11 de nov. de 2009

O símbolo perdido


Ten título de best seller, portada de best seller, argumento de best seller e unha promoción de best seller que fixo que aparecese nas listas dos libros máis vendidos mesmo antes de se poder conseguir nas librarías. Mais o que me leva a falar aquí do novo libro de Dan Brown é que chegou ao noso país coa tradución ao galego ao mesmo tempo que en castelán ou catalán e, algo non menos importante, ao mesmo prezo que aquelas.

É un xesto que hai que agradecer á editora El Aleph, que tamén trouxo ao noso mercado editorial as traducións de Anxos e demos e O Código Da Vinci. Pola miña banda, xa comprei o libro a semana pasada, aínda que sei que tardarei en me pór a lelo. Anímovos a que fagades o mesmo, para pórmos cadanseu gran de area para que continúen experiencias como esta e para que mellore a distribución e promoción das versións no noso idioma.

9 de nov. de 2009

Carta aberta ao presidente da Xunta


Esta semana en Galicia Hoxe publico unha carta aberta ao presidente da Xunta en relación coa alarma social que crean as súas políticas lingüísticas contra o galego:

Carta aberta ao presidente da Xunta
Señor Núñez Feijóo, escoite a sociedade e defenda o galego


Señor presidente:

Son moitos os motivos que me poderían levar a escribir esta carta pedíndolle que mude a súa nociva política contra a lingua propia de Galiza. Aínda que vostede descualifique as mobilizacións en defensa do galego considerándoas “manifestacións preventivas”, a realidade tanxíbel é que nos case oito meses que leva como presidente non cesou de adoptar medidas en contra do idioma que nos une como galegas e como galegos.

En todo o tempo transcorrido desde a súa toma de posesión, aínda non emprendeu nin unha soa nova iniciativa para estender esta lingua a novos ámbitos ou para garantir a igualdade de oportunidades para quen, con toda lexitimidade, queira vivir en galego. Non sabemos, insisto, da primeira acción de goberno que dea cumprimento ao mandato estatutario de que os poderes públicos deben promover o idioma propio de Galiza.

Os miles de galegos e galegas que nos movemos na defensa da nosa lingua facémolo como nunca porque somos conscientes de que é a primeira vez na historia da democracia que un goberno autonómico anda a patadas co galego.

Tamén por vez primeira na historia é moeda común na Xunta que haxa altos cargos que fachendeen de non saber o idioma de Galiza, como se a ignorancia fose un mérito. Hai representantes institucionais do goberno que vostede preside que si saben galego mais que se negan a utilizalo no Parlamento ou nos medios de comunicación públicos creados para promovelo, que ordenan mudar a papelaxe administrativa para que non estea neste idioma, que mesmo infrinxen a legalidade ao responderen por escrito en castelán a misivas que lles chegan en galego... Esta prepotencia e falta de corrección institucional do seu goberno non obedece a ningún criterio racional, moito menos de servizo público, senón a unha política de odio contra o idioma do país.

Nada de preventivo ten tampouco a modificación por trámite de urxencia e cunha firme oposición sindical da Lei de función pública. A súa présa debeuse ao desexo de eliminar o galego como requisito real para acceder a un posto de traballo público, convertendo o castelán no único requisito de facto. Ese proceso, coa argumentación gobernamental de que a lingua propia de Galiza constitúe unha “barreira”, ocupará un lugar destacado na historia das infamias contra a nosa cultura.

Vemos, ademais, como a literatura, a música, o audiovisual e tantas outras expresións culturais no noso idioma se ven agora desnutridas pola institución que competencialmente ten a principal obriga de fomentalas. Non hai ningún motivo presentábel que poida explicar que unha das primeiras accións do seu goberno sexa eliminar a partida que existía para que, tamén neste 2008, houbese axudas públicas para a tradución de libros desde e para o galego. A nosa é a única lingua con algún recoñecemento oficial no Estado que se encontra en tal situación.

Nese mesmo camiño vai a progresiva eliminación ou vaciado da programación cultural dos medios públicos autonómicos. A quen lle fai dano que a Radio Galega teña ao menos un programa que promova as novas propostas musicais no noso idioma? A quen prexudica que na TVG se promovan de forma protagónica os libros na nosa lingua, invisibilizados nas outras ofertas televisivas de ámbito estatal?

Aínda máis: A quen ofende que haxa programación infantil en galego? A decisión de que a TVG emita os Teletubbies en inglés, só con lexendas en lingua galega, non pode máis que considerarse sarcasmo, pois os seus destinatarios (os nenos e as nenas de menos de tres anos) non saben ler. Sabe, señor presidente, que a TVG é a única televisión do mundo que non emite os Teletubbies dobrados á lingua propia? Sabe, ademais, que nin noutras emisoras de televisión nin no mercado podemos encontrar produtos audiovisuais en galego para as nosas crianzas?

Nada ten tampouco de preventivo que se deixe de apoiar a tradución de software ao noso idioma, que a exitosa feira Cultur.gal deixe de realizarse, que se bote o fecho aos premios nacionais da cultura galega, que se impida a regulamentación de dereitos lingüísticos tamén para o galego no ámbito comercial e unha restra de exemplos máis. A listaxe das súas políticas contra a lingua de Galiza, como é bo de ver, é longa. Mais non podo esquecer un ámbito fundamental: o ensino.

Moitas veces di que aínda non derrogou o decreto actual, o 124/07, e pono como exemplo de que ninguén debería saír á rúa en defensa do galego. É certo que non o fixo e que, ademais, tampouco se coñecen cales van ser os trazos da nova proposta, a pesar de todo o tempo transcorrido. O único que se sabe é todo o que xa executou contra a nosa lingua no ensino: promulgar unilateralmente un decreto sobre educación infantil que reduce a presenza do noso idioma, desincentivar o programa de liñas neste idioma entre 3 e 6 anos, romper o modelo das Galescolas que mesmo aplaudiran organismos internacionais, tentar crear un clima social contrario á impartición de materias en galego, crear crispación e enfrontamento social cunha fraudulenta pseudoconsulta cuxos resultados agora nin tan sequera está a ter en conta...

Que no proxecto de orzamentos xerais o departamento de Política Lingüística sexa o que máis decreza (un 20%!) de todos os que conforman o organigrama da Xunta é tamén abondo elocuente.

Pídolle por favor que non repita máis en público que a maioría da xente apoia as súas políticas contra o galego, porque non é verdade. Debería lembrar, coa mínima humildade necesaria para ser un bo gobernante, que vostede é presidente da Xunta porque o seu partido ten un só deputado máis que a oposición e a pesar de que nas pasadas eleccións autonómicas contou con 5.000 votos menos que a suma dos sufraxios conseguidos polo PSdeG-PSOE e o BNG. Igual que debería ter presente que gañar unhas eleccións non é unha patente de corso para facer o que se quixer nin unha autorización para destruír unha lingua e unha cultura.

Debería ser consciente de que a súa política de provocacións e de ataques contra o galego conleva unha importante preocupación social, tanto por parte de persoas que utilizan este idioma no seu día a día como por quen non o fai. Así é: non se autoengane pensando que unha acción de agresións contra o galego vai recibir o aplauso da xente nova ou dos habitantes das zonas urbanas, por falar de dous segmentos sociais que padecen de forma moi aguda a desgaleguización.

A pesar de que hai grupos de poder económico e mediático que pretenden estender o autoodio e sustentar a mingua de dereitos para os usuarios e as usuarias da lingua galega, a verdade é que hoxe a inmensa maioría da sociedade rexeita a galegofobia e apoia a execución de políticas de promoción do idioma natural de Galiza.

Vostede ten enriba da súa mesa desde hai máis dunha semana unha carta que expresa a disposición ao diálogo por parte da plataforma Queremos Galego. Está a tempo de rectificar. Por favor, fágao, porque a súa política contra o noso idioma non pode traer nada bo para ninguén.

A sociedade valorará que rompa coa crispación, que aplique os consensos a que chegamos entre todas e todos, que defenda un dos nosos principais elementos de identidade e cohesión, sen o cal sería inimaxinábel ningún grao de autogoberno; sen o cal sería inimaxinábel a Xunta de Galiza que vostede preside.

[A fotografía correspóndese cun momento da marcha do 18 de outubro de 2009, cuxa histórica participación é mostra da alarma social que está a crear o goberno de Alberto Núñez Feijóo.]

6 de nov. de 2009

Resultados da entrevista co director da CRTVG

Xa que no anterior post falaba do "antes" da entrevista, déixovos nesta ligazón as conclusións da mesma.

Con certeza, eu non sei de ningunha outra televisión do mundo que non emita os teletubbies se non é na lingua propia, porque o seu público destinatario, sobre todo as crianzas de menos de tres anos, non saben aínda ler.

Procurando na rede vídeos desta serie nos diferentes idiomas, atopeime coa lindísima reacción desta entusiasta meniña vendo os programas na nosa lingua:



Pois iso xusto é o que queremos. A pregunta, claro, é a quen lle molesta que os nosos nenos e as nosas nenas poidan ver programas infantís en galego.

Entrevista co director xeral da CRTVG


Dentro dunha hora e media, manterei unha entrevista co director da compañía da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Coñézoo do seu tempo no diario La Región e porque no ano 2004 a Xunta lle encomendou levar a comisión de Industrias Culturais na elaboración do Plan xeral de normalización da lingua galega, na cal eu participaba.

Xusto nese camiño irá o primeiro bloque das miñas propostas: que se dea cumprimento ao estipulado nese Plan xeral no cal el participou e que o Parlamento galego aprobou por unanimidade. Por exemplo, que se implementen xa as medidas que falan de potenciar a programación infantil e xuvenil da compañía pública galega, mais sen se referir con iso a que a pasasen a emitila en inglés, como de forma insidiosa fixeron cos Teletubbies.

Outra reivindicación básica é que os escasos programas culturais da RTVG se centren na cultura galega, na música galega, no audiovisual galego, na literatura galega... abertos ao mundo por definición, en diálogo diverso, mais co corazón e a cabeza no país. Porén que non nos fagan comungar con rodas de muíño. Abrirse ao mundo non é considerar que a "universalidade" é o que se coce en Madrid. Iso é ser paifoco.

Así, que o programa Libro Aberto queira centrarse agora en obras escritas en español significa potenciar aínda máis o alcance dunha lingua que copa entre o 85 e o 90% do noso mercado editorial e que a nivel televisivo ten amplísima divulgación a través de diferentes espazos en TVE 1 e 2, Antena 3, Cuatro, Tele 5, La Sexta etc. Se a TVG mingua o apoio aos libros no noso idioma, como é a súa obriga, quen o vai facer? Nese aspecto, podedes facerlle chegar tamén as vosas queixas directamente ao correo-e libroaberto@crtvg.es.

A perda de credibilidade da CRTVG é tamén un problema que afecta á normalización. O silenciamento, a terxiversación e a provocación dos seus espazos informativos están a ser motivo de debate social. Que haxa case 5.000 persoas nun grupo de facebook e nun blog reclamando o cesamento de Carlos Luis Rodríguez e contra a manipulación informativa da TVG debería dar, como mínimo, para unha profunda reflexión.

5 de nov. de 2009

29 millóns non son nada?


Os deputados do BNG no Congreso dos Deputados negociaron e conseguiron que se vaian aprobar emendas nos orzamentos xerais do Estado para o beneficio xeral de Galiza por valor de máis de 29 millóns de euros. É unha cantidade superior, por exemplo, á lograda por CiU, IU-ICV e NaBai, que, igual que os nacionalistas galegos, tamén votarán en contra.

Ademais, as xestións do BNG tamén tiveron como froito significativas melloras en políticas económicas para o conxunto do Estado, entre as cales é de salientar a modificación da chamada Lei Beckham, para romper co inxustísimo privilexio fiscal de que gozaban os futbolistas de elite.

Estou certo de que non escribiría isto neste blog se non fose porque me parece tremendo o tratamento que tal noticia recibe na maioría dos medios de comunicación, tamén nos galegos. Non é só desprezo e minusvaloración do nacionalismo galego, senón do que Galiza representa e pode facer.

4 de nov. de 2009

Aldonza de Pratarías


Veño da presentación do libro Pedras de Compostela, asinado por "Aldonza de Praterías", unha das figuras máis fascinantes do collage que é a porta sur da catedral de Compostela. Esta muller do románico relata anécdotas e curiosidades da capital de Galiza ao longo dos 900 anos que leva como testemuña pública do que acontece.

Como amanuense da Aldonza está Mercedes Pintos, quen nos lembra que segundo o Códice Calixtino esta escultura representa unha adúltera condenada a padecer no inferno coa caveira do amante, a quen o enganado marido lle cortou a cabeza.

Mercedes Pintos terminou a súa presentación de hoxe na Libraría Couceiro chamando a que Aldonza pase a ser un símbolo da cidade. Eu secúndoa.

2 de nov. de 2009

As lendas negras contra Fermín Bouza Brey

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, centrado no autor do verso que tomei para lle dar nome a esta páxina semanal ("Por navegar ao desvío"):

A verdade do rumor
As lendas negras contra Fermín Bouza Brey


Fermín Bouza Brey é coñecido hoxe sobre todo pola súa obra poética, que forma parte dos currículos escolares, mais que é con frecuencia divulgada como fría por se salientar dela só o hiperformalismo de inspiración trobadoresca. Un segundo aspecto notorio de Bouza Brey, máis divulgado entre as persoas con sensibilidade pola cultura galega, son as súas inquedanzas humanísticas. Tivo un papel de investigador ao detalle e promotor do entusiasmo no estudo da historia de Galiza.

Hai uns anos, comecei a pesquisar sobre a súa vida e a súa obra e outros tres foron os elementos que me fascinaron. En primeiro lugar, que foi un dos máis firmes activistas da utilización do galego en todos os ámbitos. Conservamos a documentación que, como xuíz na República, ordenou imprimir en galego, así como a súa correspondencia monolingüe nos momentos máis difíciles do franquismo.

Outro trazo interesantísimo foi o seu papel como maxistrado na Estrada para salvar toda a xente que puido de ser paseada. Mentres aparecía en público como afín ao novo réxime, ordenaba deter por delitos comúns a persoas que, doutro xeito, serían asasinadas polos falanxistas. Unha estratexia silenciosa sobre a cal deitou luz Xoán Carlos Garrido Couceiro no seu documentario A derradeira lección do mestre.

Por último, mais en absoluto menos importante, estaba a cuestión da súa hipotética homosexualidade reprimida (estaba casado), mais pola que (tamén supostamente) fora perseguido. A cuestión mantíñase ao nivel dun rumor ou dunha lenda negra, no mellor dos casos só expresada por escrito a través de circunloquios ou insinuacións de escuridade e intimidade. Xa só iso me pareceu digno dunha investigación do maior interese para os estudos literarios: o funcionamento dese mecanismo homófobo que xebraba o que se explicaba nos manuais e a transmisión oral da que se consideraba “a verdade”.

O rumor é máis espontáneo e, portanto, recíbese como máis auténtico, aínda que non exista nada empírico que o sosteña. Cheguei así á conclusión de que estudar a dialéctica da opción sexual no campo literario, nomeadamente en épocas de forte heterosexismo, pode ofrecernos unha visión moi diferente do que sucede na realidade no campo.

Fermín Bouza Brey paréceme, nese aspecto, paradigmático. Lembremos: un escritor recoñecido na historia da literatura galega por ser o primeiro en publicar en libro unha obra neotrobadoresca. Iso é o que se pode achar nos libros de texto ou historias da literatura. Mais, se atendermos a un coñecemento paralelo, o da rumoroloxía no campo da crítica literaria galega, veremos que se transmite esoutro coñecemento. Non só que Fermín Bouza Brey era homosexual, senón que se argumenta como proba que foi por iso que o destituíron como xuíz. Nunha reviravolta, sostense tamén que a cuestión non ten importancia para a literatura escrita con maiúscula e para a comprensión da súa obra. Isto é moi importante: dáselle unha dimensión de verdade do individuo á súa condición de homosexual, ao mesmo tempo que se lle nega a relevancia pública.

Malia o dito, parece doadamente constatábel que, se existía esa identificación de Bouza Brey como “homosexual”, non só podería ter grande importancia para vermos as relacións de xénese histórico-biográfica das súas obras (o cripticismo erótico da Nao senlleira ou o masoquismo de Seitura poderían cobrar novos sentidos, igual que as mudanzas textuais atribuíbeis á autocensura), senón tamén para a súa recepción. Teñamos presente que nun (proto)sistema literario como era o galego da década de 50, o espazo público e o espazo privado conflúen, pois aínda que se quixese conseguir un amplo lectorado, o certo é que as condicións de proscrición fan que os escritores e as escritoras coñecesen o seu público, e viceversa.

Ademais, se Fermín Bouza Brey foi perseguido por homosexual, como afirman os tales rumores, o mero feito desta persecución determinaría moitas das decisións e dos sentimentos do individuo. Repárese, aliás, que non importa o que Bouza Brey era, senón como funcionaba o feito de que se pensase que era.

No seu caso, como antes sinalaba, é frecuente por parte da crítica o circunloquio ou o silencio: “razóns de tipo persoal”, “incomprensións”, “capítulo escuro da súa vida”, “afectaba á estricta intimidade persoal”, “aspectos (...) obscuros” etc. Sobre o proceso de finais dos anos 40 e comezos dos 50 que en teoría desembocou na súa expulsión da xudicatura e a súa descoberta como homosexual, o que sabemos de forma contrastada dise na fotobiografía coordenada por Antón Rodríguez López : “[En 1948] xa está tocado pola denuncia que, argumentando razóns persoais e de puritanismo moral da postguerra, se lle puxo. A denuncia foi meticulosamente orquestada polos seus propios compañeiros de Audiencia [refírese aos de Pontevedra], apoiados polos falanxistas que xa intentaran guindalo na Estrada e que, agora, ocupaban tamén importantes postos na administración de Pontevedra. No tribunal que avalía as acusacións presentadas testemuñan persoalidades afectas ó galeguismo e amigos íntimos de Don Fermín. Ninguén sae na súa defensa. El séntese ‘traicionado’ e ‘afundido’ nunha carta de 1949 a Álvarez Blázquez.”

É crucial a este respecto o feito de que na década de 40 Celso Emilio Ferreiro compuxese unha cantiga de escarnio contra Bouza aludindo á súa homosexualidade. Estes versos circularon con profusión pola cidade do Lérez. Deles dei recollido algúns parcialmente, recitados de memoria por unha persoa que afirmaba que tivera o libelo nas súas mans.

A través de varias entrevistas persoais con diversos axentes do sistema literario galego actuantes nos anos 40, 50 e/ou 60 e vivos aínda a comezos do século XXI, puiden reconstruír tamén algunhas das lendas negras que circularon arredor de Fermín Bouza Brey no posguerra.

A primeira lenda negra é que Bouza Brey fora un espía nazi. Trátase da de menor circulación, mais en absoluto presentada como unha brincadeira. Carece de toda consistencia empírica, mais argumentaría en determinados entornos que se lle fixese o vacío social.

A segunda versión, que circula como máis verídica, é que Bouza perdera a súa condición de xuíz porque tras verse sometido a un Tribunal de Honor. Hai variacións sobre o que aí puido acontecer: se o galeguista e político franquista Xosé Filgueira Valverde foi quen o denunciou ou se só actuou como testemuña contra Bouza.

Como "versión oficial", menos crida mais tamén con certo eco, está a idea de que fora expedientado polo seu compromiso político, a raíz dunha conferencia en Bos Aires. Mais tamén hai persoas que sosteñen que Bouza agudizou as súas mostras de compromiso nacionalista durante unha época para así poder ser expedientado por esta razón e que se lle dese menos credibilidade á cuestión homosexual. De feito, el chega a escribir varias cartas para reforzalo.

Sexa como for, o obxectivo á hora de estudar isto e reconstruír as relacións no campo literario na altura non é descartar hipóteses até dar coa "verdade". Porque todas elas, mesmo as que hoxe vemos como absurdas, funcionan como "verdades", que hai que explicar na súa xénese, na súa estrutura e, sobre todo, na súa función, porque foron e -mesmo no invisíbel-continúan a ser cruciais para entendermos que pasou e que pasa con Fermín Bouza Brey.

1 de nov. de 2009

Aquilo das varas de medir

Non é nada novo iso de que hai varias varas de medir segundo quen faga o que faga. Se de momento non temos forza suficiente para mudar a situación, ao menos sexamos ben conscientes de que se fai, para non caermos nin no hipercriticismo suicida nin na permisividade babioca: