29 de abr de 2011

Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


Estou a revisar as probas do meu próximo libro, que levará por título Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Trátase dun manual de autoaxuda con consellos prácticos para podermos desenvolver a vida en galego.

A primeira idea era que se chamase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e non acabares cunha úlcera de estómago. Había algunha xente amiga entusiasmada con esa brincadeira, mais ao final optei por deixar fóra esa última parte, xa que podería dar unha imaxe demasiado negativa.

O volume, que penso que dará moito xogo para todas as persoas con sensibilidade ou consciencia lingüística, chegará ás librarías dentro dunhas semanas. Porén, mañá mesmo farei un adianto dos seus contidos nas Xornadas de Lingua e Literatura que realizan a CIG-Ensino e a AS-PG en Santiago de Compostela.

Mañá será, pois, un día intenso. Despois deste seminario sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, as compañeiras e compañeiros da Mesa realizaremos a nosa asemblea xeral anual. Xa pola tarde, desenvolverase o grande acto nacional de Queremos Galego na Sala Capitol de Compostela.

Se aínda non tes entradas, resérvaas aquí. Se non, achégate para adquirilas na billeteira da Capitol. O que non podes facer en ningún caso é faltar!

Antes desta voráxine de actividade, este mesmo serán realizarase a presentación en Boiro do libro En castellano no hay problema. Será ás 20.30 h no centro social da localidade e penso que as compañeiras e os compañeiros de Barbantia pensaron un esquema de evento diferente ao doutras ocasións.

Non quero terminar esta entrada de hoxe sen antes amosar toda a miña solidariedade e todo o meu apoio ao equipo de normalización lingüística do IES Lagoa de Antela, que está a padecer unha campaña de difamación por parte dos grupos contra o galego que alimentou o PP. Podes transmitirlle tamén o teu apoio deixando un comentario nesta ligazón.

Nenhum comentário:

Postar um comentário