6 de nov de 2009

Entrevista co director xeral da CRTVG


Dentro dunha hora e media, manterei unha entrevista co director da compañía da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Coñézoo do seu tempo no diario La Región e porque no ano 2004 a Xunta lle encomendou levar a comisión de Industrias Culturais na elaboración do Plan xeral de normalización da lingua galega, na cal eu participaba.

Xusto nese camiño irá o primeiro bloque das miñas propostas: que se dea cumprimento ao estipulado nese Plan xeral no cal el participou e que o Parlamento galego aprobou por unanimidade. Por exemplo, que se implementen xa as medidas que falan de potenciar a programación infantil e xuvenil da compañía pública galega, mais sen se referir con iso a que a pasasen a emitila en inglés, como de forma insidiosa fixeron cos Teletubbies.

Outra reivindicación básica é que os escasos programas culturais da RTVG se centren na cultura galega, na música galega, no audiovisual galego, na literatura galega... abertos ao mundo por definición, en diálogo diverso, mais co corazón e a cabeza no país. Porén que non nos fagan comungar con rodas de muíño. Abrirse ao mundo non é considerar que a "universalidade" é o que se coce en Madrid. Iso é ser paifoco.

Así, que o programa Libro Aberto queira centrarse agora en obras escritas en español significa potenciar aínda máis o alcance dunha lingua que copa entre o 85 e o 90% do noso mercado editorial e que a nivel televisivo ten amplísima divulgación a través de diferentes espazos en TVE 1 e 2, Antena 3, Cuatro, Tele 5, La Sexta etc. Se a TVG mingua o apoio aos libros no noso idioma, como é a súa obriga, quen o vai facer? Nese aspecto, podedes facerlle chegar tamén as vosas queixas directamente ao correo-e libroaberto@crtvg.es.

A perda de credibilidade da CRTVG é tamén un problema que afecta á normalización. O silenciamento, a terxiversación e a provocación dos seus espazos informativos están a ser motivo de debate social. Que haxa case 5.000 persoas nun grupo de facebook e nun blog reclamando o cesamento de Carlos Luis Rodríguez e contra a manipulación informativa da TVG debería dar, como mínimo, para unha profunda reflexión.

Nenhum comentário:

Postar um comentário