10 de jun. de 2011

15 anos da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos

Hoxe foi un día dos intensos en aprendizaxes. Sempre é bo que nos encontremos as formiguiñas que traballamos pola revitalización dos nosos discriminados idiomas, que nos expliquemos como nos encontramos, que poñamos en común propostas e ideas.

Nesta ocasión temos que agradecerlles a oportunidade á xente de Behatokia, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos do euskara, que nos reuniu en Donosti arredor dun moi útil Seminario Internacional.

Quixeron, ademais, celebrar así o décimo aniversario da súa existencia e o décimo quinto ano da proclamación da (tan aplaudida como incumprida) Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Ben sabedes de que vos falo; ben o vivides no día a día.

Este serán, representantes de organizacións de diferentes comunidades lingüísticas realizamos un acto simbólico de nova ratificación desta Declaración que -aínda que non se note- tanto o Congreso dos Deputados como o Parlamento galego respaldaron por unanimidade hai xa ben de anos.

Desenmascaremos a farsa. Xa abonda de que se nos recoñezan dereitos teóricos para nunca nos permitir exercelos. Falamos galego e temos dereitos!

Nenhum comentário:

Postar um comentário