14 de dez. de 2011

O Correlingua e os equipos de normalización "adoctrinan a los jóvenes para que sean futuros terroristas"



Sen a máis mínima vergoña, sen a máis mínima ética, a caza de bruxas continúa.

Mobilicémonos contra a criminalización da nosa cultura!

Mobilicémonos en defensa do galego!

As próximas citas son mañá ás 11.30 h diante da sede do Valedor (rúa doHórreo, en Compostela) e o sábado ás 17 h na praza do Toural (tamén en Santiago).

13 de dez. de 2011

E a TVG tampouco estivo

A última vez que participei nunha reunión en Madrid co Consello de Europa non asistiu ningún xornalista da TVG, a pesar de que se lles enviara a convocatoria. Unha hora ou dúas máis tarde, as persoas que participamos naquela xuntanza pasamos diante do mesmo predio e alí nos encontramos un xornalista e un cámara da TVG. Agardaban a que saísen o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lles solicitaren declaracións. Protestamos enerxicamente e, ao final, unha migalliña da nosa opinión saíu no informativo; só unha migalliña onde non ficaba claro nin tan sequera a mensaxe que trasladáramos ao Consello, mais cando menos viuse a nosa existencia.

Onte, como presidente da Mesa, dei unha conferencia de imprensa onde falei de que desde o Consello de Europa convocaban a entidade a unha nova reunión, para abordar cuestións lingüísticas e culturais porén desde a perspectiva doutro tratado internacional. Tamén comentei temas de actualidade como as últimas barbaridades do Valedor do Pobo. Nin a Radio Galega nin a TVG se presentaron.

Hoxe, a TVG tiña oportunidade de tomarme declaracións en calquera momento do día sobre a xuntanza mantida en Madrid con representantes do Consello de Europa. Nin apareceron nin chamaron.

Non nos confundamos. As e os xornalistas, con certeza, non son responsábeis desta situación. A responsabilidade está nos comisarios políticos que, con este tipo de actuacións, devalúan os nosos queridos medios públicos e pretenden silenciar a pluralidade existente en Galiza.

Queremos a Radio Galega, queremos a TVG, queremos pluralidade, queremos galego!

12 de dez. de 2011

La lengua propia de Galicia es el gallego en el sentido peyorativo de la palabra


Talvez se o libro de texto de primaria que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía dixese algo como o que poño no título non habería críticas por parte do grupo que con tal histrionismo o denunciou. O máis grave, porén, non é que os extremistas e galegófobos de UPyD continúen coa caza de bruxas contra a nosa cultura; o máis grave é que a institución do Valedor do Pobo lle dea cobertura e chegue a pedir a retirada dun manual escolar que, dentro das características distintivas de Galiza, recorda que... temos lingua de noso!

A plataforma Queremos Galego, que coordina e impulsa A Mesa, convocou un primeiro acto de repulsa para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 h diante da sede do Valedor (na rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar a concentración entregarase un escrito exixindo a dimisión de Benigno López.

Axiña anunciaremos tamén novas actividades!

Queremos galego!

11 de dez. de 2011

Presentación no Carballiño de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Esta sexta feira, 16 de decembro, Eladino Cabanelas, eu e todas as persoas que vos quixerdes e puiderdes achegar, conversaremos no Carballiño sobre o que podemos facer cada un/ha de nós no noso día a día para gañarmos unha situación mellor para o noso idioma.

A cita é ás 20.30 h na cervexaría Eira de Flores. Máis información neste evento do facebook.

Adiante!

9 de dez. de 2011

El País faise eco das xornadas sobre homosexualidade e literatura galega


A edición galega de El País de hoxe recolle unha completa reportaxe de Montse Dopico sobre a homosexualidade na literatura galega, partindo dos contidos que se trataron nas xornadas de Ourense. Podedes lela aquí.

Por se tamén tiverdes interese, o especial da Revista das Letras de que se fala na reportaxe podédelo consultar nestoutra ligazón (en pdf).

8 de dez. de 2011

Dona de ti e señora de falar

É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar.

(Uxío Novoneyra, 1970)