Mostrando postagens com marcador Gonzalo Vilas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Gonzalo Vilas. Mostrar todas as postagens

27 de mar. de 2012

Continúa a censura

Hoxe o alcalde de Santiago fixo de finísimo crítico escénico e informou aos xornalistas de que o Concello non ofrecerás as súas instalacións para as actuacións de Leo Bassi porque lle causa "repugnancia". O artista contestou que algo estaba a facer ben para recibir tal resposta.

A capital de Galiza está a vivir un proceso alarmante de deterioro cultural da man de Conde Roa e do seu goberno. Xa a semana pasada tivemos que padecer a decisión do Concello de retirar todo apoio ao Correlingua... porque non estaban de acordo co manifesto que gañara o premio escolar deste ano! Non é demasiado?

En fin. Hai moitos motivos para nos movermos o 17 de maio, para apoiarmos a folga estudantil do 19 de abril e, tamén, para irmos hoxe á manifestación convocada polo Día Internacional do Teatro. Saímos ás sete do serán da Alameda de Santiago e finalizaremos ás 20.30 h nas portas do Salón Teatro, que a Xunta se negou a ceder, como xa leríades nos medios. Alí farei unha pequerrecha intervención en representación da Mesa pola Normalización Lingüística.

Continúa a censura, mais nós continuamos a resistir!

19 de jan. de 2010

Manual de activismo para o 21 de xaneiro



Do galego como elemento de unión está a ser boa mostra a inmensa forza que está a coller a folga e a manifestación desta próxima quinta feira (xoves). Para alén das máis de 600 entidades que conforman Queremos Galego, cada día chegan máis e máis respaldos.

É moito o que a nivel individual aínda podemos facer para mobilizar. Velaquí algunhas propostas, elaboradas pola Mesa pola Normalización Lingüística, impulsora de Queremos Galego:


Propostas de acción para todo o mundo:

  1. Fala coa xente do teu entorno para informalos e animalos a participar. Ten presente que hai moitas persoas que hai uns meses non tiñan unha postura pública de defensa do galego ou eran indiferentes ao tema, mais que hoxe si son sensíbeis á cuestión ante a política agresiva de Núñez Feijóo. Falar, informar e contrastar ideas ao respecto coa nosa xente próxima é, con certeza, o máis importante contributo que podemos facer para evitar que esta agresión se consume.
  2. Envía unha sms ao menos a dez dos teus contactos cos que non deas falado en persoa para animalos a que participen e divulguen o paro xeral no ensino. Pode ser algo así como: “21 de xaneiro: Folga xeral no ensino e manifestación en Santiago. Non ao decretazo contra o galego. Participa e pásao!”
  3. Envía un correo-e aos teus contactos coa información do paro e da manifestación. Tamén é oportuno divulgar o contundente e argumentado relatorio elaborado pola Real Academia Galega sobre este decretazo, que podes consultar nesta ligazón en pdf.
  4. Infórmate dos actos previos ao paro do 21 na túa zona, divúlgaos e tenta participar neles. Así mesmo, infórmate (p. ex., nos webs de Queremos Galego –www.queremosgalego.org- ou da Mesa –www.amesanl.org-) de cales son os posíbeis medios de transporte que puider haber desde a túa comarca para chegar á manifestación que sairá o día 21 ás 11.30 h da Alameda de Santiago. A ligazón exacta para consultares os autobuses é esta.
  5. Se tes un espazo web, coloca nel os bánners promocionais do paro do 21: http://www.amesanl.org/campanhas/folgaxeralensino2010.htm
  6. Se tes un perfil en facebook ou tuenti, apoia os eventos creados sobre o paro e a manifestación, convida os teus contactos e anuncia o teu apoio desde o teu estado.

Propostas específicas de acción para o alumnado:

  1. Fala coas túas compañeiras e compañeiros para que saiban que está convocado o paro xeral do ensino, no cal os estudantes deberían ter un papel central. Infórmaos de que todas as principais asociacións estudantís con actuación en Galiza secundan a mobilización: os Comités de Estudantes, o Sindicato de Estudantes e IESGA.
  2. Poranse autobuses desde boa parte do país para achegarse á manifestación de Compostela. Infórmate tamén no correo-e de Queremos Galego (queremosgalego@queremosgalego.org). Lembra que os menores de idade deben contar cun permiso da nai, pai ou titor/a.
  3. Se tes tuenti, apoia e difunde os eventos creados. Se no teu centro se vai facer algunha actividade específica, crea tamén o teu propio evento e faillo saber á plataforma Queremos Galego (queremosgalego@queremosgalego.org), para que poida facer seguimento de todas as actuacións que se desenvolvan ao longo e largo do país.
  4. Elabora un manifesto propio do teu centro ou da túa clase en apoio á folga e para reclamar que se retire este decretazo contra o galego. Envía o texto por correo-e á plataforma Queremos Galego e/ou aos medios de comunicación da túa zona. Se o preferires, envíallo só á plataforma coa indicación de que despois ela se encargue de remitirllo aos xornais, radios e televisións da túa comarca.
    Isto é válido non só para estudantes de secundaria, senón tamén universitarios. Podedes facer vós mesmos o comunicado (nesta ligazón tedes algunhas ideas que talvez vos poidan ser de interese: http://www.amesanl.org/campanhas/folgaxeralensino2010.htm).
    Se o preferirdes, por axilidade, tedes a seguir unha proposta de texto:
As alumnas e os alumnos da clase ......, do ..... (póñase instituto e concello, ou carreira e universidade), manifestan o seu apoio ao paro xeral convocado para o 21 de xaneiro contra o decretazo presentado de forma unilateral pola Xunta e animamos ao conxunto das comunidades educativas a que se unan á folga e á manifestación que sairá ese día ás 11,30 h da Alameda de Santiago de Compostela.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, debe escoitar a voz da sociedade e rectificar as súas políticas de agresión ao idioma que nos une como galegas e como galegos. O 21 de xaneiro, paramos en defensa do galego, dun ensino de calidade, pola convivencia escolar e pola aplicación dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos.
Asinado: .... (Pór os nomes que apoian o documento)

Propostas específicas de acción para nais/pais/titoras-es

  1. Apoia o paro a nivel particular non levando os nenos e nenas ese día a aulas.
  2. Impulsa desde a ANPA que o alumnado de infantil e primaria leva para a casa un papel demandando que non se envíen as crianzas ao centro escolar o día 21.
  3. Se che for posíbel (sabemos que o día 21, ao ser lectivo, presenta dificultades) participa na manifestación que sairá de Santiago de Compostela. Nese caso, podes asistir tamén coas túas crianzas.
  4. Fala con outras familias para que sexan conscientes do que na realidade supón este decreto (incremento do fracaso escolar, non garante competencias lingüísticas nin en galego nin en inglés, creará enfrontamentos, pode facer que o primeiro contacto de moitos nenos e nenas co galego sexa aos 6 anos...).
  5. Se participas na ANPA, proponlle que envíen unha carta ao presidente da Xunta e/ou un comunicado aos medios de comunicación reclamando a retirada deste decretazo e adheríndose ao paro e manifestación do día 21 de xaneiro.

Outras ideas
Se se che ocorren máis propostas ou coidas conveniente matizar algunha das anteriores, podes facelo nos comentarios.
[A ilustración é de Gonzalo Vilas, en GzNación.]

23 de dez. de 2009

En defensa das seleccións galegas

A quen ofende que haxa seleccións deportivas galegas cun mínimo recoñecemento? Por que tanto esforzo por parte do PP en desmontalas e deslexitimalas?

Eu irei á concentración do día 28 e agardo poder facelo coa camisola de meu irmán Xoán, que é o futboleiro da familia.

A respecto desta situación, hai unha boa viñeta de Gonzalo Vilas en GzNación: