23 de mai. de 2013

Onte A Mesa no Valedor do Pobo, hoxe todas e todos no Toural

Non á exclusión da nosa lingua de ningún sinal público!

Non á ameaza de multas contra o uso do noso idioma!

Si a unha verdadeira oficialidade da nosa lingua!

Vémonos hoxe ás 19 h na praza do Toural de Santiago de Compostela. Non faltes!



19 de mai. de 2013

"Lengua viperina", de Ellos

Despois do concertazo do mes pasado en Compostela (disque o da Coruña tamén estivo moi ben), Ellos, o dúo que conforman Guille Mostaza e Santi Capote, presentan o clip oficial de "Lengua viperina". Como megafán que son, aquí o penduro:


17 de mai. de 2013

16 de mai. de 2013

Faltan unhas horas para unha nova demostración de amor ao galego

Mañá ás 12 do mediodía volveremos a percorrer as rúas de Santiago de Compostela como demostración de amor á agredida lingua que nos une como galegos e galegas.

Mantemos nos nosos lemas as vellas reclamacións da igualdade de oportunidades para o noso idioma, exemplificadas cada vez con máis novos e máis agresivos casos, que as persoas que pasades decote por este blogue coñecedes ben. Non estamos nun tempo fácil, abofé que non, e por iso cómpre máis que nunca que ergamos a nosa voz. Ninguén que ame a lingua galega debe ficar mañá na casa.

No que fican destas horas cara á manifestación, gravarei algunhas entrevistas e un debate, mais tamén participarei ao vivo en Radio Allariz ás 16 h e en Rádio Filispim ás 21.15 h. Pola mañá tiven unha entrevista en Radiofusión, que podedes ouvir nesta ligazón e participei nunha conferencia de imprensa no Parlamento de apoio ao profesorado do Celga, de denuncia da situación de precariedade en que se encontran e da desatención para o alumnado potencial. O mínimo que pode facer unha política lingüística seria é cubrir a demanda que existe para a formación no noso idioma, algo que está moi lonxe de acontecer nestes momentos.

Ademais, ás oito do serán ministrarei unha conferencia no Auditorio Reveriano Soutullo de Redondela, convidado por Galiza Nova do Condado.

Nas horas que faltan aínda podedes, aínda podemos, animar moita máis xente a que participe na mobilización de mañá. Fagámolo! Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria! Queremos galego!


14 de mai. de 2013

Móvete para que o 17 sexa un grande éxito para a nosa lingua!

Penduro aquí este vídeo elaborado por Queremos Galego Bergantiños - A Costa da Morte, que quere animar á reflexión sobre a situación do noso idioma e á participación na manifestación do vindeiro 17 de maio:



No camiño do 17, hoxe estarei ás oito do serán no Lar da Cultura do País en Lugo, conversando sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Continuamos, con certeza que continuamos!

13 de mai. de 2013

Entrevistas e acto en Carballo

Hoxe toca o típico día hipermovidiño previo á mobilización das Letras. Ademais dos variados preparativos na sala de máquinas (aínda que a verdade é que a maioría os está a coordinar a vicepresidenta da Mesa, a Susana Méndez), teño unhas entrevistas ao longo do día e ao serán un acto en Carballo.

A primeira entrevista será ás 13.10 en Radio Voz. Nela falaremos, entre outras cousas, sobre as dúas denuncias realizadas pola Mesa esta fin de semana: a mudanza dos poucos sinais das autoestradas que estaban en galego e a decisión de Gas Natural Fenosa de deslocalizar o seu servizo de apoio á clientela, que tamén ten consecuencias para os nosos dereitos lingüísticos.

Pola tarde gravarei en Carballo para un programa de VTV e, xa ás 8, teremos no Casino da localidade o acto de presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O dinamiquísimo coordinador da Mesa en Bergantiños, o Xosé Cotelo, preparou unha sorpresiña para o evento.

Continuamos!