13 de dez de 2010

Políticas lingüísticas das sucursais galega e balear do PP

O artigo desta semana en Galicia Hoxe regresa sobre temas xa tratados nesta bitácula, mais de grande importancia para comprendermos o alcance da ofensiva contra o galego.

A agresión continúa, mais os miles de formiguiñas que traballamos día a día para resistir a tanta inxustiza tamén mantemos o noso labor. Por exemplo, en Vigo pasadomañá teremos un acto de presentación do libro En castellano no hay problema, que será sobre todo unha reunión para contrastarmos a situación actual do idioma e ver novos retos para a súa defensa, restauración e expansión social.

Galiza, banco de probas
Políticas lingüísticas das sucursais galega e balear do PP


Hai unhas semanas estiven na illa de Mallorca para coñecer a realidade do seu movemento asociativo e institucional en defensa da súa lingua propia, así como para ministrar unha conferencia sobre a situación actual do idioma galego. Estiven convidado pola Obra Cultural Balear, unha entidade moi dinámica, con varias décadas de actividade ás súas costas. Ademais do ámbito da normalización lingüística, tamén traballa na divulgación da súa cultura e na difusión e consolidación dos seus sinais nacionais.

Algo que me chamou a atención nada máis chegar foi o debate sobre o seu idioma no sistema educativo, que cobraba unha singular presenza nos medios de comunicación. O candidato do PP á presidencia desta comunidade, nunhas declaracións que conlevaron moitas réplicas, contrarréplicas e matizacións, asegurou que, de el gobernar, derrogará a Lei de normalización lingüística. É un envite que nos recorda moito ás palabras que periodicamente saen dos beizos de Núñez Feijóo ou Carlos Negreira a respecto do debate sobre o nome A Coruña, cando propoñen derrogar o único punto taxativo da nosa Lei de normalización lingüística, o que di que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a galega.

Mais nas Balears, igual que na Galiza, acontece que esta norma foi aprobada por unanimidade parlamentar e cun goberno, digamos, nada sospeitoso de nacionalista, polo que tal decisión traería máis custos dos que quererían pagar. Por iso José Ramón Bauzá, que así se chama o presidente e candidato do PP balear, corrixiuse máis tarde e aclarou que el na realidade non pretende tombar a Lei, senón o decreto que a desenvolve para o ámbito educativo, ese regula que cando menos o 50% do ensino sexa na lingua propia. Sóavos o do 50%? Sóavos o de manter vixentes determinadas leis só a condición de que non se apliquen nin desenvolvan?

Lembremos que este decreto que queren tirar abaixo é idéntico ao que negociaron no seu día as tres forzas políticas galegas e promulgou o bipartito. De feito, o PP galego, cando aínda estaba sentado a falar cos outros dous grupos, puxera como referencia a norma das Illes. Para chegaren a un pacto unánime, o PSOE e o BNG reduciran as pretensións iniciais coas que traballaban, que significarían un maior apoio ao idioma propio e homologaron o decreto galego ao que estaba en vigor no arquipélago. Como nos amosou a historia recente, o PP faltou á súa palabra, rompeu co acordado e actuou de forma desleal, mesmo sucia, coas mensaxes histriónicas que todos temos na memoria e inclusive chegando a mobilizar a súa xente nunha manifestación contra o galego convocada por Galicia Bilingüe.

Mais no caso das Balears a situación aínda é máis irónica. Resulta que o decreto tan terrorífico que o PP considera prioritario eliminar foi aprobado por un goberno... do propio PP! No entanto, iso non muda en absoluto o seu discurso cínico sobre “libertad” e “sin imposciones”, que adobía con algunhas frases que seguro que escoitastes moitas veces nos últimos meses, do estilo “Pretendo trasladar la normalidad de la calle a las aulas”, que son declaracións literais do propio Bauzá que extraio do Diario de Mallorca do 10 de outubro do presente ano, aínda que xa lla escoitamos antes millenta veces ao actual presidente da Xunta.

É xusto o que diciamos cando comezaron os ataques máis fortes contra o noso idioma: Galiza é só un banco de probas para aplicar un plan de involución lingüística deseñado en Madrid. Repiten, de forma machacona, o mesmo argumentario e o mesmo esquema de actuación, sen lles importar a realidade concreta no que o van aplicar. Puidémolo constatar tamén na campaña das autonómicas do PP catalán, onde Alicia Sánchez Camacho costumou un discurso idéntico ao que lle puidemos escoitar a Núñez Feijóo contra as tímidas políticas do bipartito, como se a situación dun e doutro lugar for a mesma.

Destruír as defensas

Unha diferenza importante que achei entre Balears e a Galiza foi a posibilidade de transmitir a mensaxe de defensa da cultura propia a través dos medios de comunicación públicos. Só o día antes da miña chegada, tiven unha entrevista en directo de máis de dez minutos na súa radio pública autonómica. En comparación, desde que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta, ningún portavoz da Mesa ou de Queremos Galego tivo na TVG ou na Radio Galega unha entrevista semellante, nin tan sequera de cinco minutos, a pesar de seren movementos cun respaldo social contrastado. A única excepción (e da maneira xa coñecida) foi hai un ano no programa Foro Alberto. Ou era Foro Aberto?

Onde non sentín diferenzas, senón que me asolagou unha sensación de dejà vu nas Balears, foi coa forte campaña que existe desde algúns medios de comunicación contra as entidades sociais que defenden o catalán, por exemplo a mesma anfitrioa da miña visita.

Un dos días que estiven en Palma saía en El Mundo unha fotografía dun home que non quería amosar o seu rostro. A imaxe xa nos indicaba que se trataba dunha denuncia dura, pola que o home non quería que o identificasen. Resulta que desde a Obra Cultural Balear lle enviaran un carné de socio e el non se afiliara á entidade. Ou mellor dito: non recordaba cubrir a ficha de alta, porque desde a asociación, tras a campaña de difamación, chegaron a amosala, demostrando que aí non había nin vulneración da Lei de protección de datos nin cousa semellante.

Como no diario dirixido por Pedro J. Ramírez non lles quedaba outra que sinalar que tal ficha existía (aínda que iso non afectase os titulares), redixían a nova nun ton truculento sinalando que a mesma era de había tempo e que unha parte estaba cuberta cunha letra que non era a do denunciante. Sabedes cal? A do número de socio! Onde se viu que unha persoa non se poña a si mesmo un número de socio cando cubre un impreso de afiliación?! Que escándalo!

Ademais, a Obra Cultural Balear padece difamacións periódicas por parte da caverna mediática por recibir algún diñeiro público para as súas actividades. De novo, a mesma idea de fondo que xa aplicaron aquí coa Mesa e que desde hai unhas semanas se comezou a estender tamén aos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino galegos: para a defensa e promoción do idioma propio non deben existir axudas públicas.

Alberto Núñez Feijóo executa moi ben esa liña de actuación no que di respecto á maior asociación cultural de Galiza, coa intención de destruíla. A Mesa recibe agora mesmo, nunha situación irregular e antidemocrática,cero céntimos de euro do Goberno galego. Isto dificulta moito a nosa capacidade de actuación, mais aquí seguimos, firmes no noso empeño cívico, lexítimo e democrático de conseguir a plena normalización do único idioma propio de Galiza.

4 comentários:

  1. Forzaaaaaaaaaaaaaaaa!!

    Contra os inimigos da lingua galega, catalá, vasca, asturiá, etc cada vez máis furibundos, notábeis e irrespectuosos, só hai unha solución: CAÑA! Deixalos en evidencia cada dous por tres, denuncialos activamente e socialmente, retrucar cada unha das súas palabras de odio e de ignorancia, realizar campañas activas de oposición ás súas palabras e pensamentos...esa é a solución! E sobre todo moito ánimo e esperanzas!

    ResponderExcluir
  2. Por riba de que un dos obxectivos tácticos do PP sexa converter a lingua do país galego nunha obra de arte agochada nun museo de pedra, o obxectivo estratéxico (central) do PP é o dominio político-económico das Españas. E para eso é fundamental uniformar a superestructura cultural e ideolóxica, mesmo as crenzas e os sentimentos.
    Nesa liña, para o PP é preciso asasinar a cultura galega e todas as culturas que sobreviven no ámbito territorial do Estado español; por exemplo, enfrontando o galego cos "mercados" (a introduzón do inglés no ensino é unha "boa" ferramenta).
    O PP está a traballar "ben", Núñez Feijoo fixo os deberes hai uns días diante dun dos mercados eleitorais máis importantes para o PP, Madrid, ao que precisamente onte referíame en "O presidente da Xunta deixa constancia do seu nacionalismo" (ver:
    http://im-pulso.blogspot.com/2010/12/o-presidente-da-xunta-deixa-constancia.html ), pois non dubidou en reinventar a historia da Península e de Europa para afirmar que España é unha soa nación.
    Para defender a cultura de Galicia só fai falla amar a cultura, aínda que recoñezo que agora e aquí os galeguistas --ao marxe de ideoloxías-- e un sector minoritario da esquerda constitúen os únicos colectivos sociais de Galicia que están a combater o bárbaro uniformismo do PP.
    Saúde.

    ResponderExcluir
  3. La realidad que se da en las Baleares es muy diferente. Nos encontramos que nuestro idioma (Balear) se encuentra machacado por el catalanismo imperialista. La Obra cultural balear es un grupo pagado por Cataluña para implantar el catalán en nuestra comunidad y destruir el Mallorquín, que es mucho más puro y mejor conservado que el catalán (muy influido por el castellano). La normalización lingüística llevada a cabo por el Psoe en las baleares lo único que hace es eliminar nuestras raíces para obligarnos a hablar un idioma que no es el de nuestros abuelos, penalizando nuestro idioma o variedad. Por tanto estamos totalmente a favor de que el PP suprima la "normalización catalanista". Ahora a ver si defienden nuestra lengua.

    ResponderExcluir
  4. Anónimo: Por que lanzas os teus infundios desde a miña páxina? De verdade te cres esas mentiras ou sóltalas tan só para emporcallar?

    ResponderExcluir