27 de mar. de 2012

Continúa a censura

Hoxe o alcalde de Santiago fixo de finísimo crítico escénico e informou aos xornalistas de que o Concello non ofrecerás as súas instalacións para as actuacións de Leo Bassi porque lle causa "repugnancia". O artista contestou que algo estaba a facer ben para recibir tal resposta.

A capital de Galiza está a vivir un proceso alarmante de deterioro cultural da man de Conde Roa e do seu goberno. Xa a semana pasada tivemos que padecer a decisión do Concello de retirar todo apoio ao Correlingua... porque non estaban de acordo co manifesto que gañara o premio escolar deste ano! Non é demasiado?

En fin. Hai moitos motivos para nos movermos o 17 de maio, para apoiarmos a folga estudantil do 19 de abril e, tamén, para irmos hoxe á manifestación convocada polo Día Internacional do Teatro. Saímos ás sete do serán da Alameda de Santiago e finalizaremos ás 20.30 h nas portas do Salón Teatro, que a Xunta se negou a ceder, como xa leríades nos medios. Alí farei unha pequerrecha intervención en representación da Mesa pola Normalización Lingüística.

Continúa a censura, mais nós continuamos a resistir!

Entrevista en Radio Voz


Hoxe, pouco despois das doce do mediodía, terei unha entrevista en directo en Radio Voz. Os motivos da conversa serán as diferenzas dialectais do galego e o seu traslado aos medios de comunicación.

Vanme preguntar sobre isto porque a TVG instou unha presentadora a non usar a gheada. Este trazo dialectal só en teoría está recoñecido como unha opción dentro da normativa oficial do galego (na súa forma aspirada, como a palabra house en inglés ou como cando Lady Gaga canta "Alejandro", mais non na equivalente ao j castelán, que ningún lingüista dubida de que é un castelanismo, aínda que a moitos falantes lles poida parecer tan sorprendente como descubrir que as palabras medrar ou cartos procedan do español). A teoría, porén, non se acompaña coa práctica. Así o sintetiza o académico Xosé Luís Regueira no Dicionario de pronuncia da lingua galega:
Mais o feito é que no seu funcionamento social o galego estándar non se pronuncia con gheada, evítase na lingua pública formal, e incluso os membros do grupo social de referencia que teñen gheada nas variedades informais evítana ao cambiaren de rexistro. Dito doutra maneira, a lingua estándar actual non ten gheada.
Todos os idiomas precisan que se use o estándar no ensino, na administración e nos espazos formais dos medios de comunicación. O galego tamén ten unha normativa, un modelo unitario de corrección, e eu penso que é bo que se afortale alí onde debe usarse. Claro que todo estándar é sempre unha árbore que impide ver o bosque, unha escolla que por tanto deixa fóra outras opcións. Iso é normal e está compensado por moitas razóns que benefician o colectivo.

Ora ben, o que máis chama a atención de todo este asunto é que na Radio Galega e na TVG se escolla xusto reprender unha presentadora por usar un galego popular, aínda que sexa cun trazo na fronteira do estándar. Non importa que haxa tertulianos semanais que se neguen a usar o galego (ademais, nalgún caso cunha entoación nada acaída para un medio de comunicación); non importan os locutores que se negan a usar o estándar, que mesmo se burlan dos consellos dos lingüistas da compañía e inzan a mantenta o seu discurso de castelanismos; non importa que haxa días en que mesmo os rótulos escritos dos telexornais teñan erros graves; non importa que haxa presentadores que falan galego con cinco vogais... En todo iso é onde temos verdadeiras carencias, verdadeiros e serios problemas para o noso idioma.

26 de mar. de 2012

De Ribadeo a Pontevedra

Deixo aquí unha fotografía da presentación en Ribadeo de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, coa compañeira Dores Fernández Abel.

A próxima presentación deste libro será en Pontevedra o 19 de abril, ás 20.30 h no Pazo de Mugartegui, coa intervención tamén do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

Continuamos!

25 de mar. de 2012

Noite electoral. Tomemos nota en Galiza


Nos resultados de Andalucía e Asturias vese que o ciclo "de arrase" do PP comeza a decaer. É preocupante para os dirixentes deste partido, xa que ao longo de 2011 conseguiron uns resultados aplastantes en municipais, autonómicas e xerais. Tamén hoxe ían varrer, mais non varreron. Nada facía prever a viraxe.

Para Núñez Feijóo, o acontecido esta noite é motivo de especial preocupación. Falta pouco para as autonómicas galegas e os principais mazazos do Goberno central, a través dos orzamentos xerais, aínda están por se presentar. Por moita propaganda que empreguen, a realidade é a que é.

Tomemos nota en Galiza e traballemos con enerxía e intelixencia para podermos pasar páxina ao desastroso goberno que levamos padecendo nos últimos tres anos.

É posíbel parar o PP!

Poñámonos mans á obra!

Vídeos sobre a folga xeral

Non é propiamente un vídeo, mais é pedagóxico:



Este é un vídeo portugués, polo que a data é de sete días antes que a convocada en Galiza:


Intervención de Suso Seixo, secretario nacional da CIG:

23 de mar. de 2012

Correlingua: Censuraría Conde Roa a Corina Porro?

No ataque contra calquera proposta que pretenda promover minimamente o noso idioma, hai xa un tempiño que lle tocou a vez ao Correlingua. Agora a "imposición" (!!!) do galego, ademais doutras barbaridades ("adoutrinamento de terroristas"!!!!!!, "xenofobia"!!!!!!), provén dunha actividade deportivo-cultural onde se chama á reflexión e ao festexo de termos lingua propia. A quen incomoda que se defenda o noso idioma, cumprindo así mandatos legais que se remontan ao mesmo Estatuto de Autonomía?

Os sectores máis reaccionarios tentan tombar o Correlingua. Sementan infundios, queren censurar os textos que se presentan aos concursos anuais do proxecto e mesmo retiran un apoio institucional tan escaso como a colocación dun palco. Digámolo claro: quen actúa dese xeito ten unha visión totalitaria da sociedade, na cal só unha idea é válida e quen discrepe dela debe estar a pan e auga.

Hai que ser moi moi moi moi ultra para atacar un proxecto como o Correlingua, no cal mesmo colaborou Corina Porro. Aí a vemos na fotografía que encabeza esta entrada, lendo unha arenga á rapazada que participou na carreira de 2004. Lembro ademais que por modificacións de última hora da miña axenda non estou nesa fotografía. Xa sería engrazado!

A dirixente do PP, que cinco anos despois participaría esquizofrenicamente nunha manifestación contra o galego, dicía daquela, co apoio de Ignacio López Chaves, alí presente so o gardachuvas:

O simbolismo desta carreira en defensa do idioma galego agocha unha clara necesidade: a normalización definitiva do uso da nosa lingua na escola, no mercado, no traballo, na casa... (...) Antes ca nós protexeron e defenderon o noso idioma as Irmandades da Fala, a Xeración Nós, Risco, Castelao ou Otero Pedraio.

[Defendamos] o dereito de todos á lingua, á cultura propia e á preservación do patrimonio histórico e etnográfico dos pobos como parte da súa memoria colectiva.

Estas palabras de Corina Porro pasarían a censura actual de Conde Roa e da caverna mediática?

Abofé que temos moitos motivos para a manifestación deste 17 de maio!

22 de mar. de 2012

#17Mqueremosgalego


Xa temos cita para a vindeira mobilización masiva na defensa do noso idioma: saímos o 17 de maio ás 12 h. na Alameda de Santiago de Compostela.

21 de mar. de 2012

Tomando alento


Hoxe temos unha reunión do plenario da plataforma unitaria Queremos Galego para analizarmos as próximas accións en defensa da lingua de Galiza.

Mentres nós tomamos alento para novos retos, nas Balears continúan tamén as mobilizacións sociais en defensa do seu idioma. Desde aquí lles envío todo o apoio e toda a solidariedade para a manifestación deste domingo!

Forza e adiante!