13 de abr de 2009

O dereito a unha atención en galego

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre o dereito a recibir a atención en galego nas administracións e empresas públicas. É importante activármonos e solicitar este dereito básico de forma constante, aínda que procurando sempre que for posíbel a complicidade da traballadora ou do traballador público. Trátase, reiterémolo, de exercer un dereito, e como tal debe ser entendido, polo que cómpre non entrar en discusións inútiles e queimantes nin enfadarse.

No caso de que se facilite a atención en galego, é recomendábel agradecelo con naturalidade ao final da xestión. Se non se garante o dereito, podes presentar unha queixa por escrito (aquí tes un modelo para calquera departamento da Xunta) ou pórte en contacto coa Liña do Galego no teléfono 902 10 64 74 ou no correo-e linhadogalego@amesanl.org, que tramitará a queixa por ti. O aconsellábel, así e todo, é facer ambas as cousas: presentar primeiro un escrito na propia administración ou empresa pública e transmitirlle despois este mesmo escrito á Liña do Galego para que lle dea forza e o recolla tamén (anonimamente) no seu informe anual sobre dereitos lingüísticos en Galiza, co cal poderá ter triplo eco e capacidade para mudar as cousas.

E, sobre todo, lembra que se nós non nos activamos na defensa dos nosos dereitos lingüísticos, ninguén o fará por nós. Está na nosa man mudar as cousas.

O dereito a unha atención en galego
Unha vulneración diaria de dereitos lingüísticos nas administracións


Se unha cidadá chega a unha xanela dunha administración, lle falan en galego e solicita que se dirixan a ela en castelán, que acontecería? Seguramente nada en especial. Ninguén discutiría se ten dereito a realizar esa petición e o traballador que represente aí á Administración pasarase ao español para garantir ese dereito de atención regulado por lei para a lingua oficial do Estado.

Imaxinemos agora a situación inversa. Que acontece se esta mesma persoa é atendida en castelán e solicita que as xestións con ela se realicen en galego? Se alguén pensa que sucederá o mesmo que no parágrafo anterior, que feche o periódico un momento e faga a proba nas dependencias públicas máis próximas. En primeiro lugar, será moi habitual que comece un debate sobre a lexitimidade desa solicitude. Sairá a relucir un inexistente “dereito persoal” do traballador ou traballadora da Administración a non utilizar o galego, talvez se comente o caso en alto como unha hipotética “imposición” (habería que preguntar a quen), quizais se entren en debates ideolóxicos fóra de lugar...

Hai ocasións nas cales se producirá a mudanza sen problemas, iso é certo, mais na maioría dos casos ese será máis ou menos o panorama. E, en fin, tras o desagradábel debate non se garantirá o dereito que a lexislación estabelece tanto para o castelán como para o galego, a lingua propia de Galiza.

Esta grave irregularidade, que nega nos feitos diarios a cooficialidade do galego e supón un pésimo servizo, permanece sobre todo pola inacción das propias administracións para mudaren a situación. Sabe, por exemplo, un/ha traballador/a da RENFE que en Galiza toda a cidadanía ten o dereito a ser atendida non só en castelán, senón tamén en galego? Tomáronse medidas para que o saiban e para que poidan desenvolverse con fluidez e comodidade en galego? A resposta está presente no último informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística en Galiza: non, nada se fixo, a pesar de que existe a obriga de que o fagan. Por certo, tal obriga foi asumida polo Estado español perante este organismo europeo intergobernalmental cando o PP contaba con maioría absoluta tanto na cámara galega como no Congreso de Madrid.

Puxemos o exemplo de RENFE como poderiamos pór o de Correos, da Universidade da Coruña, do Concello de Ferrol, da sede da Xunta en San Caetano ou calquera centro do SERGAS. Só uns poucos concellos en Galiza tomaron algunha medida para tentaren garantir o cumprimento do mandato legal de que a atención oral tamén sexa en galego.

Imposición a quen?

É moi esclarecedor que sexan os supostos defensores do bilingüismo os que digan que as persoas que traballan na Administración non teñan a obriga de coñecer máis que o castelán. Non é que pensen que “bi” signifique “un”, senón que consideran que tal bilingüismo só se debe aplicar a quen quere vivir en galego. Se falas en castelán, debes ter dereito a facelo todiño todiño en castelán e, de ser posíbel, non ver o galego máis que como un adobío secundario tutelado polo español que, cando deixa de ser flor, molesta. Se queres vivir en galego, pois aí si que debes ser bilingüe, pois o teu é un complemento circunstancial do castelán, lingua de primeira e disque lingua común, como se a sociedade galega non existise.

Hai quen afirma, sen ningún rubor perante tal manifestación de racismo lingüístico, que calquera medida para garantir as competencias comunicativas do funcionariado tamén en galego é unha “imposición”. O castelán, novamente, sería algo “natural” e “libre”; o galego, “artificial” e “imposto”. Son os mesmos que falan de “radicais” ou “talibáns” cando unha parte importante de galegas e galegos solicitan que se cumpra unha verdadeira oficialidade da lingua propia. Tal oficialidade pasa por exemplo porque en todas as dependencias públicas se poida falar e recibir resposta neste idioma, como un dereito individual básico. Parafraseando e desmontando o cinismo de Alberto Núñez Feijóo, sería unha cuestión de “liberdade lingüística”, que hoxe só non está garantida para quen quere exercer como galega ou como galego.

Oferta positiva

A normativa que regula o dereito de atención en galego é estatal. Trátase da lei 7/2007, do Estatuto Básico do Empregado Público que, a través dunha emenda do BNG no Congreso, recolle o dereito cidadán a recibir atención tamén en galego, catalán e vasco. Afecta ao conxunto do persoal funcionario e laboral que está ao servizo da Administración Xeral do Estado, da Xunta, dos concellos, das universidades públicas, así como organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera destas administracións, como Correos, a Axencia Tributaria ou RENFE. En concreto, no artigo 54.11 desta lei sinálase que os empregados públicos “garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio”, como é o caso do galego.

Tres anos antes, o PP, o PSOE e o BNG aprobaban en Galiza o Plan xeral de normalización da lingua galega, que tamén abordaba a cuestión. Porén, estes aspectos non foron desenvolvidos nin aplicados, tampouco polo bipartito, que nesta cuestión actuou cuns complexos que non se corresponden coa campaña de demonización que padeceu.

O Plan falaba de “oferta positiva” como unha das súas liñas estratéxicas. A tal “oferta positiva” consiste, segundo o texto ratificado polo Parlamento, “na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración (...) e o cidadán”. Así, “fronte ao hoxe habitual (...), quen atende (...) o cidadán inicia o contacto en lingua galega e mantense nela mentres o interlocutor non amose indicios de que prefire comunicarse noutra lingua. A Oferta positiva desinhibe o galego do interlocutor, permítelle saír da ocultación, facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o cidadán (...) o desexa, e elimina de raíz a barreira rutineira pola que un (...) cidadán lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder (...) ou autoridade.”

A cuestión é importante, e por iso encabeza a relación de medidas concretas que a Administración debería desenvolver, en concreto: “Pór os medios necesarios a disposición do funcionariado para un mellor cumprimento do dereito constitucional que asiste ao cidadán a ser atendido en galego”, “Estabelecer que as respostas telefónicas da Administración a todo cidadán deben ser, en principio, en galego” e “Estabelecer o galego como lingua de contacto inicial entre o funcionariado e os administrados nas relacións presenciais”.

Estas tres medidas, hoxe aínda no limbo, parten do principio básico de que o galego, como lingua propia de Galiza, debe ser preferente na Administración, aínda que, con toda lóxica, se salvagarde o dereito individual a expresarse e recibir información en castelán. A iso é ao que apunta o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que sinala como obriga dos poderes públicos potenciar o galego e garantir o seu uso normal e oficial.

Actuemos

Para mudarmos isto, todas e todos temos un papel crucial. Se cada vez que realizamos unha xestión coa Administración pedimos que se utilice o galego, avanzaremos moitísimo. É un dereito que temos recoñecido e que está na nosa man conseguir que se garanta, como galegas e galegos que queremos continuar a exercer como tales. Para iso, é moi importante que sempre se formule a petición procurando a complicidade, sorrindo, mais sen entrar en ningún debate agresivo nin enfadarnos, algo que non só non solucionaría o problema, senón que podería acabarnos queimando. Mais, claro, temos que lembrar que se nós non facemos esa solicitude, ninguén a fará por nós. Ninguén.

4 comentários:

  1. Hola Carlos.Fai uns dias escribín amosando a miña extrañeza ao comprobar que na TVG non se subtitulaba ningún programa para xordos ao contrario que en todas as demais canles xeneralistas que si o fan.(Canles nos que só premendo no teletexto o número 888 accédese ao subtitulado... incluso aos TELEXORNAIS de Telecinco e A SEXTA en tempo real!!!algo realmente meritorio).
    Eu, apostaba, ademais,por posibilitar coma OPCION para o telepectador, a emisión das teleseries americanas en versión orixinal e servirse dos subtítulos para xordos en galego-hoxe innexistentes, insisto-. Pois ben, fixen unhas consultas e descubrín que a FAXPG, como entidade representativa do colectivo de persoas Xordas, mantivo ao longo de todos estes anos numerosas reunións coa TVG ao obxecto de reivindicar o subtitulado EN GALEGO na TVG. En devanditas reunións solicitouse á TVG a inclusión na súa programación do subtitulado como unha alternativa de acceso á información das persoas Xordas e persoas con deficiencias auditivas.
    A pesar de todos estes anos e das numerosas reivindicacións expostas por esa entidade, a TVG é a única canle de televisión que na actualidade no subtitula en galego ningún espazo televisivo.
    Por outra parte, a Lei 27/2007 do 23 de outubro, pola que se recoñecen as Línguas de Signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas Xordas con discapacidade auditiva e Xordocegas, no seu articulado, concretamente no artigo 24, menciónase o Centro Español de Subtitulado e Audio- descripción no cal a TVG participa. Eu progúntome cal é o labor da canle autonómica en dito centro posto que , á vista está para todos, non se observa avance algún na subtitulación da súa programación ata o momento.
    Vaia dende aqui o meu modesto apoio a esta Asociación -á cal, por certo, nin represento, nin formo parte dela, ti ben o sabes que me coñeces- e o prego á Tvg para que dunha vez por todas teña a ben -co sinxelo que é, mesmo con telepronters nos Telexornais- facer xustiza cun colectivo ao que, ben por enfermidade, accidente ou mesmo vellez... podemos ,quizabes, pertencer a el...algún de nós, algún dia.
    Un cordial saúdo a esta tribuna de opinión libre.



    Previamente a las elecciones, la FAXPG se reunió con cada uno de los grupos políticos con el fin de trasmitirles esta realidad, al objeto de conseguir que hubiese un compromiso de cara al próximo gobierno.

    ResponderExcluir
  2. yo también tengo derecho a ser atendido y leer los carteles sanitarios en español.
    no me extraña que no subtitulen, entonces sí que no entenderían nada los pobres sordos.

    ResponderExcluir
  3. sois tan ridículos que hasta para el idioma del blog lo tenéis que poner en portugués porque en gallego no existe

    ResponderExcluir
  4. Estes dous últimos comentarios xa retratan a quen tal escribe, verdade?

    ResponderExcluir