14 de jun. de 2010

Núñez Feijóo tira 5 millóns de euros para reducir a presenza do galego no ensino

Que se coñeza: Alberto Núñez Feijóo, en pouco máis dun ano como presidente da Xunta, malgasta un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir a presenza do galego no ensino. A súa última novidade: tirar á cañeira 190.000 libros de texto, valorados en 3,8 millóns de euros, polo feito de que están en galego. É isto un gobernante serio, responsábel, cívico...?

Sobre isto trata o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe:

Indecencia, malgasto e galegofobia
A Xunta tira 190.000 libros de texto por estaren en galego


190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos polo goberno bipartito, van ir parar ao lixo, a pesar de teren unha vida útil de dous anos máis. Así o recoñece a propia Consellaría de Educación aos medios de comunicación que se fixeron eco da noticia. O motivo? Eses manuais están en galego e refírense a materias científico-técnicas cuxa docencia no noso idioma quere prohibir o goberno Feijóo a través do decretazo 79/2010.

Cómpre que a sociedade o saiba. Temos que movernos por riba das mordazas mediáticas do PP para que se coñeza que o presidente da Xunta ordena deitar ao caldeiro do lixo todos estes manuais, cuxo valor económico a Asociación Galega de Editores estima en 3,8 millóns de euros. Todos estes libros de texto non son substituídos porque houbese algunha descuberta excepcional neses ámbitos de coñecemento que os convertese en anticuados, nin porque houbese mudanzas no temario, nin porque tivesen erros pedagóxicos, nin por ningún outro motivo racional e comprensíbel. O único que lles acontece é que teñen un erro insubsanábel, un pecado orixinal: están escritos en galego, ese idioma que “por tradición” (Jesús Vázquez Abad dixit) non está feito para disciplinas como as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía.

Cultural e pedagoxicamente, é unha vergoña, pois supón darlle un mazazo ao proceso de recuperación e extensión social da nosa desfavorecida lingua. Mais nos aspectos político e económico, non podemos menos que falar de indecencia. Porque é indecente que, na situación actual desta grave crise económica, o presidente da Xunta obrigue as familias a adquiriren 190.000 libros de texto novos, cun desembolso monetario importantísimo.

Trascendeu nalgún medio de comunicación que o Goberno galego valorou facer unha moratoria para que, a pesar da prohibición de docencia na lingua de Galiza nalgunhas materias, cando menos se permitise a utilización de todos estes miles de libros de texto. No entanto, os grupos máis reaccionarios dentro do PP, os que teñen a capacidade decisoria a día de hoxe neste partido, concluíron que era fundamental deixar clara a mensaxe de que non se ía permitir nada de galego. Que así se tiran polo desaugue 3,8 millóns de euros? Pois xa se sabe, esta Xunta non sabe nada do que significa a austeridade cando de atacar o noso idioma se trata.

Esta decisión é sintomática da forma de gobernar de Núñez Feijóo: propaganda sobre aforro da administración que despois non se corresponde coa realidade, discursos ampulosos sobre liberdade lingüística que se concretan en limitacións e prohibicións do galego, despreocupación polas economías familiares e comprensión polas grandes fortunas... Co que nos encontramos, en definitiva, é cun xestor pésimo que só é coñecido pola súa falaz propaganda da austeridade e polos seus ataques contra o galego.

Que a moderación no gasto por parte de Núñez Feijóo é pura mentira vese ben cando nos decatamos de que, en pouco máis dun ano, a Xunta dilapida un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir o galego no ensino. Sumemos, se non, e para que ninguén acuse de engano nin manipulación, fagamos as contas tendo en conta só os datos oficiais (que, é curioso, son sempre as estimacións máis baixas).

Collamos, pois, a calculadora. A Xunta recoñeceu que nas próximas semanas vai presentar unha campaña para convencernos das bondades do decretazo contra o galego; o seu custo, segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, é dun millón de euros (819.000 € máis o IVE). O cambio das Galescolas a Galiñas Azuis, destruíndo o modelo pedagóxico en galego que fora eloxiado polo Consello de Europa, significou un desembolso das arcas públicas, segundo datos achegados pola Consellaría de Traballo e Benestar, de 40.000 €. A pseudoconsulta trampeada que se formulou ás familias o ano pasado significou un gasto público de 160.995 €, segundo indicou o secretario xeral de Política Lingüística (aínda que este dato ten moi pouca fiabilidade, é o oficial). A todo isto teriamos que agrecentarlle agora os 3,8 millóns de euros en libros de texto que irán para a cañeira, segundo a valoración da Asociación Galega de Editores. Seguro que faltan cousas por termos presentes, mais só con isto dá a cifra calafriante dos cinco millóns de euros. E só no referido a reducir a presenza do galego no ámbito educativo.

Mais sabe a cidadanía isto? Sabe que o presidente que realiza discursos inzados de chulería e prepotencia sobre “liberdade lingüística” e “austeridade” está a malgastar o diñeiro público en atacar o galego e en reducir os dereitos lingüísticos? Na nosa man está utilizarmos todas as ferramentas ao noso dispor para que se saiba.

13 de jun. de 2010

Redúcese a pluralidade

Estes días non puiden atender nin este blog nin as redes sociais co mínimo tempo que habitualmente lle dedico. Asuntos persoais e de traballo impedíronmo, mais agardo ir retormando agora o ritmo.

Neste mediodía, nun momento de relax antes de terminar o artigo que mañá publico en Galicia Hoxe, estiven a botarlle un ollo ao que botaban na televisión. Zapeando, pasei por Intereconomía e Popular TV, dúas emisoras cun historial excesivamente longo de manipulación informativa, negación da ética xornalística e falta dunha mínima pluralidade. Na televisión dos bispos a esa hora emitían un pseudodebate que cumpría con todos estes aspectos.

Alguén podería dicir: ben, isto é a liberdade de expresión. Mais para que houbese tal liberdade real deberiamos poder encontrar entón entre as dúas ducias de canles que nos chegan coa TDT algunha que representase as ideas e as visións do mundo doutros grupos sociais existentes que non achan espello televisivo onde se expresaren ou ollaren.

Todo isto dito sen termos aínda presente a cuestión crucial do idioma. É rechamante que, no espazo do pequeno ecrán, a lingua galega teña hoxe unha presenza cualitativa (en TVE, mesmo cuantitativa) moitísimo máis reducida que a que tiña hai vinte e cinco anos.

Esta situación non vos parece unha irregularidade democrática?

Sei que ten difícil solución, mais non penso que sexa algo que poidamos menosprezar ou desconsiderar alegremente.

10 de jun. de 2010

Unha consulta trampeada

Informes xurídicos de altísimo nivel din que esta consulta pode ser ilegal. Ademais, todas as asociacións e federacións de nais e pais (excepto a CONGAPA) rexeitan este cuestionario. Mais non é só iso.

É que o presidente da Xunta mente unha vez e outra con tal de atacar o galego. Que "liberdade de escolla dos pais" hai nunha pregunta fraudulenta, formulada como anexo e de tal forma que unha persoa responda que lle fala en castelán ao seu fillo ou á súa filla sen saber que así está a pedir que todo o ensino do seu neno, da súa nena e da súa clase sexa en castelán? Por que esta información non se dá? A que lle ten tanto medo Alberto Núñez Feijóo?

8 de jun. de 2010

Xuntas a Madonna con Raffaella Carrá...

Pois desa unión de Madonna e Raffaella Carrá podería saír o último vídeo de Lady Gaga para o tema "Alejandro", unha das cancións máis feas desta cantautora (?).

Mais o que non se pode negar é que:

a) Este clip fai máis interesante a canción.

b) Dará que falar.

4 de jun. de 2010

A presentación de En castellano no hay problema en Paiosaco

As próximas presentacións de En castellano no hay problema serán no Barco de Valdeorras o día 17, en Lalín o 18, en Soutomaior o 25 e na Coruña o 29. Irei dando máis detalles. Igual que terei que ir subindo a este blog fotografías das presentacións pasadas (en Santiago, Ribeira, Paiosaco, Cambados, Corcubión, Ourense, Barcelona e no Campus das Lagoas de Vigo). Por certo, se alguén ten imaxes dalgún deses actos, que mas pase, por favor, ou que as suba ao facebook e me etiquete.

Deixo aquí de momento uns vídeos co que foi a presentación da obra en Paiosaco, na Laracha, o pasado 14 de maio. Gravouno e subiuno ao youtube Xosé Cotelo.







3 de jun. de 2010

Estes asasinatos non poden quedar impunes

Amnistía Internacional comezou unha campaña de envío de mensaxes ao Ministro de Defensa do Estado de Israel, Ehud Barak, cos seguintes obxectivos:

a) Que se abra unha investigación internacional críbel e independente sobre o acontecido no asasinato en augas internacionais dos pacifistas que levaban axuda humanitaria a Gaza.

b) Que faga públicas as regras de intervención ditadas ás tropas de elite que participaron neste mortal ataque.

c) Que se levante o bloqueo a Gaza.

Podedes participar nesta ciberacción clicando na seguinte ligazón (non encontrei esta campaña nas páxinas de Amnistía Internacional en portugués e o web da sección do Estado español de Amnistía aínda non ten versión en galego).

Achei tamén na páxina xeral de Amnistía estoutra campaña para deter as demolicións dos fogares palestinos.

Participemos! Leva menos de dous minutos asinar esas dúas mensaxes. Con moi pouquiño tempo, amosaremos a nosa solidariedade e faremos que, cando menos, se escoite a nosa voz.

2 de jun. de 2010

Entrevista n'A Nosa Terra con motivo da saída do libro En castellano no hay problema

No último número do semanario A Nosa Terra publican unha entrevista comigo con motivo da saída do libro En castellano no hay problema. Podedes consultar o resultado da conversa con Horacio Vixande nesta ligazón.

Polo demais, tentade non facerlle moito caso aos comentarios anónimos, que se ve que hai alguén obsesionado con insultarme e difamarme, desde inventarme un currículo paralelo até facer xogos bastante parvos co meu apelido, pasando pola homofobia máis casposa. Moito teñen para rañar de tanto que lles proe! Pois que rañen, ho, que rañen!

1 de jun. de 2010

En galego tamén se fai ciencia

É excelente a campaña presentada polas tres universidades galegas no momento en que o goberno de Núñez Feijóo prohibiu por decreto a docencia no noso idioma das materias científico-técnicas en primaria e secundaria.

Para reflexionarmos e actuarmos:

En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.