14 de jan de 2010

De fala a lingua: un proceso inacabado

Dentro da bibliografía recente para nos armarmos de munición cívica no combate en defensa do noso idioma, quero hoxe salientar o libro De fala a lingua: un proceso inacabado, onde se compilan varios traballos de Pilar García Negro, a prestixiosa sociolingüista e exemplar militante da defensa do idioma de noso.

Extracto aquí un pedazo da introdución desta obra que vos recomendo ler e difundir:

Na década dos cincuenta do século XX, dous acontecementos en aparencia moi distintos e distantes teñen lugar: nos USA, en 1955, Rosa Parks, muller negra, costureira e activista do Movemento polos Dereitos Civís, en Montgomery, Alabama, négase a ceder o asento do autobús en que viaxaba, reservado aos brancos: rompe unha lei escrita -e moitas normas non escritas- e prosegue o camiño da inclusión dos pretos na sociedade norteamericana. Un ano antes, en 1954, a UNESCO receberá escrito de protesta, apoiado por centros galegos en América, pola discriminación sofrida pola lingua galega, en pleno franquismo. Deamos triplo salto mortal e reinstalémonos no presente: a exclusión do galego véstese hoxe de traxe bilingüe. Ao igual que no caso do racismo clásico, non é que non se admita a existencia do galego (como os negros naqueles anos, só pode viaxar na traseira do vehículo...): mesmamente, é imprescindíbel para marcar diferenzas de superioridade; por tanto, ao igual que os negros, cóntase con el en tanto en canto non ouse endexamais ocupar o asento do amo, isto é, se conforme coa súa existencia afastada e invisibilizada no mundo social e público. Negros? Si: nos traballos pior pagos, no baloncesto, no jazz ou no soul... Lingua galega? Si, por suposto: na cada vez máis deshabitada aldea, nos vellos, no coloquial, nalgunha canción, no Día das Letras Galegas, na literatura, nalgunha homenaxe limitada... Nunca no uso ubicuo que non se discute en absoluto para o español. En ambos casos, ¿inclusión é sinónimo de normalización? Coidamos que non.

Os vellos resaibos (endo)racistas reaparecen a nada que o negro se fai ver, isto é, a nada que penetre minimamente en espazos onde, lentamente, poda mudar a fotografía cualitativa da lingua galega e dotala (ensino, administración, sanidade...) dalgún efeito multiplicador... Rosa Parks (1913-2005) impuxo o seu direito a viaxar sentada no autobús dos brancos. Toda a nosa historia autónoma, desde hai cento e cincuenta anos, é a historia por poñer o galegos nos lugares visíbeis socialmente, por lle dar estatuto público (literatura, prensa, política, Xustiza, Igrexa...). E este esforzo pacífico, democrático, superador de barreiras artificiais, debelador do clasismo... é chamado imposición! Daquela, todos os avanzos históricos en termos de igualación e de superación de vellas inxustizas supuxeron imposicións da vítima: os pretos impuxeron a súa presenza, ao igual que a impuxeron as mulleres loitadoras pola súa liberación ou os escravos pola súa emancipación. ¡Avelloucada e resesa arma de quen practica a cotío a imposición real, refutar co mesmo que eles practican a cotío!: a imposición de verdade, dada por natural e inmutábel, sexa a prevalencia do branco dominante, do varón, do machismo, do amo ou do idioma hexemónico.

Um comentário:

  1. Vexo que o post sobre os "pretos" onte te inspirou a escolla deste texto;)

    Moi bo, sen dúbida...

    ResponderExcluir