Mostrando postagens com marcador Xosé Ramón Barreiro. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xosé Ramón Barreiro. Mostrar todas as postagens

5 de mai. de 2013

Auguiña de sete fontes (7)

- Un mozo senegalés en Mallorca morreu por tuberculose. Negóuselle a atención médica porque non tiña papeis.

- No boletín de novas adquisicións da biblioteca municipal de Ferrol non hai nada en galego. En inglés, si.

- "Dormir no es tan fácil", artigo de Vicente Palomera en La Vanguardia.

- Crónica da intervención de Xosé Ramón Barreiro no Congreso Rosalía de Castro no século XXI, por Francisco Rodríguez, no seu blogue.

- Crónica da intervención de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda no Congreso Rosalía de Castro no século XXI, por Francisco Rodríguez, no seu blogue.

- "17 de maio: Ricardo Carvalho Calero", por Pilar García Negro.

- As novidades desta semana de Abertos ao Galego.

14 de dez. de 2009

Unha Academia máis nosa

O artigo desta semana en Galicia Hoxe, dentro da miña páxina semanal so o nome "Por navegar ao desvío", fai unhas pequenas caladas na historia da Real Academia Galega para valorar moi positivamente os pasos emprendidos por esta institución nos últimos tempos e facendo votos para que se profunde nesa liña:

Unha Academia máis nosa
Sinais de vitalidade e forza na Real Academia Galega


A Real Academia Galega, cos seus pouco máis de cen anos de historia ininterrompida, é unha das institucións máis antigas de Galiza. A súa continuidade causa abraio nun país no que o esforzo de vertebrar e organizarse tivo que recomezar tantas veces. Mais tamén é certo que, para se manter, tivo que pagar unhas taxas moi elevadas. Mentres o fascismo do 36 saqueou e destruíu a posibilidade de que chegasen até hoxe institucións vivas e dinámicas como por exemplo o Seminario de Estudos Galegos, só permitiu a continuidade dunha Academia “Gallega” esclerotizada. Bo exemplo desta situación é que un dos homes máis viles da nosa historia, Francisco Franco, foi nada menos que membro de honra até hai só uns meses.

Os grupos máis implicados na revitalización da lingua galega a partir dos anos 60 acháronse, así, cunha institución que non respondía ás necesidades sociais, tan grandes no contexto de represión ao que había que enfrontarse. Un dos seus escasos méritos recoñecidos fora a instauración do 17 de maio como Día das Letras, aínda que tamén se lle achacou unha visión fosilizada que conlevou importantes polémicas.

A cultura galega viva, socializada, estivo durante décadas en tensión coa Academia. Fermín Bouza Brey expresáballo así nunha carta a Xosé María Álvarez Blázquez: “Os mozos de eiquí, “Galo” [refírese á agrupación cultural compostelá] etc. están dirixindo mensaxes á Academia protestando de isto e aquelo. Os académicos decimos que non poden ser isas intromisións etc. etc, mais eu ca miña lengua pequena digo que me gostan, que se necesitan, que hai que endereitar a moita xente engruñada, que van co meu esprito, que matino que comigo non poden ir porque eu inda os supero acaso en actividade a prol da nosa terra...”

Anos despois, en xullo de 1975, enviouse cun apoio masivo unha “Carta aberta o Escmo. Sr. Presidente da Real Academia Gallega”. O texto é moi pouco coñecido, polo que o transcribo aquí:

Escmo. Sr. :

Os abaixo firmantes, galegos dos catro puntos cardinais do país, preocupados pola evolución social e cultural do noso país, despóis de analizar detidamente o papel da institución que V.E. preside, vémonos na obriga de manifestarlle a nosa aberta discrepancia coa función que cumpre i os métodos que a rixen. Sentimos que un orgaismo de tal clase non desempeñe a misión que debera desempeñar, cousa mais notoria nos derradeiros anos, nos que a conciencia dos nosos problemas coleitivos ten medrado mentras que a Academia foi insensible a iles e dende logo non participóu pra nada no xurdimento dunha atitude crítica E COMBATIVA. Por eso e polo que lle facemos as seguintes puntualizaciós:

1º. É unha contradición grave que a Academia seña unha institución inda mais rutinaria, e formalista que a Academia Española. E decimos grave porque Galicia é un pais que tén a sua lingoa e cultura sin normalizar, polo que a laboura de a Academia tiña que ser mais aberta, responsable e popular. Teña V.E. en conta que nos falta todo tipo de apoio oficial.

2º. A Academia é elitista (non se sabe ben con que criterios), retrógrada ao marxen da realidade galega, viva e actuante. Limítase a trámites burocráticos (publicación de algún opúsculo, etc.) e celebracións rituais (Dia das Letras Galegas, recepción e discurso de novos académicos, etc. ), cando debera ser a caixa de resonancia das preocupacións e inquedanzas culturais do noso pobo. É pois un orgaismo oficialista e decorativo, xa que non está integrado na problemática da nosa sociedade, co agravante de ser nominalmente galega. As confusiós que produz nunha opinión pública a veces non mui informada, unha Institución de semellantes características, son contraproducentes pra unha identificación do noso pobo consigo mesmo.

3º. Algúns dos seus membros manteñen unha aititude rediculizadora e folklorista cara a nosa lingoa. V. E. mesmo ten ido por festas e participado en actos nos que non empregou o Galego, ou ben o fixo de maneira abertamente diglósica. A Academia como tal non se manifestou endexamais combativa na causa da normalización da lingua galega, que debía ser o seu ouxetivo mínimo. Mentras os seutores da nosa cultura mais comprometidos e luitadores non están representados na corporación o que demostra como se lle viran as costas a realidade e como se mantén unha posición ideolóxica non precisamente neutral. Preguntariamoslle: Por qué se iñora as Agrupaciós Culturáis que traballan tan dificultosamente pola nosa cultura? Con que criterios i en nome de quen se establece o Día das Letras Galegas? Quen define os requisitos que teñen que cumplir os membros da Academia?

En fin Escelencia. A sociedade galega esixe hoxe instituciós que esteñan o servicio do noso pobo, e non seña unha manifestación que empregue agresivamente o seu nome. Hai que actualizarse (podemos comprender certas posiciós hai dez anos, non hoxe) e ser operantes. Pero o camiño da Academia non está sendo este, polo que a sua continuidade soio ten sentido baixo unha nova aititude que, en primeiro lugar, implica a total renovación da perspectiva baixo a que está actuando. Do contrario, o mellor servicio que pode prestar a nosa sociedade, é a sua disolución.


As tensións mantivéronse nos anos seguintes. Na historia escura desta institución estarán os movementos para restarlle protagonismo e responsabilidade pública a Ricardo Carvalho Calero, a pesar do seu posto de catedrático e do peso incuestionábel da súa obra como investigador, ensaísta e literato. O grupo dominante tiña que evitar como fose que triunfasen as ideas que Carvalho representaba: aspiración á plena normalidade, compromiso nacionalista e continuación histórica da consideración do galego e o portugués como dúas formas da mesma lingua.

O papel do presidente nos primeiros lustros da autonomía, Domingo García-Sabell, non foi nada afortunado para a nosa cultura. Ao mesmo tempo que era a cabeza visíbel da Academia Galega, ocupaba o cargo de delegado do Goberno central, desde onde chegou a presentar unha denuncia para que se recortase a Lei de normalización lingüística. Esta esperpéntica situación levou a que, en 1987, a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, daquela presidida por Uxío Novoneyra, organizase un encerro na sede da RAG, na rúa Tabernas, para reclamar a súa demisión.

Ninguén pode negar que desde as posteriores presidencias de Francisco Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro houbo melloras tremendas nesta centenaria institución, aínda que se mantiveron tensións polo acordo normativo e a timidez ou deixación de funcións en momentos de ataque contra a nosa lingua.

Mais xa o dixen hai uns meses e quero volver exclamalo, con todas as letras. Hoxe, todas e todos os que amamos a lingua galega temos máis motivos para sentir a Academia máis nosa. Hoxe, coas novas incorporacións, é máis plural e máis viva. Hoxe, tras a histórica intervención de Xosé Ramón Barreiro en defensa do noso idioma diante do mesmo presidente da Xunta, o 6 de setembro deste ano, gañou en prestixio e en representatividade.

Un reto importante que ten para o futuro é continuar aumentando a súa pluralidade interna, tanto de sectores non representados como de mulleres, pois non se corresponden os poucos asentos que ocupan co papel clave que desempeñan na vida cultural galega. Mais o reto crucial é que se manteña e afortale esa liña de defensa do noso idioma, agora que tanta falta fai.

23 de mai. de 2009

Erros e acertos

Hai moitas veces nas que non teño a razón porque non a teño e outras moitas en que desexaría que o tempo me levase a contraria. Mais, lamentabelmente, se alguén con sensibilidade polo galego puido pensar no seu día que A Mesa se equivocara ou se "pasara" coa súa valoración sobre o que na realidade significaba o nomeamento do actual secretario xeral de Política Lingüística, en moi poucos días as palabras dos dirixentes da asociación a respecto deste tema víronse ao cento por cento ratificadas polos feitos. Si, trátase cun cargo de verdugo do galego, chegado coa intención de narcotizar o problema para así poderen avanzar no proceso de desmantelamento da oficialidade da lingua. A min dáme entre mágoa, vergoña allea e verdadeira repulsión que haxa persoas que poidan entrar neste xogo da dereita galegófoba que agora goberna a Xunta.

Non lle faltaron argumentos ao PSOE para describir onte a Anxo Lorenzo como "cómplice na ofensiva contra o galego", aínda que o propio Lorenzo, nunha entrevista en El País, xa nos facía saber que as súas responsabilidades son totais e non só de complicidade. O gobernante do PP sinalaba que o seu departamento, a pesar de se situar en Educación, ten "funcións transversais" e que el ten "garantías para poder traballar sen ningún tipo de limitación".

Por se alguén o quería dubidar, el xa o deixa ben claro. El fai "sen limitacións" e dentro das súas "funcións traversais" o traballo día a día para a derrogación do decreto do galego (o primeiro grande paso atrás na política lingüística nestes 30 anos), a cínica consulta aos pais e ás nais (cal pode ser a resposta sen existiren condicións sociais de igualdade e habendo tanto autoodio e prexuízo alimentado e interiorizado?), a desaparición da proba en galego nas oposicións (para o cal é prescritivo o informe de Política Lingüística) e, aínda máis, a posibilidade de que se estabelezan prazas nas que non haxa por que entender para nada de nada o galego, como indica Vieiros. Auténticos fitos na historia da nosa cultura, si, aínda que fitos na tentativa de laminala.

Con dúbidas

Hoxe publica La Voz de Galicia a transcrición parcial dun debate que nos propuxeron entre Gloria Lago, a hipermediática presidenta de Galicia Bilingüe, e eu como presidente da Mesa. Non é fácil decidir que facer. Está o problema de que se poida caer nunha presentación equidistante entre ambas as entidades, como se fose o mesmo o agresor e o agredido, ou como dicía alguén nalgún blog, como se fosen o mesmo Rosa Parks (todo o que de colectivo significou) e o Ku Klux Klan. Con certeza, a fotografía que se publica, no resultado final, dá unha imaxe ben negativa, e agora mesmo teño que recoñecer que foi un erro grande prestarme a ese xogo.

Mais, claro, hai outro problema que non se pode esquecer. A Mesa non ten fácil acceso aos medios de comunicación con maior incidencia. Vou pór un exemplo moi clariño: nos 23 anos de historia desta asociación, os dous presidentes e a presidenta da Mesa, tiveron, todos xuntos, tantas entrevistas nas páxinas de Galiza no diario que nos convocou a ese debate como as que tivo Gloria Lago nos tres primeiros meses do ano 2009. E talvez me pase, porque nos sete anos que levo como portavoz da asociación, nunca tiven ningunha.

A cousa non é doada. Teño que recoñecer que non estou nada contento co resultado do que publica hoxe a Voz, mais tamén observo que calquera saída sería difícil. Ao menos, tento ver que se puideron introducir algúns dos argumentos da Mesa; de forma parcial e secundarizada, mais están. Aínda que teño que recoñecer tamén con humildade que non acabo de saber se o investido compensa de verdade o gañado.