25 de dez. de 2009

Por se o Apalpador non baixou esta noite


Hai quen di que o Apalpador, ou Pandigueiro, baixa a noite do 24 para o 25 para traer os presentes, mais hai tamén quen asevera que na realidade o fai na noite na que comeza o ano.

Se for ese o voso caso, ou se agardades polos tamén tradicionais Reis Magos, e aínda non sabedes que pedir ou que agasallar, tedes aquí dúas compilacións de libros e de contos para crianzas no noso idioma:

23 de dez. de 2009

Entrevista para a Associació de Juristes en Defensa de la Llengua Pròpia


A Associació de Juristes en Defensa de la Llengua Pròpia, que impulsa o catalán no ámbito xurídico como o seu nome ben indica, publicou hoxe no seu boletín unha entrevista comigo, para aproximarse á situación actual do noso idioma.

Podedes lela nesta ligazón.

En defensa das seleccións galegas

A quen ofende que haxa seleccións deportivas galegas cun mínimo recoñecemento? Por que tanto esforzo por parte do PP en desmontalas e deslexitimalas?

Eu irei á concentración do día 28 e agardo poder facelo coa camisola de meu irmán Xoán, que é o futboleiro da familia.

A respecto desta situación, hai unha boa viñeta de Gonzalo Vilas en GzNación:

22 de dez. de 2009

Xa teño título

Moitas grazas ás e aos que participastes nese rápido inquérito para axudarme a escoller título para o meu próximo libro. Esta semana agardo entregar xa o orixinal e que poida saír ben axiña.

Como sabedes, a forma gañadora finalmente foi a máis provocadora, mais que tamén convida á reflexión: En castellano no hay problema.

Como retiro xa a caixa da enquisa, deixo aquí constancia de que participaron 79 persoas, cos seguintes resultados:
  • En castellano no hay problema - 30 votos - 37%
  • Por que o chaman bilingüismo cando queren dicir diglosia? 15 votos - 18%
  • Polo dereito a vivirmos en galego -14 votos - 17%
  • Nin un paso atrás - 6 votos - 7%
  • Spanish no problem - 5 votos - 6%
  • A lingua invisíbel - 5 votos - 6%
  • Por un acordo nacional sobre lingua 4 votos - 5%
Fico agradecido tamén ás persoas que me comentastes o tema en persoa, no msn, no facebook, no fotolog e neste mesmo blog.

Este libro quere contribuír nesta batalla, tamén das ideas, que estamos a dar. Como temos razón, non imos contra ninguén e dicimos a verdade, non hai dúbida de que, máis cedo que tarde, venceremos porque convenceremos.

21 de dez. de 2009

'A normalización sen normalización' e 'A lingua politizada'

A miña páxina desta semana en Galicia Hoxe está conformada por dous textos vinculados, porén diferentes: "A normalización sen normalización" e "A lingua politizada".

A normalización sen normalización

No segundo libro e no segundo filme da exitosa saga de Harry Potter, o que se desenvolve arredor da historia da Cámara dos Segredos, aparece unha personaxe que me parece especialmente interesante; mesmo fascinante. Refírome ao Dobby, un trasno doméstico que tenta advertir ao neno mago dos perigos que o axexan se ese curso regresa a Hogwarts.

Igual que todos os trasnos domésticos dese mundo imaxinado por J. K. Rowling, o Dobby debe obedecer as ordes do seu amo, no seu caso alguén maléfico. Como está en desacordo, quere facer o ben e ademais ser libre, decide ir rompendo coas cadeas que o atan e contravén o seu dono sempre que ten oportunidade. Cada unha das veces que escolle o camiño da liberdade e de subverter as normas inxustas, o Dobby debe castigarse e autolesionarse: dáse cabezazos contra a parede, quéimase cun ferro de pasar, máncase... Facerse dano a si mesmo é o prezo que paga por desobedecer as normas do Amo.

Cantas veces as persoas que formamos o corpo social que defende e dinamiza a normalización da nosa lingua non actuamos como este trasno doméstico?! Cantas veces non nos situamos como habitantes da culpa por utilizar o galego sempre ou defender o seu uso nos diferentes ámbitos? Cantas veces non somos capaces de combater as caricaturas que o poder fai sobre nós e acabamos créndoas e actuando a partir delas? Que se “impomos” o galego, que se “politizamos” a lingua, que se somos “agresivos”, que se “ameazamos”, que se nos “pasamos”, que se utilizamos unha lingua “artificial”, que se somos os responsábeis de que se ataque o galego... Xa o teñen dito ben de sociólogos e antropólogos: o suxeito dominado é o primeiro axente da dominación.

Ergamos a cabeza. Non temos que pedirlle perdón a ninguén por termos unha lingua, querermos utilizala no día a día e reclamarmos que haxa políticas que garantan os nosos dereitos lingüísticos, porque tamén os temos e son tanto individuais como colectivos.

Un dos riscos da culpabilización é a tentación de fuxirmos da realidade e agocharnos en posturas máis testemuñalistas. Dentro desas formas de escapismo, unha das que está a gañar máis forza nos últimos tempos é a de que hai que “renovar totalmente os discursos sobre lingua”.

A realidade cambia e é necesario sempre adaptar as ferramentas de análise, iso é algo que ninguén pode dubidar. No entanto, a forma que algúns sectores teñen de enfocar e darlle prioridade ao tema paréceme outra forma de política de homenaxe ao idioma, para postergar o que é conflitivo e complicado: a súa incorporación xa aos diferentes ámbitos en que non se encontra. É como as administracións que encargan un plan de normalización como xeito de posporen calquera actuación, que ao final tampouco se chegará a concretar cando ese completísimo plan estea finalizado, aprobado, presentado e publicado. Como ben sintetizou Marx, “vale máis un paso adiante real que cen programas correctos”.

O peor é xa cando esa suposta renovación discursiva se concreta en facer unha acrítica tabula rasa pola que se acaba incorporando, disque por “moderna” ou “para achegarse á xente”, a cosmovisión que nos vende xusto quen está en contra da nosa causa.

En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é “bilingüe”, que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.

Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: “A maioría dos académicos están obsesionados coa idea ‘A esquerda necesita novas respostas’. Non é isto basicamente un ‘Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?’ Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución”.

Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?

A lingua politizada

Un dos prexuízos que está a cobrar máis forza na actualidade contra o galego é que se trata dun idioma “politizado”, “patrimonializado polo nacionalismo”. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoiábase nesta idea para acusar os manifestantes que encheron Compostela na primeira grande mobilización desta lexislatura, a do 17 de maio, de quereren “apropiarse da lingua”. Nesa xornada, os manifestantes xa o convidamos a el e a todo o seu goberno a facer iso mesmo: apropiarse do galego. Finxía petar nunha porta aberta.

Este discurso da “lingua politizada” calou tamén en parte da propia base nacionalista, que pasou a actuar de novo como o Dobby de Harry Potter. Nalgúns casos chegouse a propugnar que o nacionalismo organizado debería dar un paso atrás e deixar de ter un papel protagónico na defensa do idioma. Esa é nin máis nin menos que unha repetición da propaganda e das deformacións difundidas desde os altofalantes do poder.

Ninguén con amor pola lingua dubida de que é un reto que todas as organizacións sindicais e partidarias maioritarias en Galiza asuman de verdade a defensa do galego. Iso debe conlevar non unha retórica máis ou menos altisonante, senón a aplicación de políticas concretas para a súa promoción.

Que o nacionalismo actúe impide dalgún xeito que outras organizacións fóra do seu campo tamén o fagan? A resposta é tan clara como obvia: non. Entón, por que ese empeño dalgúns corifeos en restar o nacionalismo desta batalla? Non é, no fondo, pretender que non haxa batalla e que a pax lingüística, tal e como a chamou Fraga Iribarne, triúnfe?

Nalgunhas conversas con deputados do PP, estes achacábanme que A Mesa “é do Bloque” e que eles defenden “tanto o galego como o castelán”. A miña resposta foi e é sempre a mesma: xa non só como goberno, senón como parlamentarios, teñen na súa man demostrar que tamén defenden o galego. Nin BNG nin PSOE lles impiden presentar iniciativas nese camiño, mais o caso é que non existen. Se algún día atenden as chamadas e escritos que lles remitimos desde o movemento normalizador e actúan levando á cámara do Hórreo por exemplo os casos das traballadoras e dos traballadores discriminados por utilizar o galego, entón poderemos comezar a crer no que nos din.

Cómpre que reparemos en que, ao final, do que nos queren convencer é de que hai quen politiza o galego porque hai quen o defende. Ademais, pretenden culpabilizar a quen actúa polo feito de actuar.

Eu teño moi claro que non se precisa que ninguén dea un paso atrás, senón que se dean ben de pasos para adiante. Tamén desde as organizacións de ideario nacionalista e nas institucións gobernadas polo BNG. Aínda que son obxectivamente as que máis utilizan e promoven o galego, non nos queda outra que recoñecer que non fan todo o que poderían. Organizacións e institucións do nacionalismo deberían asumir con máis decisión o seu papel de motores da revitalización do galego.

O que hai que facer é sabido: incorporar o galego aos diferentes ámbitos e solicitar tamén o seu uso. Lembremos que se non o facemos as persoas e entidades con sensibilidade pola lingua, ninguén o fará por nós.

20 de dez. de 2009

Escribindo sobre a 'lingua politizada'

Pasarei o que resta da mañá e o comezo da tarde escribindo o artigo para Galicia Hoxe, ao quentiño da casa e dos antigripais. Quero trasladar nese texto algunhas ideas que considero importantes por volta do prexuízo de que o galego é unha lingua "politizada" (ou "apropiada" ou "patrimonializada") polo nacionalismo.

Este tema estivo moi presente na mesa redonda que onte pola tarde organizou o BNG da Barbanza, cun nutrido grupo de participantes, preocupados e activados na defensa do noso idioma.

Lembrade tamén que se queredes colaborar na escolla do título do meu próximo libro poderedes votar até a noite de hoxe no inquérito que está aí á dereita. Sei que o prazo non foi moito, mais é que preciso a rapidez para que tamén a obra poida estar rauda contribuíndo ao debate público na defensa do único idioma propio, natural e xenuíno da Galiza.

19 de dez. de 2009

En castellano no hay problema

Este é o posíbel título do meu próximo libro, segundo os resultados que até o momento ten o inquérito da dereita, no cal podedes clicar até mañá para dardes a vosa opinión. Lembrade que só permite un voto por cada IP, mais podedes mudar o seu sentido até que fechen estas engrazadas urnas virtuais.

No momento en que escribo esta entrada, os resultados son os seguintes:
  1. En castellano no hay problema 32%
  2. Por que o chaman bilingüismo cando queren dicir diglosia? 24%
  3. Polo dereito a vivirmos en galego 16%
  4. Nin un paso atrás 9%
  5. Spanish no problem 7%
  6. A lingua invisíbel 5%
  7. Por un acordo nacional sobre lingua 3%
Alguén me dicía que era a primeira vez que se escollía o título dun libro en galego a través de votacións. Eu, a verdade, non pensara niso, nin sei o que poida ter de especial, se é que o ten. O que me gustaría é que, desde xa o comezo, esta obra teña unha dimensión colectiva e participativa, porque colectiva e participativa é a loita en que estamos tantas e tantos na defensa do noso idioma neste momento tan difícil, porén tan esperanzador pola resposta social.

18 de dez. de 2009

Un pouco de cordura

Hoxe publico un artigo no suplemento Luces, que sae en galego dentro da edición para Galiza de El País. No básico, é unha réplica a un desafortunado escrito de Henrique Monteagudo a semana pasada nesas mesmas páxinas:

Un pouco de cordura

Hai unha liña da sociolingüística en Galiza que está a fomentar a idea de que o idioma galego está nun momento espléndido, para nada padecendo un ataque especial nin unha situación de emerxencia. Os principais valedores deste discurso son persoas que tiveron ou teñen altos cargos en gobernos do PP, como é o caso actual de Anxo Lorenzo ou o foi de Mauro Fernández. Tanto optimismo non se basea, porén, en ningún estudo que manteña un mínimo de rigor e credibilidade e tampouco ten constatación empírica na realidade.

É criticábel que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúa a divulgar esta propaganda inverosímil, organizando seminarios que na súa proxección pública parece que teñen como finalidade o que Manuel Fraga chamou a pax lingüística: aquí non pasa nada, o galego vai moi ben, así que non protestedes e deixade que vaia morrendo docemente. Resulta chocante que, na situación actual, o CCG non teña mellor ocorrencia que enviar un comunicado aos medios no que nos quere vender que "o galego é a lingua maioritaria" de Galiza. Negan o evidente e contribúen á narcotización do problema.

Se non se parte dos síntomas, non se poderá detectar a doenza nin pórlle remedio. O que nos din todas as pesquisas é que o idioma galego sofre unha caída en picado na transmisión entre xeracións, que en dez anos se duplicou o número de persoas que declaran non falalo nunca, que é residual na xente nova das cidades e que está ausente dos grupos e espazos sociais que marcan o futuro. Esta situación non é irreversíbel, pois hai posibilidades reais de rectificarmos, mais para iso hai que partir do real.

Isto que digo nas liñas anteriores foron as críticas substanciais cara ao CCG que realicei hai varios días en dous escritos asinados por min no meu blog persoal e no diario Galicia Hoxe. Tamén lamentaba que este organismo teña por norma excluír A Mesa de todas as súas actividades sobre a lingua. Manteño que é unha actitude grave porque desconsidera un sector e unha liña de opinión que existe e, sobre todo, porque, guste ou non, A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza, cos seus case 4.000 socios e socias. Deixan fóra un inmenso movemento cidadán organizado en defensa da nosa cultura.

Lembro agora isto porque a semana pasada publicou Henrique Monteagudo, secretario do CCG e coordinador do seminario a que antes aludín, un artigo no suplemento Luces no cal se refería, en termos impropios para unha persoa coas súas responsabilidades, ás lexítimas críticas que realizamos desde A Mesa. En lugar de citalas e rebatelas cos argumentos que tivese a ben (e que sería un paso para un debate construtivo e útil), considerábaas despectivamente como "arroutadas" de quen anda "ghabeando polas paredes". Ademais, daba a entender unha división entre as plataformas e organizacións que traballamos en defensa do galego, que por fortuna non existe, e que non sería desexábel que chegase a existir.

Neste momento histórico estamos a xogar unha batalla crucial para gañar o futuro para o noso idioma. Non lle fagamos ningún favor aos inimigos (que existen e teñen moito poder) e non contribuamos á marxinación, á división e á caricaturización. É un tópico, mais é verdade: a todos os que defendemos o galego como idioma vivo, como patrimonio común e dereito individual e colectivo, únenos moitísimo máis do que nos separa. Por iso, camiñemos a senda da cordura e da unidade.