23 de jan. de 2010

Alegacións contra o decretazo


Que dicir da marabillosa manifestación do 21 de xaneiro? De novo se desbordaron todas as previsións e de novo o pobo galego deu mostras da súa existencia e da súa capacidade de reacción ante as agresións.

Agora, toca continuarmos coa mobilización, fronte a un goberno prepotente, que se nega a escoitar o clamor social e que quere queimarnos e cansarnos.

Nese camiño de mantermos aceso o facho desta loita cívica, a plataforma Queremos Galego anímanos a todas e a todos a enviarmos alegacións individuais ao decretazo. Nesta ligazón hai máis información. Envía xa a túa!

[A fotografía é de Galiza Nova do Baixo Miño, dunha das numerosísimas faixas e cartaces que os estudantes de todo o país realizaron estes días contra este decretazo.]

21 de jan. de 2010

Tres ou catro extremistas

Vémonos ás 11.30 na Alameda de Santiago para pararmos este decretazo contra o galego.

O seguimento da folga está a ser amplísimo por parte de profesorado e estudantado. Así mesmo, para asistir á manifestación tivéronse que pór máis buses de última hora, sendo máis do duplo da cantidade de autocarros que viñeron a Compostela o pasado 18 de outubro.

Acaban de dicirme que non quedan prazas en varios trens e buses que veñen para Santiago e que se prevé un colapso nas autoestradas.

En fin, tres ou catro extremistas, que dirían os dirixentes do PP.

Moita forza, compañeir@s!

20 de jan. de 2010

Outra xenialidade de Roberto Varela

O conselleiro de Cultura, o inefábel Roberto Varela, afirmou onte na Coruña que "la cultura gallega está ensimismada y a veces acomplejada". É o mesmo que se estreou declarando a xoia de que "la cultura gallega está bien, pero limita".

Ante isto, só podo dicir dúas cousas:

1) Hai que ser moi acomplexado, renegar moito das propias raíces e ter escasa formación cultural para dicir algo como isto.

2) Este home non se merece o cargo que ocupa.

19 de jan. de 2010

Debate en Correo TV sobre o decretazo contra o galego

Déixovos aquí as ligazóns a un debate que emitiu onte pola noite Correo TV e que esta mañá redifundiu a emisora Radio Obradoiro.

Por outra banda, lémbrovos que aínda é moito o que podemos facer para mobilizar de aquí ao 21 de xaneiro.



Manual de activismo para o 21 de xaneiro



Do galego como elemento de unión está a ser boa mostra a inmensa forza que está a coller a folga e a manifestación desta próxima quinta feira (xoves). Para alén das máis de 600 entidades que conforman Queremos Galego, cada día chegan máis e máis respaldos.

É moito o que a nivel individual aínda podemos facer para mobilizar. Velaquí algunhas propostas, elaboradas pola Mesa pola Normalización Lingüística, impulsora de Queremos Galego:


Propostas de acción para todo o mundo:

  1. Fala coa xente do teu entorno para informalos e animalos a participar. Ten presente que hai moitas persoas que hai uns meses non tiñan unha postura pública de defensa do galego ou eran indiferentes ao tema, mais que hoxe si son sensíbeis á cuestión ante a política agresiva de Núñez Feijóo. Falar, informar e contrastar ideas ao respecto coa nosa xente próxima é, con certeza, o máis importante contributo que podemos facer para evitar que esta agresión se consume.
  2. Envía unha sms ao menos a dez dos teus contactos cos que non deas falado en persoa para animalos a que participen e divulguen o paro xeral no ensino. Pode ser algo así como: “21 de xaneiro: Folga xeral no ensino e manifestación en Santiago. Non ao decretazo contra o galego. Participa e pásao!”
  3. Envía un correo-e aos teus contactos coa información do paro e da manifestación. Tamén é oportuno divulgar o contundente e argumentado relatorio elaborado pola Real Academia Galega sobre este decretazo, que podes consultar nesta ligazón en pdf.
  4. Infórmate dos actos previos ao paro do 21 na túa zona, divúlgaos e tenta participar neles. Así mesmo, infórmate (p. ex., nos webs de Queremos Galego –www.queremosgalego.org- ou da Mesa –www.amesanl.org-) de cales son os posíbeis medios de transporte que puider haber desde a túa comarca para chegar á manifestación que sairá o día 21 ás 11.30 h da Alameda de Santiago. A ligazón exacta para consultares os autobuses é esta.
  5. Se tes un espazo web, coloca nel os bánners promocionais do paro do 21: http://www.amesanl.org/campanhas/folgaxeralensino2010.htm
  6. Se tes un perfil en facebook ou tuenti, apoia os eventos creados sobre o paro e a manifestación, convida os teus contactos e anuncia o teu apoio desde o teu estado.

Propostas específicas de acción para o alumnado:

  1. Fala coas túas compañeiras e compañeiros para que saiban que está convocado o paro xeral do ensino, no cal os estudantes deberían ter un papel central. Infórmaos de que todas as principais asociacións estudantís con actuación en Galiza secundan a mobilización: os Comités de Estudantes, o Sindicato de Estudantes e IESGA.
  2. Poranse autobuses desde boa parte do país para achegarse á manifestación de Compostela. Infórmate tamén no correo-e de Queremos Galego (queremosgalego@queremosgalego.org). Lembra que os menores de idade deben contar cun permiso da nai, pai ou titor/a.
  3. Se tes tuenti, apoia e difunde os eventos creados. Se no teu centro se vai facer algunha actividade específica, crea tamén o teu propio evento e faillo saber á plataforma Queremos Galego (queremosgalego@queremosgalego.org), para que poida facer seguimento de todas as actuacións que se desenvolvan ao longo e largo do país.
  4. Elabora un manifesto propio do teu centro ou da túa clase en apoio á folga e para reclamar que se retire este decretazo contra o galego. Envía o texto por correo-e á plataforma Queremos Galego e/ou aos medios de comunicación da túa zona. Se o preferires, envíallo só á plataforma coa indicación de que despois ela se encargue de remitirllo aos xornais, radios e televisións da túa comarca.
    Isto é válido non só para estudantes de secundaria, senón tamén universitarios. Podedes facer vós mesmos o comunicado (nesta ligazón tedes algunhas ideas que talvez vos poidan ser de interese: http://www.amesanl.org/campanhas/folgaxeralensino2010.htm).
    Se o preferirdes, por axilidade, tedes a seguir unha proposta de texto:
As alumnas e os alumnos da clase ......, do ..... (póñase instituto e concello, ou carreira e universidade), manifestan o seu apoio ao paro xeral convocado para o 21 de xaneiro contra o decretazo presentado de forma unilateral pola Xunta e animamos ao conxunto das comunidades educativas a que se unan á folga e á manifestación que sairá ese día ás 11,30 h da Alameda de Santiago de Compostela.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, debe escoitar a voz da sociedade e rectificar as súas políticas de agresión ao idioma que nos une como galegas e como galegos. O 21 de xaneiro, paramos en defensa do galego, dun ensino de calidade, pola convivencia escolar e pola aplicación dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos.
Asinado: .... (Pór os nomes que apoian o documento)

Propostas específicas de acción para nais/pais/titoras-es

  1. Apoia o paro a nivel particular non levando os nenos e nenas ese día a aulas.
  2. Impulsa desde a ANPA que o alumnado de infantil e primaria leva para a casa un papel demandando que non se envíen as crianzas ao centro escolar o día 21.
  3. Se che for posíbel (sabemos que o día 21, ao ser lectivo, presenta dificultades) participa na manifestación que sairá de Santiago de Compostela. Nese caso, podes asistir tamén coas túas crianzas.
  4. Fala con outras familias para que sexan conscientes do que na realidade supón este decreto (incremento do fracaso escolar, non garante competencias lingüísticas nin en galego nin en inglés, creará enfrontamentos, pode facer que o primeiro contacto de moitos nenos e nenas co galego sexa aos 6 anos...).
  5. Se participas na ANPA, proponlle que envíen unha carta ao presidente da Xunta e/ou un comunicado aos medios de comunicación reclamando a retirada deste decretazo e adheríndose ao paro e manifestación do día 21 de xaneiro.

Outras ideas
Se se che ocorren máis propostas ou coidas conveniente matizar algunha das anteriores, podes facelo nos comentarios.
[A ilustración é de Gonzalo Vilas, en GzNación.]

18 de jan. de 2010

A caridade: De Haití aos caixeiros das nosas cidades

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

A caridade
De Haití aos caixeiros das nosas cidades


“Haití xa non existe” é o titular da noticia máis lida en internet dun dos principais diarios do Estado español. O peor é que non se trata de tremendismo fácil. No xa misérrimo país, os resortes e aparatos institucionais tamén foron destruídos polo sismo.

Cada día podemos ter algunha nova información sobre as magnitudes do desastre, inzadas de imaxes desesperanzadoras e de como se organiza o dispositivo de axuda internacional. Como cidadán galego, non podo menos que sentir unha enorme vergoña pola insolidariedade profunda da Xunta, que a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galiza só achega 15.000 euros para comprar kits hixiénicos, de cociña e sanitarios para este país.

Moitas e moitos preguntámonos como se atreveron tan sequera a enviar un comunicado de imprensa para anuncialo, porque enrubia tanto cutrerío e indiferenza pola dor allea. Mentres, este mesmiño autoproclamado “goberno da austeridade” despilfarra diñeiro a mans cheas por exemplo en accións contra a lingua galega ou, como nos lembraba a xente de Sei O Que, sufragando con 170.000 euros a caza de raposos.

Non debería estrañarnos tanto tal actitude de portas para fóra nun partido que, por moito que presuma de cristián, non se caracteriza por seguir as mensaxes de Xesús Cristo nin en redistribución xusta e igualitaria da riqueza nin en dar cobertura e axuda ás mulleres e aos homes que máis necesitados están dela. Isto podemos velo á perfección no goberno de Alberto Núñez Feijóo, quen, como é sabido, chegou ao posto que hoxe ocupa grazas ao apadriñamento do Opus Dei, da man de José Manuel Romay Beccaría, chamado “El Obispo” no seu propio partido.

O profundo conservadorismo relixioso opusiano en nada se entronca coa mensaxe central do mesías cristián, que se rodeaba de putas e pecadores e proclamaba que os pobres herdarían o Reino dos Ceos. A eses pobres, o reino da terra fícalles hoxe cada vez máis vedado.

O Goberno galego mantén esa liña de actuación cínica, farisaica, non só na cooperación internacional, senón tamén na propia Galiza. A Xunta profunda a fenda social existente cando decide desmantelar coberturas sociais que comezaban a andar o seu camiño e que no contexto de crise económica se fan máis necesarias que nunca.

Segundo datos oficiais de hai un ano e medio, un de cada cinco menores de idade do noso país vive por baixo do limiar da pobreza. Coas cifras do desemprego a creceren en Galiza máis que noutras comunidades autónomas do Estado, a inxustiza, a exclusión e o desamparo non puideron máis que incrementarse, sen que se coñezan medidas por parte da Xunta para solucionar ou paliar esta situación.

A idea da caridade, no seu sentido máis farisaico, gaña forza fronte ás da solidariedade e da xustiza. Que a Xunta gaste o mesmo diñeiro en pagarlle as nóminas a 55 sacerdotes para percorreren os hospitais galegos que en todo o orzamento da Fundación de Axuda Humanitaria de Galiza, que son 720.000 euros, non é, con certeza, o mellor síntoma.

Na mesma liña propagandística e de fomento da caridade estivo esa medida adoptada polo Parlamento de Galiza de eliminar agasallos de Nadal este ano para entregarlle o importe correspondente a comedores sociais xestionados por entidades relixiosas. Non tiro o mérito de quen fai as cousas, ollo, senón de como os poderes públicos se escapulen das súas responsabilidades, presentándonos a caridade relixiosa (financiada con diñeiro de todas e todos en boa parte!) como única saída posíbel.

Xesús Cristo denunciou que os fariseos tocaban unha trompetiña antes de entregaren unha esmola. Pois iso.

Caixeiros e albergues

En Santiago de Compostela é ben visíbel como cada vez hai máis caixeiros ocupados polas noites para durmiren as persoas que carecen dun teito no que se abrigaren. Algunhas sucursais están a reaccionar fechando as portas dos seus multibancos a quen non teña un cartón de crédito ou débito, para que a clientela non se sinta incomodada por ver un farrapento durmindo entre tres trapos e catro papelóns.

Eduardo Rolland escribiu en outubro do ano pasado un memorábel artigo sobre as persoas sen fogar na cidade de Vigo, titulado “El Albergue”. O xornalista indicaba que nos dez meses anteriores do ano, na cidade olívica faleceran catorce persoas nesa situación. Catorce mortos de xaneiro a outubro de 2009, invisíbeis na axenda política e mediática!

Rolland lembra, incisivo, que a Xunta é unha potencia en albergues: “Ofréceos gratuítos aos peregrinos nos infinitos camiños de Santiago. E pagámolos todos, cos nosos impostos, para que durma xente que podería custearse un hotel. Porén, non hai un peso para facer un miserábel albergue para os máis desgrazados. Para os que morren e seguirán a morrer na rúa.” O seu dedo sinala tamén a xerarquía eclesiástica, máis ocupada en encher autobuses con manifestantes camiño de Madrid que en denunciar a desprotección pública de quen máis o precisa. “E o venerável cardeal dizer que vê tanto espírito no feto e nenhum no marginal”, como nos versos cantados de Caetano Veloso, por certo nun tema titulado “Haiti”.

17 de jan. de 2010

Consenso mortal?

Despois da bronca pública da semana pasada do presidente da Xunta ao Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo e Vítor Freixanes saíron antonte e hoxe nas súas tribunas en El País e La Voz de Galicia lanzándolle tamén a responsabilidade da situación do galego no ensino aos grupos da oposición polo feito de estar roto o "consenso" sobre o tema.

Con diferenza, o máis desafortunado e confusionista é o secretario do Consello da Cultura Galega, que chega a afirmar "PSdeG e BNG terán que recoñecer que o decreto do bipartito ten aspectos renunciables, que son os que suscitaron maior controversia". Só desde unha postura de fortísima presión por parte do PP podo chegar a entender que se enuncie un discurso falaz como este.

No entanto, lembrémolo:

a) O PP forma parte de todos os "consensos" aos que se chegaron sobre a cuestión e que sempre rompe unilateralmente. O único "consenso" que lles vale na verdade é o desmantelamento da oficialidade da lingua galega. "Consenso mortal" sería o título deste filme, tomando emprestadas palabras de Pilar García Negro.

b) Como ben proclama a plataforma Queremos Galego, os acordos aos que chegamos entre todas e todos só poden ser substituídos por acordos aos que cheguemos entre todas e todos. Non é "consenso" que PSOE e BNG teñan que rebaixar a súa postura de defensa de dereitos básicos porque de forma unilateral o PP non queira cumprir os acordos existentes, dos cales fixo parte desde o comezo da negociación até a súa concreción definitiva.

c) Por moito que lle poida incomodar ao PP e que este partido decida crear "controversia" sobre o tema, existen liñas vermellas que non se poden ultrapasar: o galego como lingua propia e oficial, dentro dun proceso progresivo de normalización (Estatuto, Lei de normalización) e cun mínimo de presenza do 50% do horario en todo o sistema educativo (Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, Plan xeral de normalización da lingua galega).

d) A controversia de que fala Henrique Monteagudo está convenientemente incitada e programada, non é algo espontáneo. Un bo exemplo é a postura da directiva da confederación de nais e pais de centros privados e concertados, que pasaron a rexeitar con forza o decreto do 50% no mesmo momento en que o fixo o PP, aínda que con anterioridade saíran publicamente respaldándoo e considerándoo un paso adiante positivo. Claro, daquela o PP aparecía debaixo dos focos como un dos alicerces desa nova norma.
Calquera medida de defensa da lingua galega, calquera, se se axita por parte dos adiñeirados resortes da galegofobia, pode crear tal controversia.

Escribo hoxe esta entrada no blog, preocupado polos matices públicos dos discursos destes dous prestixiosos compañeiros, coñecidos pola súa defensa do idioma de noso e que teñen hoxe unha responsabilidade histórica como membros do Consello da Cultura Galega.

Estamos nunha encrucillada para a nosa lingua e sería un fraco favor que, polas presións políticas da Xunta, estes organismo puidese lavarse as mans ou crear confusionismo nun momento no que é tan necesaria a clareza e a defensa unánime da aplicación dos consensos en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos.