30 de ago. de 2009
Are we human or are we dancer?
28 de ago. de 2009
26 de ago. de 2009
Expecto patronum!
Esta é, por certo, a entrada número 400 deste blog. Grazas por estardes aí!
24 de ago. de 2009
A crítica no armario
A actitude ou perspectiva máis frecuente da crítica literaria tradicional cando aparece un dato relativo ou vinculábel á homosexualidade (explicitamente nun texto ou nunha biografía, p. ex.) é dirixir o seu ollar para outro lado, fuxir do tabú. Eve Kosofsky Sedgwick, no seu referencial Epistemology of the closet (Epistemoloxía do armario) esquematizou, con bastante humor, os oito posíbeis pretextos para facer iso, que non podo deixar de citar:
1. A linguaxe apaixonada na atracción entre persoas do mesmo sexo era moi común en calquera que for o período en discusión e, portanto, debería carecer totalmente de significado. Ou
2. As relacións xenitais entre persoas do mesmo sexo puideron ser perfectamente comúns durante o período en discusión, mais dado que non había unha linguaxe para se referir a elas, deberían carecer totalmente de significado. Ou
3. As actitudes fronte á homosexualidade eran intolerantes por aqueles tempos, non como agora; así que probabelmente a xente non facía nada. Ou
4. As prohibicións contra a homosexualidade non existían entón, non como agora; así que, de se facer algo, non tiña ningún significado. Ou
5. A palabra "homosexualidade" non foi creada até 1869; así que antes de entón todo o mundo era heterosexual (Con certeza, a heterosexualidade sempre existiu). Ou
6. Do autor ou autora de que se trata asegúrase ou rumoréase que tivo unha relación con alguén do outro sexo; portanto, os seus sentimentos cara ás persoas do seu mesmo sexo carecían totalmente de significado. Ou (baixo un sistema quizais un tanto diferente de proba admisíbel)
7. Non hai ningunha proba irrebatíbel de homosexualidade, como o esperma extraído do corpo doutro home ou unha fotografía da autora espida con outra muller; en consecuencia, debemos asumir que o autor ou a autora foi afervoada e exclusivamente heterosexual. Ou (como último recurso)
8. O autor ou autora e as súas relacións importantes poden moi ben ter sido homosexuais; mais sería provinciano permitir que este feito tan insignificante afectase a nosa comprensión de calquera proxecto serio de vida, escrita ou pensamento.
É unha presentación realizada, como dixen, cunha alta dose de humor, mais en absoluto exenta dunha verdade doadamente verificábel aínda na maioría dos manuais, estudos e historias da literatura, tamén no caso galego. A homosexualidade acaba sendo un "segredo a voces" que dificulta o coñecemento real, a través de implícitas ou explícitas xustificacións que, aínda sendo contraditorias, desembocan no mesmo mar do silenciamento. Consciente ou inconscientemente, é un mar de censura.
Talvez o tópico do cal máis se bota man para excluír a cuestión homosexual do debate cultural sexa o da "universalidade da obra artística", entendéndose -aínda que sexa por omisión- que ser universal é ser heterosexual. Está vinculada a idea de que a homosexualidade é algo marxinal, non central no sistema cultural, e por iso debe ficar relegado o seu estudo. Para alén de que desde diversas correntes teóricas (Cultural Studies, estudos feministas, estudos pos-coloniais, etc) se subliñe a importancia de analizar mesmo aquilo que nos puider semellar (ou obxectivamente for) marxinal, o certo é que embora a homosexualidade poida ser marxinal nun texto, socialmente a súa presenza está carregada simbolicamente nun contexto heterosexista.
Sintetízao moi ben Alberto Mira: "a crítica heterosexista négase a admitir que a homosexualidade non é un problema que afecte a uns poucos individuos, senón unha estrutura cultural que se encontra en difícil equilibrio coas nocións de xénero e identidade, imbricada en toda a conceptualización do sexo na nosa cultura, e non algo que existe de forma illada e que só concerne a uns marxinados".
Pesa nestas situacións tamén o feito de que nas investigacións sobre homosexualidade se tenda a identificar o crítico ou a crítica co obxecto de estudo, traspasándolle o estigma ("se escolleu este tema, por algo será"). Así, con certa frecuencia atácanse mesmo as motivacións da persoa que se debruce sobre a cultura homosexual, acusándoa de parcialidade, de manipulación activista, tendenciosa e acientífica. A hostilidade heterosexista considera a homofobia, en definitiva, como prisma de imparcialidade e rigor. No caso do ensino, que é unha das principais institucións do sistema literario, a situación é de obscuridade praticamente total.
19 de ago. de 2009
Son as 11.30 do 19 de agosto de 2009 e a conselleira de Traballo aínda non demitiu nin foi cesada
A CIG informou onte de que hai outras dúas traballadoras que tamén interpuxeron denuncia contra Ana María Díaz López, a directora xeral de Formación e Colocación condenada por sentenza firme e inapelábel. Estraña "formación" e deplorábel "colocación", non vos parece?
Hai medios que están a silenciar esta gravísima situación. Mais os cidadáns e as cidadás, as e os contribuíntes, temos que denunciala con todas as nosas forzas e exixir a demisión ou cesamento non só da directora xeral condenada, senón tamén da conselleira que xustifica e ampara estas ilegalidades que supoñen un pésimo exemplo para todas e todos. Son as 11.30 do 19 de agosto de 2009 e aquí aínda non se fixo nada.
18 de ago. de 2009
A gaivotiña azul e os símbolos galegos
Dixo hai pouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non había que darlle un nome especial, que se chamarían "escolas infantís, como en todo o mundo". Mais agora resulta que si ten que telo: A Galiña Azul.
Antes da gaivotiña azul, como é sabido, o logo era unha casiña cun enorme sorriso e unha bandeira galega. Eliminar esa franxa azul ("identitaria", como dirían os dirixentes do PP con cara de enfado) é a razón, non disimulada, de mudar o logotipo, por máis que o animaliño este leve un lapis que poida parecer outra cousa.
Por que razón lles molesta tanto a simboloxía galega, ben "democrática" e "legal"? Onde queda a Lei de símbolos de Galiza? Onde queda o artigo 6 do Estatuto de Autonomía?
17 de ago. de 2009
A censura da homosexualidade na literatura
A censura da homosexualidade na literatura
Modificacións e supresións de textos por motivos heterosexistas
A censura, nas súas diferentes vertentes, é un trazo esencial do funcionamento social da homosexualidade e, como non, tamén da súa incidencia no conxunto do sistema literario. O estudioso Alberto Mira sinala tres modalidades de censura da homosexualidade nas artes: a manipulación da obra, a manipulación da biografía e a censura legal. Indica tamén (aínda que sen incluíla claramente dentro destes tres procesos) a posibilidade de que a obra non se chegue a difundir.
Partindo do esquema feito por Mira, penso que é de interese para analizar o fenómeno na súa globalidade facermos unha clasificación da censura por heterosexismo no sistema literario segundo criterios funcionais. En primeiro lugar, que é o que se censura e con que resultados e, nun segundo nivel, observar cales son as instancias que efectúan ou promoven o silenciamento.
Así, unha primeira diferenza xeral podemos estabelecela entre a censura directa aos textos literarios, eliminando ou mudando aquelas cuestións que (directa ou inidirectamente, de xeito literal ou interpretado) puidesen aludir á homosexualidade, e aquela que non ten a ver cos textos, senón coa historia do sistema literario: biografías, manuais, estudos de todo tipo etc. Trátase nese caso de apartarse da homosexualidade, como se non tivese ningunha relevancia, significado ou sentido. Este último aspecto abordarase de xeito central no artigo da vindeira semana.
No caso da censura textual, encontrámonos con dúas posibilidades: a modificación dos textos, que os permite aínda circular sen o que se considerou tabú, ou o seu pleno silenciamento, for impedindo a súa saída (mesmo destruíndoos), secuestrando a edición etc.
As variacións no escrito poden deberse á autocensura do propio autor ou autora, por exemplo modificando o sexo dunha personaxe ou dun eu lírico, como fixo Lord Alfred Tennyson na segunda edición do seu poema “In Memoriam”, para que non se puidese ler como homoerótico. Iso mesmo pode explicar a mudanza dun verso realizada por Fermín Bouza Brey entre o manuscrito que conservamos e o finalmente publicado en Seitura. Nestes casos, conservamos ao menos un documento previo (editado ou autógrafo) que nos permite observar a incidencia do heterosexismo nesa mudanza última. Noutras moitas ocasións, tal mudanza será imposíbel de probar, aínda que poidan existir hipóteses ao respecto, como é o caso verbi gratia das escollas pronominais de Rosalía de Castro nos seus poemarios Follas novas e En las orillas del Sar.
Documéntanse máis habitualmente as mudanzas realizadas na edición das obras por mans de terceiros, como os herdeiros da autora ou do autor ou os críticos literarios. Unha boa mostra do primeiro é o sobriño de Miguelánxelo, que mudou os pronomes masculinos en femininos ao editar as obras do seu tío.
No caso galego, temos un exemplo ben sorprendente, aínda que pouco coñecido, sobre o cal me comprometo desde xa a falar con máis vagar nun futuro artigo nesta páxina das segundas feiras en Galicia Hoxe. Refírome á edición da cantiga de Pero da Ponte que comeza “Dom Tisso Pérez, queria hoj’ eu / seer guardado do trebelho seu”. O “guardado” do segundo verso aparece así claramente, cun ben redondo o final, nos dous cancioneiros que nos transmitiron o texto: o da Biblioteca Nacional e o da Vaticana. A interpretación da relación entre dous homes que dá a literalidade do verso fixo que a maioría dos seus editores mudasen, sen ningunha outra razón (con certeza, ningunha amparada pola crítica textual), o “guardado” en “guardada”.
As modificacións no escrito poden producirse tamén de mans de terceiros nas traducións. Un bo exemplo son os cambios pronominais para heterosexualizar os poemas (unha ela onde aparecía un el, ou viceversa) en traducións do árabe ou do grego clásico, como lle ten acontecido a Safo ou ao Banquete de Platón. Un interesante traballo de Marta González González, da Universidade de Málaga, amosa as vicisitudes sufridas nas traducións desta última obra a diferentes linguas modernas, debido á lexitimación histórica que suporía para as relacións homosexuais. A primeira vez que se verteu ao inglés, publicada en 1761, transformáronse “os amores homosexuais en heterosexuais e suprímese por enteiro o parlamento de Alcibíades”.
As vicisitudes do Banquete en inglés exemplifican tamén o caso da censura editorial ou legal. En 1818, Shelley traduciuno de novo, acompañándoo dun ensaio introdutorio da súa colleita. A súa viúva emprendeu a tarefa de levalo ao prelo, mais encontrouse con presións que a obrigaron a suprimir partes do discurso de Alcibíades, do limiar e mesmo mudar de vez o título do mesmo, que pasa de ser A Discourse on the Manners of the Ancient Greeks relative to the Subject of Love a un (supostamente máis) aséptico e inofensivo Essay on the Literature, the Arts and the Manners of the Athenians.
Que Shelley fixese a tradución e a introdución e non quixese publicalas durante lustros, senón que fose postumamente, é xa de seu unha forma de silenciamento editorial, de supresión plena do funcionamento dun texto. É a chamada literatura de caixón, de gabeta. Son moitos os exemplos que se poden pór de textos escritos mais que o autor ou autora termina pospondo a súa publicación sobre todo polo heterosexismo. O caso máis coñecido é o do escritor E. M. Foster, do cal só se publicaron textos explicitamente homosexuais tras a súa morte: o romance Maurice e os contos Life to come.
Poden ser tamén outras instancias, editoriais, legais ou relixiosas, as que leven á supresión deses textos, ás veces nada máis que hipotéticos textos. Falando de teorías e suposicións: Se hai xograres ou mesmo trobadores aos que se lles apón na nosa lírica medieval relacións sexoafectivas con outros varóns, non ten sentido imaxinar que tales compositores realizaron respostas, como era habitual no espectáculo trobadoresco, mais que tales cantigas non chegaron até nós por non entraren nos criterios dos antólogos que nos transmitiron os cancioneiros? Sei que é moi arriscada a hipótese e, de feito, a min convénceme máis como pregunta que como resposta. Cómpre atender a que tanto os copistas baixomedievais como os da Renacenza italiana non tiveron ningún reparo en deixar testemuño do máis escabroso ou sacrílego do escarnho e o mal dizer, mais así e todo parece relevante que os ciclos que usan a homofobia como arma carezan totalmente de resposta ou defensa, malia a importancia cuantitativa dentro das sátiras que chegaron até nós.
O secuestro editorial é un caso extremo de censura, mais ben documentado por motivos homófobos. Os modernistas portugueses padecérono cando viron que en marzo de 1923 eran retiradas das librarías tres obras que trataban a homosexualidade sen ningún pelo na lingua, for reivindicándoa for abordándoa coa maior das normalidades, sen dar desculpas, como subliñaba Álvaro de Campos, un dos heterónimos de Fernando Pessoa. Refírome ás Canções de António Botto, Sodoma Divinizada de Raúl Leal e Decadência, un poemario de temática lésbica asinado por Judite Teixeira.
A historia do silenciamento, modificación ou manipulación acompañou despois a moitas das obras ou autoras/es referidos neste artigo, conferíndolles un plus simbólico. Portanto, non só debemos falar da censura por heterosexismo no referente á xénese dos textos, senón tamén no que di respecto á súa función.
15 de ago. de 2009
'A Mesa, se non existise, habería que inventala'
Este é o titular co que Xornal de Galicia anuncia hoxe na súa portada unha "entrevista impertinente" comigo. Na versión dixital, a manchete é outra: "Na intimidade teño falado castelán". Vese que a xornalista non errou á hora de chamar a atención, porque aparece como a noticia máis lida do día neste medio.En calquera caso, hai un erro importante. Na presentación din que teño "pouco máis de 30 anos", cando a realidade é que teño 30 xustiños. Ao menos, até dentro de 15 días :P
