13 de jul. de 2009

A necesidade de restaurar a memoria antifranquista

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Amnesia histórica
A necesidade de restaurar a memoria antifranquista


Cando miña avoa me viu participar, adolescente, nas miñas primeiras mobilizacións políticas en defensa de Galiza, da súa cultura e do seu dereito a producir, contoume varias veces as escenas de asasinados nas gabias que ela presenciou durante o Alzamiento. A xeito de advertencia, de chamada para que non participase en ningunha loita contra os poderes estabelecidos, describíame a violencia que ela vira, aterrada, en sindicalistas tiroteados, aos que lles amputaran o pene e llo introduciran na propia boca.

Un día pregunteille se ouvira falar de Castelao. Levouse con seriedade o dedo índice á boca e pronunciou cinco palabras que daban esa conversa por concluída: “Desas cousas non se fala”. A autocensura e o silenciamento, o terror como base para a desmobilización e a vaporización da historia estaban ben presentes nesa resposta de miña avoa. Mais desas cousas hai que falar, hai que encaralas, porque non son curiosidades arqueolóxicas nin cicatrices do pasado, senón fondas feridas aínda supurantes.

Como di Manuel Fernández Blanco nun moi recomendábel artigo sobre o tema (“Memoria, trauma y olvido”, dispoñíbel na rede), non é exacto falar aquí dunha disxuntiva entre memoria e esquecemento, porque “só se pode esquecer o que se lembrou e hai lembranzas que non se deixan esquecer; son os recordos traumáticos”. Conclúe este psicanalista que “o auténtico esquecemento non virá da negación relativista, só pode vir da lembranza”, pois “do contrario substituiriamos o esquecemento pola represión e condenariámonos ao retorno do reprimido como síntoma”, isto é, como repetición.

Como máis un contributo no camiño desa necesaria lembranza, desde hai poucas semanas está nas librarías Heroes de Galiza e España, tradución para a nosa lingua dunha obra de finais da década de 40 na cal se difunden algunhas xestas do movemento guerrilleiro antifranquista no noso país, encarnado nalgúns dos seus mártires. Na obra, as derrotas da resistencia armada preséntanse como fracasos puntuais que deben ser alicientes para perseverar na loita colectiva con firmeza. Cómpre ter presente que, nunha batalla tan descompensada, manter a moral da tropa era especialmente importante.

A recuperación deste libro e a súa edición en galego foron posíbeis grazas ao labor entusiasta de Rosa Espiñeira Pan, empeñada desde hai tempo na restauración da memoria das xeracións que o fascismo español quixo laminar. O acto histórico das foxas comúns é a mellor metáfora deste proceso de borrado: os cadáveres amoréanse sen lápida, sen nome, sen historia, mantidos só na oralidade íntima de familias e amigos, que pasan a ser as principais caixas negras desa represión.

Seguramente para moita xente que viu a oscarizada El laberinto del Fauno, o ser mitolóxico que lle dá título ou as fadas poderían ser tan ficticios como os movementos de resistencia armada ao fascismo que se vían no filme, cunha rede ampla de apoiantes e con capacidade militar para conseguiren vitorias.

Mais é unha verdade histórica incontestábel que este vizoso movemento existiu durante tres lustros, até que a comezos da década de 50 decaeu a actividade guerrilleira. Esta brava e organizada resistencia careceu das axudas exteriores que tiveron movementos análogos en Alemaña, Francia ou Italia. A lexitimación internacional da ditadura franquista, da man sobre todo dos Estados Unidos, o Reino Unido e o Vaticano, foi responsábel en primeiro grao desta situación.

Manuel Puente, xefe da IV Agrupación Guerrilleira de Galiza, asinou unha carta ao embaixador británico cando este estivera de visita en 1946 no noso país. Na misiva, que se reproduce no libro, inquire se visitou “os cárceres de Galiza” e se asistiu aos consellos de guerra “onde se condena a morte como nos mellores días de Hitler”. Ponte, que caería en combate poucos meses despois, lembra os cinco axustizados polo fascismo nas proximidades da visita do diplomata: “Descoñezo se entre os agasallos que lle brindaron figurou a asistencia ao acto de enforcar o día 3 de setembro, en Pontevedra, a Luis Blanco e Diego Valero; o día 20 en Lugo, a Manuel Álvarez e o 21 a Julio Nieto e Ramón Vivero. Tal vez extasiado polas belezas da paisaxe galega e embriagado pola cariñosa acollida que lle brindaron os executores destes crimes, non lle dese tempo para deterse perante estes feitos, para vostede, triviais.”

O cinismo de lexitimar un fascista, que fora aliado de Hitler, é recorrente no argumentario do guerrilleiro: “Nós só pedimos lealdade e decencia. A política do seu Goberno en relación con España, nuns produce indignación; noutros, noxo. No medio dun mundo que clama por unha actitude consecuente, xusticeira, contra o último baluarte fascista en Europa, o Goberno inglés, aparece como a Brigada do franco-falanxismo. Os seus delegados na ONU encasquetáronse a toga de avogados do palafreneiro de Hitler. A cambio dos nosos alimentos, vostedes envían ao verdugo español armas para que este asasine os labradores e afogue en sangue o noso desexo de gozar das Catro Liberdades da Carta do Atlántico.”

Unha metáfora que utilizaron con moita frecuencia os exilados foi a de que o seu labor era como lanzar botellas ao mar. Non era só no sentido xeográfico de que os seus proxectos e ideas fosen concibidas para un lugar no cal non se achaban xeograficamente, senón tamén como activistas ou creadores que tiñan que facer un traballo que podería ter resultados (mesmo público) en diferido, mais con potencial para fornecer os elos co futuro.

Así, no libro Heroes de Galiza e España preséntase un collage de testemuños, boa parte deles en primeira persoa, coa pretensión de axudar a lexitimar a resistencia antifranquista, darlle forzas e tentar saltar por riba da censura e da propaganda oficial, que tiña tamén incidencia nos enclaves dos trasterrados.

Na obra, comézase abordando o asasinato dos guerrilleiros José Gómez Gayoso (tamén secretario xeral do PCE en Galiza) e Antonio Seoane (xefe do Exército Guerrilleiro de Galiza), acontecido o 6 de novembro de 1948 na prisión provincial da Coruña. A través de cartas que eles mesmos redixen desde o cárcere, transmítesenos como foi a súa detención e as torturas que padeceron.

Tamén se achega na obra unha misiva do combatente Segundo Vilaboy á dirección do PCE, unha mensaxe da Pasionaria “á Galiza republicana e loitadora”, o relato da “formidábel proeza de Manuela Sánchez” e tres traballos poéticos inspirados na loita antifranquista en Galiza: un dun guerrilleiro anónimo (probabelmente o propio José Gómez Gayoso), outro de Rafael Alberti e un terceiro do escritor arxentino Raúl González Tuñón. A maiores disto xa incluído na edición orixinal, na tradución para o galego Rosa Espiñeira Pan acrecentou outros textos: unha carta de Manuel Fernández López á súa irmá María Elvira, Maruxa, a que foi compañeira de Luís Seoane; os poemas “Manuel Ponte” e “Manuela Sánchez” pertencentes á obra Lonxe, publicada por Lorenzo Varela na Arxentina en 1954, e os versos de Luís Seoane “O pasado” e “Silencio”, do libro As cicatrices, saído do prelo en 1959 tamén en Bos Aires. Estas addendas son oportunas e acertadas, pois os nomes de Lorenzo Varela e Luís Seoane estiveron no corazón deste proxecto.

É responsabilidade nosa, colectiva, recuperarmos e dignificarmos este labor. É responsabilidade nosa, tamén individual, quitarmos o dedo índice da boca e falarmos desas cousas das que non quererían que falásemos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário