Agardo e agardamos estar á altura do que as vosas mensaxes demandan. Podedes estar certas e certos de que desde A Mesa seguiremos a dar esta batalla cívica con toda a forza e como mellor poidamos facelo, a pesar das innegábeis limitacións.
En situacións como a actual constátase a importancia de contarmos con ferramentas colectivas de defensa do noso idioma como é A Mesa pola Normalización Lingüística. Por iso, non podo deixar de convidarvos ás persoas que aínda non sexades socias a que vos afiliedes e, a quen xa o sexades, que estendades este convite polo voso entorno. Tedes aquí o formulario na rede para o facerdes. Sodes -somos- máis necesarios e máis valiosos que nunca!

Outro pequeno éxito
Teño que falar aquí tamén doutro paso adiante conseguido pola campaña impulsada desde A Mesa. Esta asociación protestou porque a editora Salvat-Bruño deixara de editar en galego os álbumes de Astérix e Obélix. A mobilización cidadá conseguiu o seu resultado e hoxe chega ás tendas tamén no noso idioma. Porque o traballo e a constancia dan os seus froitos, igual que podedes ter a certeza de que os dará a mobilización das 100.000 primaveras do domingo pasado.




