Mostrando postagens com marcador Carlos Yus. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Carlos Yus. Mostrar todas as postagens

23 de mar. de 2012

Correlingua: Censuraría Conde Roa a Corina Porro?

No ataque contra calquera proposta que pretenda promover minimamente o noso idioma, hai xa un tempiño que lle tocou a vez ao Correlingua. Agora a "imposición" (!!!) do galego, ademais doutras barbaridades ("adoutrinamento de terroristas"!!!!!!, "xenofobia"!!!!!!), provén dunha actividade deportivo-cultural onde se chama á reflexión e ao festexo de termos lingua propia. A quen incomoda que se defenda o noso idioma, cumprindo así mandatos legais que se remontan ao mesmo Estatuto de Autonomía?

Os sectores máis reaccionarios tentan tombar o Correlingua. Sementan infundios, queren censurar os textos que se presentan aos concursos anuais do proxecto e mesmo retiran un apoio institucional tan escaso como a colocación dun palco. Digámolo claro: quen actúa dese xeito ten unha visión totalitaria da sociedade, na cal só unha idea é válida e quen discrepe dela debe estar a pan e auga.

Hai que ser moi moi moi moi ultra para atacar un proxecto como o Correlingua, no cal mesmo colaborou Corina Porro. Aí a vemos na fotografía que encabeza esta entrada, lendo unha arenga á rapazada que participou na carreira de 2004. Lembro ademais que por modificacións de última hora da miña axenda non estou nesa fotografía. Xa sería engrazado!

A dirixente do PP, que cinco anos despois participaría esquizofrenicamente nunha manifestación contra o galego, dicía daquela, co apoio de Ignacio López Chaves, alí presente so o gardachuvas:

O simbolismo desta carreira en defensa do idioma galego agocha unha clara necesidade: a normalización definitiva do uso da nosa lingua na escola, no mercado, no traballo, na casa... (...) Antes ca nós protexeron e defenderon o noso idioma as Irmandades da Fala, a Xeración Nós, Risco, Castelao ou Otero Pedraio.

[Defendamos] o dereito de todos á lingua, á cultura propia e á preservación do patrimonio histórico e etnográfico dos pobos como parte da súa memoria colectiva.

Estas palabras de Corina Porro pasarían a censura actual de Conde Roa e da caverna mediática?

Abofé que temos moitos motivos para a manifestación deste 17 de maio!