17 de mai. de 2010

A falsa escolla

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Vémonos todas e todos ás 12 na Alameda de Santiago!

A falsa escolla
Polo verdadeiro dereito a vivirmos en galego


O número dous da sucursal galega do PP e do Goberno de Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, declarou que a manifestación convocada para hoxe por Queremos Galego é para clamar por unha ditadura lingüística. É certo que este señor non se caracteriza pola súa capacidade para o diálogo nin para concitar consensos, igual que é coñecida a súa propensión case doentía á mentira; no entanto, realizar afirmacións públicas dese calibre é aprofundar un degrao máis nunha fenda social moi grave. Hai piares básicos da convivencia e da democracia que o PP quere esnaquizar desde a Xunta e a todas e todos nós nos corresponde evitalo.

Rueda pertence ao sector máis extremista do PP contra o galego. Sendo conselleiro levou a cabo por vía de urxencia a primeira medida para desmantelar na práctica a oficialidade da nosa lingua (a reforma unilateral da Lei de función pública) e nomeou altos cargos con currículo de extrema dereita que, desde San Caetano, se encargan de enviar cartas admonitorias aos concellos que queren defender e potenciar o idioma natural de Galiza; isto é, que queren cumprir co Estatuto. Antes, na precampaña das autonómicas, Alfonso Rueda foi un dos asistentes á manifestación convocada polo grupúsculo Galicia Bilingüe contra o galego “en el sentido peyorativo”, como diría Rosa Díez, que tamén era das que encabezaban esa marcha do odio.

Vistas as compañas das que se rodea, non sería estraño que fose o propio Rueda o que orquestrase os exercicios de ventriloquía con Galicia Bilingüe. Que o PP precisa vender a imaxe de que está no “centro” para ver se así logra atraer algún incauto ao seu consenso mortal para o galego? Pois entón que saia esa asociación criticando, para dar a impresión de que non se contenta nin a uns nin a outros. Que o PP non consegue ningún apoio ao seu decretazo? Pois entón que este grupúsculo sen presenza social e que só conta con sustento mediático e económico (sobre o cal, por certo, reina a escuridade) saia aclamando a Alberto Núñez Feijóo.

É nese contexto de falsa distribución de papeis onde hai que situar o comunicado de Galicia Bilingüe da semana pasada. Na nota, a entidade satélite do PP reclámalle ao conselleiro de Educación que evite, coas medidas cautelares que foren precisas, que os consellos escolares debatan (quero subliñalo: debatan) o decretazo.

Jesús Vázquez Abad e Anxo Lorenzo teñen así quen lle faga o traballo sucio de intimidación e criminalización do contraste e intercambio de pareceres. Para que pensarán que están os consellos escolares, se mesmo lles queren impedir dar a súa opinión sobre aspectos centrais do funcionamento dos propios centros e que afectan a toda a comunidade educativa?

Sen opción

A mesma semana pasada, a entidade galegófoba iniciaba tamén unha campaña ás portas dalgúns colexios e institutos. A través dela, supostamente animaban á xente a que escollese o idioma para a educación dos seus fillos ou fillas, aínda que dando a entender en todo momento que optar polo galego sería crear problemas no proceso de ensino-aprendizaxe. Na súa basta propaganda, lembran que a materia de Coñecemento do medio ten “máis terminoloxía e texto”, mais que nas Matemáticas “a dificultade (...) estriba principalemente na comprensión dos enunciados dos exercicios”. Vaia, que o galego é unha incomodidade en calquera caso, polo que a medio prazo debería irse reducindo aínda máis a súa presenza...

Nos materiais que editaron, inclúen textos desas dúas disciplinas, para os cales seleccionaron en todos os casos as palabras que poderían resultar máis diferentes entre os dous idiomas romances que son oficiais en Galiza, mesmo con manipulacións tan grotescas como esta que cito a seguir de “zorra” e “carrito de madera”:
A modo de breve pincelada ofrecémosvos unhas frases de mostra. En que idioma aprenderán mellor os vosos fillos?
A modo de breve pincelada os ofrecemos unas frases de muestra. ¿En qué idioma aprenderán mejor vuestros hijos? (...)

No Reino Unido os pescadores utilizan a zorra para escorregar sobre a lama das marismas e así poder transportar os mexilóns que recolleron.
En el Reino Unido los pescadores utilizan un carrito de madera para deslizarse sobre el barro de las marismas y así poder transportar los mejillones que recogieron.

É como se eu digo que o castelán é máis difícil porque a frase “Después de enjalbegar, recogieron el pan revenido” en galego se diría “Despois de pintaren as casas de branco, recolleron o pan reseso.”

Esta campaña lembroume ao convite que me fixo un amigo a semana anterior. El propúxome de irmos ao cinema os dous xuntos e deume a entender que eu podería escoller cal era o filme que iriamos ver. Porén, cando lle preguntei que era o que botaban nesa sesión el explicoume con enorme entusiasmo que podiamos ir ver “a última de Tim Burton, que ten pintas de estar moi ben e o pasaremos xenial” ou, se non, indicoume con cara de reprobación que eu tamén podería optar por “algunha destas pelis aborrecidas que falan da guerra de Iraq”. A aparente opción de escolla, claro, era falsa, pois xa na súa presentación me deixaba ben claro que no seu convite só podería ter unha resposta que el dese por válida, polo que non quedou outra que ir ver esa malograda versión de Alicia no país das marabillas.

Isto é xustamente o que nos di Galicia Bilingüe tanto na súa campaña como cando reclama que non se poida debater nos consellos escolares. Isto é, nin máis nin menos, ao que se refire Alberto Núñez Feijóo cando fala de “libertad lingüística”: “mientras pueda, escoja usted entre el castellano, un idioma de verdad, o el gallego, esa cosa”. Vaia, que a hipócrita “libertad para elegir” significa “escoja usted, pero escoja castellano”.

Do Courel a Compostela

A pesar de todos estes feroces ataques, a lingua galega existe e resiste. Ben o imos amosar neste Día das Letras no que se escoitarán voces na defensa da nosa cultura desde o Courel até Compostela. Da capital de Galiza sairá hoxe ás 12 do mediodía unha manifestación unitaria, convocada por Queremos Galego e da cal só se autoexclúe o Partido Popular. É unha marcha en defensa do noso idioma, pola retirada do inconstitucional decretazo e por unhas políticas de normalización lingüística acordes cos consensos aos que chegamos entre todas e todos.

Non defendemos nesta manifestación que se lle retire ningún dereito a ninguén, senón que haxa todas as garantías para que, tanto individual como colectivamente, poidamos vivir na lingua que nos une como galegas e como galegos. Porque, tal e como dixo Castelao, todo dereito non garantido deixa de ser un dereito.

2 comentários:

  1. Moi zizekiano o tema das falsas escollas. Só por iso xa me tería gustado o artigo.
    Saúdos.

    ResponderExcluir
  2. Moitas grazas, Rubén. Sobre o das falsas escollas, é certo que en varias conferencias teño utilizado exemplos que collín de Žižek, aínda que non é o caso nos sinalados neste artigo.
    Forza!

    ResponderExcluir