14 de mar. de 2012

Queremos igualdade de dereitos!

Deixo aquí o vídeo da noticia ofrecida polo informativo de VIARTV sobre a denuncia presentada onte por dous casos graves de discriminación lingüística. A TVG nin se presentou nin se interesou. Mágoa de hipergobernamentalización que realiza o PP cos medios públicos galegos. Defendámolos máis que nunca!

13 de mar. de 2012

Ano 2012: casar en galego con intérprete e 237 días de agarda por querer a documentación en galego no SERGAS


Esta mañá A Mesa presentou en Vigo dous novos casos graves de discriminación dos nosos dereitos lingüísicos e, por tanto, dos nosos dereitos civís.

Por unha banda, unha parella que quixo casar en galego (vaia atrevemento!) tivo que facelo... con intérprete. Non aconteceu durante o franquismo, senón hai menos dun mes: o 17 de febreiro deste ano.

Ademais, un paciente do SERGAS acumula 237 días de agarda por querer ter en galego a documentación que ten que asinar antes da operación (vaia atrevemento!).

Non queremos ser máis tempo estranxeiros na propia patria!

Queremos igualdade de dereitos, igualdade de oportunidades!

Se ti tamén o queres, podes axudarnos a conseguilo. Dálle divulgación a noticias como estas, silenciadas por medios como a TVG, e afíliate á Mesa!

Continuamos!

12 de mar. de 2012

As catro provincias


Di miña nai que "quen polo seu gusto morre, até a morte lle sabe", así que non me vou queixar. Esta semana que agora comeza vai ser para min bastante movidiña. Teño actos e reunións na Coruña, en Oleiros, en Vigo, en Ourense, en Ribadeo... e algúns que outros tamén en Santiago. Polo medio debería terminar varias cousas pendentes que precisan reflexión, así que a ver como dá encaixado todo.

De momento, quero convidarvos ás dúas presentacións que hai esta semana do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Serán hoxe en Oleiros (ás 20.30 h no Centro Cultural As Torres, de Santa Cruz) e na sexta (venres) en Ribadeo.

Continuamos!

11 de mar. de 2012

Presentación en Ribadeo de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Esta sexta feira (venres), 16 de marzo, presentarei en Ribadeo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, coa compañeira Dores Fernández Abel. Será ás 20.30 h na Casa das Letras (rúa de Rodríguez Murias, 8). A ligazón do evento no facebook é esta.

Ademais, mañá será o acto de presentación deste manual en Oleiros, no Centro Cultural As Torres de Santa Cruz, coa compaña e Cibrán Turnes e Nacho Taibo.

Polo dereito a vivirmos en galego!

Continuamos!

10 de mar. de 2012

Finalista dos premios AELG 2012. Obrigado!


Onte déronse a coñecer os finalistas dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega para este ano. Como defenderes os teus dereitos lingüísticos figura na categoría de ensaio, xunto con Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas Zas, e Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez. Con eses dous pesos pesados da nosa cultura é moi difícil que este manual de autoaxuda lingüística leve o galardón, mais quero agradecer moitísimo xa o feito de que as escritoras e os escritores, agrupados na AELG, o considerasen merecente para estar de finalista.

A verdade é que aínda non puiden ler ese título en concreto da gran Mercedes Queixas, sempre tan dinámica, amigábel e loitadora, mais tentarei facelo canto antes. A obra do Francisco Rodríguez si que a coñezo máis de perto e só podo cualificala como maxistral e recomendar a súa lectura (non vos deixedes asustar polas súas dimensións). Ademais, para min, que tan importante me foi na adolescencia a Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, do mesmo autor, xa podedes supor a alegría que me supón compartir podio por este volume que é a súa ampliación e continuación.

Viva a nosa cultura viva!

Continuamos!

9 de mar. de 2012

"Tanatomaquillaxe", artigo hoxe en El País

"Tanatomaquillaxe", por Carlos Callón

Causou abraio en moita xente que Alberto Núñez Feijóo fichase dous lingüistas para executaren as políticas máis agresivas contra o galego en trinta anos. Como se pode comprobar cunha simple procura en internet, antes da derrota electoral do bipartito as persoas que porían rostro á desfeita defendían –ou dicían defender?– todo aquilo que despois destruíron de xeito activo.

Aínda que sexa verdade que tanto Anxo Lorenzo como Valentín García colaboraron co departamento de Política Lingüística que dirixiu o PSOE entre 2005 e 2009, non é menos certo que as participacións de ambos foron xusto no peoriño e no máis criticado desa etapa por parte do movemento social do idioma propio. Quen o quixer comprobar pode consultar as hemerotecas, onde se garda testemuño de proxectos tan fastuosos como inútiles, aínda que nin ás hemerotecas chegaron outras accións burocráticas que foron puro malgasto.

Para alén dos resultados concretos de xestión, moitas e moitos preguntámonos xa entón que tipo de confiabilidade teñen para desempeñar calquera cargo público –enfatizo: calquera– aqueles que viran total e inmediatamente os seus criterios intelectuais ou políticos segundo os euros que houber enriba da mesa. O problema non é, pois, nin só lingüístico (ou cultural ou educativo) nin só de ética en abstracto, senón en que haxa gobernantes que se caractericen por actuar como mercenarios en troca de pensaren con honestidade no ben colectivo.

Coa perspectiva destes tres anos de mandato parece claro que a pretensión de Feijóo co nomeamento de Lorenzo foi acadar un gran pacto PP-PSOE para producir un retroceso moito maior na oficialidade do idioma propio. A histórica participación social nas mobilizacións convocadas pola Mesa e por Queremos Galego, así como a postura non colaboracionista da inmensa maioría da vida cultural do país, desbaratárono. Lorenzo, por riba, non tivo outra que asumir no seu departamento os maiores recortes orzamentarios da Xunta. Ficou así sen case posibilidades de usar a chequeira que precisaría para estender unha rede “amiga” na cultura, tan práctica durante o fraguismo. Aínda que con limitacións polas prexudicadas partidas, é isto o que se pode agardar das súas novas funcións.

Mentres, Valentín García chegou ao cargo cun continuísmo que mantén en precario os dereitos lingüísticos. Hai que recoñecer que mellorou a corrección institucional, de que sempre careceu Lorenzo, mais nesa luva de veludo non se agocha máis que un esforzado aprendiz de tanatomaquillaxe. Abonda con ler –quen non o fixese, por favor, que o faga– a entrevista que esta semana publicaba El País, na cal realiza afirmacións que enrubian a calquera sociolingüista ou calquera persoa con amor pola cultura.

O seu obxectivo é conseguir unha morte doce para o galego, un declinio sen contestación social, e para iso acode ao mesmiño termo que acuñou hai xa lustros Fraga Iribarne: a “pax lingüística”. Non sei se remedando o retranqueiro título dun libro da miña autoría, En castellano no hay problema, anímanos ás persoas que queremos galego a que baixemos “la presión del gas para decir de una vez que no hay tanto problema”. O caso é que a súa función sería evitar que teñamos problemas para vivir en galego, non alentarnos a que mudemos de idioma para non os ter!

Ademais da súa atufante demagoxia, entra no terreo das mentiras cando nos presenta un mundo feliz, por exemplo no ensino. Neste curso non se cumpre nin co mínimo do teórico 33% do ensino en galego; no mellor dos casos será un 20%, cunha exclusión total no horario do 90% dos nenos e das nenas de menos de seis anos nas sete cidades. Ningún territorio do Estado ten un modelo tan retrógrado!

Mais o cénite do disparate chega cando o gobernante lle pregunta ao xornalista “¿Tú crees que la lengua vehicular es tan importante en la vida de un ciudadano?” Nese momento matinei en que acontecería se unha conselleira ou un conselleiro, por exemplo de pesca, interrogase cun “Pensas que a pesca é tan importante?” O triste é que concluín que, en Galiza, tan estupefacta cos continuados ataques do goberno de Feijóo contra o pobo que debería defender, talvez pouco ou nada acontecese. Mais se Valentín García considera que non é “tan importante” que as persoas queiramos vivir en galego, o mínimo que podería facer era deixar o cargo, porque a verdade é que non hai pan para tanto chourizo.

7 de mar. de 2012

Ikea e o galego

A multinacional sueca anunciara que a súa tenda en Galiza se ía comprometer coa lingua galega, mais a verdade é que deu poucos pasos: unha sección do seu web (non como idioma de opción xeral), unha edición en galego dos seus catálogos (que non sempre están accesíbeis, non sabemos se pola moita demanda ou pola mellorábel tiraxe), a oferta de atención en galego por unha parte do cadro de persoal (que na maioría dos casos non pasa da teoría), etc.

Vista a situación, desde A Mesa solicitamos unha entrevista cos responsábeis da tenda na Coruña para lle pedir adiantos concretos no uso do idioma do país. Tamén lle faremos chegar o noso desagrado porque a alfombra promocional "Benvido á república independente da túa casa" estea en galego cun erro ortográfico grave, xa que en lugar de pór o anterior pon "Benvido a república independente da túa casa".

Imaxinade que en español editasen alfombras colocando tamén mal un acento diacrítico, máis ou menos como se pode ver nesta foto que perralleiramente modifiquei:

Pensades que, por dignidade cara ao idioma castelán, os distribuirían? Non mirarían antes o xeito de os corrixiren? Pois esa mesma dignidade reclamamos para a nosa lingua!

Continuamos!