18 de abr. de 2011

"¿En gallego? Para dentro de un mes..."

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre os obstáculos que encontramos para exercermos os nosos dereitos lingüísticos nas notarías; para calquera xestión: a redacción dun poder, un testamento, unha hipoteca... Velaquí o texto:

Dereitos lingüísticos nas notarías


A notaria ou o notario supera unha oposición e non precisa acreditar en ningún momento coñecemento de galego. Os seus traballadores e traballadoras, tampouco. Parece incríbel que esta sexa a situación en pleno século XXI e por iso cómpre que a mudemos.

A única norma taxativa que fala dos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos nas notarías data de... 1944! Cumpriría actualizar canto antes este regulamento franquista, de acordo coa realidade plurilingüe do Estado. Os poderes públicos galegos, sen agardaren polo lexislador estatal, teñen competencias para estabeleceren con claridade o dereito a termos sen dilacións a documentación na lingua propia, do mesmo xeito que xa se fixo noutros territorios do Estado. Podemos transmitirlles a nosa queixa aos deputados e ás deputadas, tanto do Congreso como do Parlamento galego, porque aínda non se corrixise esta situación.

De calquera xeito, que a normativa estatal en vigor estea desfasada non quere dicir que non teñamos dereitos lingüísticos. Hai normas superiores, como o Estatuto de Autonomía, que sinalan que o galego é idioma propio e oficial, polo que podemos exercer o noso dereito a realizar os escritos na nosa lingua.

No ano 2004, o Parlamento galego aprobou por unanimidade, dentro do Plan xeral de normalización da lingua galega, que nas notarías se pendurase unha información sobre os dereitos lingüísticos das usuarias e dos usuarios. Esa proposta concretárona no ano 2007 a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Colexio Notarial de Galiza. O rótulo oficial, que non está en todas as oficinas tan visíbel como debería, di o seguinte:


EN GALEGO, ESTÁ NO SEU DEREITO

Información sobre os dereitos lingüísticos das/dos usuarias/os das notarías

O galego é a lingua propia de Galicia e todos os galegos e as galegas teñen o dereito de usalo.

O galego é unha lingua plenamente válida e eficaz para formalizar os seus documentos.

Vostede pode solicitar que os seus documentos notariais se redacten en lingua galega. Esta opción non pode supoñer atraso na redacción ou autorización do documento nin comportar ningunha clase de sobrecusto.
Está ben que o rótulo se coloque, mais a realidade é que a día de hoxe nos podemos encontrar con dificultades importantes. A máis grave? A dilación: que se o queremos en galego nos tardará máis tempo, o cal pode ser desde uns días até un par de meses. Eu mesmo tiven que mudar de notario e agardar case un mes para poder formalizar a miña hipoteca na miña lingua. Os escritores Lois Diéguez, Yolanda Castaño e Marcelino Fernández Mallo ou a activista e tradutora Iria Taibo tamén denunciaron publicamente situacións semellantes, que van desde ter que percorrer cinco notarías diferentes para conseguir facer os escritos no seu idioma até ter que agardar varias semanas ou meses adicionais. Unha vergoña.

Para avanzarmos no uso do galego nas notarías son varias as cousas que podemos facer a nivel individual:

1) Solicitemos a documentación en galego. De nós depende que se use e que se removan vellas inercias. Cantas máis solicitudes haxa, menos dificultades nos poderán pór.

2) Se a notaría nos presenta algún problema, recordémoslles:

i. O compromiso adquirido entre o Colexio de Notarios e a Xunta para garantir que a documentación se entregue sen dilacións tamén no noso idioma.

ii. Que existe un servizo de tradución gratuíta por parte da Xunta de Galiza, na Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3) Se se ve unha actitude reacia, pódese valorar a posibilidade de acudir aos servizos doutra notaria ou doutro notario.

Tanto se temos que mudar de notario porque nos anuncia unha dilación como se a padecemos, cómpre presentarmos unha queixa perante o Valedor do Pobo, outra no Defensor do Pobo e, a maiores, informar tamén o Colexio de Notarios, algo que podemos facer rápida e gratuitamente a través do correo-e info@galicia.notariado.org.

Mais non esquezamos que as batallas non só se perden, tamén se gañan moitas veces. Vou pór un exemplo persoal do ano 2011.

Fun a unha notaría realizar un poder que era imprescindíbel ter antes de 48 horas. Non me atendeu o notario, senón un traballador da súa oficina, que me dixo que estaría ao día seguinte. Especifiqueille entón que quería que o poder estivese en galego e aí comezou unha pequena aventura. Primeiro, dubidou da validez legal; eu repliqueille, abraiado porén calmo, que o Estatuto de Autonomía se aprobara había tres décadas. A súa seguinte táctica para que desistise foi dicirme que entón o escrito estaría para a semana seguinte. Nese momento, repliqueille que iso era unha discriminación por razón de lingua, que ía en contra do acordo entre a Xunta e o Colexio e pedinlle falar co seu notario. Non fixo falta que llo comentase a ninguén máis, porque ao día seguinte puiden recoller o correspondente documento, maxicamente en galego sen ningún problema. Con certeza, no momento de asinalo trasladeille ao notario o meu malestar, pois do mesmo xeito que eu sabía que tiña dereitos lingüísticos, outras persoas poderían crer as mentiras dese traballador que me atendera e abandonaren, inxustamente, o uso do seu propio idioma.

Testamentos

O Código Civil recoñece o dereito a outorgar testamento en lingua galega. Posto que se trata dun documento persoalísimo, estabelécese que se unha muller ou un home expresa a súa vontade en galego, o documento debe figurar, como mínimo, neste idioma.

Segundo a lei, se a notaria ou o notario declara que non coñece o galego, poderá escribilo tamén en castelán, mais sempre facendo constar tamén a versión galega e sinalando que foi a empregada pola persoa que ditou testamento (artigo 684 do Código Civil). Enténdese, porén, que, sendo dentro do territorio administrativo de Galiza, non debe haber ningún problema para que o testamento sexa só en galego. No caso de que a notaria ou o notario poña problemas ou queira facelo bilingüe, pódese actuar conforme o sinalado anteriormente: recordemos o compromiso adquirido polo Colexio Notarial e a Xunta, que existe un servizo lingüístico autonómico ao que acudiren e, no caso de nos manteren os problemas, podemos mudar de notario e realizar a correspondente queixa.

Que o testamento sexa cando menos en galego se é a lingua da persoa testadora é unha norma aplicábel non só para Galiza, senón para calquera lugar do Estado español. Porén, se a notaría radica nun lugar onde o galego non sexa oficial (o cal inclúe, inxustamente, tamén as comarcas falantes de galego nas comunidades de Asturias, Castela-León e Estremadura), as custas da tradución terá que pagalas o cidadán ou a cidadá. Isto tamén é así para os casos de outorgamento de testamento en galego fóra do Estado, perante funcionario diplomático ou consular (art. 734 do Código Civil), no caso de que este non coñeza o idioma de Galiza. Ademais, para que o testamento sexa válido, as testemuñas tamén han de "entender" o idioma da persoa testadora (art. 681 do Código Civil).

No caso do testamento ológrafo (aquel en que a persoa testadora, maior de idade, escribe por si mesma e asina), é plenamente válido se está escrito en galego, sexa cal for o lugar do Estado español onde se desenvolva (o xulgado pode requerir que os interesados proporcionen un intérprete cando isto acontecer fóra da comunidade autónoma de Galiza).

Queremos unha lingua plenamente oficial! Queremos ter dereitos lingüísticos plenos, tamén nas notarías! Podemos conseguilo!.

Um comentário:

  1. Eu asinei as miñas escrituras hai 3 anos.
    Na notaría viguesa á que fun non me puxeron pexas cando indiquei que as quería en galego mais pedíronme algo: que corrixira eu mesma o texto.
    Tamén me daban a opción de enviala ao servizo da Xunta pero admitíronme que se retrasaría moito.

    ResponderExcluir