Currículo académico
Licencieime en filoloxías galega e portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e son profesor de secundaria. Realicei a preparación para o doutoramento a través dos cursos de Teoría da literatura e literatura comparada, cun traballo de pesquisa sobre as implicacións institucionais do heterosexismo no sistema literario. Tamén finalicei un posgrao na Universidade de Vigo sobre dirección e xestión de organizacións non lucrativas. Aos pouquiños, termino a miña terceira carreira, filoloxía románica.
Participei durante uns anos no grupo Galabra da USC e son membro do Consello de Redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Así mesmo, colaborei nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña.
Dei ao prelo os ensaios Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela (2005), En castellano no hay problema (2010), Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (2011), coa que gañei o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e o premio Fervenzas Literarias á mellor obra de ensaio e investigacion de 2011 (e foi primeira finalista no premio Redelibros á mellor obra de non ficción en galego de 2011, así como finalista dos premios Ánxel Casal), e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011; premio Redelibros á mellor obra non literaria en galego dese ano e finalista dos premios Ánxel Casal, Fervenzas Literarias e AELG). Tamén publiquei en lugares diversos pequenos textos de investigación sobre Rosalía de Castro, Fermín Bouza Brey, Eduardo Blanco Amor, Manuel Curros Enríquez, Xesús Pisón, António Botto, Antón Fortes Torres, Xosé María Álvarez Blázquez, a poesía galega medieval e diversos aspectos sociolingüísticos.
Son tamén o que se pode chamar un "prolífico conferencista" sobre a literatura galega no exilio ou sobre sociolingüística, en institutos, universidades, asociacións culturais, sindicatos, etc.
Creación literaria
Cando era máis novo, participei nalgúns certames. Gañei, ademais doutros pequenos galardóns, o primeiro premio internacional de teatro breve Lauro Olmo (1996), o segundo do certame de relatos Repsol (1996) e o segundo de poesía do Francisco Fernández del Riego (1997).
A maioría do que escribín e escribo segue gardado en caixóns, mais talvez haxa cousas que vaian saíndo á luz ben axiña.
Activismo lingüístico
Afilieime con entusiasmo á Mesa pola Normalización Lingüística aos 16 anos. Nesa organización, que é a maior agrupación cultural de Galiza, fun responsábel das zonas da Barbanza e de Muros-Noia; un dos promotores da creación da sección xuvenil (Mocidade pola Normalización Lingüística), da cal fun o primeiro coordinador nacional; encargueime da xestión de campañas nos máis diferentes ámbitos, etc.
Desde 1995 até hoxe son membro da xunta directiva nacional da Mesa, cunha paréntese entre 1999 e 2002. Desde ese último ano, son ademais o presidente da asociación.
Presido tamén a Fundación Via Galego e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente. Así mesmo, de 2008 a 2010 presidín o Comité de Estado da Axencia Europea das Linguas Minorizadas. Vou podendo con todo iso porque se tratou e trata de proxectos colectivos, aínda que ás veces publicamente se poidan personalizar en exceso.
Actividade institucional
Supoño que non é errado incluír nesta epígrafe que me elixiron o delegado europeo para redixir as conclusións da Comisión de Cultura do Festival Internacional da Xuventude e os Estudantes que se desenvolveu na Habana e
n 1997. O que digo a seguir non é nada “institucional”, mais, como está vencellado, quero sinalar que a participación nese evento foi moi importante na miña vida.
Fun concelleiro nacionalista na miña vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, disque o máis novo elixido democraticamente en Ribeira. Así mesmo, entre os anos 1997 e 2002 fun membro por designación parlamentar do Consello Asesor de RTVE en Galiza e, en funcións, do Consello Asesor da RTVG.
Aliás, participei na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, promovido polo Goberno galego e aprobado por unanimidade do Parlamento en setembro de 2004.
Colaboracións xornalísticas
Para alén de publicar artigos con regularidade en varios periódicos galegos, mantiven seccións fixas sobre lingua na Radio Pobra e en Radio Obradoiro. Tamén colaborei con críticas de libros ou escénicas para A Nosa Terra e Tempos Novos.
Desde novembro de 2008 até xuño de 2011, publiquei todas as segundas feiras unha páxina completa de opinión no diario Galicia Hoxe, so o nome “Por navegar ao desvío”.


