14 de jan. de 2010

De fala a lingua: un proceso inacabado

Dentro da bibliografía recente para nos armarmos de munición cívica no combate en defensa do noso idioma, quero hoxe salientar o libro De fala a lingua: un proceso inacabado, onde se compilan varios traballos de Pilar García Negro, a prestixiosa sociolingüista e exemplar militante da defensa do idioma de noso.

Extracto aquí un pedazo da introdución desta obra que vos recomendo ler e difundir:

Na década dos cincuenta do século XX, dous acontecementos en aparencia moi distintos e distantes teñen lugar: nos USA, en 1955, Rosa Parks, muller negra, costureira e activista do Movemento polos Dereitos Civís, en Montgomery, Alabama, négase a ceder o asento do autobús en que viaxaba, reservado aos brancos: rompe unha lei escrita -e moitas normas non escritas- e prosegue o camiño da inclusión dos pretos na sociedade norteamericana. Un ano antes, en 1954, a UNESCO receberá escrito de protesta, apoiado por centros galegos en América, pola discriminación sofrida pola lingua galega, en pleno franquismo. Deamos triplo salto mortal e reinstalémonos no presente: a exclusión do galego véstese hoxe de traxe bilingüe. Ao igual que no caso do racismo clásico, non é que non se admita a existencia do galego (como os negros naqueles anos, só pode viaxar na traseira do vehículo...): mesmamente, é imprescindíbel para marcar diferenzas de superioridade; por tanto, ao igual que os negros, cóntase con el en tanto en canto non ouse endexamais ocupar o asento do amo, isto é, se conforme coa súa existencia afastada e invisibilizada no mundo social e público. Negros? Si: nos traballos pior pagos, no baloncesto, no jazz ou no soul... Lingua galega? Si, por suposto: na cada vez máis deshabitada aldea, nos vellos, no coloquial, nalgunha canción, no Día das Letras Galegas, na literatura, nalgunha homenaxe limitada... Nunca no uso ubicuo que non se discute en absoluto para o español. En ambos casos, ¿inclusión é sinónimo de normalización? Coidamos que non.

Os vellos resaibos (endo)racistas reaparecen a nada que o negro se fai ver, isto é, a nada que penetre minimamente en espazos onde, lentamente, poda mudar a fotografía cualitativa da lingua galega e dotala (ensino, administración, sanidade...) dalgún efeito multiplicador... Rosa Parks (1913-2005) impuxo o seu direito a viaxar sentada no autobús dos brancos. Toda a nosa historia autónoma, desde hai cento e cincuenta anos, é a historia por poñer o galegos nos lugares visíbeis socialmente, por lle dar estatuto público (literatura, prensa, política, Xustiza, Igrexa...). E este esforzo pacífico, democrático, superador de barreiras artificiais, debelador do clasismo... é chamado imposición! Daquela, todos os avanzos históricos en termos de igualación e de superación de vellas inxustizas supuxeron imposicións da vítima: os pretos impuxeron a súa presenza, ao igual que a impuxeron as mulleres loitadoras pola súa liberación ou os escravos pola súa emancipación. ¡Avelloucada e resesa arma de quen practica a cotío a imposición real, refutar co mesmo que eles practican a cotío!: a imposición de verdade, dada por natural e inmutábel, sexa a prevalencia do branco dominante, do varón, do machismo, do amo ou do idioma hexemónico.

13 de jan. de 2010

Pense no Haití

Hoxe hai moitas razóns tristes para pensarmos no Haití, para pensarmos como se chegou até aquí, para pensarmos se realmente hai só un desastre natural ou se ese mesmo tremor de terra afectaría doutro xeito moi diferente a lugares do mundo non tan empobrecidos e excluídos.

Chitty Chitty Bang Bang

Teño poucas dúbidas de que nun país cun transporte público decente non realizaría este rito de pasaxe. Mais aquí e agora non quedou outra, así que desde onte xa me podo pór a cantar como Julie Andres e Dick Van Dyke:



12 de jan. de 2010

Os Bolechas chaman á folga

Os Bolechas chámannos a todas e a todos a participarmos no paro xeral no ensino. Podemos secundalo se somos parte directa da comunidade educativa e, aínda que non sexa o caso, tamén podemos difundilo (en persoa, sms, mensaxes e eventos nas redes sociais...) e, na medida das posibilidades, participar na manifestación nacional que se realizará o 21 de xaneiro, así como nalgún dos actos comarcais que tamén se desenvolverán, tanto na mesma xornada como nos días previos.

Un dos eventos creados no tuenti sobre esta cuestión conta xa co respaldo de 8.839 persoas e de 9.572 a maiores que anuncian que "quizais" asistan. Así mesmo, temos xa ao noso dispor os bánners sobre a manifestación tanto no web de Queremos Galego como no da Mesa pola Normalización Lingüística. Desde estoutra ligazón podedes tamén descargarvos o folleto en PDF de convocatoria do paro e da manifestación.

Forza e adiante! Este decreto ímolo tombar!

11 de jan. de 2010

Inglish pitinglish

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, sobre como o inglés nos fará altos, ricos, guapos e famosos, mentres imos matando o noso idioma propio, que é un xeito curioso de entender o plurilingüismo:

Inglish pitinglish
O inglés como talismán e como camuflaxe

A pesar de que na materia de inglés en todo o ensino primario e secundario fun un rapaz de sobresaliente, sempre me sentín moi inseguro á hora de poder utilizalo, nas poucas veces que tal cousa me foi precisa na miña vida. Aínda hoxe vexo que as miñas destrezas neste idioma son limitadas e enténdoo mellor do que o falo ou escribo.

Moita xente da miña xeración pode contar unha historia semellante á miña. Algúns disciplinaríanse asistindo a academias e viaxando decote a países de lingua inglesa, mellorando así as súas competencias comunicativas. Outros desenvolverían a súa vida por outros camiños, deixando oxidar as regras gramaticais e o vocabulario do idioma de Shakespeare, sen que iso obstaculizase unha existencia plena, feliz e culta.

Ninguén pode negar que o inglés é hoxe un idioma poderoso económica, política e culturalmente. Aínda que o chinés mandarín conta con tres veces máis falantes iniciais, o inglés é na actualidade a lingua franca en moitos ámbitos de coñecemento e decisión internacional.

Mais iso é unha cousa e outra ben diferente é o tratamento que moitas veces se lle dá como un talismán que traerá riqueza, sabedoría e prosperidade a quen o posúa, o cal dista de ser certo. Nin é verdade nas biografías persoais nin nas historias colectivas dos estados que o adoptaron como idioma oficial, talvez pensando con inxenuidade que así contarían cunha maior incidencia, relevo ou recoñecemento. Que llo digan se non a Ghana, na África Occidental, que a pesar de ter como única lingua oficial o inglés é un dos estados máis empobrecidos de todo o planeta. Digo empobrecidos que non pobres, porque malia as condicións nas que vive a maioría da súa poboación seren misérrimas, son unha potencia en ouro, bauxita, diamantes ou cacao. O feito de que a súa lingua oficial sexa o inglés non mellorou a súa situación socioeconómica nin cultural e mantivo, tamén no nivel simbólico, a súa dependencia dos vellos colonizadores. Isto mesmo podemos facelo extensíbel a Nixeria, Serra Leoa, Camerún, Namibia e un longo etcétera.

Aínda que haxa que desposuír o inglés das cualidades máxicas que se lle apoñen (non nos fai altos e guapos, nin ricos e famosos), parece lóxico que no mundo actual sexa un dos coñecementos a transmitir no ensino obrigatorio. A confidencia que antes facía sobre a miña relación co inglés amosa tamén que hai problemas para solucionar e erros dos cales aprender, porque hai obxectivos de aprendizaxe que na verdade non se están a conseguir para esta materia.

Mais a responsabilidade desta situación non é, con certeza, do profesorado, que por moito que se poida esforzar non naceu con capacidade para obrar milagres. En grupos masificados resulta bastante complicado desenvolver unha metodoloxía comunicativa, imprescindíbel para conseguir adiantos reais e menos perecedoiros.

Xusto esa alternativa práctica para mellorar a aprendizaxe do inglés é a que non adopta a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo, a pesar de que si é demandada polas comunidades educativas. Non se contrata máis profesorado para diminuír a ratio en relación cos estudantes, senón que se sacan inexistentes coellos dunha chistera. Todos os nenos e nenas saberán falar en inglés porque lles impartirán unha de cada tres materias nesta lingua! Alehop! Que non hai profesorado para facelo? Pois que a verdade non nos estropee o titular! Alehop!

Todos os expertos e expertas na cuestión advirten ao goberno do PP da insensatez da súa proposta. O catedrático da USC José Manuel Vez Jeremías, director do observatorio Atrium Linguarum, lembraba esta semana que non había ningún país do mundo onde se aplicase un modelo tal e que, de facelo, se resentirían tanto o inglés como o castelán e o galego. O tamén catedrático Fermín Bouza, da Complutense, pregúntase en voz alta cal será a competencia do profesorado que ministrará esas disciplinas en inglés, para non seren unha fonte de aprendizaxe de erros e de adopción de maos usos: “No caso do inglés, debe ser o español o que ceda tempo alí onde houber algún profesor que coñeza esa lingua a nivel nativo (só a nivel nativo, o demais sería unha chafallada intolerábel). O galego é, lémbreno, a lingua propia de Galiza: a lingua a protexer.”

Tamén estarían por ver todos os problemas que acarrearía en colexios e institutos esta dupla avaliación (da materia e do idioma en que se imparte, a pesar de non ser oficial), se se baixaría o nivel xeral dos contidos para axeitalos ás dificultades lingüísticas (do profesorado ou do estudantado) e se incrementaría o fracaso escolar. Temas, todos eles, da maior importancia e gravidade.

No Estado español temos un caso recente que nos pode servir de comparación. Na Comunidade Valenciana obrigouse a que a materia de Educación para a Cidadanía se ministrase en lingua inglesa. O resultado foron sentenzas históricas anulando esa disposición, así como unhas mobilizacións cidadás masivas: esa decisión gobernamental foi o detonante das maiores manifestacións en València desde as realizadas contra a invasión de Iraq.

Na realidade, a Alberto Núñez Feijóo (a quen, por certo, a súa falta de nocións do inglés non lle impediu chegar á presidencia da Xunta), o que lle importa de todo o tema é procurar unha camuflaxe para esta navallada contra o galego. Porque todas estas súas propostas sobre o inglés sabe que son inviábeis, mais funcionan como excelentes exercicios de distracción para eclipsar aínda máis o maltratado idioma do país.

10 de jan. de 2010

Artigo na Voz: 'Polo galego e a convivencia'

Velaquí o artigo que hoxe publico en La Voz de Galicia sobre o decretazo contra o galego. Nese texto condénsanse algunhas das ideas máis importantes que tentamos transmitir estes días:

Polo galego e a convivencia


O decretazo presentado por Alberto Núñez Feijóo supón a maior agresión contra o galego en toda a etapa democrática. As comunidades educativas e a inmensa maioría da sociedade rexeitan con firmeza esta proposta unilateral da Xunta.

Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego. Porque é unha proposta feita de costas á sociedade, sen ningún proceso previo de diálogo nin contraste. Porque a súa aplicación suporía enfrontamentos nos centros, debido á deixadez de funcións e responsabilidades da Xunta, que traslada os problemas ao profesorado, ao alumnado e ás familias, sen ter presentes criterios pedagóxicos nin o dereito a unha educación en igualdade. Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzos das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel e incrementaría o fracaso escolar; non toman medidas reais para que mellore a aprendizaxe do inglés, senón que camuflan con iso a súa navallada contra a nosa lingua. Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso unánime (como a Lei de normalización lingüística, cuxo artigo 13.2 é ben claro) e tratados internacionais de dereitos lingüísticos (como a Carta europea de linguas). Ademais, porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do país.

Fronte ao decretazo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade reclaman que se escoite a súa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. A súa proposta contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación. Por iso, está convocado un paro xeral do ensino para o 21 de xaneiro. Ese día, ás 11.30 sairá unha manifestación desde a Alameda de Santiago de Compostela, en defensa da convivencia, da igualdade de dereitos, dun ensino de calidade e do idioma que nos une como galegas e galegos.

9 de jan. de 2010

Verdes são os campos

Xa sei que é estraño pór esta canción coas nevaradas destes días, mais apetecíame, así que aí vai. "Verdes são os campos", o lindo poema de Luís de Camões, musicado por José Afonso e interpretado por Uxía:

8 de jan. de 2010

Nevou

Cando neva en Santiago a xente sorrí pola rúa, colle o móbil para avisar aos seus de que está a vivir o acontecemento e para tirar fotos que dean testemuño. Eu tamén o fago.

A primeira vez que vin a neve foi en Ribeira, onde é un fenómeno aínda máis extraordinario. Penso que foi en 1986. Miña nai ergueunos a todos para irmos á escola ao berro de: "Esta noite nevou!" Nós pensabamos que se refería a que había xeada, mais cando miramos pola xanela vimos con sorpresa o campo de enfronte da casa, o campo dos nosos xogos, non esbrancuxado, senón branco.

Ese día no colexio non demos clase, senón que xogamos co profesor Ventura a facermos un rudimentario boneco como o que víramos, tantas veces, nas películas.