2 de fev. de 2012

Quen será a próxima persoa denunciada por defender a Lei de normalización lingüística?

Reproduzo o manifesto que hoxe deron a coñecer os compañeiros e compañeiras da Mesa, polo xuízo do vindeiro 10 de febreiro e a criminalización das opinións e da defensa do noso idioma. Están a recoller apoios para o mesmo a través do correo-e imprensa@amesanl.org.

Vista xa toda a marea de adhesións que chegaron en escasísimas horas, penso que quen quere denunciar a todas as persoas que defendan a nosa lingua vai ter un traballo moi arduo por diante.

Sabemos que defendemos algo xusto, sen pedir que se lle retire ningún dereito a ninguén, senón podermos exercer nós os nosos dereitos. A quen incomoda tanto que defendamos o noso? Non calaremos!
Queremos xustiza para a nosa lingua
Non á criminalización da súa defensa!

O dereito a podermos vivir en galego en Galiza encóntrase cada vez máis desamparado. Por unha banda, as administracións que teñen a principal encomenda de velar pola defensa do noso idioma, como é o caso da Xunta, non cumpren co seu deber e realizan inxustísimas políticas na súa contra. Ademais, a pouca lexislación que existe para garantir os nosos dereitos lingüísticos é vulnerada.

Desde 1983, a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, recoñece que os nosos nomes de lugar teñen como única forma oficial a xenuína, a galega. Diferentes sentenzas e ditames xudiciais déronlle unha e outra vez a razón a toda a xente que se mobilizou, de xeito firme e cívico, para demandar o seu cumprimento ao longo de todos estes anos. Porén, mesmo algo tan básico como isto dista de ser aplicado sen problemas por parte dos poderes públicos.

O vindeiro 10 de febreiro o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado por unha denuncia que presentou contra el o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O motivo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”.

Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice; non era verdade: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. É unha burla, porque o “erro ortográfico” persiste unha e outra vez e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen está a protagonizar todas estas situacións é un xuíz.

O mesmo maxistrado xa ocupou titulares en varias ocasións nos medios de comunicación pola súa campaña particular contra a lingua galega. Por exemplo, cando denunciou un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este solicitase recibir as notificacións no idioma do país e co topónimo oficial da cidade, dereitos ambos aos que está asistido pola lexislación. Foi no transcurso deste proceso xudicial, criticado polo presidente da Mesa, cando decidiu presentar a denuncia contra Carlos Callón. Como esta situación foi criticada publicamente por Carlos Aymerich, tamén presentou outra denuncia contra este deputado, que xa foi desestimada polos tribunais. O mundo ao revés: este xuíz denuncia a quen pide que se cumpra a lei!

No caso da denuncia contra Carlos Callón, nun primeiro momento o xulgado, co apoio da Fiscalía, decidiu desestimala e arquivala. Porén, o xuíz decano presentou unha apelación, que desencadeou no xuízo do vindeiro día 10.

As persoas que asinamos este escrito queremos:

1. Manifestar o noso apoio ás persoas denunciadas polo maxistrado Antonio Fraga Mandián só por daren exemplo na defensa do noso idioma, sempre de xeito cívico, democrático e legal, como é o caso de Eduardo Álvarez, Carlos Aymerich e Carlos Callón.

2. Chamar a participar na concentración que se realizará o día 10 de febreiro ás 12 h diante do Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña (rúa Monforte, s/n).

3. Reclamar que se deixe de criminalizar a defensa do galego. Non pode ser que un xuíz denuncie unha e outra vez a persoas que non cometen máis delito que defender o cumprimento da Lei e, con ela, a promoción e defensa do noso idioma.

4. Alzar a nosa voz para que todos os poderes públicos sen distincións cumpran e fagan cumprir a Lei de normalización lingüística, en aspectos tan importantes como o uso da toponimia nas súas formas correctas e oficiais ou o dereito a podermos utilizar e recibir información en galego nas diferentes administracións, tamén na de xustiza.

9 comentários:

  1. Maticemos, o xuizo foi por acusar a Mandián de «apoloxía da desobediencia da legalidade» o cal é un tanto forte porque unha cousa é que algo sexa oficial, caso da toponimia, dos nomes de persoa, e outra ben distinta que sexa ilegal. A Coruña é un topónimo oficial; Paco non é oficial, senón o oficial é Francisco, pero resulta perfectamente legal empregar La Coruña, Lacoru, Marineda, etc. O que a cada quen lle saia do orto.

    Esta movida che ven de p.m. Faste a vítima xa antes, non digamos se te condenan que pasarías a formar parte do panteón de vítimas e represaliados por calquera cousa, e ti e mais os teus fillos teríades ocasión de dar pena por toda a eternidade. Hala, parabéns.

    ResponderExcluir
  2. Se o xuíz dixo que non tiña rubor en cometer unha ilegalidade, pódese entender que fixo apoloxía da desobediencia da lei. Onde estaría o delito do presidente da Mesa? En dicir o evidente?

    ResponderExcluir
  3. Faite o loco agora. Sabes de sobras que ao pouco de publicar un xornalista o da ilegalidade, Fraga Mandián replicou dicindo que «fácilmente se advierte que no se utilizó el término ilegalidad . Su constancia literal es inveraz. Esta inexactitud resulta también del acta del juicio». O que dixo foi: «No tengo ningún rubor en usar el topónimo La Coruña »

    En troques de pedir clemencia e perdón ao xuiz pola metedura de pata, aproveitas para montar unha festa. O tío cabreouse, fuches por uvas, e agora che viría de p.m. saír trasquilado para dar pena por toda a eternidade e colgarte o cartel de vítima e represaliado.

    ResponderExcluir
  4. Algúns comentarios, Carlos, son sinal de que camiñas. Viva o noso idioma!

    ResponderExcluir
  5. Pedir clemencia!!!! HEHEHEHEHEHEHE. Lo que mande el señorito!!

    ResponderExcluir
  6. Non o fai pq lle ven de p.m. que o condenen para facerse a vítima, unha vez mais.

    ResponderExcluir
  7. Estou contigo, Callón. Ánimo!

    ResponderExcluir
  8. Curioso que o feito de que facer unha crítica que pretende un uso correcto do idioma a alguén lle poda resultar inxuriosa...

    ResponderExcluir
  9. Ou debería pedir clemencia polo último comentario?

    ResponderExcluir