6 de mar. de 2012

De Ferrol a Oleiros

Deixo aquí a foto que publicou o Diario de Ferrol sobre a presentación da semana pasada nesa cidade, coa extraordinaria compaña de Xaquín Campo (esquerda) e Carlos Outeiro (dereita), portavoz o primeiro de Queremos Galego e o segundo da Mesa nesa zona, ademais de loitadores exemplares de moitas causas xustas e necesarias.

O próximo acto sobre Como defenderes os teus dereitos lingüísticos será en Oleiros o día 12, no centro cultural As Torres de Santa Cruz. Participarán de Cibrán Turnes (da asociación Vieiros, que organiza), o escritor Nacho Taibo e todas as persoas que quixerdes e puiderdes asistir, con certeza!

Continuamos!

5 de mar. de 2012

“Defendemos o galego para tratar de evitar que haxa cidadáns de segunda”

O pasado sábado, tras a presentación na cidade de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, o Diario de Ferrol publicou a seguinte noticia. Obrigado pola atención!

Carlos Callón: “Defendemos o galego para tratar de evitar que haxa cidadáns de segunda”

Carlos Callón, presentou onte en Ferrol o seu ensaio “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” (Edicións Xerais). Callón falou do seu traballo na sede da Sociedade Galega de Historia Natural, na praza de Canido, acompañado de Xaquín Campo, párroco de Mandiá e portavoz da plataforma Queremos Galego, e Carlos Outeiro, responsable en Ferrolterra da MNL.

Manual práctico

Callón sintetizou que o ensaio era “un manual práctico de consellos para que quen desexe usar o galego na Administración, notarías, etc., saiba cales son os seus dereitos. É un volume moi práctico que nace da experiencia de socios e amigos da Mesa. O libro nace desa experiencia colectiva, aínda que o asine eu”.

Gañador do premio Redelibros ao mellor ensaio de 2011 e finalista actualmente do premio da Asociación Galega de Editores, “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” supoxo para Callón “unha alegría amosada por moita xente que puxo en práctica os consellos ou que solucionou un problema sen custos persoais”.

Neste sentido, o presidente da MNL fixo referencia ao proceso no que el mesmo está inmerso por defender a legalidade fronte a un maxistrado coruñés. “Hai situacións que son unha farsa e aquí se ve o desamparo xurídico do galego: quen defende a legalidade ten que ir a un xuízo. Nós o que estamos facendo é tratar de que non haxa cidadáns de primeira e de segunda polo uso do seu idioma, algo que non sempre é fácil desde a propia administración autonómica, que ten a obriga de defender o seu uso”. Neste sentido, Carlos Callón exemplificou a súa crítica: “En maio de 2010 o señor Feijóo presentou un programa informático que impide o uso de galego. Antes xa non era fácil pero esta ferramenta impídeo. Unha administración non pode vulnerar os nosos dereitos”.

Finalmente, o responsable da Mesa quixo ser optimista verbo do futuro do galego e comentou que “se a xente segue a mobilizarse na rúa, reclamando os seus dereitos, o galego pode ter futuro porque, é o que nos une”.

4 de mar. de 2012

Ai, o primeiro copo, o primeiro corpo, o primeiro amor!



Flor da idade

A gente faz hora, faz fila na vila do meio dia
pra ver Maria.
A gente almoça e só se coça e se roça
e só se vicia.

A porta dela não tem tramela a janela é sem gelosia
nem desconfia.
Ai, a primeira festa, a primeira fresta, o primeiro amor...!

Na hora certa, a casa aberta, o pijama aberto, a família,
a armadilha.
A mesa posta de peixe, deixe um cheirinho
da sua filha.

Ela vive parada no sucesso do rádio de pilha.
Que maravilha!
Ai, o primeiro copo, o primeiro corpo, o primeiro amor...!

Vê passar ela, como dança, balança, avança e recua...
A gente sua.
A roupa suja da cuja se lava
no meio da rua.

Despudorada, dada, à danada agrada andar seminua,
e continua.
Ai, a primeira dama, o primeiro drama, o primeiro amor...!

Carlos amava Dora que amava Lia que amava Léa que amava Paulo que amava Juca que amava Dora que amava...
Carlos amava Dora que amava Rita que amava Dito que amava Rita que amava Dito que amava Rita que amava...
Carlos amava Dora que amava Pedro que amava tanto que amava a filha que amava Carlos que amava Dora que amava toda a quadrilha!

3 de mar. de 2012

Manifesto en contra do feche do Arquivo Pacheco

Podedes asinalo nesta ligazón.

Manifesto en Contra do "Peche do Arquivo Pacheco"

A TODA A CIDADANÍA

Diante do feche do ARQUIVO PACHECO por parte da Concellaría de Cultura, feito acontecido o pasado dia 31 de decembro de 2011, desexamos manifestar:

  1. Prodúcese, máis unha vez, a clausura do ARQUIVO PACHECO, dependendo dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica.
  2. Execútase o feche despois do período probabelmente máis frutífero de traballo do Arquivo. Por primeira vez desde a súa adquisición, o ARQUIVO PACHECO estaba sendo conducido por un grupo humano que procedía do mundo da fotografía e posuía un proxecto xeral e coherente para o legado. As persoas que alí traballaban posúen titulacións de especialistas, licenciadas e doutoras en imaxe, mesmo con teses de doutoramento realizadas sobre o ARQUIVO PACHECO, e teñen artigos da súa autoría aparecidos en revistas galegas e internacionais, así como libros publicados en editoriais de rango europeo, con todo o que iso supón de proxección internacional do nome de Pacheco e da cidade de Vigo. Entre todas as persoas arbitrariamente despedidas, contabilízase, a dia de hoxe, unha experiencia consolidada de 80 (oitenta) anos dedicados á práctica, o estudo, a análise e a docencia, mesmo no seu nivel universitario, da fotografía.
  3. Algúns datos, sen desexo de exhaustividade, axudarán á comprensión do traballo realizado: publicación de tres Axendas fotográficas e 2 libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco; inauguración de tres exposicións monográficas; convocatoria, por primeira vez, do Premio Pacheco de fotografía, compromiso adquirido hai 21 anos polo Concello vigués que só até a chegada do equipo sinalado se cumpriu; ordenación, limpeza e clasificación de case 60.000 fotografías que se achaban desordenadas; confección de bases de datos e introdución, catalogación e documentación nelas de 25.000 fotografías; asesoramento na realización de traballos de pescuda universitaria, de investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitos por Asociacións de Veciños e Culturais; de asistencia a empresas do ámbito privado ou de apoio a institucións públicas, que constitúen un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX, doada xenerosamente polos seus propietarios e a articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, desinteresadamente, o coñecemento sobre o pasado da cidade.
  4. Perante a decisión da Concelleira de Cultura, decisión que pensamos só procede dunha actitude desprezativa fronte a calquera obra realizada por outros, egoísta, porque non ten en conta o tesouro cultural que existe no ARQUIVO PACHECO nin a frustración humana de miles de persoas, e inconsciente, porque ignora o profundo dano que a docentes, movemento veciñal, investigadoras e investigadores e público en xeral causa, as persoas que asinamos este documento pedimos a toda a cidadanía viguesa que reflicta nas causas da decisión tomada pola Concellaría de Cultura e se pregunte os verdadeiros motivos de expulsión do equipo máis coherente e profesionalizado que, desde o ano 1991, traballou na mellor colección fotográfica de Vigo e de Galiza que coñecemos polo nome de ARQUIVO PACHECO.

1 de mar. de 2012

Por se non o viches



Presentación hoxe en Compostela de Heroes de Galiza e de España


Preséntase hoxe na capital do país a tradución ao galego dun libro impulsado polo PCE nos anos 40. Aínda que no título se salienta primeiro España, a verdade é que os casos que protagonizan este interesante documento son todos eles da importante e esquecida resistencia antifranquista galega.

Recomendo vivamente a lectura deste volume, pois axuda a ter unha visión máis fidedigna da loita contra a ditadura nunha época tan lamentábel como a que seguiu á vitoria total do fascismo no Estado.

Este texto tívena moi presente no libro Unha historia que nos pertence. A obra poética en galego de Lorenzo Varela (hai unha retroalimentación co poemario Lonxe que é crucial). Ademais, sobre esta súa tradución escribín este artigo hai xa algúns meses.

O acto de presentación vaise desenvolver ás 20 h na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo, 55). Falaremos Xesús Redondo Abuín, Rosa Espiñeira Pan e quen isto subscribe.

Continuamos!