10 de jan. de 2010

Artigo na Voz: 'Polo galego e a convivencia'

Velaquí o artigo que hoxe publico en La Voz de Galicia sobre o decretazo contra o galego. Nese texto condénsanse algunhas das ideas máis importantes que tentamos transmitir estes días:

Polo galego e a convivencia


O decretazo presentado por Alberto Núñez Feijóo supón a maior agresión contra o galego en toda a etapa democrática. As comunidades educativas e a inmensa maioría da sociedade rexeitan con firmeza esta proposta unilateral da Xunta.

Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego. Porque é unha proposta feita de costas á sociedade, sen ningún proceso previo de diálogo nin contraste. Porque a súa aplicación suporía enfrontamentos nos centros, debido á deixadez de funcións e responsabilidades da Xunta, que traslada os problemas ao profesorado, ao alumnado e ás familias, sen ter presentes criterios pedagóxicos nin o dereito a unha educación en igualdade. Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzos das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel e incrementaría o fracaso escolar; non toman medidas reais para que mellore a aprendizaxe do inglés, senón que camuflan con iso a súa navallada contra a nosa lingua. Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso unánime (como a Lei de normalización lingüística, cuxo artigo 13.2 é ben claro) e tratados internacionais de dereitos lingüísticos (como a Carta europea de linguas). Ademais, porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do país.

Fronte ao decretazo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade reclaman que se escoite a súa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. A súa proposta contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación. Por iso, está convocado un paro xeral do ensino para o 21 de xaneiro. Ese día, ás 11.30 sairá unha manifestación desde a Alameda de Santiago de Compostela, en defensa da convivencia, da igualdade de dereitos, dun ensino de calidade e do idioma que nos une como galegas e galegos.

9 de jan. de 2010

Verdes são os campos

Xa sei que é estraño pór esta canción coas nevaradas destes días, mais apetecíame, así que aí vai. "Verdes são os campos", o lindo poema de Luís de Camões, musicado por José Afonso e interpretado por Uxía:

8 de jan. de 2010

Nevou

Cando neva en Santiago a xente sorrí pola rúa, colle o móbil para avisar aos seus de que está a vivir o acontecemento e para tirar fotos que dean testemuño. Eu tamén o fago.

A primeira vez que vin a neve foi en Ribeira, onde é un fenómeno aínda máis extraordinario. Penso que foi en 1986. Miña nai ergueunos a todos para irmos á escola ao berro de: "Esta noite nevou!" Nós pensabamos que se refería a que había xeada, mais cando miramos pola xanela vimos con sorpresa o campo de enfronte da casa, o campo dos nosos xogos, non esbrancuxado, senón branco.

Ese día no colexio non demos clase, senón que xogamos co profesor Ventura a facermos un rudimentario boneco como o que víramos, tantas veces, nas películas.

7 de jan. de 2010

Este é o consenso


Estas dúas fotos de aquí arriba son do 23 de febreiro de 2007, cando a conselleira de Educación e representantes do PP, do PSOE e do BNG presentaban o decreto 124/07, que regula que o galego teña unha presenza de ao menos o 50% nas diferentes etapas do ensino non universitario. Concretábase así, por fin, un acordo unánime do Parlamento de setembro de 2004, no cal se instaba ao Goberno a que se lexislase nese sentido.

Á conselleira, Laura Sánchez Piñón, acompañábana nesa xornada Manuela López Besteiro e Ángel Bernardo Tahoces, do PP; Guillermo Meijón e Francisco Cerviño, do PSOE, e Manuel Parga Núñez e Bieito Lobeira, do BNG.

Véxanse estas fotos e comparése coa presentación do decreto contra o galego realizada unilateralmente, con nocturnidade e aleivosía por Alberto Núñez Feijóo en vésperas de fin de ano. Onde está a imposición e onde o consenso?

Camiño do 21 de xaneiro

A plataforma Queremos Galego está a realizar actos nas diferentes comarcas de Galiza para contestar o decreto contra o galego deste goberno do PP. Temos que ir movendo desde xa o paro xeral do 21 de xaneiro no ensino, pois non restan moitos días e é importante que a participación sexa masiva.

Nas redes sociais hai eventos creados de apoio. No tuenti, no cal participa sobre todo xente nova, 5.157 persoas amosaron xa que secundarán a folga, mentres outras 4.665 é probábel que tamén o fagan. Podes adherirte tamén aos eventos creados no facebook e convidar as túas amizades.

Se es estudante e queres colaborar para que o paro xeral do 21 de xaneiro sexa un éxito, podes dirixirte ao correo-e da Mocidade pola Normalización Lingüística, a sección xuvenil da Mesa: mocidade@amesanl.org.

[A fotografía é de algúns dos asistentes ao acto que fechou a caravana de coches na Barbanza en defensa do noso idioma e contra este decreto galegófobo.]

5 de jan. de 2010

Unha ameaza á liberdade


Velaquí un excelente artigo do noso querido e recoñecido escritor Agustín Fernández Paz en relación coa proposta de decreto contra o galego. Tíroo do web das compañeiras e dos compañeiros de Prolingua:

Unha ameaza á liberdade

-Cando eu emprego unha palabra –dixo Humpty Dumpty co mesmo ton despectivo- esa palabra significa exactamente o que eu quero que signifique, nin máis nin menos.
-A cuestión é saber –dixo Alicia— se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.
-A cuestión –respondeu Humpty Dumpty— é saber quen é o que manda... e punto!

Alicia do outro lado do espello, Lewis Carroll

1. Escribo estas palabras logo de escoitar na radio e de ler nos xornais electrónicos as liñas xerais do borrador do novo decreto que regulará o galego no ensino, así como as declaracións do presidente señor Núñez Feijoo na rolda de prensa onde se presentou.

Non me vou deter agora na valoración dos contidos deste borrador, algúns tan transcendentais como a severa redución horaria que sofre a lingua galega ou a presenza da lingua inglesa como vehicular, un subterfuxio para “vender” mellor á sociedade este novo decreto e enmascarar o evidente proceso de minorización da lingua no ensino. De todo iso, e de máis, haberá tempo para falar nas vindeiras semanas. Hoxe só quero determe na reiterada apelación á “liberdade” dos pais e nais, e no papel que se lles outorga na elección da lingua que utilizará o profesorado na aula.

2. Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes (e as castelán falantes que non teñan prexuízos) sabemos que a nosa liberdade lingüística está moi limitada. Son numerosos os atrancos que se nos presentan, sobre todo en determinados ámbitos urbanos, para desenvolver a nosa vida cotiá e profesional en galego. Tan numerosos son, que moitas persoas ocultan socialmente a súa lingua, sexa para evitar desagradables problemas nas relacións sociais, sexa por imperativo da empresa onde traballan. É o fenómeno da invisibilidade social do galego, derivado dos prexuízos sobre a lingua existentes na sociedade; fenómeno amplamente estudado, sobre o que non insistirei aquí.

Estes atrancos reiterados non os padecen as persoas castelanfalantes, que poden desenvolverse con plenitude na súa lingua. A min isto último paréceme moi ben, como é obvio. O que me parece mal é que as galegofalantes non poidamos ter uns dereitos semellantes. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelán falante.

Para iso é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é clave para garantir a liberdade lingüística. Unha competencia bilingüe que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. E que posúe tamén un sector das persoas castelanfalantes que non teñen prexuízos sobre a lingua e non perciben como unha ameaza ou unha afronta a presenza do galego na sociedade.

3. Acadarán unha boa competencia en galego os alumnos e alumnas que se van escolarizar nun sistema educativo onde van ter un 33% (teórico, que se a práctica continúa como ata o de agora nun significativo número de centros, nin iso haberá) de docencia en galego? Por desgraza, salvo apelando á fe irracional nos milagres, sabemos que a resposta é negativa. Calquera manual de sociolingüística aplicada ao ensino explica o evidente: que unha lingua minorizada socialmente ten que estar presente nas aulas cando menos na metade do currículo.

Por riba, en Galicia xa temos experiencia práctica, porque ben nolo demostrou o decreto 247/1995, que tamén contemplaba un uso minorizado do galego. Os seus malos resultados respecto do obxectivo básico (acadar unha boa competencia nas dúas linguas oficiais) foron, precisamente, unha das razóns que levaron á elaboración do Plan Xeral de Normalización do ano 2004. Por certo, o señor Núñez Feijoo, que daquela era vicepresidente da Xunta, votou afirmativamente o PXNL no Parlamento. Como crer en diante nas súas propostas de consenso? Acaso non era un consenso –moi meditado e moi traballado, podo dar fe como persoa implicada— o PXNL?

4. Con este decreto, o mandato principal da Lei de Normalización Lingüística (garantir que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais) convértese en papel mollado, malia as palabras baleiras que tentan negalo e poñer a venda antes da ferida. Unha significativa porcentaxe do alumnado, con seguridade, acadará unha escasa competencia en galego. Se a Administración se atreve a propoñer controis externos de avaliación das competencias, en poucos cursos poderemos constatar os amargos froitos obtidos. Os futuros cidadáns que exercerán a avogacía, ou traballarán na administración, ou na fontanería, ou no comercio, ou na medicina, ou nas notarías... non van ter a competencia necesaria para que nós, ou os nosos fillos e fillas, poidamos usar a lingua en calquera situación.

Un decreto coma este supón un intento de converter unha parte da cidadanía en cidadáns de segunda. Un ataque ás liberdades que non se fai de fronte, senón apelando á “liberdade” dos pais. O Ministerio da Verdade que profetizou o señor Orwell habita entre nós!

5. Lembremos, unha vez máis, o evidente: a educación dos nenos e nenas, nunha democracia, non é algo que poidan decidir os pais directamente, porque afecta a toda a cidadanía. Aos que teñen fillos e aos que non, aos que xa non os teñen en idade escolar e aos que pensan telos no futuro. E tamén aos pais e nais que teñen fillos escolarizados, xaora.

Por esta razón, a estrutura do sistema educativo, o horario escolar, as materias que se imparten e os seus respectivos currículos, a capacitación do profesorado, os sistemas de avaliación... son todos aspectos que deciden e regulan os gobernos democráticos, precisamente porque afectan a toda a cidadanía.

O mesmo debería suceder co uso das linguas no sistema educativo. A que se debe esta evidente deixación de funcións por parte da Xunta, malia a claridade coa que xa falou o Tribunal Constitucional? A apelación á liberdade de escolla das familias é unha evidente terxiversación do termo “liberdade”, máis grave aínda se temos en conta que se lles pide opinión sobre unha lingua sometida a arraigados prexuízos sociais, que esixiría políticas activas para favorecer o equilibrio coa lingua máis asentada socialmente.

6. Como ocorre con outros aspectos da ideoloxía neoliberal, úsase a palabra liberdade cando, en realidade, o que se quere dicir é “liberdade para uns poucos” ou “liberdade para os que xa están en posición de privilexio”.

Hoxe está en xogo algo máis que a pervivencia da lingua e a consolidación dos logros acadados, está en xogo algo máis que o baleirado real da Lei de Normalización Lingüística. As persoas galegofalantes imos ter, se este decreto entra en vigor, as nosas liberdades sociais ameazadas. Que a ameaza se converta ou non en realidade, está en mans de todas as persoas que desexan unha sociedade máis libre, máis igualitaria, máis culta. E, sobre todo, máis xusta.

Agustín Fernández Paz
31.XII.09

4 de jan. de 2010

Artigo sobre o decretazo contra o galego


O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe non podería abordar outro tema que non fose esta fortísima ameaza á liberdade, como ben o sintetizou Agustín Fernández Paz. Temos que implicarnos todas e todos para pararmos o decretazo da galegofobia!

Este decreto ímolo tombar
As comunidades educativas móvense contra a galegofobia


Excepto as organizacións máis directamente vinculadas á oficialidade dos dirixentes do PP, todo o resto das entidades que representan a comunidade educativa amosaron o seu profundo desacordo tanto coa proposta de decreto contra o galego como coas vergoñentas formas de presentación do mesmo. Nove meses despois de tomar posesión, o presidente da Xunta non foi capaz de propor nada mellor que un texto galegófobo, que creará crispación entre familias e que é inaplicábel nos centros, se non é creando unha inmensa fractura social.

Ante esta situación, a plataforma Queremos Galego convocou as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro. A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social a este decretazo.

Alberto Núñez Feijóo sabe que esta norma galegófoba non conta co respaldo nin das familias nin do profesorado nin do estudantado. Por iso a presentou no medio das vacacións, na véspera de fin de ano, á última hora do serán e mudando in extremis tamén o lugar de reunión do Consello da Xunta, por vez primeira na lexislatura. Só lle faltou facelo de noite e no medio dunha fraga perdida.

Co seu característico discurso cínico, bautizou o disparate como “decreto do plurilingüismo”, cando a realidade é que con esta proposta non se poden mellorar as competencias comunicativas de ningún dos tres idiomas indicados. Por moito que se esforce o presidente da Xunta en exprimir a súa maquinaria mediática, as mentiras non pasan a se converter en verdade pola forza da repetición de quen ostenta o poder.

Así, a propaganda sobre a aprendizaxe do inglés é unha burla tremenda, porque se vende un suposto “trilingüismo” que, á marxe doutras consideracións, é imposíbel de aplicar en case toda Galiza. Dese xeito o recoñece a disposición transitoria primeira deste decreto, que sinala que mentres non haxa profesorado capacitado para dar aulas nesta lingua foránea, iso non se fará. Esa disposición adicional acaba anulando todo o dito no resto do articulado!

Se o Goberno quixese mellorar de verdade as competencias dos estudantes en inglés desde os centros, tería que tomar outras medidas. Antes de nada, debería contratar máis profesorado para esta materia, para que haxa menos alumnado por clase, e tamén mellorar as dotacións en material dos centros. Coas falacias sobre o inglés o que tentan é confundir á opinión pública e camuflar esta navallada contra o idioma de Galiza.

No caso do castelán e do galego, é obriga do Goberno garantir que os estudantes finalicen cada etapa educativa con competencias nas dúas linguas oficiais. No entanto, iso non se está a conseguir para o idioma propio, tal e como o corroboran estudos e informes realizados polo Consello Escolar de Galiza, o Instituto Nacional de Estatística, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

Cando se aprobou o Plan xeral de normalización por unanimidade, Alberto Núñez Feijóo era vicepresidente da Xunta. Nese acordo da cámara autonómica sinalábanse os resultados dun longo traballo que demostraba que era necesario darlle un pulo ao galego no ensino. Algunhas das razóns, que extracto literalmente do documento, eran a “competencia non equiparable en galego e en castelán, con deficiencias moito máis notables na primeira desas linguas” pois “o nivel de aprendizaxe do galego por parte do alumnado é claramente inferior ao acadado no castelán”, a existencia dunha “situación de desigualdade entre os dous idiomas, o que esixe medidas favorables ao galego para intentar conseguir ese equilibrio”, que “en educación infantil e 1º ciclo de primaria, a presenza do galego é mínima”, que “falta máis material didáctico e máis material para o desenvolvemento pleno de aulas en galego, sobre todo en determinadas áreas curriculares e en determinadas etapas educativas” etc.

Nesa mesma liña, o último censo de poboación e vivendas sinalaba que un 20% dos rapaces e rapazas entre 14 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego. Aí é nada! Porén, Alberto Núñez Feijóo, como presidente da Xunta, en lugar de axudar a resolver este gravísimo problema, profúndao e crea outros novos. Como se pode entender que, ante esta situación, o que se propoña sexa xusto reducir a presenza da lingua propia no horario escolar?

Disque “liberdade”

O outro eixo da propaganda deste decreto é que disque ofrece a “liberdade” (palabra tan corrompida!) dos pais e das nais para escolleren que materias se impartirán en que linguas a través de consultas. Así, a Xunta fai deixadez das súas funcións, trasladando as súas responsabilidades ás comunidades educativas, abrindo unha fonte de enormes conflitos mesmo entre familias.

Mais se non nos guiamos pola cínica grandilocuencia gobernamental e imos ao texto do decreto veremos en que consiste iso en realidade. En educación infantil, disque a maioría decidirá a lingua vehicular e non se sabe que é o que pasará coas familias que saian perdedoras desa votación. Ademais, as consultas ás nais, aos pais ou aos titores serán cada catro anos, de forma que un decide pola educación dos fillos dos demais e viceversa. Parece unha brincadeira, mais non o é.

Fronte á imposición unilateral de Núñez Feijóo, as comunidades educativas reclaman que se escoite a súa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, da federación de ANPAs públicas, de todas as organizacións estudantís e de todos os movementos de renovación pedagóxica, mentres que o seu decreto contra o galego non xera máis que rexeitamento. Se non o lembra, lembrarémosllo o 21 de xaneiro. Este decreto galegófobo ímolo tombar!