está sen dúbida na rede, no universo dos blogs como ferramentas de creación literaria a interacción autor-internauta. Eiquí temos o futuro da nosa poesía... Un saúdo

    ResponderExcluir
  4. Grazas, Spitin ;)

    Antón: Grazas por te pasares por aquí e por deixares a túa opinión. Así e todo, aínda vendo o potencial enorme dos blogs, non acabo de ver que o futuro "prestixiado" pase por aí. Polo mesmo que dixo Oriana Méndez na súa entrevista e polo mesmo que, de forma tan polémica, lle retiraron un galardón a Eduardo Estévez.

    ResponderExcluir