Mostrando postagens com marcador Festigal. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Festigal. Mostrar todas as postagens

24 de jul. de 2017

No Festigal con Nacho Taibo


O grande escritor Nacho Taibo e eu compartiremos vinte minutiños (así que tedes que ser puntuais!) na Galería das Letras e das Ideas do Festigal, neste 25 de xullo. Como importa moito chegar na hora, subliño que é ás 16.40.

Falaremos dos nosos respectivos últimos libros: o seu grande romance Os tres de nunca, que xa desde o título fica claro que está en diálogo coa obra de Castelao, e o meu divulgativo Galegocalantes e galegofalantes.

Despois do acto, como sabedes, esteremos dispoñíbeis para sinaturas, fotos, bicos e abrazos.

24 de jul. de 2013

Vivan as nacións do mundo, tamén a nosa!


Mañá é o Día da Patria Galega, unha xornada de reivindación de que a nosa nación existe e de que quere continuar a existir; de que, fronte os cantos ao individualismo e á uniformidade, nós queremos manter o noso contributo á diversidade de culturas e de países da humanidade, a nosa aposta polos lazos colectivos.

Non estamos en bos tempos para esta reivindicación con claridade e franqueza, así que cómpre que multipliquemos os esforzos para enviarmos a nosa mensaxe con tanta claridade como pedagoxía. Vainos a vida nisto.

Na tarde e o serán dos festexos de mañá estarei polo posto da Mesa no Festigal, no cal teremos este ano varias sorpresas, en especial a exposición de materiais de empresas colaboradoras co proxecto Abertos ao Galego. Vide facer unha visitiña!

Viva a patria galega, existente e resistente!

28 de jul. de 2011

Vídeo da presentación nacional de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

Moitas grazas á xente de Rede Libros, a rede social galega do libro, por gravaren e divulgaren a presentación nacional de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. (Por certo, eu xa son redelibreiro. E ti?)

Obrigado tamén pola moi boa acollida que está a ter esta obra, tanto no propio Festigal como nas librarías que xa o teñen na prateleira.

Nese sentido, onte fíxome moita ilusión unha muller que me parou para comentarme que ía pór en práctica o consello do café con leite. Ese é xusto o obxectivo do libro: pólo en práctica!

Presentación do libro "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos" from Redelibros on Vimeo.



A próxima presentación deste volume de cívico combate será o 3 de agosto ás 21 h na Feira do Libro da Coruña. Estades convidadas e convidados!