3 de mar de 2012

Manifesto en contra do feche do Arquivo Pacheco

Podedes asinalo nesta ligazón.

Manifesto en Contra do "Peche do Arquivo Pacheco"

A TODA A CIDADANÍA

Diante do feche do ARQUIVO PACHECO por parte da Concellaría de Cultura, feito acontecido o pasado dia 31 de decembro de 2011, desexamos manifestar:

  1. Prodúcese, máis unha vez, a clausura do ARQUIVO PACHECO, dependendo dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica.
  2. Execútase o feche despois do período probabelmente máis frutífero de traballo do Arquivo. Por primeira vez desde a súa adquisición, o ARQUIVO PACHECO estaba sendo conducido por un grupo humano que procedía do mundo da fotografía e posuía un proxecto xeral e coherente para o legado. As persoas que alí traballaban posúen titulacións de especialistas, licenciadas e doutoras en imaxe, mesmo con teses de doutoramento realizadas sobre o ARQUIVO PACHECO, e teñen artigos da súa autoría aparecidos en revistas galegas e internacionais, así como libros publicados en editoriais de rango europeo, con todo o que iso supón de proxección internacional do nome de Pacheco e da cidade de Vigo. Entre todas as persoas arbitrariamente despedidas, contabilízase, a dia de hoxe, unha experiencia consolidada de 80 (oitenta) anos dedicados á práctica, o estudo, a análise e a docencia, mesmo no seu nivel universitario, da fotografía.
  3. Algúns datos, sen desexo de exhaustividade, axudarán á comprensión do traballo realizado: publicación de tres Axendas fotográficas e 2 libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco; inauguración de tres exposicións monográficas; convocatoria, por primeira vez, do Premio Pacheco de fotografía, compromiso adquirido hai 21 anos polo Concello vigués que só até a chegada do equipo sinalado se cumpriu; ordenación, limpeza e clasificación de case 60.000 fotografías que se achaban desordenadas; confección de bases de datos e introdución, catalogación e documentación nelas de 25.000 fotografías; asesoramento na realización de traballos de pescuda universitaria, de investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitos por Asociacións de Veciños e Culturais; de asistencia a empresas do ámbito privado ou de apoio a institucións públicas, que constitúen un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX, doada xenerosamente polos seus propietarios e a articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, desinteresadamente, o coñecemento sobre o pasado da cidade.
  4. Perante a decisión da Concelleira de Cultura, decisión que pensamos só procede dunha actitude desprezativa fronte a calquera obra realizada por outros, egoísta, porque non ten en conta o tesouro cultural que existe no ARQUIVO PACHECO nin a frustración humana de miles de persoas, e inconsciente, porque ignora o profundo dano que a docentes, movemento veciñal, investigadoras e investigadores e público en xeral causa, as persoas que asinamos este documento pedimos a toda a cidadanía viguesa que reflicta nas causas da decisión tomada pola Concellaría de Cultura e se pregunte os verdadeiros motivos de expulsión do equipo máis coherente e profesionalizado que, desde o ano 1991, traballou na mellor colección fotográfica de Vigo e de Galiza que coñecemos polo nome de ARQUIVO PACHECO.

Um comentário:

  1. Din que a esquerda non privatiza a Cultura. É un mito. O emprego do "Galiza" usados por todos os nacionalistas extremistas e independentistas da idea de que o Arquivo Pacheco tiña privatizada a súa xesións nunha empresa do mundo radical. Agora o que quererán será darllo en concesión a unha empresa "socialista", por exemplo a da "cuñadísima" (de Méndez Romeu) que leva a xestión de varias bibliotecas municipais da Coruña e da nova de Vigo.

    ResponderExcluir