19 de ago. de 2011

Desocultar o desviado

Marta Pérez Pereiro publica unha recensión de Amigos e sodomitas no último número de Protexta (que podedes descargar aquí en pdf).

Agradezo a atención, a lectura divertida, os recoñecementos e, tamén, as dúas pexas que observa.

Outro día estabelecerei un diálogo con esta e outra reseñas, pois penso que pode ser enriquecedor.

18 de ago. de 2011

Unha pregunta a Carlos Negreira sobre Millán Astray


E se Hitler fose recoñecido como fillo adoptivo dun concello antes de ser Führer, habería que devolverlle agora o recoñecemento?

A pregunta vale tamén para Alberto Núñez Feijóo e para Mariano Rajoy, valedores desta situación de vergoña que se está a vivir na Coruña.

Insúltannos a intelixencia cando queren homenaxear desde o Concello un fascista e un criminal escudándose nunha sentenza que se negan a recorrer. Lembremos, ademais, que o ditame xudicial entra nunha cuestión de formas: en que a distinción se lle retirou aludindo á Lei de Memoria Histórica, mais que se a retirada for sen tal alusión, nin tan sequera tal sentenza sería aplicábel.

Estamos en pleno século XXI e estamos a devolverlle honras aos fascistas. Preocupante, abofé.

Se o agora ou se o aínda

17 de ago. de 2011

Recordemos o xenocidio franquista



Hoxe é o Día da Galiza Mártir, que non ten a conmemoración oficial que debería en todo o país, só coa excepción do realizado por algunhas institucións municipais e polo asociacionismo de base (ese que non está representado no Consello da Cultura).

Fanse este 17 de agosto os 75 anos do fusilamento de Alexandre Bóveda por nacionalista. Esta sexta será tamén o aniversario polo asasinato polo mesmo motivo de Ánxel Casal, que se conmemorará ás 12.30 h na rúa do Vilar, 15, de Compostela, diante de onde ten o seu local actual A Mesa pola Normalización Lingüística. Aliás, na miña vila, Ribeira, tamén se recordará o xenocidio franquista este sábado 20 ás 20.30 h na rúa Alexandre Bóveda.

Un dos apoios centrais polos que o fascismo puido acometer este masacre e se asentou en Galiza e no conxunto do Estado veulle da xerarquía eclesiástica e do Vaticano, como ben o retrata Luís Seoane nos debuxos que encabezan esta entrada.

Sería un bo xesto que Joseph Ratzinger aproveitase a suntuosa reunión católica en Madrid destes días para examinar as barbaridades de que foi responsábel a xerarquía eclesiástica no Estado español, pedir perdón e amosar un propósito de emenda. Actuar doutro xeito sería ir contra o corazón mesmo das mensaxes de Xesús Cristo que conteñen os Evanxeos.

16 de ago. de 2011

A Gaga non colle ferias



Podes gustar máis ou menos dos temas ou dos vídeos de Lady Gaga, mais non lle podes deixar de recoñecer a capacidade de traballo.

Nalgunha entrevista que lle lin respondía algo así como: "Dinme que me tome unhas vacacións. E para que? Para tombarme na praia?!"

Agardemos que non chegue a mensaxe á ministra de Economía.

Sexa como for, hoxe presentou novo clip: "Yoü and I". Que vos preste.

Disque Madonna fai anos hoxe

...pois parabéns para ela!

Presentación en Carballo de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

A quinta feira (xoves) 25 de agosto ás 20.30 h, a Praza dos Libros de Carballo acollerá a presentación do manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.

Acompañaranme no acto Luz Cures (lingüista, animosa combatente polo noso idioma, veciña da localidade e amiga desde tempos inmemoriais), o incansábel Xosé Regueira (concelleiro de normalización lingüística de Carballo e tantas outras cousas) e Manuel Bragado (entregado director de Xerais, que case non colle vacacións).

Se vos for posíbel, vémonos alí. Porque este é un libro que quere axudar a recuperar a forza e o entusiasmo. Porque existimos e temos dereitos!

15 de ago. de 2011

Crac, de Gonzalo Hermo



Se vos colle perto algunha feira do libro poderedes ter a sorte de facervos antes ca ninguén cun exemplar do poemario Crac, de Gonzalo Hermo, que está a chegar aos poucos ás librarías.

Xa me agradeceredes a recomendación!