26 de set de 2013

Outra das caras da desgaleguización do noso aforro

A moza desta imaxe é a Susana Romero, daquela unha das dirixentes da Mesa e hoxe entusiasta activista. O que está á súa esquerda, aínda que talvez non o pareza, son eu. É que xa pasaron moitos anos desta foto, na cal se recolle a presentación dunha campaña para conseguirmos que os bancos e as caixas de aforros deixasen de excluír o galego.

A iniciativa, desenvolvida ao cabo de varios meses, tivera os seus resultados. Os máis importantes: que Caixa Galicia, primeiro, e Caixanova despois, asumiron compromisos concretos para garantir a igualdade de dereitos para o noso idioma nos caixeiros, na sinalización, na publicidade, nos contratos, etc. Foron adiantos simbólicos de enorme importancia, pois conseguíramos que as que nese momento eran as dúas entidades galegas de aforro se comprometesen de verdade, con pasos efectivos e mensurábeis, co uso da lingua propia de Galiza. Nunca antes acontecera algo semellante na historia do país, tampouco no período autonómico. Foi un éxito das miles de persoas que se implicaron nesa acción da Mesa.

Mais hoxe temos que denunciar que o conseguido neste tempo está a se derramar, nomeadamente desde que o Estado español asumiu o control de Novagaliciabanco. De ter case todos os contratos en galego pasouse a ter só un. De ir incluíndo de forma paulatina o galego na sinalización das oficinas pasouse a mudar os rótulos de, por exemplo, a oficina principal de Vigo para que non estean no noso idioma.

Estannos a roubar os nosos aforros e, tamén, a nosa lingua.

Non o consintamos!

25 de set de 2013

Que empresa merece un premio polo uso exemplar do galego?


Pois dálle unha volta a esa pregunta e participa na convocatoria deste ano do premio Abertos ao Galego. Como verás nas bases, é moi sinxelo: só tes que enviar un correo-e a abertosaogalego@amesanl.org. Ademais, só por participares, xa entras no sorteo dun lote de materiais do proxecto.

A imaxe que penduro nesta entrada do blogue correspóndese cun dos momentos do acto de entrega dos galardóns o ano pasado, que foi en Pontevedra, mais que cada ano se prevé que sexa nun concello diferente.

Activémonos por un consumo responsábel co galego!

Por unha lingua viva e avivada en todos os ámbitos!

24 de set de 2013

Te son unos terroristas!


Pode parecer un chiste mais o conto é triste. A Jesús Vázquez non lle caeu a cara de vergoña ao afirmar nunha entrevista que as “plataformas educativas” que critican o decretazo contra o galego "non son demócratas" e “apoian o terrorismo”.

Esa é a súa democrática reacción ao novo revés xudicial que sofre o seu decreto galegófobo perante o TSXG.

Se non o credes podedes velo cos vosos propios ollos aquí.

E ler a valoración da Mesa aquí.


Continuamos!

21 de set de 2013

Súmate á nova campaña de Queremos Galego!


Nesta ligazón tes toda a información para participar na iniciativa.

Que tamén o teu berro pola pluralidade, contra a criminalización das ideas, chegue a todas as partes!

Continuamos!

2 de set de 2013

Necesitamos a lingua se queremos vencer


Penduro aquí a intervención que fixo a lingüista e amiga Luz Cures con motivo da presentación nacional do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Podedes pasar por alto os seus comentarios iniciais -que agradezo, mais que se deben sobre todo á amizade que nos temos- e atender só ás reflexións sobre a importancia de nos activarmos na defensa do noso idioma e ás anécdotas tan auténticas que relata para nos animar a avanzarmos nese camiño:



Activémonos, ho, non podemos deixar morrer o noso idioma!