30 de set. de 2011

Para defendermos os nosos dereitos


Este serán presentarase en Pontedeume o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, que nas próximas semanas tamén centrará cadanseus actos en Santiago de Compostela, Ponteceso e Lalín.

O de hoxe será ás 19.30 h. na Biblioteca Municipal de Pontedeume, organizado polo colectivo cultural Terra e pola Mesa da zona. Acompañarame no evento Miguel Rodríguez Carnota e, con certeza, todas as persoas que quixerdes e puiderdes.

O libro recibiu esta mesma semana a atención crítica de Manuel Rodríguez Alonso, no seu referencial blogue Bouvard e Pécuchet. Fico obrigado polas consideracións e polos parabéns, que dan moitos ánimos para continuar.

"Para defendermos os nosos dereitos", Manuel Rodríguez Alonso

Carlos Callón ofrécenos neste libro un manual que resulta imprescincible se queremos facer valer os nosos dereitos para usar o galego en todos os ámbitos da vida, desde o Ensino ou a Administración de Xustiza ata ás comunicacións coas empresas de telefonía ou cos empregados que nos atenden, por exemplo, nos grandes almacéns ou nos bancos. Libro que, nos tempos que corren de novas persecucións contra o galego, é máis ca oportuno.

Fronte a aqueles que parten de trangalladas como o bilingüismo harmónico, o bilingüismo cordial ou o bilingüismo restitutivo, Callón parte do feito de que o galego é incuestionable e legalmente a lingua propia de Galicia, polo que debe usarse prioritariamente en todos os eidos da actividade. O ensaísta explica como temos dereito a vivir en galego e para iso repasa con rigor os textos legais que nos amparan desde o propio Estatuto de Autonomía, a aínda vixente Lei de Normalización ou mesmo a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Importante é a desfeita que realiza o ensaísta de tópicos sobre a suposta imposición do galego, que se fai desde medios como a fundación FAES do PP, Galicia Bilingüe ou mesmo medios galegos como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia. Gústanos tamén de Callón que subliña o momento difícil que está a vivir o galego, ameazado pola perda de falantes iniciais (o que leva a algúns a pensar na posible morte do galego), mais onde é cada vez maior o número dos falantes concienciados, aqueles que queren galego en todos os ámbitos. A nota optimista para o galego é que cada vez son máis estes falantes concienciados.

Moi apropiados son os consellos que o autor nos ofrece ante casos concretos en que nos tentan impor o castelán como os que nos responden en castelán cando lles falamos en galego, por exemplo. Tamén para non meternos en leas con aqueles que nos din que usamos en galego por sermos do Bloque, nacionalistas ou aldeáns. Por certo, como ben sinala Callón, que hai de malo en ser nacionalista?

Gústanos o ánimo que lles dá aos novos falantes do galego, para os que propoño que se deixe de utilizar ese termo pexorativo de neofalantes e se empregue o de novos falantes. Aínda que usen un galego castelanizado ou pouco enxebre hai que apoialos. Isto non quere dicir que non lles teñamos que esixir un galego de calidade aos profesionais da palabra, como escritores, xornalistas ou mesmo profesores e políticos ou funcionarios.

Moi boas son as páxinas dedicadas ao dereito a usar o galego no Ensino e a forma de conseguilo para paliar os danos do cinicamente denominado Decreto de plurilingüismo. Deben lerse con atención as páxinas dedicadas ao ensino do portugués en Galicia. Moi conseguido está ese decálogo das páxinas 63-64, conxunto de dez consellos para usar o galego en todas as situacións e ámbitos.

En fin, o libro dános unha manchea de consellos para exercer o noso dereito a vivir en galego en todos os eidos da vida, desde a Administración de Xustiza ou o Ensino ata as nosas xestións nos bancos ou á compra nun hipermercado. Mesmo ofrece modelos de instancias para solicitar que se cumpra o noso dereito a usar o galego.

Xa que logo, libro imprescindible para todos os que queiran vivir en galego. Callón ademais é sumamente prudente e cortés con todos, malia que algúns digan que a Mesa e os seus voceiros, como Callón, son unha sorte de talibán e falen de imposicións e doutras parvadas. Eu completaría os consellos, tan prudentes de Callón, con outro un pouco máis arriscado. Todos aqueles que queremos a presenza do galego como lingua oficial en Galicia, debemos rexeitar, mesmo deixar de consumir, aqueles produtos que se opoñen ao galego, entre os que coloco La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Mundo, El País e tantos máis, que só teñen orellas para Galicia Bilingüe, FAES e non lles conceden nin unha liña a libros coma este (por exemplo, o progre El País faltoulle tempo para publicar o manifesto pola lingua común de Savater e compaña, pero nas páxinas de Galicia nunca alude a libros coma este, aínda que si lle concede espazo xeneroso ao bilingüismo restitutivo. Por certo, na crítica desta pasada semana sobre novidades editoriais do diario madrileño da progresía hispana, D. Vilavedra nin sequera alude a este libro de Callón, unha das grandes novidades destes días).

En fin, parabéns para Callón e tamén para a Mesa polo moito que fan a prol da normalización do galego, aínda que non lles guste aos voceiros da prensa editada en Galicia ou ao órgano oficial da progresía hispana, El País.

29 de set. de 2011

Canonizacións e descanonizacións


Hoxe ás 16.30 h participo no paraninfo da Universidade da Coruña no congreso sobre Álvaro Cunqueiro que organiza o Consello da Cultura Galega.

O título da miña comunicación é "Por que o Consello da Cultura Galega dedica un congreso ao centenario de Álvaro Cunqueiro e non ao de Ricardo Carvalho Calero e outras reflexións sobre as canonizacións".

Entre esas reflexións, recordarei que o ano pasado foi o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro e que en 2011 estamos no 125 aniversario do nacemento de Daniel Castelao. Ambas as efemérides pasaron desapercibidas para as nosas institucións culturais.

28 de set. de 2011

Reportaxe sobre Amigos e sodomitas no xornal Certo


Certo, un medio dixital en galego que se define como Xornal Virtual do Barbanza, chegou até A Mariña luguesa para cubrir a presentación en Foz do libro Amigos e sodomitas.

Podedes consultar aquí a ampla reportaxe, de onde tiro a imaxe que ilustra esta entrada e os vídeos seguintes:









Non podo máis que agradecerlle a este medio, impulsado desde o voluntarismo, a súa xenerosa receptividade.

27 de set. de 2011

Reseña de Amigos e sodomitas no portal do Consello da Cultura

"Libro de amar e maldizer" é como titula Xurxo M. Ayán a súa recensión de Amigos e sodomitas, publicada esta semana no portal do Consello da Cultura Galega. Obrigado!

"Libro de amar e maldizer", Xurxo M. Ayán

A penúltima entrega editorial do comprometido e prolífico filólogo Carlos Callón sae do prelo coma unha obra de investigación galardoada co XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011. Todo un novo exemplo dunha tendencia constatada no eido do ensaio galego nos últimos anos: obras rachadoras coma esta non adoitan proceder do mundo académico e universitario senón do ceibe e anónimo mundo dos certames ou das editoriais que dan voz a autores á marxe dos paradigmas científicos oficiais.

Un libro revolucionario

Desta volta, Carlos Callón leva a cabo unha pescuda que deixa en evidencia as inercias seculares do medievalismo como práctica investigadora tradicional. Basta con lembrar a polémica do Dicionario da Real Academia da Historia ou as reaccións de senlleiros investigadores co gallo do roubo do Códice Calixtino para decatarse da liña predominante nos estudos medievais a nivel do Estado: rendas, nobres, fundacións de mosteiros e coleccións diplomáticas seguen focalizando o discurso historiográfico deixando á beira aquela renovación que ampliou as miras coa Historia das mentalidades e a Historia cultural. Asemade, cómpre recordar que mentres no eido da Historia Antiga os estudantes da licenciatura de Historia na facultade compostelá recibían xa nos comezos da década de 1990 unha boa formación no tocante aos temas da sexualidade, o xénero e maila homosexualidade no mundo clásico, nada disto acontecía nas asignaturas centradas no período medieval.

Dentro deste contexto atopámonos diante dunha obra verdadeiramente revolucionaria dentro do sistema cultural galego, xa que aborda directamente un tabú que segue a eivar o tratamento historiográfico que se fai incluso de esgrevios persoeiros da cultura galega. Os corenta anos de nacionalcatolicismo e mailo tradicionalismo conservador de grande parte do galeguismo cultural explican en parte esta triste realidade. Neste senso, o autor desmárcase dos prexuízos anacrónicos e enceta unha aproximación valente e innovadora á configuración da homosexualidade na Idade Media, e faino botando man da súa excelente formación filolóxica e da súa curiosidade intelectual, cunha edición crítica dun monllo de textos tirados dos cancioneiros, da Crónica Troiana e das áridas compilacións documentais de tumbos eclesiásticos. O mero feito de que estes piares fundamentais do legado medieval galego (encarcerados até o de agora no mundo académico e erudito) teñan chegado á sociedade en xeral e aos medios de comunicación grazas a Carlos Callón, xa é razón abonda para mercar e ler este libro. Neste senso, a descuberta polo autor desa unión institucionalizada entre dous homes en Rairiz de Veiga no século XI entre a documentación do mosteiro de Celanova (capítulo 14) conlevou un impacto mediático e unha posterior polémica que pasará aos anais da propia historia cultural galega do século XXI.

Unha obra rigorosa e suxerinte

Pero ademais, o autor agasalla ao leitor cun texto áxil e postmoderno, artellado a partir de pequenos capítulos centrados na análise dun texto medieval concreto. A pericia de Carlos Callón fornece a chave para garantir a transversalidade entre as diferentes pezas, sen perder de vista a argumentación lóxica que alicerza e vertebra a tese defendida polo autor: a condea da homosexualidade é unha estratexia de construción da realidade social que se reflicte no marco político e xurídico dende a época plenomedieval. Pero este prexuízo homófobo tamén se rexistra no propio tratamento historiográfico das fontes literarias. Así pois, ao longo do libro amósase ben ás claras a man dunha censura que levou a terxiversar en edicións contemporáneas o verdadeiro sentido dalgunhas composicións obscenas, irreverentes e heterodoxas: A censura, nas súas diferentes vertentes, é un trazo esencial do funcionamento social da homosexualidade páx. 72). Desta volta, Carlos Callón reinterpreta de xeito crítico e suxerinte parte da obra de xograres esgrevios como Pero da Ponte e contribúe a comprendermos mellor o verdadeiro contexto do que xorden as cantigas de maldizer. Malia formaren parte do xénero chave da lírica medieval galaicoportuguesa, semella que tradicionalmente as cantigas de amor gozaron de meirande éxito entre a crítica, dando lugar a visións idealizadas como se puido comprobar en 1998 co gallo da dedicatoria do Día das Letras Galegas aos tres poetas do mar de Vigo. Neste senso, Amigos e sodomitas é auténtica investigación de rescate, máis tamén un libro que se achega á realidade social do presente, grazas tamén ao perfil comunicador e divulgador dun autor que se atopa preto da rúa, dos leitores, como se puido comprobar na presentación peripapética da obra, cun percorrido comentado polas rúas compostelás, un terreo fronteirizo, coma o amor, onde transitaron amigos e sodomitas na Idade Media.

Se che quito a carteira, serei máis rico



Tranquiliño e requetepeiteado, este axente bursátil colocouse como portavoz dos mercados.

Nesta entrevista di sen eufemismos cousas como que "quen goberna o mundo é Goldamn Sachs" ou "á maioría dos especuladores non nos preocupa como arranxar a situación; o noso traballo é gañar diñeiro con isto". Ou, talvez o máis cru: "Teño de confesar que vou á cama cada noite soñando cunha nova recesión."

25 de set. de 2011

Con voz de noso

Reproduzo este texto da páxina da iniciativa Sermos Galiza, que cómpre apoiarmos todas as persoas que sabemos que Galiza pode ser outra cousa, que o mundo pode ser outra cousa:

Sermos Galiza, iniciativa que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para o lanzamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro de atención informativa, continúa a explicar o proxecto. Após o suceso da presentación na Coruña, as próximas citas están xa marcadas:
    • VIGO – Quinta feira, 29 de setembro, ás 8 da tarde na Casa Galega da Cultura (Praza da princesa nº 2), organizada pola Asociación Cultural O Castro.
    • SANTIAGO DE COMPOSTELA – Terza feira, 4 de outubro, ás 8 da tarde no auditorio de Nova Caixa Galicia (Praza de Cervantes), organizada pola Asociación Cultural O Galo.
Queremos agradecer publicamente a inestimábel colaboración das asociacións culturais O Castro e O Galo para a difusión do proxecto.

A convocatoria da presentación en Vigo, feita por O Castro vai acompañada do texto que reproducimos a seguir.

Afirma un proverbio suahili, que agora facemos galego, que quen sabe falar nunca é pobre. Hoxe somos, como pobo, un pouco máis pobres que onte. Nestes últimos tempos nós fomos quedando case sen fala, de vagar, case que por descoido, como quen queda de portas para fóra por deixar o chaveiro dentro da casa. A nosa voz esvause no vento como minguaba a imaxe daquel científico tolo que experimentaba con beberaxes na procura da invisibilidade.

Non nos referimos con esta imaxe ao estado da saúde de cadaquén, senón á desaparición de medios de comunicación galegos. Foise a histórica cabeceira A Nosa Terra, recluída nas hemerotecas como Merlín en Brocellanda, xunto con Galicia Hoxe e finalmente a edición impresa do Xornal de Galicia. Xa se anunciou tamén o peche da súa edición dixital para finais de ano. Debemos lembrar que con anterioridade xa desapareceran Vieiros e A Peneira entre outros. Dun tempo para esta parte desapareceron case todos os medios de comunicación en galego.

Alguén podería pensar que esta afonía social se debe a un mal aire, como se fose unha gripe de outono. Tamén podería pensar, no mesmo sentido naturista, que o seu carácter é pasaxeiro e que logo dun tempo prudencial as nosas voces volverán a se escoitar, se cadra con maior vigor. Falso. Non ten nada de natural que este andazo de afonías afecte só a medios en galego. Do mesmo xeito, tampouco é natural que unha gripe afecte unicamente ás persoas que levan o pelo curto, por poñer un exemplo de arbitrariedade.

A verdade é que non podemos falar porque nos estrangulan, porque queren afogar a nosa voz debido a que as nosas palabras molestan. As rudas e as feas anoxan, as cultas e elegantes incomodan, as túzaras e as máis intelixentes estorban, as maliciosas e as ben intencionadas chinchan por igual, as críticas proen como a rabia. Mesmo as palabras máis simples e inocentes provocan incomodo. Causan unha aguda e impertinente irritación nos oídos de quen nos odia.

Estamos nunha disxuntiva. Podemos non facer nada, ou laiarnos como moito e, xogando con aquela idea, se as persoas de ben non fan nada, daquela o mal triunfará. Deste xeito ficaremos sen voz, mudas e mudos todos, para sempre. A segunda posibilidade, en troca, consiste en loitar e ceibarse do xugo que nos afoga.

No segundo caso, o camiño que debemos tomar é construírmos o noso espazo comunicativo propio, do mesmo xeito que, nas épocas de seca sen chuvias, se cava un pozo para poder ter de onde sacar auga. Chamamos pois a coller a pa e a luxar as mans co traballo. Unha xigantesca tarefa vólvese pequena se traballamos todos e todas. Somos conscientes das posibilidades que abre o proxecto que nos dispoñemos presentar. Saudamos, pois, a Iniciativa social por un medio de comunicación «Sermos Galiza».