Mostrando postagens com marcador publicacións. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador publicacións. Mostrar todas as postagens

22 de dez. de 2009

Xa teño título

Moitas grazas ás e aos que participastes nese rápido inquérito para axudarme a escoller título para o meu próximo libro. Esta semana agardo entregar xa o orixinal e que poida saír ben axiña.

Como sabedes, a forma gañadora finalmente foi a máis provocadora, mais que tamén convida á reflexión: En castellano no hay problema.

Como retiro xa a caixa da enquisa, deixo aquí constancia de que participaron 79 persoas, cos seguintes resultados:
  • En castellano no hay problema - 30 votos - 37%
  • Por que o chaman bilingüismo cando queren dicir diglosia? 15 votos - 18%
  • Polo dereito a vivirmos en galego -14 votos - 17%
  • Nin un paso atrás - 6 votos - 7%
  • Spanish no problem - 5 votos - 6%
  • A lingua invisíbel - 5 votos - 6%
  • Por un acordo nacional sobre lingua 4 votos - 5%
Fico agradecido tamén ás persoas que me comentastes o tema en persoa, no msn, no facebook, no fotolog e neste mesmo blog.

Este libro quere contribuír nesta batalla, tamén das ideas, que estamos a dar. Como temos razón, non imos contra ninguén e dicimos a verdade, non hai dúbida de que, máis cedo que tarde, venceremos porque convenceremos.

20 de dez. de 2009

Escribindo sobre a 'lingua politizada'

Pasarei o que resta da mañá e o comezo da tarde escribindo o artigo para Galicia Hoxe, ao quentiño da casa e dos antigripais. Quero trasladar nese texto algunhas ideas que considero importantes por volta do prexuízo de que o galego é unha lingua "politizada" (ou "apropiada" ou "patrimonializada") polo nacionalismo.

Este tema estivo moi presente na mesa redonda que onte pola tarde organizou o BNG da Barbanza, cun nutrido grupo de participantes, preocupados e activados na defensa do noso idioma.

Lembrade tamén que se queredes colaborar na escolla do título do meu próximo libro poderedes votar até a noite de hoxe no inquérito que está aí á dereita. Sei que o prazo non foi moito, mais é que preciso a rapidez para que tamén a obra poida estar rauda contribuíndo ao debate público na defensa do único idioma propio, natural e xenuíno da Galiza.

19 de dez. de 2009

En castellano no hay problema

Este é o posíbel título do meu próximo libro, segundo os resultados que até o momento ten o inquérito da dereita, no cal podedes clicar até mañá para dardes a vosa opinión. Lembrade que só permite un voto por cada IP, mais podedes mudar o seu sentido até que fechen estas engrazadas urnas virtuais.

No momento en que escribo esta entrada, os resultados son os seguintes:
  1. En castellano no hay problema 32%
  2. Por que o chaman bilingüismo cando queren dicir diglosia? 24%
  3. Polo dereito a vivirmos en galego 16%
  4. Nin un paso atrás 9%
  5. Spanish no problem 7%
  6. A lingua invisíbel 5%
  7. Por un acordo nacional sobre lingua 3%
Alguén me dicía que era a primeira vez que se escollía o título dun libro en galego a través de votacións. Eu, a verdade, non pensara niso, nin sei o que poida ter de especial, se é que o ten. O que me gustaría é que, desde xa o comezo, esta obra teña unha dimensión colectiva e participativa, porque colectiva e participativa é a loita en que estamos tantas e tantos na defensa do noso idioma neste momento tan difícil, porén tan esperanzador pola resposta social.

16 de dez. de 2009

Cal che parece o mellor título?

Estou a ultimar un libro sobre a situación do noso idioma e o combate cívico dos últimos anos na súa defensa, no que tanto se desmontan algunhas das mentiras máis repetidas por parte da galegofobia como se propoñen alternativas concretas para superarmos esta situación.

Para entregalo á editora e que saia a fume de carozo do prelo, preciso escoller o título acaído. Igual que a loita de que aí falo é colectiva, tamén vos quero propor á xente que pasades por aquí que participedes na selección do título.

Na barra aí á dereita puxen un pequeno inquérito con varias opcións, que de momento son as seguintes:
  • En castellano no hay problema
  • Spanish no problem
  • Por que o chaman bilingüismo cando queren dicir diglosia?
  • Por un acordo nacional sobre lingua
  • Nin un paso atrás
  • Polo dereito a vivirmos en galego
  • A lingua invisíbel
En todos eles tentei salientar algunha idea importante para a reflexión e o debate público. No entanto, se non vos gustar ningún dos anteriores, tamén podedes deixar as vosas propostas en forma de comentario nesta entrada.

Podedes participar até a noite deste domingo. Parafraseando o que diría o Wyoming, o que Galiza vota vai á misa! ;-)